115 Minas de Freixo

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Monforte de Lemos
  • Parroquia: San Miguel de Marcelle
  • Lugar: Freixo
  • Paraxe: A mina
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.45340206101354
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.5046974420547485
  • Coordeadas UTM: Huso 29 / X 623,20 / Y 4.701,40
  • Clasificación: Minaría de ferro
  • CNAE: Extracción de minerales de hierro (07.10 Magnetita Fe2O4 con Hematites Fe2O3 y Goethita Fe2O3H2O).
  • Tipoloxía: Pozos e galerías
  • Comarca: Monforte
  • Acceso: Sáese de Monforte de Lemos cara ó sur, collendo a estrada LU-903 a Doade. A pouco máis de cinco quilómetros, en As Pereiras, tírase a man dereita pola carreteira que leva tras un quilómetro a Santa Lucía, continuando outro quilómetro cara o sur a aldea de Freixo. Pasada ésta continuamos sempre cara o sur e a uns dous quilómetros atoparemos na marxe esquerda da estrada o cargadoiro do mineral e o edificio da mina. Camiñando monte arriba pódense ver os pozos de ventilación e as bocas das galerías.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Externamente

Historia:

O ferro chega ó noroeste peninsular coas dúas invasións (cara ó 950 a.C., a primeira, e cara ó 650 a.C., a segunda) procedentes de Centroeuropa dos pobos portadores da chamada “cultura celta”, pobos que contaban con armas dunha resistencia ata entón descoñecida.

Estes invasores prontos recoñecen a gran experiencia dos pobos autóctonos en traballos metalúrxicos, e identifican grandes depósitos aptos para a obtención de bo metal. A coincidencia destes dous factores favorece a fusión de invasores e invadidos, iniciándose así o florecemento dunha industria fundamental no desenvolvemento na rexión da cultura castrexa, que se manterá aínda durante a romanización.

Os utensilios e as armas de ferro procedentes de Galicia pronto acadan fama en todo o mundo coñecido. Aínda que chegou a aventurarse a idea de que o seu bo tempero e a súa dureza debésense ao contido en volframio, tal idea resulta un pouco desatinada, tendo en conta que nin aquelas forxas podían acadar as elevadas temperaturas necesarias para a fusión do volframio, nin os depósitos de ferro se localizan próximos ós de volframio.

No ano 137 a.C., oitenta despois do desembarco romano na mediterránea Emporion (Ampurias, Tarragona) para cortar as subministracións terrestres de Aníbal durante a segunda guerra púnica, o procónsul Décimo Julio Bruto, que se titularía “Galaico”, inicia a ocupación dos territorios que máis de catrocentos anos despois (desde o 305 d.C. co emperador Diocleciano) pasaría a chamarse Gallaecia.

A gran experiencia mineira acumulada polos romanos lévalles a comprender decontado as grandes posibilidades da rexión (ouro, estaño, ferro), na que crean un enorme couto mineiro que explotarán sen intermediarios, cun Procurator Metallorum que vela polos intereses do Estado mentres a Sétima Lexión Xemelga (Legio Septima Gemina) custodia o perímetro Braga-Astorga-Lugo e o trazado das calzadas principais subordinase ós intereses mineiros do territorio galaico.

Do mesmo xeito que no caso doutros metais, a explotación do ferro coñece nesta época adiantos técnicos importantes. Coa descomposición do imperio, o terreo que cede Roma vai sendo ocupado polas vilas bárbaras; os suevos ocupan Galicia desde o 411, e continúan a herdanza mineira dos romanos aínda que carentes da súa organización e sentido comercial, coa conseguinte decadencia e o refuxio da técnica nos mosteiros.

Entre a ocupación de Lugo por Muza (714) e o arrasamento de Compostela por Almanzor (997), o dominio árabe é moi lixeiro, e no que atinxe á minaría só interésanse polo ouro e as pedras para xoiaría, como os abelorios (berilos) de Viveiró.

Das invasións normandas nesta época, cómpre mencionar a do ano 968, que desde Iria Flavia e tras ser rexeitada en Compostela, acada e ocupa as minas e ferrerías do Cebreiro, o que lles permite fornecerse de armas e guerrear en terra galega durante dous anos.

