112 Azucreira de Portas

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Portas
  • Parroquia: Santa María de Portas
  • Lugar: Souto
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.59034163696724
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.655509948730469
  • Coordeadas UTM: X 528,45 / Y 4.715,60
  • Clasificación: Fábrica de azucre
  • CNAE: 10.81 Fabricación de azúcar
  • Comarca: Caldas
  • Acceso: Sáese da vila de Caldas de Reis pola estrada N-550 dirección Pontevedra. Nada máis pasalo río Umia, cóllese o desvío que hai na man dereita cara a Portas e a eso de un quilómetro e medio xa se atopa a azucreira na marxe dereita da estrada.

Tipo de propiedade:

Municipal

Visitable:

Xestión de visitas:

Pódese visitar exteriormente en calquera momento. As oficinas municipais, gardería, sá de exposicións, auditorio e miradoiro no seu propio horario.

Historia:

Tralo triunfo da Revolución Francesa no verán de 1789, as monarquías europeas, a través dunha sucesión de alianzas, loitaban contra a difusión das ideas revolucionarias e o expansionismo da República Francesa que culminará con Napoleón en 1812. No axitado período vivido por Francia entre 1793 e 1797 coa primeira guerra de coalición (Gran Bretaña, Rusia, Prusia, Austria España, Portugal e algúns príncipes alemáns) unha das innovacións máis notables relacionada coas guerras libradas naquel período foi o desenvolvemento da industria francesa da remolacha azucreira, para substituír o azucre das Indias Occidentais cuxa subministración fora interrompida polo bloqueo británico dos portos franceses ordenado por William Pitt “o Mozo”, primeiro ministro do rei Jorge III.

A industria remolacheira así nacida en Francia –aínda que fosen Prusia e o Imperio Austrohúngaro quen máis desenvolvésena nos anos centrais do século XIX– foi para moitos autores a primeira industria agroalimentaria moderna, que esixía a transformación do sistema de cultivos dun medio moi amplo, substituíndo os produtos existentes por un novo –a remolacha– destinado exclusivamente á venda, ó tempo que a planta esixía un uso intensivo de fertilizantes, o que en conxunto significaba un impulso moi forte á integración mercantil da agricultura.

A primeira fábrica de azucre de remolacha que houbo en España foi promovida por don Juan López-Rubio y Pérez co nome de "Ingenio de San Juan" e construída e posta en funcionamiento en 1882 na veiga de Granada, e iría seguida poucos meses despois pola "Azucarera de Santa Isabel", en Alcolea (Córdoba). Eran industrias pouco competitivas, xa que contra 1889 o custe do quilogramo de azucre española era de setenta céntimos de peseta, fronte os vinte e oito céntimos da industria alamana.

Uns cen anos despois da primeira guerra de coalición absolutista contra a Francia revolucionaria e do desenvolvemento da industria da remolacha azucreira, no ano 1898 España perdía, despois dunha curta guerra cos Estados Unidos de América do Norte, as súas últimas colonias en Ultramar. Desta perda a máis importante será a das illas caribeñas de Cuba e Puerto Rico.

Estas dúas illas, e en particular Cuba (entón o maior produtor mundial de azucre de cana), producían o azucre necesario para fornecer o mercado da España continental. Coa independencia de Cuba, España perdía a súa produción de azucre, que pasaba a ser un produto de procedencia estranxeira e polo tanto gravado por un alto arancel á súa importación.

Nesta situación, finalizada coa independencia da colonia caribeña a subministración privilexiada do azucre cubano de que dispuña o país, algúns empresarios viron na produción de azucre en España unha boa oportunidade para emprender un negocio que lles reportaría grandes beneficios, investindo nel os capitais repatriados coa súa saída de Cuba. Con tales perspectivas, numerosas empresas azucreiras creáronse entón en España, nunha febre expansiva descontrolada do cultivo de remolacha e da construción de refinarías azucreiras que pronto fixo desbordar a oferta e levou ao cabo de pouco tempo ó peche dunha significativa parte delas.

