109 A Telleira Arzúa

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ares
  • Parroquia: San Xosé de Ares
  • Lugar: A Telleira
  • Paraxe: A Telleira
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.43726200512363
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.248157501220703
  • Coordeadas UTM: X 560,85 / Y 4.809,65
  • Clasificación: Industria cerámica
  • CNAE: 23.32 Fabricación de ladrillos, tejas y productos de tierras cocidas para la construcción e 23.41 Fabricación de artículos cerám
  • Tipoloxía: Telleira e oleira
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Ría de Ares
  • Acceso: Localízase na marxe esquerda da estrada local AC-130 de Ares a Mugardos e aproximadamente a un quilómetro da vila aresá.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Non (mesmo é peligroso polo seu estado). Pódese mirar bastante ben desde a mesma estrada

Historia:

A telleira Arzúa, que deu o nome de A Telleira ó lugar no que se localiza (parroquia de San José de Ares, termo municipal de Ares, provincia da Coruña) era coñecida desde principios da década de 1930 con tal nome polo apelido do seu propietario, Manuel Arzúa, oriúndo da bisbarra pontevedresa do Rosal, coñecida zona de “cabaqueiros” (telleiros na súa xerga) próxima á vila da Guarda, xa na desembocadura do río Miño.

Ó dicir de don Luciano García Alén, por Ares abundan os terreos arxilosos de estimable calidade. De feito, nun lugar non afastado ó que nos ocupa dise que traballaran uns oleiros procedentes de Buño, que de tanto escavar para extraer o barro formaron o fondal lameiro que hoxe se coñece como “O lago de Ares”.

O barro recollido nos arredores (Chanteiro, Xanes e A Xunqueira) transportábase en carros do país á fábrica, onde se amasaba, moldeaba e secaba, cocéndose despois no forno disposto para ese fin. Ó depender excesivamente da climatoloxía, o oficio era marcadamente estacional, cun claro paroxismo estival, de xuño a setembro, con xornadas de sol a sol de quince horas, para aproveitar o secado natural, que chegaban a ocupar na fábrica ata trinta operarios simultaneamente.

Recibido o barro na fábrica, depositábase nun pequeno recinto circular, onde se amasaba pisándoo reiteradamente (no principio, por un home; despois axudándose de cabalos) ata que adquiría a plasticidade requirida. Transportábase despois o barro xa amasado ao banco do telleiro, onde se lle daba a forma desexada con axuda do apropiado molde de madeira. As pezas elaboradas depositábanse coidadosamente na gran explanada descuberta que rodeaba ó forno, onde secaban pola acción do sol e o aire durante polo menos vinte e catro horas.

As pezas xa secas transportábanse a un espazo cuberto próximo ó forno, onde se acumulaban á espera da cocción. Unha vez cargado o forno, inicialmente cilíndrico e aberto –a imitación dos característicos da zona do Rosal– pechábanse todas as aberturas e quentábase o forno para proceder á cocción do material, proceso que duraba varios días baixo a constante supervisión dun especialista. A tella era o produto principal, chegando a fabricar mil nunha xornada, acadando as cen mil unidades na tempada estival. A área de distribución estendíase desde Miño ata Ferrol, facéndose inicialmente o reparto en carros de bois.

Cara a 1935 o propietario do telleira decidiu diversificar a fabricación de tellas, tixolos, bloques e rasillas e orientar o seu negocio á elaboración de olaría e para iso contratou oleiros de Buño que desenvolveron as súas propias formas de traballo adaptándoas ó forno cilíndrico e aberto co tipo tradicional da súa terra. Esta instalación inicial, totalmente artesanal, contaba cun espazo produtivo cuberto, ademais do forno citado.

A estes primeiros oleiros sumouse pouco despois Hipólito Castaño, quen traballara en figuras de molde na Cerámica Celta de Pontecesures (Pontevedra). Posteriormente, xa na década de 1950, incorporouse o famoso mestre louceiro da Guarda, Francisco Álvarez “O Miúdo” e coa súa chegada modificouse o forno, construíndose dúas cúpulas acampanadas tipo “botella”, tipicamente inglesas, e similares a que segundo parece existía no seu lugar de procedencia.