As loitas feudais e a continua ameaza de invasións orixinan un importante desenvolvemento da minaría do ferro e das ferrerías, que conseguen o perfeccionamento de procedementos e técnicas. Os depósitos entón explotados eran aqueles máis favorables para a redución dos seus minerais coas técnicas ó uso, desenvolvidas nos mosteiros beneditinos (Celanova, documento do 959; Sobrado, do 966; Samos, do 1062) e posteriormente perfeccionadas coa frecuente colaboración dos ferróns vascos (arotzas) desde a primeira metade do século XVI.

Aproveitábanse daquela minerais de alta lei en ferro e baixo contido en fósforo “que agre o aceiro” (acritude, alteración do estado estrutural de equilibrio) e as ferrerías situábanse nos sitios máis axeitados para o aproveitamento das augas dos ríos nos procesos de mecanizado, aireación, arrefriado e tempero; as madeiras de castaño e carballo achegaban a temperatura necesaria e a redución dos óxidos lográbase grazas ao carbón de uz.

A calidade dos aceiros medievais galegos recoñécese en toda Europa, e o porto de Pontevedra configúrase tamén como un dos máis importantes puntos de exportación dos diversos produtos elaborados cos nosos ferros.

Xa na Idade Moderna, o condado de Maceda ostentará durante douscentos anos o dominio dun dos principais veneiros de ferro, o de Formigueiros (Visuña, Folgoso do Courel), desde 1513 ata a súa cesión á Abadía de Samos en contrato datado o ano 1707. Pola súa banda, o condado de Lemos controlaba o outro gran veneiro da época, o de Roques (Ferreiros, Pobra do Brollón).

Trala extracción polos chamados venaqueiros (empregando picos e cuñas ou guillos nos que petaban con pesadas marras) e o calcinado do mineral (practicando un oco grande no solo e mesturando mineral e leña que botaba ardendo horas e mesmo días), o beneficio do ferro desenvolvíase en tres tipos de instalacións, que podían ou non estar unidas e que cumprían funcións distintas.

O mineral xa calcinado fundíase nas ferrerías, obténdose ferro bruto informe ou en lingotes. Os propietarios arrendaban a ferrería ó ferrón e este contrataba ó equipo de produción: o mestre ou aroza; o tirador, que sacaba o ferro do forno e o traballaba no mazo; os fundidores, que atendían ó forno; e o tazador, aprendiz encargado de esmiuzar a vea para que fundise mellor.

De seguido o ferro bruto labrábase ou estiraba nos mazos (tamén chamados machucos ou picapeixes). O mazo atopábase xeralmente a carón da ferrería aínda que existiron tamén mazos illados que debían xa que logo contar cun forno para quentar o ferro.

Finalmente, nas fraguas ou forxas os ferreiros transformaban o ferro en diversos obxectos de uso común: cravos, ferraxes, reixas de arado, apeiros de labranza, etc. As máis das veces ferrería, mazo e fragua eran partes diferenciadas dunha única instalación, aínda que como se ten dito podían ser independentes e mesmo atoparse afastadas unhas das outras.

A demanda de ferro redúcese notablemente unha vez finalizadas as guerras irmandiñas (1469) e a reconquista peninsular (1492), e pese ó intento de reactivación da minaría mediante unha pragmática outorgada en Valladolid o 10 de xaneiro de 1559 pola princesa gobernadora dona Juana, que se traduce nun aluvión de solicitudes que obriga vinte e cinco anos despois á redacción das chamadas “Ordenanzas de Felipe II” para a regulación do sector, a realidade é que non se acadan os obxectivos pretendidos ó resultar máis rendible (tamén para a Coroa) a explotación dos minerais americanos, e en consecuencia o século XVII caracterízase por un novo abandono da minaría, acentuado se cabe polo auxe agrícola coa adaptación do terreo ao cultivo do millo e a pataca.

A sobreexplotación madeireira e a crecente dificultade para obter carbón vexetal, o avellentamento das técnicas utilizadas e a competencia pola introdución noutros países dos procedementos siderúrxicos indirectos ó forno alto aceleran o declive da ferrería tradicional e a decadencia da minaría férrea en Galicia.

Co século XVIII iníciase o despegue da industria mineira galega, activado por tres factores fundamentais como foron a utilización da pólvora no avance de pozos e galerías, o emprego da máquina de vapor (1712) e, máis tarde, a evolución da ferrería (forno baixo, fragua ou forxa á catalana) ó forno alto (Sargadelos, 1791).