Ás poucas refinarías existentes en España antes da crise colonial, pronto uníronse outras novas. Entre 1899 e 1900 púñanse en marcha oito novas fábricas que sumaban unha capacidade máxima para tratar 2.775 toneladas de remolacha ó día (en Spreckies, California, a maior azucreira do mundo entón era capaz de tratar 3.000 toneladas de remolacha ó día). Entre 1900 e 1901 inaugurábanse outras dezaseis refinarías, cunha capacidade total de 6.075 t/día, e entre 1901 e 1902 eran outras sete as que se sumaban, cunha capacidade de procesado de 2.450 t/día de remolacha. Con este desaforado crecemento, no ano 1902 xa funcionaban en España máis de corenta refinarías de remolacha azucreira.

Nos seus primeiros anos de funcionamento moitas destas fábricas ofreceran grandes ganancias, pero pronto o mercado español viuse incapaz de absorber tan desproporcionada oferta de azucre: en decembro de 1901 había unha produción de 78.875 toneladas de azucre, das que unhas 30.000 toneladas carecían de posibilidades de venda e as compañías azucreiras españolas perdían cinco céntimos de peseta por cada quilogramo de azucre vendido. Nese mesmo ano cultiváronse 120.000 hectáreas destinadas a remolacha, e as fábricas empregaban a uns 20.000 obreiros.

A pesares das perdas, a produción seguiu aumentando (do mesmo xeito que os stocks), chegándose a producir no ano 1903 a cifra de 116.579 toneladas de azucre. O exceso de produción en España, coa conseguinte caída dos prezos e a feroz competencia, xunto a escaseza de materia prima e as dificultades de aprovisionamento e os baixos rendementos nos procesos industriais, levou á concentración da produción nas fábricas máis eficientes e ó peche das que o eran menos.

De tódalas factorías azucreiras que decidiron instalarse en España trala perda das últimas colonias ultramarinas, dous fixérono nunha bisbarra en que se cultivara tradicionalmente o liño, cuns requirimentos de clima e solo semellante ós da remolacha que agora se quería aclimatar. Unha, a "Sociedad Anónima Azucarera Gallega" (constituída na Coruña en 1899, cunha capital de tres millóns e medio de pesetas) establecería a súa fábrica no lugar de Portas, a un quilómetro de Caldas de Reis. A outra, a "Sociedad Anónima Azucarera de Padrón" (constituída en Madrid, tamén en 1899, con tres millóns de pesetas de capital e escasa presenza galega) ergueríase na veiga de Iria, nas proximidades de Padrón e á beira da liña ferroviaria que unía Santiago con Pontevedra. Tras acumular grandes perdas, a azucreira de Portas clausurábase en 1904, e a de Padrón facíao en 1907.

Construcción:

1899

Abandono:

1904

Descrición:

A creación da fábrica de azucre de Portas enmárcase no contexto xeral da evolución do sector azucreiro remolacheiro-azucareiro en España anteriormente descrito. Os primeiros pasos dábanse en febreiro de 1899, cando se constituía na Coruña a sociedade "Azucarera Gallega", empresa promotora da devandita factoría. Na comisión administrativa figuraban persoas relacionadas coa banca, o comercio, a industria e representantes de consignatarias navieiras, como os señores. Ricardo Rodríguez Pastor, José María González, Ricardo Silveira, Manuel López, Evaristo Babé, Andrés García, Luciano Marchesi Buhígas e os irmáns caldenses José e Laureano Salgado Rodríguez. A nova sociedade contaba cun capital social de 3.300.000 de pesetas repartidos entre 3.300 accións de que un 66% pertencían a empresarios coruñeses.

