891207-mv-de-catoira-0301

Vista desde el sur

De tódolos muíños de vento que se localizan en Catoira (Pontevedra), o do monte Mesón, na parroquia de San Mamede de Abalo, é dos que mellor se conservaron, ó atender o seu propietario as eventuais tarefas de mantemento, como renovación da cuberta ou reparación de pezas.

Debeu ser construído arredor do ano 1860, sendo dos máis antigos construídos na parroquia de Abalo, pero se carece de máis datos hasta que en 1937 o adquirira don Benigno Maneiro, quen despois de algunhas reformas o dedicara a moer para os veciños ata a década de 1960, moendo esporadicamente para a casa do dono ata 1970.

Trátase de un muíño moi pouco evolucionado do tipo de torre fixa con cuberta tamén fixa, asentado directamente sobre o terreo, sen plataforma algunha.

A torre é cilíndrica, de 3.10 m de diámetro interior e máxima altura de muros de 2.80 m. As paredes son de cachotes con rachas, de un grosor máximo de oitenta centímetros, cun só perpiaño no lintel da porta, que é o único van disposto. A cuberta é a dúas augas, de tella do país. No solado preparouse un sinxelo piso (o tremiñado) feito de pedras irregulares baixo o que se dispón o sistema de regulación do muíño (a mesa).

Ó carecer de sistema de orientación das aspas cara ó vento, os elementos mecánicos do muíño son ben simples. O eixo horizontal (a viga) atravesa diametralmente os muros da torre, a 1.60 m sobre o solado, apoiando sobre unhas pezas de madeira (os zoquetes) que fan de buxas. O eixe ten a orientación do nordeste ó suroeste, que é a dos ventos dominantes no emprazamento.

Xa no exterior do muíño e en ambos os dous extremos do eixe, catro varas (os vareiros) o cruzan, unidos de a dous por outras varas (os travesos) nas que se colocan as aspas (os abanos); neste muíño os abanos consisten nunhas táboas unidas entre sí formando unhas pezas rectangulares de aproximadamente un metro cincuenta de largo por medio metro de ancho.

O eixo soporta no interior un engrenaxe vertical de un metro de diámetro (a roda) construído á maneira das rodas dos carros do país, que dispón na súa periferia de trinta e seis dentes de madeira suxeitos cun aro ou cintón de ferro que rodea á roda. Os dentes enlazan na parte inferior da roda cun engrenaxe vertical de tipo lanterna (o piñón), con oito pezas de engrene. Estes dous engrenaxes (os engranes) converten o xiro horizontal das aspas nun xiro vertical que se transmite por un eixo vertical de ferro de sección cadrada (a vara) ó sistema de trituración do muíño.

O sistema de trituración é o convencional formado por dúas pedras cilíndricas, unha moa inferior fixa o piso (o pé) e unha moa superior (a capa) que xira sobre a primeira. Ámbalas dúas moas teñen un buraco no seu centro, polo que pasa o eixo para pousar baixo o piso (o tremiñado) nunha viga (a mesa) articulada na parede por un extremo e que permite subir e baixar o outro extremo (a cruz) axustando a altura da moa xiratoria sobre a fixa para regular a finura da moenda (o tempero do muíño).

Para frear e parar ó muíño xúntanse facendo virar un parafuso dúas madeiras que abrazan o eixo horizontal.

Bibliografía:

Bas López, B., 1991, Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, p. 213-214. ISBN 84-87819-13-3.

Llano Cabado, P. de, 1983, Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas, Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-85665-08-2.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Editorial Nós, Buenos Aires. Vol. II, p. 671-681. ISBN 84-9745-054-X.

Lorenzo Fernández, X., 1983, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Editorial Galaxia, Vigo. p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.