O século XIX vese envolto, case sen interrupción, por continuos conflitos bélicos, desde as guerras napoleónicas ata a perda das últimas colonias ultramarinas, Cuba e As Filipinas, pasando polas contendas carlistas. Tras a morte do seu creador (1809) a siderurxia de Sargadelos acada as súas máximas producións, pero a falta de renovación das súas instalacións, a desforestación, a crecente dificultade na explotación dos depósitos férreos e, sobre todo, a maior competencia de materiais procedentes doutras rexións ó quedar Galicia comunicada por ferrocarril (1883, Coruña-Ponferrada), aceleran a decadencia do complexo siderúrxico lugués.

Aínda que aínda foron numerosos os depósitos de ferro que se explotaron desde entón nun último esplendor (Abeledo, Pena do Corvo, Santar, Roupar, Ferreiras, Fonsagrada, San Clodio, Reinante, Incio… ), a minaría do ferro en Galicia conta con tres senlleiros e magníficos exemplos serodios que foron explotado racional e sistematicamente desde finais do século XIX ata mediados do XX.

As minas de Freixo (Monforte de Lemos, Lugo), documentadas xa desde o século XV, coñeceron tempos de esplendor desde o ano 1913 ata o seu peche en 1958, extraéndose magnetita para a súa exportación a Inglaterra e Alemaña desde os embarcadoiros de Rande (Redondela, na ría de Vigo).

Nas minas de Vilaoudriz (A Pontenova, Lugo) desde 1866 ata 1960 extraérase hematites, xunto con goethita, siderita e pirita; o mineral calcinábase nuns fornos situados na bocamina e un ferrocarril construído ex profeso trasladaba os concentrados ata o porto de Ribadeo, onde se embarcaban para os seus destinos finais en Inglaterra e Alemaña.

En terceiro lugar, as minas de ferro da Silvarosa (Viveiro, Lugo) beneficiaron magnetita con hematites e goethita desde 1893 ata 1960. O mineral extraído transportábase mediante un funicular bicable ata o cargadoiro de Ínsua, xa na ría de Viveiro, desde onde se despachaba en buques ós habituais destinos en Inglaterra e Alemaña.

Pode concluírse que o ferro foi un dos principais impulsores da industrialización en Galicia, con dúas etapas claramente diferenciadas: unha primeira desde a época romana ata a conquista de América; e unha segunda desde finais do século XVIII ata mediados do século XX. Os estudos realizados como consecuencia do illamento internacional sufrido por España trala Segunda Guerra Mundial, evidencian o interese destes depósitos de ferro polas súas posibilidades de explotación e posterior transformación, pero deixaron igualmente claro que tal explotación non sería competitiva mentres fosen accesibles minerais doutros depósitos, con prezos inferiores, altas leis e baixas impurezas.

Construcción:

Antes do século XV

Abandono:

1958

Descrición:

As minas de ferro de Freixo, atópanse na parroquia de San Miguel de Marcelle do concello de Monforte de Lemos (Lugo). Os documentos máis antigos xa falan das minas no século XV, cando eran explotadas para fornecer ás ferrerías que provían de material e armamento ó primeiro Conde de Lemos, Pedro Álvarez Osorio.

Algúns séculos máis adiante, con capital procedente dos emigrantes establecidos na República Arxentina constituíase en 1913 a “Compañía General Minera de Galicia”, co obxectivo de “explotar las minas de hierro de Freijo (Monforte)”.

As minas están situadas sobre unha corrida duns dous mil metros con rumbo noroeste a sueste na que se integran catro capas con potencias entre medio metro e dous metros e medio. O mineral (magnetita, Fe2O4) presenta dominio dos carbonatos, coa seguinte lei: Fe 53 a 60%; SiO2 4 a 8%; P 0,6 a 0,8%. A súa explotación contou cunha eficiente dirección técnica e con bos recoñecementos mediante doce galerías que suman case seiscentos metros escavados.

Ó fronte da mina atopábase o enxeñeiro alemán e vicecónsul de Alemaña en Monforte de Lemos don Frederic Wilhelm Cloos, que xunto con técnicos tamén alemáns dirixiu con gran eficacia os labores mineiros que permitiron subministrar ferro ó seu goberno tanto na primeira (1914-18) como na segunda (1939-45) guerra mundial.

Nos primeiros tempos o material transportábase por medio de vagonetas suspendidas de cables desde a bocamina de Freixo ata a estación ferroviaria de Canaval (uns oito quilómetros), no veciño concello de Sober (Lugo), e de aquí levábase por ferrocarril ata ó porto de Vigo (uns cento cuarenta quilómetros), do que marchaba por mar ata Alemaña.