A produción de Arzúa identificábase inicialmente coas formas típicas de Buño, orientándose con posterioridade cara ás formas propias da zona do Rosal e da Guarda. As vasillas de tipoloxía de Buño fabricadas en maior abundancia foron as cuncas, de medio litro para o caldo, de douscentos centímetros cúbicos para o viño do país, e as “chiquitas” de cento cincuenta centímetros cúbicos para o viño do Ribeiro. Entre as formas da Guarda elaboráronse a “ola catalá”, a “tarteira catalá”, as graxeiras, os escorredoiros e os testos. Fabricáronse tamén figuras decorativas de molde, como ras e leóns, habituais nos mercados.

Cara a 1955, xa baixo a dirección do seu fillo, Juan Arzúa, e do seu xenro, Severino Portela, unha nova construción fabril permitiu a mecanización do proceso produtivo e a adopción dunha produción de tipo industrial. Outro fillo do propietario da Telleira Arzúa, repetiría a experiencia aresán instalándose en Narón e fabricando entre 1950 e 1970 olaría en formas utilitarias de barro ordinario (cántaros, testos, tarteiras) seguindo as xa ben coñecidas formas galaico-portuguesas baixo a dirección do mestre guardés Isidro Oliveira.

A mecanización do proceso produtivo fíxolle perder o seu carácter artesanal, dándolle un cariz claramente industrial. Abandonouse a estacionalidade, empregándose de forma directa un número variable de operarios, entre quince en inverno e vinte en verán, con oito horas de traballo en xornada partida. As cúpulas incorporadas ao forno e as melloras no proceso permitiron reducir o tempo de cocción a tres días, acadándose ata sesenta mil pezas de capacidade de carga. A motorización do transporte ampliou a radio de distribución dos produtos ata chegar as feiras de Santiago e de Padrón.

A produción decaeu notablemente na década de 1960 e o esgotamento do barro nas canteiras tradicionais levou ao peche definitivo en 1971. As instalacións da Telleira Arzúa en Ares, únicas no seu estilo, encóntranse actualmente nun lamentable abandono e ameazan unha inminente ruína.

Construcción:

Pódense diferenciar dúas fases: as primitivas instalacións, dos primeiros anos da década de 1930; a mellora do forno coa construción das "botellas" contra 1955 e a mecanización das instalacións.

Abandono:

Ano 1971

Sistema de produción:

Totalmente artesanal nos primeiros tempos (1935-1955), coñece a modernización cara un procedemento industrial no segundo periodo (1955-1971)

Emprego:

Ata trinta operarios no periodo artesanal (1935-1955) y entre quince (no inverno) e vinte (no verán) na fase industrial (1955-1971).

Materias Primas:

Arxilas (barros finos e barros brutos) das barreiras locais

Produtos Elaborados:

Tellas, tixolos, rasillas, bloques, olas, tarteiras, pezas decorativas.

Distribución e comercialización:

Inicialmente nas localidades próximas, nun arco dende Miño ata Ferrol e en carros de bois. Aló polo 1955, xa motorizada a distribución, chegaban ata as feiras de Santiago e de Padrón.

Referencias Bibliográficas:

García Alén, L., 1983, La alfarería de Galicia, colaboración de Alfredo García Alén y Xosé M. Gómez Vilasó, edición facsimilar del 2008, Catalogación Arqueológica y Artística de Galicia del Museo de Pontevedra, Fundación Pedro Barrié de la Maza, La Coruña. ISBN 978-84-95892-75-1.

Ladra Fernández, X.L., 2006, "As telleiras tradicionais. O exemplo aresán”, Cátedra. Revista eumesa de estudios, nº 14, Pontedeume, Coruña, p. 343-376. ISSN: 1133-9608.

Leiro Lois, A., Daporta Padín, X.R., e Otero Otero, S., 1993. As telleiras (cabaqueiros). Colección Raigame. Vigo: Ir Indo Edicións. DL VG-542-1993. ISBN 84-7680-155-6.

Llano Cabado, P. de, 1983, Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas, Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-85665-08-2.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Editorial Nós, Buenos Aires. Vol. II, p. 671-681. ISBN 84-9745-054-X.

Lorenzo Fernández, X., 1983, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Editorial Galaxia, Vigo. p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-II Ferrol // Fuso 29 / X 560,85 / Y 4.809,65

Data de Actualización:

Setembro 2010