002 As Aceas da Illa
- Provincia: Pontevedra
- Concello: Illa de Arousa
- Parroquia: Illa de Arousa (San Xulián)
- Lugar: As aceñas
- Paraxe: Enseada da Brava
- Coord. Xeográficas - Latitude: 42.53823592143376
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.875150680541992
- Coordeadas UTM: H 29 // X 510375.97 // Y 4709760.82
- Clasificación: Muíño de mar
- CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría
- Comarca: O Salnés
- Marco Xeográfico: Ría de Arousa
- Ámbito: Rural
Visitable:
Si, exteriormente
Historia:
Descoñécese quen construíu o muíño das Aceas. Sábese que non aparece referencia algunha a elas nos foros de 1609 pero si en 1681, onde aparecen os topónimos “Camiño das Aceñas” ou “Mar das Aceñas”.
Ata o século XIX non hai máis referencias aos muíños: a primeira aparece nunha nota no dicionario MIÑANO (1826-1829) feita por D. Domingo Fontán, na que fala dos “molinos harineros en favor de la marea”. Aparece tamén no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 7 de outubro de 1842 “un establecimiento de molinos de marea”.
Sábese que en 1952 D. Vicente Otero Iglesias mercou a finca As Aceñas a Dª Gumersinda Mariño Sieira.
O último propietario e muiñeiro foi D. José Paz Mariño, que traballou no muíño ata a década dos 80.
Descrición Xeral do Entorno:
Emprazado na parte suroeste da Illa, concretamente na Enseada da Brava, que está situada entre a Punta Quilme e a Punta Revello, área moi pouco poboada no pasado pero que está aumentando na actualidade.
O conxunto forma parte do Parque Natural de Carreirón que ocupa toda a parte sur da Illa.
Construcción:
Século XVII (1609-1681).
Abandono:
Segunda metade do século XX (d. 1980).
Descrición:
O conxunto está formado polo edificio das aceas cos muros de presa, a vivenda dos propietarios (de construción recente), un hórreo e outra construción adxectiva. Existiu tamén un muíño de vento do que hoxe non quedan restos.
A presa é diferente ás demais xa que está dividida en tres zonas comunicadas entre si. O edificio de muíño foi realizado con perpiaños de granito e cachotes, sen encintado ningún. Ten dúas portas de acceso situadas unha fronte a outra e moi poucas fiestras. Orixinariamente tiña dúas plantas e un faiado que se perdeu. Na planta baixa atópanse os elementos que poñen en funcionamento o muíño, está dividida en dúas partes: nunha hai dúas entradas de auga dende a presa que van dar a dúas rodas motrices, na outra houbo dous muíños, dos que só quedan as antigas estruturas, e tiñan unha entrada única de auga.
Na primeira planta, dividida en dous espazos, están instalados os elementos de trituración.
O piso é de madeira e de pedra no lugar onde están as moas. No primeiro espazo había dous muíños asentados sobre plataformas; na outra sala houbo outros dous dos que non quedan restos.
A segunda planta correspóndese co faiado que albergou a vivenda dos muiñeiros noutro tempo, na actualidade non existe piso.
Actividades laborais:
Elaboración de fariñas de trigo e millo.
Materias Primas:
Trigo e millo.
Produtos Elaborados:
Fariñas de trigo e millo.
Referencias Bibliográficas:
BAS, B. Muíños de marés e de vento en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1991. 439 p.: il. ISBN 84-87819-13-3
Data de Actualización:
2009