068 Fábrica de A Florida (Pazo da Mercé)

  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Neda
  • Parroquia: Neda (Santa María)
  • Lugar: Puntal de Abaixo
  • Dirección: Pazo da Merced, s/n - 15510 Neda
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.49275642387883
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.162781291015563
  • Coordeadas UTM: H 29 // X 567805.34 // Y 4816091.12
  • Clasificación: Fábrica de curtidos
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Ría de Ferrol

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Non

Historia:

Informado polo seu irmán, o párroco de Santa María de Neda, das boas expectativas xeradas na comarca, a finais da década de 1780 chega de Matute (Nájera, Logroño) D. Francisco Antonio Somalo, un activo comerciante rioxano disposto a fundar unha tenería no lugar de La Florida, entre o Camiño Real e o mar de Xuvia. Nestas propiedades, nas que as construcións máis antigas datan do século XVI e das que se conserva unha pequena capela de estilo barroco dedicada á Virxe da Merced, edifícanse unhas instalacións que seguindo o estilo dos centros fabrís do século XVIII, responden a un deseño que se move entre unha casa señorial e un recinto industrial. Tras a Guerra da Independencia, Damiana Somalo, filla do fundador, casa en 1812 con Juan Adam Pensel, nado en Baviera e técnico mineralista no Departamento de Marina de Ferrol. Falecido o Sr.Pensel sen descendencia fase cargo D. Tomás Cebreyro da dirección do establecemento. Esta propiedade é reclamada ante o Rey por dous fillos que tivera o sacerdote irmán do fundador, quen a concede. Falecidos os fillos do párroco de Neda, a propiedade volve a rama familiar de D. Francisco e ao igual que o resto das industrias da comarca entra en crise cara a 1870 e o seu entón propietario, D. Francisco Cebreiro Seoane, como tantos outros Galegos, emigra a Cuba, de onde regresa en 1898 para vivir baixo a gobernación de Dna. María Barros das rendas que lle deixan as amplas propiedades do chamado Pazo da Merced, que se estenden por toda a ribeira de Neda, dende Perlío ata Xuvia. Mediado o século XIX o pazo funciona como Convento Franciscano e cara a 1925 pasa a mans do popular médico D. Francisco Cebreiro Barros. En maio de 1978 esta propiedade foi adquirida polo arquitecto D. Alfredo Alcalá Navarro. Atópase hoxe en día rehabilitada e recuperada dende 1991 para usos turísticos co nome de Pazo da Merced.

Descrición Xeral do Entorno:

Situada entre o Camiño Real e a ría de Neda.

Construcción:

Segunda metade do século XVIII (ca. 1790).

Abandono:

Comezos do século XX (ca. 1910).

Descrición:

O conxunto está formado por edificios un tanto dispersos, só unificados polo pavillón de residencia de empregados. Este último ten un gran valor xa que a súa fachada principal posúe unha gran balconada con grandes ventás e traballa a modo de galería lonxitudinal. É moi sobrio na súa construción Os curtidoiros están formados por dous edificios rectangulares que se apoian na muralla que pecha o establecemento. No interior están os pozos para realizar o traballo da tenería. Trátase de construcións sinxelas, cun par de ventás que proporcionan a luz imprescindible. A zona da ribeira estaría situada na entrada de augas ao patio de traballo, nesta zona probablemente houbera un cubertiño cunha gran mesa de traballo feita en pedra. En canto aos secadoiros, situados na parte inferior do patio pechado, eran dúas pezas rectangulares elevadas a modo de hórreo. Por último, a casa principal formaba unidade co espazo anterior aínda que cos elementos marcadamente separados. Feita con cantería de boa calidade, mirando ao mar e diante da fachada ten unha ampla zona reservada a xardíns. Tiña unha igrexa na súa parte esquerda e un pombal.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Actividades laborais:

Elaboración de coiros.

Materias Primas:

Peles, a maioría de vaca, cabra, terneira/o, cabalo e carneiro.

Produtos Elaborados:

Sola e becerro. A primeira empregábase para o piso dos zapatos ou botas e a segunda, para a empeña de zapatos e zocos ou cana para botas.

Referencias Bibliográficas:

Fernández Negral, J. Las Fábricas de curtidos en la ría de Ferrol, 1783-1956 : nacimiento y ocaso de las tenerías, una aportación a la historia industrial de la ría. Sada, A Coruña: Ediciós do Castro, 2002. 161 p.: il. (Cadernos do Seminario de Sargadelos; 90). ISBN 84-8485-049-8

Meijide Pardo, A. “Entre 1770 y 1814 se establecen 14 fábricas de curtidos en la comarca ferrolana”, Anuario Brigantino, nº 21,1998, p. 167-182, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Montero Aróstegui, J. Historia y descripción de la villa y departamento del Ferrol, reedición de 1972 con el título de “Historia de El Ferrol del Caudillo”, Gersán, Ferrol, p. 407.

Data de Actualización:

2009