110 Estaleiro de Ramón Bedoya

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Pontedeume
  • Parroquia: Santiago de Pontedeume
  • Lugar: A Ribeira
  • Dirección: Avenida da Marina, s/n
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.411415383082286
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.174911737442017
  • Coordeadas UTM: X 566,84 / Y 4.806,83
  • Clasificación: Estaleiro
  • CNAE: 30.11 Construcción de barcos y estructuras flotantes
  • Tipoloxía: Carpintería de ribeira
  • Comarca: Ría de Pontedeume
  • Acceso: Xa na vila de Pontedeume, encamiñámonos cara a Ferrol pola estrada N-VI e antes de atravesarmos a vella ponte sobre o Eume collemos o camiño que discurre pola beira esquerda do río cara á ponte de ferro do ferrocarril Betanzos-Ferrol. Alí, baixo a ponte estivo o estaleiro de Ramón Bedoya, do que non queda hoxe en día máis que a lembranza.

Tipo de propiedade:

Vía pública

Visitable:

Historia:

Nunha rexión como Galicia, con extensa costa, algunhas lagoas e numerosos cursos fluviais, debe sen dúbida ser case tan antiga como a aparición do home a industria de construción e reparación de embarcacións, aínda que ata o momento só poidamos remontarnos no tempo ata o achado dunha embarcación prehistórica —a monóxila— feita do tronco oco dunha árbore e desenterrada dos lodos prehistóricos da lagoa de Antela.

Desde este remotísimo descubrimento, e sen dubidar de que a construción de embarcacións mantívose activa en tantos séculos escuros, a falla de máis datos obríganos a un prodixioso salto na historia, que nos leva aos albores do século XII, cando as correrías dos normandos e os zanfoneos dos árabes fixeron, por fin, pensar en defenderse no mesmo elemento mariño.

Iniciada a actividade naval militar en Cantabria e Cataluña, a mariña castelá tomou en Galicia as súas primeiras naves, e contra 1122 Diego Xelmírez emprendeu a tarefa de crear a primeira escuadra galega: ordenou traer desde Arlés, Pisa e Xénova expertos en construción de barcos e homes entendidos nas prácticas do mar. Coa construción baixo a dirección do Mestre Oggiero de dúas galeras birremes nos afamados estaleiros de Iria Flavia, establécese a primeira base naval da armada galega no mar de Arousa.

O inicio do século XIV trasládanos á desembocadura do río Belelle no mar de Xuvia (ría de Ferrol) para encontrar os arsenais nos que os carpinteiros de Neda construíron as naves que en 1340 ó mando do capitán Alonso Esquío combateron ós berberiscos no sur peninsular, e cuxa destacada intervención moveu á concesión por Alfonso XI de foros e privilexios á Vila de Neda. Pese a que a crecente competencia ferrolá desde mediados do século XVIII e a paulatina redución do calado da ría aceleraron a súa decadencia, estes estaleiros nedenses mantiveron unha notable actividade ata principios do século XX, para ceder finalmente a testemuña ós grandes estaleiros de Maniños, Barallobre e Perlío.

A finais do século XV, cando os Reis Católicos confirmaron á Vila de Foz as súas franquías e inmunidades, os seus estaleiros eran dos principais de Galicia, destacando tamén nesta época os estaleiros de Pontevedra e –xa a principios do XVI– os diversos arsenais da ría ferrolá fundamentalmente ocupados na construción de galeras para a armada real.

Se xa en 1346 se documenta o transporte de viño desde Ribadeo a Brest, non é de estrañar a solvencia dos seus varadoiros, nos que tamén se reparaban as embarcacións que transportaban madeira a Andalucía e retornaban co valioso sal.

Noia é outra poboación costeira que destaca no século XVII, xunto coas xa nomeadas, pola calidade dos seus estaleiros e varadoiros.

Serían sen dúbida numerosos, ademais destes establecementos principais, os pequenos estaleiros e carpinteiros de ribeira diseminados polas praias e enseadas galegas. Recoñécese incluso como frecuente o desprazamento dos mestres y operarios de algún estaleiros para a construción das embarcacións que se demandaban en circunstanciais emprazamentos que se configuraban como varadoiros para a ocasión.

