008 Muíño do Mar ou Muíño de mareas de Pol

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ortigueira
  • Parroquia: Senra (San Xulián)
  • Lugar: Pol de arriba ou de abaixo
  • Paraxe: Ría de Ortigueira
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.669594472162046
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.848358154296875
  • Coordeadas UTM: H 29 // X 593065.37 // Y 4835912.75
  • Clasificación: Muíño de mar
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría
  • Comarca: Ortegal
  • Marco Xeográfico: Ría de Ortigueira
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:
    Dende Ortigueira, hai que coller a C-642, pasar "Pizarras Campo", xirar á dereita fronte á carpintería "Varela", continuar por unha pista moi estreita e a pouca distancia atópase o muíño.
  • Tipo de propiedade: Municipal
  • Visitable: Si, exteriormente

Historia:

Este muíño foi o derradeiro de mareas que se construíu en Galicia. As obras foran promovidas entre 1905 e 1910 por José Linos, emigrante ortegano retornado da Habana (Cuba).

O material arrigado na canteira da Pedra, en Cariño, aos pes da Serra da Capelada, era levado en barca por José e o seu irmán cara o seu emprazamento, onde o preparaban e asentaban canteiros pontevedreses. Os elementos mecánicos montounos un carpinteiro de Valdoviño chamado Grandal, considerado na zona como bo coñecedor e experimentado no tema.

A construción na década de 1940 do recheo da vía do ferrocarril Ferrol-Xixón pola fronte da enseada modificou a dinámica das augas interiores facéndoa máis lenta e aumentando a deposición de lama no fondo, dificultando deste xeito o funcionamento do muíño. Acosado tamén pola competencia dos motores e dos muíños eléctricos, o muíño de mar de Ortigueira foi traballando cada vez menos, ata o seu abandono definitivo contra 1970.

O Concello de Ortigueira, a través da Fundación Ortegalia, adquiriuno para a súa restauración mediante un convenio coa Xunta de Galicia. No mes dos Santos do 2007 os traballos de rehabilitación foron adxudicados á empresa “Ollarte Tecnología y Conservación”, especializada na recuperación do patrimonio.

Descrición Xeral do Entorno:

Localízase no fondo oriental da Ría de Ortigueira, nunha pequena enseada ao sur da Vila de Santa Marta, capital do concello de Ortigueira. O río Maior desauga nesta enseada, marcando o límite entre as parroquias de Santiago de Cuíña, na súa marxe dereita, e San Xulián de Senra, na esquerda. Un pequeno regato pola marxe esquerda do río Maior desvía parte das augas cara un muíño de río que desauga no encoro do muíño de mareas. Dende o muíño de río o camiño de acceso continúa polo fondo da presa do de mar, por riba dun muro de cachotería interrompido cunha pontella que permite o paso da auga dun pequeno regato. O camiño continúa polo muro da marxe esquerda do encoro e vai rematar nunha pequena chaira, da que se accede ao edificio do muíño de marea.

Construcción:

Principios do século XX (1905-1910) pola familia Linos.

Abandono:

Primeira metade do século XX (c. 1970).

Descrición:

O edificio do muíño, cunha planta de 11,20x11,80 metros, ten os muros de fábrica de cachote, e no seu tempo estiveran lucidos. A cuberta é de lousa a dúas augas. O edificio ten dúas portas enfrontadas: unha para o acceso ao edificio e a outra para pasar dende o interior ao dique da presa.

Dos catro cubos inicialmente previstos no muíño só dous deles instaláranse: un con pedras albeiras, o pé e a capa, para o trigo, e con pedras negreiras para o millo; o outro, tamén o pé e a capa. O dique fronte o mar, cuns sesenta metros de lonxitude e metro e medio sobre o fondo, conta cunha comporta de madeira de tres metros de ancho situada na súa metade, e un aliviadoiro duns setenta centímetros a carón do muíño. A presa queda pechada pola súa marxe dereita por medio dun muro duns cincocentos metros de largo. O inferno do muíño –a planta baixa, que queda semisumerxida coa preamar– ten unha estrutura formada por sete arcos que comunican todos os pasos da auga baixo o muíño. Catro arcos fan as entradas da auga aos cubos, dous arcos no muro exterior permiten a saída da auga ao mar, e o sétimo sitúase no muro que divide a planta en dous corpos iguais. Os dous rodicios eran de madeira, de un metro de diámetro e cinguidos por un cintón de ferro, con nove penas labradas na madeira para recibir á auga.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Funcionamento hidráulico por medio de rodicios.

Actividades laborais:

Elaboración de fariñas de millo e trigo.

Materias Primas:

Millo e trigo.

Produtos Elaborados:

Fariñas de millo e trigo. Nas épocas de pleno funcionamento a moenda duraba tres horas e moíase en total entre dez e doce ferrados (1 ferrado equivale a vinte quilos de millo e quince de trigo).

Referencias Bibliográficas:

Bas López, B. Muíños de marés e de vento en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1991. 439 p.: il. ISBN 84-87819-13-3

Data de Actualización:

2009
Xunta de Galicia Ministerio de Industria, Turismo y Comercio Plan Avanza FEDER