Pouco despois iniciábanse os traballos de construción desta gran fábrica de impresionantes paredes de pedra, configurada por dous edificios cunha capacidade produtiva de 500 t/ano e que daría emprego a 350 homes cando entrase en funcionamento. A súa cheminea, con 65 m de altura, foi durante moito tempo a máis alta de Galicia.

A maquinaria importouse directamente desde Alemaña a través de buques mercantes a vapor que atracaban nos portos de Vigo e Vilagarcía de Arousa, desde os que as máquinas desembarcadas se enviaban por medio do ferrocarril ata Portas, desde onde se autorizou a construción dun ramal ferroviario ata a propia fábrica. Os labores de montaxe da maquinaria na fábrica foron dirixida polo enxeñeiro alemán Emilio Jurges.

As previsións calculaban para este establecemento fabril unha capacidade para procesar unhas 600 toneladas diarias de remolacha. Será a obtención da remolacha un dos principais inconvenientes cos que a priori tívose que enfrontar a empresa. Había que convencer ós labradores das vantaxes que supuña o cultivo desta planta e na prensa galega houbo unha gran campaña na que se publicaron numerosos artigos nos que se daban instrucións para sementar, coidar e recolleitar á remolacha azucreira. A "Azucarera Gallega" subministraba, gratuitamente, ós labradores que se comprometían a cultivar a remolacha, as sementes e os aboamentos minerais necesarios, comprometéndose ademais a proporcionarlles millo de importación a un prezo inferior ó que se podía obter normalmente no mercado. Tamén a empresa propuxo arrendar terreos co fin de encargarse eles mesmos do cultivo, como ben recolle esta nota de prensa (Gaceta de Galicia do 11-III-1900):

"D. Jesús Salgado, de Caldas, proponse tomar en arrendo ata 1.500 ferrados en predios de regular extensión, con obxecto de traballaras pola súa conta para o cultivo da remolacha para a “Azucarera Gallega”. Os arrendos faios por un ou dous anos, pagando ao colono de tres á cinco ferrados de millo por ferrado de terra, segundo as condicións do predio, e entregando millo ou diñeiro, á vontade do interesado. Para os traballos organizará cuadrillas de traballadores coas que contratará as principais faenas. Ningún exemplo práctico mellor que este para demostrar á os propietarios e colonos as vantaxes do cultivo da remolacha, e isto debe abrir os ollos á os que, por desconfianza ou ignorancia aínda non se decidiron á contratar a sementeira coa Azucreira Galega".

A pesar de tantas facilidades, foron moitas as reticencias de moitos labradores para levar a cabo o que a sinatura industrial pretendía que fixesen. Agoireiro, o semanais "A Verdade de Cesures" que dirixía Victoriano Llerena Braña, afirmaba mediado 1900 que "moi malos ventos sopran para as fábricas de Caldas e Iria Flavia. Ao noso xuízo houbo un gran erro en arriscar grandes capitais en construcións inmensas, sen estar seguros da materia prima, pois estes terreos non se prestan ao desenvolvemento das plantacións...".

A primeira zafra da azucreira de Portas produciuse despois do verán do ano 1900 e baixo a xerencia de Marcelino Díaz. Sábese que na campaña de 1901 obtivéronse 300.000 quilos de azucre, mentres que para a campaña de 1903 (a última que faría esta fábrica), esperábase procesar 60.000 toneladas de remolacha, segundo recollía o Diario de Pontevedra do 11 de agosto de 1903, que precisaba que sería o ano en que máis remolacha entraría na fábrica. Aínda que a última zafra da azucreira de Portas iniciábase en outubro de 1903, a conxuntura xeral mencionada e posible deficiencias na súa xestión afundiron a iniciativa empresarial máis ambiciosa do momento no norte da provincia de Pontevedra, e a fábrica dábase oficialmente e de forma definitiva de baixa na Matrícula Industrial do municipio de Portas o 1 de xaneiro de 1904.