A pesca e o comercio marítimo souberon das gabarras de Viveiro; as bucetas de O Barqueiro; os barlotes de Bares; os traiñóns de Cariño; os trincados de Maniños e Barallobre; as miñotas de Miño e as sadiñas de Sada; as lanchas de Fisterra; os galeóns de Arousa; as batelas e os anguleiros de Tui; os botes, menuetas, chalupas, gamelas, chalanas, faluchos,pataches… e, por suposto, as dornas: dornas de O Son, de Castiñeiras, de O Grove…

Estaleiros de Domaio, de Baldráns, de Cangas, de Coruxo… Afortunadamente podemos recuperar a memoria de moitos deles nos traballos de Staffan Mörling ou de José María de Juan-García. Non son, sen embargo, demasiados os que hoxe sobreviven á invasión do ferro e, sobre todo, dos plásticos. Aínda estamos a tempo de fixar no recordo a pegada da maioría de eles e aínda quizá de conservar a memoria viva do traballo amoroso de algún dos que, en verbas de Antón Avilés de Taramancos, “na outra banda do mar…están a construír a torre de cristal da miña infancia”.

Construcción:

1943

Abandono:

1992

Descrición:

O estaleiro de Ramón Bedoya Vázquez e o seu pai Constantino Bedoya Picos localizábase en Pontedeume (A Coruña), na ribeira esquerda da desembocadura do río Eume baixo a ponte metálica do ferrocarril Betanzos-Ferrol.

Constantino, canda os seus irmáns, Ramón, José e Antonio, aprendeu o oficio co seu avó, construtor en Perbes de botes polbeiros para Mugardos. Cara a 1936, Antonio García, mestre do dique do Arsenal de Ferrol, orientou a Constantino no oficio de carpinteiro de ribeira, ensinándolle a traballar “por montea”, trazando as diferentes pezas a escala 1:1 coas cotas obtidas do medio modelo. Constantino formou unha pequena sociedade e en 1943 iniciou a actividade do estaleiro eumés cunha concesión de Obras Públicas que lle autorizaba a construción de barcos de ata duascentas toneladas de rexistro bruto. Os seus tres irmáns traballaron entre 1945 e 1985 no estaleiro “Hermanos Bedoya”, na marxe esquerda do río Mandeo ó seu paso por Betanzos (xunto á actual ponte de madeira), construíndo barcos de pesca, de cabotaxe e gabarróns para a area.

Desde o ano 1943 construíronse no estaleiro Bedoya da desembocadura do Eume uns oitenta barcos de pesca e de cabotaxe, ata que en 1992 o desprazamento de area provocado polo cambio de corrente inducido pola construción do dique na marxe dereita da desembocadura, na praia da Magdalena, na veciña Cabanas, obrigou ao cesamento da actividade no estaleiro, sen que os diversos recursos iniciados polos seus propietarios lograsen solución ó problema.

Foron embarcacións de cabotaxe significativa o Breamo, construído en 1954 (24,60 metros de eslora, 6,55 metros de manga e 2,78 metros de puntal, cun arqueo de 139,09 toneladas de rexistro bruto), o Nigrofe, construído en 1956 (24,80 metros de eslora, 6,50 metros de manga e 2,80 metros de puntal, cun arqueo de 128,46 toneladas de rexistro bruto), o Mandeo, construído en 1958 (24,80 metros de eslora, 6,50 metros de manga e 2,90 metros de puntal, cun arqueo de 136,66 toneladas de rexistro bruto), o Mourón, construído en 1959 (28,70 metros de eslora, 7,10 metros de manga e 3,30 metros de puntal, cun arqueo de 209,17 toneladas de rexistro bruto), e o Miranda, construído en 1964 (26,40 metros de eslora, 6,40 metros de manga e 3,00 metros de puntal, cun arqueo de 169,01 toneladas de rexistro bruto).

De entre os pesqueiros poden mencionarse o Villacampa, construído para un armador de Sada (18,00 metros de eslora, 5,10 metros de manga e 1,98 metros de puntal), o General Prim II, construído para un armador de Pontedeume (13,00 metros de eslora, 4,32 metros de manga e 1,79 metros de puntal), e o Elisa Brocos, construído en 1972 (19,00 metros de eslora, 5,50 metros de manga e 2,81 metros de puntal).

