104 Muíño de Santa Margarita

Galería de Fotos

VerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: A Coruña
  • Parroquia: Urbana da Coruña
  • Lugar: Agra do Orzán
  • Paraxe: Parque de Santa Margarita
  • Dirección: Casa das Ciencias
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.36182632956197
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.413306474685669
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 547.662,22 m / Y 4.801.376,06 m
  • Clasificación: Muíño de vento
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Muíño de torre fixa e cuberta xiratoria
  • Comarca: A Coruña
  • Marco Xeográfico: Monte de Santa Margarita, na Agra do Orzán, a uns sesenta metros por riba do nivel do mar.
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: Na Coruña colleremos a Ronda de Nelle, ou ben a rúa que sube dende Riazor ata A Casa das Ciencias, no mesmo Parque de Santa Margarita. Alí atoparemos un vello muíño, hoxe empregado como pombal pola Sociedade Colombófila Coruñesa.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Sí, exteriormente.

Xestión de visitas:

No horario de apertura do parque.

Historia:

O aproveitamento da enerxía contida no vento mediante a súa conversión en enerxía mecánica foi levado a cabo pola humanidade desde a máis remota antigüidade. Se se exceptúa a enerxía de orixe animal, cabe dicir que, xunto coa enerxía obtida dos cursos de auga, a enerxía do vento foi o recurso enerxético natural máis antigo na historia das civilizacións.

Ademais da navegación a vela (aparece xa nun gravado exipcio do Alto Imperio, uns 4.500 anos a.C.) cara ao ano 1700 a.C., Hammurabi, rei de Babilonia, chegou a proxectar o regadío da rica meseta de Mesopotamia con auxilio da enerxía eólica. Estes primitivos muíños de vento debían de ser de eixo vertical, sen dúbida análogos a aqueles cuxas ruínas aínda subsisten na meseta iraniana. En calquera caso, Persia, Iraq, Exipto e China considéranse o berce do aproveitamento da enerxía do vento.

Un estudo sobre pneumática de Herón de Alexandría no século III a.C., describe por primeira vez unha máquina eólica de eixo horizontal de catro pas en forma de cruz que accionaba unha bomba de aire para alimentar as frautas dun primitivo órgano.

En calquera caso, até o século IX non é posible atopar un documento histórico irrefutable no que se faga mención ao uso dos muíños de vento como práctica xeneralizada. Este documento é o Libro de Enxeños Mecánicos, dos irmáns Banu Musa, datado no ano 850.

A difusión do muíño de vento como máquina capaz de producir enerxía mecánica segue dúas canles ben diferentes: o primeiro, coa civilización islámica, ocupa todo o Mediterráneo e chega até a metade sur da Península Ibérica; o segundo parte do triángulo formado por Bretaña, Inglaterra e os Países Baixos.

Os muíños de vento aparecen na Idade Media (séculos XII e XIII) en Italia, Francia, España e Portugal. Algo máis tarde localízanse en Alemaña, Países Baixos e Inglaterra. Atópanse documentados muíños de vento en Lisboa (1182), Alcobaça (1262), e Évora (1303), e desde o ano 1350 utilizábanse muíños de vento con catro aletas dispostas en cruz para a desecación dos polders holandeses. Tamén utilizábanse xa nestas datas para extraer o aceite de noces e grans, serrar madeira, transformar trapos vellos en papel, preparar colorantes en po e elaborar pólvoras.

Pode entón dicirse que, aínda que o aproveitamento da enerxía eólica data das épocas máis remotas da humanidade, é a partir dos séculos XII e XIII cando empeza a xeneralizarse o uso dos muíños de vento para a elevación de auga e a moenda de gran, baseados en deseños moi rudimentarios que, con diversas melloras, especialmente nos sistemas de regulación e orientación, manteranse até ben entrado o século XIX.

Nunha publicación europea de 1724 detállase o proxecto dun aeromotor que arrastra unha bomba de pistón por medio dun cegoñal. Pero este enxeño houbo de esperar até 1870, cando aparece no continente americano e do que retorna a Europa e implantase e difunde desde 1876 co nome de “muíño americano”, un dos máis importantes avances na tecnoloxía do aproveitamento do vento, utilizado para bombeo de auga practicamente en todo o mundo e cuxas características haberían de sentar as bases para o deseño dos modernos xeradores eólicos.

Coa introdución da máquina de vapor cara a 1774, a crecente demanda de enerxía oriéntase ós procesos termodinámicos baseados no consumo de combustibles fósiles, caracterizados polo incremento no factor de escala, a garantía de utilización e a liberdade de localización territorial, fronte á servidume asociada á utilización da auga e do vento, necesariamente vinculada a unha localización favorable, fose as beiras dos ríos ou as zonas ventosas.

O desenvolvemento dos muíños de vento interrómpese coa revolución industrial e a utilización masiva do vapor, a electricidade e os combustibles fósiles como fontes de enerxía motriz. Os muíños eléctricos pronto viñeron substituír ós muíños fariñeiros accionados pola forza do vento, do mesmo xeito que a aqueles outros que eran accionados pola auga dos ríos ou do mar.

Na década de 1970, coincidindo coa primeira crise do petróleo, iníciase unha nova etapa no aproveitamento da enerxía do vento. A aplicación das modernas tecnoloxías (en especial, as desenvolvidas para a aviación) deu como resultado a aparición dunha nova xeración de máquinas eólicas, moi perfeccionadas e cuns rendementos que permiten a súa explotación con criterios de rendibilidade económica en zonas de potencial eólico significativo.