No ano 1924 constituíase en Madrid a compañía “Minerales de Hierro de Galicia”, vinculada a capital de orixe alemán. Para mellorar a loxística do transporte do mineral de Freixo ata os barcos, constrúe en Rande, na mesma ría de Vigo, o cargadoiro máis antigo que alí se coñece, chamado “do alemán”.

O primeiro cargamento de mineral de ferro extraído na mina de Freixo para a industria alemá que embarcou no cargadoiro de Rande fixérao en 1926 no vapor Estoril, como recollera o famoso fotógrafo ourensán-vigués Pacheco. Durante a Segunda Guerra Mundial tamén se cargaría aquí o volframio procedente das minas galegas e o ferro das leonesas (como do Coto Wagner, en Ponferrada). O cargadoiro caería despois en desuso e a parte construída en ferro que metíase no mar foi desmantelada; porén aínda hoxe pódese ver o resto da estrutura construída en pedra e formigón.

En 1960 iniciábase en Rande a construción doutro cargadoiro máis moderno, formado por tres plataformas unidas a terra por unha estrutura metálica que dispuña dunha cinta transportadora. Pertencía á empresa “Minero Siderúrgica de Ponferrada, S.A.”, que o empregaba para embarcar o ferro (do Coto Wagner) e o carbón (de Laciana e do Bierzo), que chegaban por tren procedentes de Ponferrada para seren exportados a Inglaterra e Alemaña, fundamentalmente. Este segundo cargadoiro mantivérase operativo ata mediados da década do 1970.

As minas de Freixo foron de grande importancia económica e social para a comarca monfortina, podendo entenderse mesmo como un dos piares nos que se sustentou a economía local, nomeadamente durante as dúas guerras mundiais, cando extraérase unha gran cantidade de ferro para a industria alemá. A súa actividade decaeu notablemente na década de 1950, e aló polo ano 1958 pechaban definitivamente. A cantidade explotada calculouse en quince mil toneladas e, desgraciadamente, a explotación non seguiu adiante porque á xa escasa potencia das capas sumábase unha excesiva distancia –uns cento cincuenta quilómetros– ós portos de embarque.

Materias Primas:

Mineral de ferro (magnetita)

Distribución e comercialización:

Por medio dunhos baldes ou vagonetas suspendidas de cables o mineral baixábase dende a boca da mina de Freixo ata a estación do ferrocarril de Canaval, xa no termo municipal de Sober e a uns oito quilómetros da mina. No ferrocarril levábase ó porto de Vigo nos primeiros tempos, e máis adiante ata o cargadoiro de Rande, en Redondela, tamén na ría de Vigo, donde se embarcaba con destiño ós portos de Alemaña. 

Referencias Bibliográficas:

Aira Pardo, F., y Casanova Otero, J.R., 2009. Minas de Freixo [en línea]. Disponible en Internet: http://www.jrcasan.com/MONFORTE/freixo/minas.htm [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Cueto y Noval, R. del, 1928, La minería de la región gallega, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Daporta Padín, X.R., et al., 1980, Galicia en mapas, Escola Aberta, Coruña. D.L. C-630-1980. ISBN 84-300-3088-3.

González Pérez, C., 1994, A producción tradicional do ferro en Galicia: as grandes ferrerías da provincia de Lugo, Debuxos de José Pena, Servicio de Publicacións da Deputación Provincial, Lugo. ISBN 84-86824-49-4.

Hernández Sampelayo, P., 1922, Hierros de Galicia, tomo I, Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1931, Hierros de Galicia, tomo II, Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1934, Geología gallega (Discurso de ingreso en la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales), Gráficas Reunidas, Madrid.

Hernández Sampelayo, P., 1935, Hierros de Galicia, tomo III, Gráficas Reunidas, Madrid.

Lara Coira, M., 2010: “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Migueles González, J., 2009. As antigas empresas. Anecdotario Redondelán [en línea]. Disponible en Internet: http://anecdotarioredondelan.jimdo.com/as-antigas-empresas/ [Último acceso 21 de agosto del 2009].

La minería de Galicia, 1991, Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia, Galaxia, Vigo. D.L. VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Schulz, G., 1835. Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país. Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Ediciós do Castro, Sada, Coruña.

Vázquez Vaamonde, M.C., 1996. La metalurgia en Galicia de los siglos XVIII al XX: ferrerías, fundiciones y forjas. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago.

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Hoja 189-I Torbeo / X 623,20 / Y 4.701,40

Data de Actualización:

4 outubro 2010