005 Muíño das Torres ou Muíño da Arcea

  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Vimianzo
  • Parroquia: Santiago de Cereixo
  • Lugar: Torres de Cereixo
  • Paraxe: Pozo de ranas
  • Dirección:
    Non procede

  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.13298287043044
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -9.126398566770604
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 489.842,29 m / Y 4.775.794,89 m
  • Clasificación: Muíño de mar
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Muíño de dorna ou caldeira
  • Comarca: Terra de Soneira
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda da desembocadura do río Grande na ría do Porto, no fondal do levante da ría de Camariñas
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:
    Dende Santiago de Compostela cóllese a estrada AC-404 por Santa Comba e Zas ata chegar a Baio, onde empataremos coa estrada AC-552 para continuarmos cara a Vimianzo. En Vimianzo apartaremos á dereita pola estrada AC-432 cara á Ponte do Porto, e dalí colleremos a AC-1603 cara a Tufións e a pouco máis dun quilómetro, apartaremos á dereita cara a ribeira, onde atoparemos o muíño ao pe das Torres de Cereixo.
  • Tipo de propiedade: Privada, no dominio público marítimo-terrestre
  • Visitable: Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O aproveitamento da enerxía dos cursos de auga agáchase no principio dos tempos históricos. Primeiro como vía de comunicación a favor da corrente, aproveitando o natural discorrer das augas para o traslado e transporte de persoas e mercadorías varias. Xa nunha fase posterior do coñecemento técnico, para facer virar unha roda con fins diversos: elevación de auga para rega e abastecemento (noras); transmisión do xiro para moenda (aceas e rodicios); conversión do xiro en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras).

En moito tempo a enerxía hidráulica foi a única fonte para obtención de enerxía mecánica. Nas ribeiras dos ríos, necesitadas de enerxía para o accionamento das súas primitivas ferramentas, asentáronse as primeiras mostras da industria: muíños de cereal, batáns, forxas, teares, serras, muíños papeleiros…. O desenvolvemento da máquina de vapor liberou ás instalacións industriais do condicionamento espacial que supuñan os aproveitamentos hidráulicos, e o carbón, que substituiría á leña como fonte calorífica, tamén desprazou á enerxía hidráulica como fonte principal de recursos enerxéticos mecánicos.

Con todo, na derradeira década do século XIX a enerxía hidráulica habería ter un espléndido rexurdir vinculada a unha forma de enerxía que coñecería a maior difusión en todo o mundo: a electricidade.

No caso de Galicia, “o país dos mil ríos”, a enerxía hidráulica vai ser o motor fundamental da primeira industrialización. De feito, xa contra 1775 dátanse os primeiros aproveitamentos hidráulicos da Ilustración no río Xubia, na ría de Ferrol, os muíños de Lestache, construídos coa vontade de obter grandes producións de fariña para o abasto comarcal e aínda a exportación.

A gran demanda de fariña xurdida coas obras de construción dos Reais Arsenais de Ferrol levaría tamén á construción de muíños de marea, o que se faría na década seguinte (1785) no esteiro do río de Freixeiro, construíndose os muíños de Lembeye, máis coñecidos como As Aceas do Ponto (ficha 099).

Con todo, antes desas datas tense xa documentados outros muíños de marea en Galicia: Acea da Ama (Culleredo, 1550), Aceas do Burgo (Culleredo, 1580), Muíño do Rei (Neda, 1609), A Seca (Cambados, 1622), Muíño das Torres de Cereixo (Vimianzo, 1674), As Aceas da Illa (Illa de Arousa, 1681), Aceñas da Ponte Gaiteira (A Coruña, 1751).

Posteriores ao referente ilustrado de Lembeye ou Aceas do Ponto (Narón, 1785), van ser As Aceas dos Verxeles (Viveiro, 1795), Muíño das Mareas (Muros, 1815), Aceas de Ove (Ribadeo, 1868), Muíño do Cura (Catoira, 1870), Muíño do Mar (Ortigueira, 1905).

As Torres de Cereixo, un castelo do século XV transformado en pazo no século XVII pola casa de Altamira, acollen a historia do muíño das Torres, que comeza o 12 de marzo de 1674, data na que o Mestre de Campo don Juan Taboada Ribadeneira, Señor da Pobra do Cereixo, outorga un foro a favor dos irmáns Andrés e Pedro de Espasante “para que puedan levantar uno o dos molinos en renta por tiempo de la vida de tres Señores Reyes Católicos de España que comienzan con la vida de Carlos II”.