A última construción foi unha lancha de dez toneladas de rexistro bruto para un armador de Cedeira, e as instalacións, xa inservibles para o seu propósito orixinal, acabaron por ser abandonadas e as súas modestas edificacións demolidas, acondicionándose a zona e reparándose as ramplas para facilitar o acceso á liña de costa.

Referencias Bibliográficas:

Artime González, A., 1994, La construcción de embarcaciones de madera en los astilleros de Luanco, Museo Marítimo de Asturias, Luanco. ISBN 84-86889-28-6.

Ateneo Ferrolán, 2009. A construcción naval na ría de Ferrol. Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.

Blanco García, J., 2008, Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas, Edicións Nigra Trea, Vigo. DL VG-488-2009. ISBN 978-84-95364-87-6.

Carmona Badía, X., 2009. “El patrimonio industrial maritimo en Galicia: la conservación de la pesca y la construcción naval”. Il patrimonio industriale marítimo in Italia e Spagna. Strutture e territorio (Genova, 26-27 ottobre 2007). A cura di A. di Vittorio, C. Barciela López, P. Massa. Societá Italiana degli Storici dell’Economia e Universitá degli Studi di Genova, p. 167-186. Genova: De Ferrari.

Gil de Bernabé López, J.M., 1984, Guía de la Artesanía de Galicia, Servicio de Publicaciones del Ministerio de Industria y Energía, Madrid. DL M-945-1984, ISBN 84-7474-229-3.

Gil de Bernabé López, J.M., 1988, Galicia Artesana, Editorial Everest, León. DL LE-39-1988, ISBN 84-241-4652-2.

Juan-García Aguado, J.M. de, 2001, La carpintería de ribera en Galicia (1940-2000), Servicio de Publicacións da Universidade da Coruña, Monografías nº 95, Coruña. ISBN 84-95322-71-4.

Juan-García Aguado, J.M. de, 2009. “A carpintaría de ribeira na ría de Ferrol”. A construcción naval na ría de Ferrol. Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán, p. 33-40. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.

Juan-García Aguado, J.M. de, y Rey Fraguela, J., 2008, “Los últimos carpinteros de ribera de Neda”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 11, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 76-85. ISSN 1139-1154.

Lara Coira, M., 2009, “Carpintería de ribera”, Gallegos, número 5, I trimestre 2009, Ensenada de Ézaro, Santiago de Compostela, p. 94-97. D.L. VG-549-2008. ISSN 1889-2590.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: Carpinteiros de ribeira”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Editorial Nós, Buenos Aires. Vol. II, p. 486-491. ISBN 84-9745-054-X.

Lorenzo Fernández, X., 1983, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Editorial Galaxia, Vigo. p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.

Máiz Vázquez, B., y Freire Hermida, E., 2009, As embarcacións tradicionais: do Arco Ártabro a Ribadeo, Museo do Pobo Galego e Edicións Embora, Ferrol. ISBN 978-84-92644-01-8.

Massó y García-Figueroa, J.M., 1992, Barcos en Galicia. De la prehistoria hasta hoy y del Miño al Finisterre, (2ª ed.), Diputación Provincial de Pontevedra, Pontevedra. ISBN 84-86845-7629-3.

Mörling, S., 1989, As embarcacións tradicionais de Galicia, Dirección Xeral de Formación e Promoción Social da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-453-0070-9.

Mörling, S., 2005, Lanchas e dornas. A estabilidade cultural e a morfoloxía das embarcacións na costa occidental de Galicia, Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-453-4130-8.

Pazos Pérez, L.J., 2009. Aqueles barcos de madeira. Carpinterías de ribeira. Apuntamentos para una memoria marítima de Galicia. Pontevedra: Damaré Edicións. ISBN 978-84-935835-8-3.

Santalla López, M., 2003, Las Reales Fábricas de Ferrol. Gremios y barcos en el siglo XVIII, Ilustraciones de Xoán Braxe, Edicións Embora, Ferrol. ISBN 84-95460-32-7.

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Hoja 22-III Pontedeume / X 566,84 / Y 4.806,83

Data de Actualización:

Setembro 2010