003 Muíño do Cura ou Muíño de Machón

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Catoira
  • Parroquia: Catoira (San Miguel)
  • Lugar: San Miguel de Catoira
  • Paraxe: Ría de Arousa
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.66752716444013
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.728251457214355
  • Coordeadas UTM: H 29 // X 522386.74 // Y 4724143.91
  • Clasificación: Muíño de mar
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría
  • Comarca: Caldas
  • Marco Xeográfico: Ría de Arousa
  • Ámbito: Rural
  • Visitable: Si, exteriormente

Xestión de visitas:

Non.

Historia:

Descoñécese quen foi o construtor e tampouco se teñen datos acerca da súa cronoloxía.

A finais do século XIX, José Vázquez Rodríguez recibiu en herdanza o muíño. Nas escrituras correspondentes ás propiedades desta familia en Catoira atópase unha alusión a que o 1 de xaneiro de 1886 xa estaba rexistrada a finca na que se sitúa o muíño, pero non fan mención a este.

Descrición Xeral do Entorno:

Situado na desembocadura do río Ulla, no enclave coñecido como O Machón, onde conflúe co seu afluente o río Catoira (no que se emprazan varios muíños de regato). Ao fondo da presa atópase a vía do ferocarril que comunica Catoira con Santiago de Compostela e Pontevedra.

Construcción:

Segunda metade do século XIX. Non se coñece a data exacta da súa construción, aínda que se sabe que xa existía cando a liña do ferrocarril atravesou a presa do muíño, en 1873.

Abandono:

Principios do século XX.

Descrición:

Ten unhas características especiais, xa que se trata dun muíño que combina o aproveitamento da marea e do río, según as oscilacións da marea. O muro da presa, en si mesma, ten unhas dimensións reducidas, aínda que continúa máis aló a través do propio edificio que fai tamén de muro da mesma.

Trátase dunha edificación de planta rectangular irregular de tres alturas, construída con perpiaños nas plantas primeira e segunda, e combinado con cachote na planta baixa e no espazo destinado a moer. Ten dúas portas de acceso dende o exterior (correspóndese coa parte do interior da presa) e unha terceira na fachada SE. As fiestras están realizadas con pezas de cantería e a cuberta a dúas augas era de tella, hoxe en día non quedan restos desta última. A planta baixa está dividida en dúas partes: na primeira ten dúas entradas de auga para mover dous rodicios; na segunda ten unha canle diferente realizada en cantería, non empregada nos muíños de marés, que vai do interior da presa ao exterior sen ningún estreitamento e practicamente non existe información sobre a función desta canle. Nela estivo instalado un rodicio que podería ser para un posible muíño que traballaba ao encher a maré ou que fose un aliviadoiro da auga da presa, e que despois se aproveitase para instalar un muíño nela.

A primeira planta tamén ten dúas zonas non comunicadas interiormente, unha dedicada á moenda onde os muíños estaban nun piso a nivel superior que o resto; a outra dedicada probablemente a vivenda, estaría o posible muíño que se corresponde coa comentada canle. Houbo unha segunda planta na zona da vivenda, da que só se conservan indicios nas paredes exteriores, enriba desta había un faiado.

Na actualidade atópase nun estado de deterioro avanzado polo paso do tempo, pero está proxectada a recuperación do muíño coa ampliación do paseo fluvial do río Ulla.

Tempo de uso:

Todo o ano. No verán o seu funcionamento era limitado pola seca.

Actividades laborais:

Elaboración de fariñas de trigo e millo.

Materias Primas:

Trigo e millo.

Produtos Elaborados:

Fariñas de trigo e millo.

Distribución e comercialización:

Distribución e venda sobre todo para a zona de Catoira e tamén para a de Rianxo. Cobrábase en maquía, tomando unha cunca por ferrado (equivalía a 1/12 ferrado, non tendo o ferrado unha medida estándar).

Referencias Bibliográficas:

ARTAZA MALVAREZ, R. DE. La villa y sus distritos. 2ª ed. [Pontevedra: Imp. Y Lib. E. Paredes Valdés], 1959-1962

BAS, B. Muíños de marés e de vento en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1991. 439 p.: il. ISBN 84-87819-13-3


Data de Actualización:

2009
Xunta de Galicia Ministerio de Industria, Turismo y Comercio Plan Avanza FEDER