881218-mm-de-a-seca-0051

O muíño de mar de A Seca (M. Lara, 1988)

O muíño de A Seca atópase no lugar do mesmo nome, no saco formado entre as puntas de Tragove e Fefiñáns da enseada de Cambados, na banda pontevedresa da ría de Arousa. Pertence á parroquia de San Mamede de Corbillón, concello de Cambados, provincia de Pontevedra.

Xa o nome de A Seca fai referencia á grande extensión de terreo que queda en seca na baixamar, co único aporte hídrico dun pequeno regato no que se ven os restos dun muíño, terreo amplo e de escaso fondo que fora xa aproveitado na antigüidade para o beneficio do sal.

O muíño de A Seca foi construído sobre unha vella salina por o mestre canteiro coruñés Francisco Grie, por encargo de Gonzalo Valladares y Sarmiento, segundo consta en documento de 1622. O muíño pertenceu ós señores de Fefiñáns ata ben entrado o século XIX. Contra 1972, despois de trescentos cincuenta anos de traballo servindo a unha ampla comarca do Salnés, deixara de funcionar por decisión dos propietarios dado o seu minguado uso pola progresiva mecanización do traballo agrícola.

A presa do muíño ten uns cincuenta e un metros de lonxitude, con anchos de 1,9 a 2,6 m. Sirve de camiño de enlace con la banda de Fefiñáns e esta construído con grandes sillares pola parte da mar, e con cachotes pola parte interior. Leva un peitoril de medio metro de altura pola dita parte do mar e conta con seis aberturas (unha cegada) de arredor de dous metros de ancho e un trinta de alto agrupadas de a dous para a entrada da auga á presa ó encher o mar.

Dispoñían de comportas de madeira articuladas na parte superior cun ferro ó xeito de bisagra e con apertura cara ó interior da presa; desta maneira permitían a entrada da auga co abalo da marea, e pechábanse co peso e a forza da auga no devalo do mar, obrigando á saída da auga polos canles que a levan ós rodicios do muíño.

O edificio do muíño érguese na estrema noroeste da presa, e accédese ben por riba da presa dende a banda de Fefiñáns ben dende a aldea de Riveiro pola marxe dereita do encoro. Os muros do edificio están construídos con cachotes concertados de pedra de gra, recebados nas xuntas cun encintado ben realizado. A cuberta construíuse a unha sola auga, co cumio mirando cara ó mar; o seu armazón era de trabes de madeira que descansaban nos muros laterais e no muro interior de carga; enriba das trabes dispúñanse os cangos no sentido da pendente, cangos que portaban o conxunto de latas sobre as que se pousaran as tellas.

O muíño ten catro plantas: o soto, o tremiñado, a vivenda e o sobrado. O soto, tamén chamado sartén ou inferno, alberga os mecanismos de rotación e regulación dos catro muíños (comportas, canelas, rodicios, varas, accesorios e mesas); atópase situado por baixo do nivel da auga na presa e ábrese cara o mar por medio de dous grandes arcos, coa protección exterior a eles de un muro de pedra con seis aberturas cara ó mar protexidas cun enramado de polas por impedir a entrada de algas no sartén.

A planta primeira ou tremiñado acolle os mecanismos da moenda, consistentes aquí en catro muíños ou rodas situadas en dous espazos divididos polo muro de carga que cruza transversalmente ó edificio; cada muíño consta de dúas pedras cilíndricas, unha fixa ó chan (o pé) e a outra que xira sobre ela (a capa) accionada polo eixo unido á vara do rodicio. Tres das pedras son das chamadas do país, feitas de pedra de gra dunha canteira de Baión para a moenda do millo e do centeo; a cuarta e unha pedra albeira para o mundo do trigo e viñera de Portugal. Accédese a esta planta por unha porta na fachada sueste, sobre o muro da presa, ou pola situada na fachada noroeste, baixo do acceso á vivenda.

Na terceira planta localízase a vivenda, con dous cuartos, sala, cociña e almacén. E sobre dela, baixo a cuberta, un sobrado ben ventilado por catro ventás e que fora empregado como dormitorio.

O embalse queda configurado por unha superficie de uns cincuenta e seis mil metros cadrados (noventa ferrados) cun fondo medio de metro e medio a dous metros, cunha capacidade de máis de oitenta mil metros cúbicos. Moíase durante as secas (baixamar) en dúas moendas diarias (unha de noite e outra de día); cada moenda duraba unha media de unhas tres horas, cunha produción de uns douscentos quilogramos de fariña por muíño, coa excepción do mes do Apóstolo (xullo) no que as mareas máis baixas do ano baleiraban o encoro de catro a oito días. As mellores moendas tiñan lugar nos meses das vendimas (setembro) e de Ramos (abril), cando as mareas vivas fan subir a auga case o borde da presa, dándolle máis forza os muíños e durante máis tempo, aumentando así a súa produtividade.

Bibliografía:

Bas López, B., 1991, Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, España. ISBN 84-87819-13-3.

Llano Cabado, P. de, 1980, “O muiño de mar de A Seca”, Obradoiro. Revista de Arquitectura, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Santiago de Compostela. DL VG-50-1980. ISSN 021-6065.

Llano Cabado, P. de, 1983, Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas, Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-85665-08-2.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Editorial Nós, Buenos Aires. Vol. II, p. 671-681. ISBN 84-9745-054-X.

Lorenzo Fernández, X., 1983, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Editorial Galaxia, Vigo. p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.

Author

Related

Comments

No Comments Yet!

You can be first to comment this post!

Post Reply

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.