A diferenza dos antigos muíños de vento, utilizados fundamentalmente para o bombeo de auga e a moenda de gran, a práctica totalidade das modernas instalacións eólicas oriéntanse cara á produción de enerxía eléctrica, pola facilidade para a manipulación e transporte deste tipo de enerxía e pola súa versatilidade nas aplicacións.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño situárase nun outeiro da entón periferia da cidade, no monte de Santa Margarita, nun emprazamento elevado e aberto a tódolos ventos alí dominantes, os ventos do nordés e os do suroeste.

Construcción:

Sen datos certos; posibelmente antes de 1787.

Abandono:

Sen datos; en 1916 xa aparece no expediente do Parque de Santa Margarita convertido en pombal pola Sociedade Colombófila Coruñesa.

Descrición:

O muíño de vento de Santa Margarita aparece recollido na case exhaustiva obra de Begoña Bas (1990), citado como o único que se conserva dos que houbera na Coruña, grazas a que foi reconvertido en pombal pola Sociedade Colombófila Coruñesa.

Nun plano de Domínguez y Romay de 1787, reproducido na obra “Galicia y el siglo XVIII. Planos y dibujos de arquitectura y urbanismo (1701-1800)”, dirixida por Alfredo Vigo Trasancos, aparece recollido o muíño de vento “de don Joseph Elexalde en Santa Margarita”.

Polo de agora non dispomos de máis datos del. Vaia esta ficha coma aguillada para os investigadores do noso patrimonio cultural, etnográfico e industrial.

Tempo de uso:

Todo o ano ¡sempre que houbera vento bastante!

Sistema de produción:

A distribución non uniforme da enerxía absorbida pola atmosfera e a consecuente formación de gradientes térmicos, é a causa primaria do movemento das masas de aire e por tanto, orixe da enerxía eólica, ou enerxía do vento.

A radiación solar, absorbida irregularmente pola atmosfera, dá lugar a masas de aire con diferentes temperaturas e por tanto, diferentes densidades e presións. Estas masas de aire, ó desprazarse desde as altas cara ás baixas presións, dan lugar ó fenómeno meteorolóxico coñecido como vento.

Coa designación xenérica de enerxía eólica alúdese á enerxía do vento, asociada ás masas de aire que se desprazan sobre a superficie terrestre como resultado da combinación de certos fenómenos termodinámicos que ocorren na atmosfera cos efectos inerciais que se derivan do movemento do planeta.

Por conseguinte, podería entenderse como aproveitamento dos recursos eólicos calquera forma de aproveitamento da enerxía do vento, dos que existen non poucos exemplos: dende a navegación a vela á dispersión de contaminantes atmosféricos. Con todo, é costume agrupar baixo tal designación a conversión da enerxía do vento en enerxía mecánica, e emprégase este termo cada vez con máis frecuencia para referirse á conversión da enerxía do vento en enerxía eléctrica.

Ó actuar sobre as pas do muíño de vento, as masas de aire en movemento ceden ó mecanismo parte da súa enerxía cinética e obrígano a virar ó redor do seu eixo, proporcionando así unha enerxía mecánica de rotación que pode despois aplicarse a distintos fins, como facer virar un muíño, accionar unha bomba, mover unha serra, ou mesmo arrastrar unha dínamo ou un alternador para producir enerxía eléctrica.

Nos muíños de vento construídos en Galicia para moenda de cereais, as aspas están dispostas sobre un eixo horizontal, polo que hai que transferir o xiro mediante unhas engrenaxes a un eixo vertical, que é o que acciona a moa xiratoria. Ademais, o conxunto das aspas pode virarse a vontade do muiñeiro para orientalas enfrontadas ó vento da mellor maneira para o aproveitamento enerxético.

Nalgún caso, como ocorre cos existentes en Catoira, os muíños foron construídos co eixo na dirección dos ventos dominantes no seu emprazamento e sen posibilidade de orientación, dotándoos por iso de pas en ámbolos dous extremos para aproveitar os ventos principais e os seus opostos, que son os que alí sopran habitualmente.

Actividades laborais:

O muiñeiro, e ás veces un axudante eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento do muíño.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Trigo, centeo e maínzo.

Produtos Elaborados:

Fariñas de trigo, centeo e maínzo.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Bas López, B., 1991, Muiños de marés e de vento en Galicia, Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia do Museo de Pontevedra, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL PO-216-1991. ISBN 84-87819-13-3.

Bas López, B., 1997, “Recursos y técnicas en los molinos de Galicia. Una síntesis de las tipologías”, Primeras Jornadas Nacionales sobre Molinología, Organizadas por la Fundación Juanelo Turriano en colaboración con el Seminario de Sargadelos y el Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 22 al 25 de noviembre de 1995, Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 75, Ediciós do Castro, Sada, Coruña, p. 725-734. ISBN 84-7492-862-1.

Cádiz Deleito, J.C., 1992, Molinos de viento. Historia de las máquinas eólicas, ilustraciones de Juan Ramos Cabrero, Empresa Nacional de Electricidad S.A. (ENDESA), Tabapress, Madrid. ISBN 84-7952-096-5.

Caro Baroja, J., 1952, "Disertación sobre los molinos de viento”, Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, VIII, Madrid, p. 212-366.

Caro Baroja, J., 1995, Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias, Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid. ISBN 84-86850-64-9.

Lara Coira, M., 1990, Las energías renovables y Galicia, Gestión Energética de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-404-8124-1. Existe una edición de 1991 en gallego, titulada As enerxías renovables e Galicia, Gestión Energética de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-604-0101-4.

Llano Cabado, P. de, 1983, Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas, Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-85665-08-2.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 671-681.

Reyes Mesa, J.M., 2001, Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, J.M. Reyes y Fundación Juanelo Turriano, Granada y Madrid. ISBN 84-89685-46-0.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-III A Coruña // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 547.662,22 m / Y 4.801.376,06 m

Data de Actualización:

28 ago. 2012