Por unhas circunstancias semellantes debeu pasar a igualmente efémera vida da fábrica da Azucreira "de Padrón", situada na parroquia de Santa María de Iria, e que fóra inaugurada de forma oficial o 15 de novembro de 1901, segundo recollía O Faro de Vigo na súa edición do día seguinte, pois desaparecía no ano 1907 tras acumular grandes perdas.

Ademais destas dúas refinarías que se instalaron en Galicia, tamén se pretendeu a instalación de cadansúa azucreiras na Caeira-Poio e en Pontecesures, proxecto que partía da compañía constituída para tal efecto en febreiro de 1899 na cidade de Barcelona. Incluso a casa comercial de Pontecesures "Vda. e Fillos de José Sierra", levou a cabo no ano 1900 unhas probas de refinado para a obtención de azucre de remolacha, que resultaron satisfactorias.

Tralo peche da Azucreira de Portas acontecido en 1904, a maquinaria desmontábase en 1911 e trasladábase a unha fábrica da “Sociedad General Azucarera” en Zaragoza. O edificio serviu como almacén dunha explotación agraria nos anos seguintes á guerra civil española.

Pese ao notable deterioración sufrida nas súas instalacións, a cheminea e parte dos rexos muros da refinaría azucreira de Portas permanecen aínda en pé, e tras a súa adquisición polo Concello de Portas, acollen no seu solar unha gardaría, unha sala de exposicións, un auditorio e un centro de día municipais. Un ascensor polo interior da cheminea permite chegar ao miradoiro que se abre sobre a veiga de Caldas e Portas.

Tempo de uso:

A colleita e acopio da remolacha tiña lugar tralo vrán, e procedíase despois ó procesado nas instalacións fabrís 

Sistema de produción:

Refino de remolacha azucreira.


Proceso:

Recepción da remolacha, pesado e control de calidade.

Lavado da remolacha, eliminación de terra, follas, herbas, etc.

Difusión para extracción da sacarosa da remolacha e separación da polpa e do zume de dilución.

Depuración dos zumes.

Evaporación para a concentración do xarope.

Filtración do xarope e cristalización con separación da melaza.

Secado e almacenamento (granel e bolsas).

Envasado, expedición e distribución.

Emprego:

350 traballadores

Materias Primas:

Remolacha azucreira (semente procedente de Alemaña e Polonia), cunha capacidade de tratamento de 600 t/día (60.000 toneladas rafinadas na zafra de 1903, a derradeira)

Produtos Elaborados:

Azucre de remolacha (azucre branco), cunha capacidade produtiva de 500 t/ano (producíranse 300 toneladas na campaña de 1901).
Pulpa e melaza como subproductos.

Distribución e comercialización:

En toda España

Referencias Bibliográficas:

Azucarera Ebro Agrícolas, S.A., 1998. La industria azucarera en España. Madrid: Azucarera Ebro Agrícolas, S.A.

Cardwell, D., 1996, Historia de la tecnología, Alianza Editorial, Madrid. ISBN 84-2062-847-6.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Seijas Llerena, D., 2005. “Un caso de demografía industrial de principios del siglo XX: las comarcas de Caldas y O Ullán pontevedrés entre los años 1899 y 1921”. Congreso de Historia Económica, Sesión: Demografía Empresarial, Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

Soutelo Vázquez, R., 2009, “Laureano Salgado (1847-1930)”, Empresarios de Galicia, vol. 2, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 196-221. ISBN 978-84-96982-37-6.

Tettamancy Gastón, F., 1900: Apuntes para la Historia Comercial de La Coruña. Edición facsímil de 1994. A Coruña: Ayuntamiento de A Coruña.

La Voz de Galicia, 2010, “Portas estrena al fin el mirador instalado en la chimenea de la azucarera”, La Voz de Galicia, ed. Pontevedra, 25 de julio. ISSN 1888-5136.

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Hoja 152-II Caldas de Reis / X 528,45 / Y 4.715,60

Data de Actualización:

30 setembro 2010