Douscentos anos despois, o diccionario de Madoz (1845) informa da existencia de “varios molinos harineros sobre la ría, de excelente fábrica, que se mueven con las aguas de la marea”.

O 14 de xaneiro de 1857, Apolinar Suárez de Deza Yebra y Caamaño, Señor de las casas de Bergondo, Láncara, Tebra y Toirán, arrenda a Manuel Rodríguez e á súa muller Pilar Lema “una casa molino de tres piedras, una de ellas para moler trigo y las otras dos maíz”. O 4 de decembro de 1871 o novo arrendatario vai ser Francisco Moreiras Recarey. Virá despois Celestino Noya e, o 20 de marzo de 1877, ano da morte do amo, Ramón Rodríguez Álvarez. Ao que se conta, todos eles eran caseiros das Torres de Cereixo.

As propiedades de don Apolinar pasaron á súa filla, Aurelia Suárez de Deza Yebra y Tineo, desposada con Francisco Bermúdez de Castro, señor de San Pantaleón das Viñas. O fillo dambos, Gerardo Bermúdez de Castro y Suárez de Deza, derradeiro Señor de Láncara e Mariñán, morría sen descendencia en maio de 1936, tendo donado tódalas súas propiedades á Deputación da Coruña, para que instalara no Pazo de Mariñán un refuxio para nenos pobres e sen familia.

Segundo nos informa dona Remedios Trillo Moreira, aínda en 1936 vivía no pazo das Torres a Condesa de Taboada e unha das súas fillas, e dende 1910 traballaba como muiñeiro Celedonio Trillo Lema, que permanecería nel máis de cincuenta anos, ata a súa morte con 72 anos no mes de decembro de 1962.

Consonte Begoña Bas (1990), as Torres de Cereixo, e con elas o muíño, serían vendidas en data indeterminada (quizás 1940) a un particular, Eliseo Moreira, quen vai continuar empregando como muiñeiro a Celedonio Trillo Lema, quen traballará aínda máis de vinte anos no muíño.

Aínda trala morte de Celedonio, en decembro de 1962, continuaría por un tempo ao fronte do muíño o seu fillo, Raúl Trillo Pérez, coñecido como "Raúl do muíño".

No ano 1967, xa abandonado, o muíño das Torres vai ser adquirido por José Manuel Rey de Viana, coreógrafo e fundador coa súa muller, Victoria Canedo, do Ballet Gallego, que o restaurará e adaptará como segunda vivenda. Dende a súa morte, no mes de outubro de 1995, o muíño permanece cerrado.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño situouse na zona intermareal da desembocadura do río de Cereixo ou de Tufións, na marxe esquerda da desembocadura do río Grande na ría do Porto, no fondal do levante da ría de Camariñas.

Construcción:

1674.

Abandono:

Década de 1960.

Descrición:

O edificio ten dous corpos, con fábrica de cantería na planta baixa, que conforma a presa e o inferno do muíño, e fábrica de cachote na planta alta, que acollía os muíños e dependencias anexos e hoxe está acondicionada como vivenda.

As dimensións exteriores da planta son de 8’75 por 22 metros, con muros de 85 centímetros de groso. A cuberta do edificio, de tella do país, é a dúas augas, con tres mansardas na vertente do norte.

A presa do muíño, planta baixa do edificio, remata na dereita cunha ponte sobre un aliviadeiro de dúas luces con tallamar no medio, e na esquerda co outra ponte sobre un arco de 3’5 metros de alto de 2’8 metros de luz, que tivera unha coluna central e dúas comportas para a entrada da auga no estanque. Na metade da construcción, correndo baixo a vivenda a sorte de corredor, outro aliviadeiro coa súa comporta axudaba á xestión das augas.

A parte baixa acollía tres caldeiras ou cubos coas suas rodas e os mecanismos de rotación e tempero dos muíños da planta superior.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo do abalo e devalo das mareas e do caudal que levara o pequeno rego que desemboca no estanque formado na enseada.

Sistema de produción:

A enerxía hidráulica é a asociada ós recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de auga pode proporcionar 9.800 Joule de enerxía mecánica por cada metro que descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro pode proporcionar 9.800 Watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi grande.

O elemento ou conversor enerxético máis antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que transforma a enerxía da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga actúa sobre unhas paletas ou cae nuns cubos situados na periferia da roda e co seu movemento e o seu peso fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía facendo virar ó eixo da roda.

A tipoloxía básica das rodas hidráulicas resúmese na roda hidráulica vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita por Marco Vitruvio Polion, e a roda hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ó non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de conversores hidráulico mecánicos foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, e coñécense habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou nórdico), o de roda horizontal.

