20080902-trasancos-082

Molino de viento de San Mateo (M. Lara, 2008)

Construído quizais a finais do século XVIII polos comerciantes franceses que construíran tamén os muíños fluviais de Xuvia, Santa Ícia e Os Amenadás, e o de mar do Ponto, atópase no lugar coñecido como Muíño de Vento, na parroquia de San Mateu de Trasancos no Concello de Narón (A Coruña), e aparece xa citado contra 1845 no Dicionario de Pascual Madoz. Está incluído no conxunto da casa grande á que pertence, cercado por unha muralla xunto cun pombal, un hórreo, o pozo e a propia casa, ademais doutros elementos e construcións adxectivas.

Trátase de un muíño do tipo de torre fixa con cuberta xiratoria, construído enriba dunha plataforma de terra de uns seis metros de diámetro que levanta entre metro e medio e tres metros sobre o terreo circundante. A torre é cilíndrica, de fábrica de cachote con perpiaños nos vans, tomada con cal grosa e recebado do mesmo. Ten dúas portas enfrontadas e dispostas nas caras norte e sur, con dúas fiestras no primeiro andar, unha pequena ó mediodía e unha grande ó levante. O interior, cun diámetro de 3,80 m, vai dividido en altura cun andar. Os muros teñen un grosor de un metro e unha altura de uns sete metros.

Perdida a cuberta e maquinaria, as inspeccións dos restos levadas ó cabo parecen indicar que contaba cunha soa moa. Atópase en estado de semi abandono e o Concello negocia a súa adquisición con idea de restauralo.

Bibliografía:

Bas López, B., 1991, Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, p. 213-214. ISBN 84-87819-13-3.

Llano Cabado, P. de, 1983, Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas, Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-85665-08-2.

Llorca Freire, G., Pérez Alberti, A., y Romero Masiá, A.M., 1982, Camiños de Ferrolterra, Mancomunidade de Ferrol, Ferrol, p. 55-56. D.L. C-913-1983. ISBN 84-500-9056-3.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Editorial Nós, Buenos Aires. Vol. II, p. 671-681. ISBN 84-9745-054-X.

Lorenzo Fernández, X., 1983, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Editorial Galaxia, Vigo. p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.

Madoz, P., 1845-1850, Diccionario Geográfico, Estadístico e Histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Madrid, tomo VIII-Ferrol.

Montero Aróstegui, J., 1858, Historia y descripción de la villa y departamento del Ferrol, reedición de 1972 titulada “Historia de El Ferrol del Caudillo”, Gersán, Ferrol.

Soraluce Blond, J.R., y Fernández Fernández, X. (directores), 1999, Arquitecturas da provincia da Coruña: Ares, Fene, Mugardos, Narón e Neda, Deputación Provincial da Coruña, Coruña, p. 194-195. ISBN 84-95335-07-7.