Ademais da fundamental moenda de cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (moenda, elevación de auga, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de gran éxito ó asociarse a un xerador eléctrico para converterse en electricidade.

A pesares de que as rodas hidráulicas horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ó longo dos séculos, por contra nas primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas, ceñas ou bruias) foron moitas as modificacións introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.

A optimización nos deseños básicos logrou instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños de dorna ou caldeira), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de conversión normalmente superiores ó 60%.

O muíño das Torres de Cereixo tiña tres rodicios (roda hidráulica horizontal) do tipo de dorna (caldeira), solidarios con cadanseu eixo vertical, que arrastrarían cadansúa moa xiratoria (capa).

O muíño designado en galego como muíño de dorna ou muíño de caldeira, corresponde á denominación castelá de “molino de regolfo”, ao que parece unha invención totalmente española da metade do século XVI.

O rodicio neste tipo de muíño traballa dentro dunha cámara cilíndrica (a caldeira) totalmente de pedra, de altura variable e de un metro de diámetro, totalmente integrada na parte baixa da construción, que carece de inferno. A auga chega por unha canle prácticamente horizontal, cuxas paredes van estreitándose até remataren nunha regaña duns dez ou quince centímetros de ancho, pola que se verte pola periferia interior da caldeira o abondoso caudal. O xiro, e por riba de todo, o peso da columna de auga fan virar o rodicio e auga sae pola grecha, unha abertura no fondo da caldeira.

Cando a configuración do muíño mestura o deseño dos de canle (forte pendente) co dos de dorna (rodicio en caldeira), recebe o nome de muíño de tinalla, estando esta construida en dúas pezas semicilíndricas non integradas na construción, que xacen dentro dun inferno sen tocar as paredes.

Actividades laborais:

Un só muiñeiro bastábase para sacar adiante o traballo, aínda que as veces contaran con axudantes.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Trigo e millo (maínzo).

Produtos Elaborados:

Fariña de trigo, de millo (maínzo) e de mestura.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Bas López, B., 1991. Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Madrid: Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). ISBN 84-86850-64-9.

Fernández Lavandera, E.; Fernández Rodríguez, C.M., 1998. Los molinos: patrimonio industrial y cultural. Granada: Grupo Editorial Universitario. ISBN 84-89908-29-X.

García-Diego Ortiz, J.A.; García Tapia, N., 1987. Vida y técnica en el Renacimiento. Manuscrito de Francisco Lobato, vecino de Medina del Campo. Valladolid: Universidad de Valladolid. ISBN 84-7762-104-7.

García Tapia, N., 1987. “Pedro Juan de Lastanosa y Pseudo-Juanelo Turriano". Llull: Revista de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas, Vol. 10, Nº 18-19, 1987, p. 51-74. ISSN 0210-8615.

González Tascón, I., 1987. Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Madrid: Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros. ISBN 84-7790-147-3.

González Tascón, I., 2008. “La difusión medieval del molino hidráulico”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 99-117. ISBN 978-84-7790-470-0.

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1961. De Cabo Villano a Monte Louro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 927, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1523-1972.

Lorenzo Fernández, X., 1983. Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Lucas, A.R., 2006. Wind, Water, Work. Ancient and Medieval Milling Technology, Brill, Leiden, The Nederlands. ISBN 987-90-04-14649-5.

Pseudo-Juanelo Turriano, 1983. Los veintiún libros de los ingenios y de las máquinas. Prólogo de José Antonio García-Diego Ortiz. Madrid: Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos, Colección Ciencias, Humanidades e Ingeniería. Editado en 1984 por Ediciones Turner.

Reyes Mesa, J.M., 2001. Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Granada-Madrid: J.M. Reyes-Fundación Juanelo Turriano. ISBN 84-89685-46-0.

Teixeira Albernaz, P. (Pedro Texeira), 1634, El Atlas del Rey Planeta. Descripción de España y de las costas y puertos de sus reinos. Felipe Pereda y Fernando Marías (eds.), cuarta edición, 2009. San Sebastián: Nerea. ISBN 978-84-96431-62-1.

Trillo Moreira, Remedios: 28 de outubro do 2014. Muíño das Torres de Cereixo. Comunicación personal a Manuel Lara Coira; entrevista telefónica.
Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 68-I Camariñas // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 489.842,29 m / Y 4.775.794,89 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1961. De Cabo Villano a Monte Louro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 927, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1523-1972.

Data de Actualización:

2009 / 24 outubro 2014
Xunta de Galicia Ministerio de Industria, Turismo y Comercio Plan Avanza FEDER