118 La Minerva ou La Concepción

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Caldas de Reis
  • Parroquia: San Andrés de Cesar
  • Lugar: A Baxe
  • Paraxe: A Torre do Río
  • Dirección: A Baxe, Caldas de Reis (Pontevedra)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.60945748150691
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.62176239490509
  • Coordeadas UTM: Huso 29 / X 531,10 / Y 4.717,80
  • Clasificación: Fabricación de papel
  • CNAE: 17.12 Fabricación de papel y cartón
  • Tipoloxía: Papel continuo
  • Comarca: Caldas
  • Marco Xeográfico: Curso medio do río Umia
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Caldas de Reis cóllese a estrada nacional N-640 cara a Cuntis e a algo menos de dous quilómetros apartamos á man dereita pola estrada provincial PO-221 que leva a Campo Lameiro. A uns douscentos metros crúzase unha ponte por riba do río Umia, e nada máis cruzala xa temos na marxe esquerda da rúa a entrada ás instalacións de "A Torre do Río".

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Ocasionalmente, previa autorización

Xestión de visitas:

Coa previa autorización dos donos. Contacto nas propias instalacións.

Historia:

Alá polo ano 105, Tsai Tsai-Lun lograba crear en Lei-Lan (Honan, no corazón de China) o primeiro papel fabricado a partir de fibras vexetais extraídas de trapos, redes de pescar, cáñamo e bambú. O seu coñecemento foi estendéndose pola ruta da seda, ata que no ano 751 os musulmáns capturaban preto de Samarcanda (Uzbekistán) a algúns artesáns chineses coñecedores do oficio, que o ensinarían ós seus captores a cambio dun trato privilexiado. Desta forma, o papel –ata entón monopolio dos chineses– pasou a Occidente da man dos árabes, que instalaron muíños papeleiros en toda a Asia Menor e norte de África.

Despois da gran fábrica de papel que se construía en Bagdad (Iraq) no ano 793, a fabricación chegaba á Meca, a Damasco e, vía O Cairo, a Fez (Marrocos), onde no ano 1200 contaban con catrocentas moas de refinamento en funcionamento. A través de Córdoba e Toledo (España) o papel introduciríase en Europa. A primeira referencia indiscutible dun muíño papeleiro na Península Ibérica é do ano 1056 nas aforas de Xàtiva (Valencia), onde Abu-Masafya contaba con vinte operarios que empregaban liño de Valencia como materia prima, fabricando un papel de gran calidade.

En 1189 introducíase a fabricación de papel en Francia, e en 1230 en Italia (Xénova, Bologna e Fabriano). O ano 1390 funcionaba en Nuremberg o primeiro muíño papeleiro alemán. Cara a 1494 introducíase en Inglaterra, e a finais do século XVI chegaba a Rusia, Estados Unidos e Suecia. Foi lenta a súa introdución en Europa, tanto polo seu prezo (durante moito tempo equiparable ó do pergameo) como polos prexuízos de quen consideraban o seu uso indebido por estar fabricado por xudeus e árabes.

O proceso tradicional de fabricación do papel pode describirse diferenciado nas súas cinco etapas fundamentais:

- preparación da materia prima (fundamentalmente trapos): aventado, clasificación, esgazado, abatanado e fermentación en auga con cal;

- preparación da pasta nas pilas desfacendo as fibras cos mazos do muíño: trinchado, afinado e refinado;

- formación das follas de papel na tina, filtrando coidadosamente co molde ou forma a pasta xa refinada;

- prensado das follas para eliminar a auga residual;

- secado das follas.

Os talleres contaban tamén con zonas complementarias, como a de encolado (aplicación a unha ou ás dúas caras da folla dunha fina capa dunha pasta especial –carga– para igualar a superficie, encher os poros e dar un certo grao de impermeabilidade ó papel, facéndoo resistente á auga e ós líquidos) e a de satinado (modificación do acabado do papel xa seco pasándoo mediante golpes de maza, brunido con pedra ou madeira puída, ou prensado con calor) para a preparación final de papel de diferentes calidades: fino ou groso, forte ou brando, absorbente ou repelente, secante, de escritura ou de impresión.

Agás a introdución da pila holandesa ou cilindro refinador (desfibradora inventada en Holanda cara a 1670) como único perfeccionamento significativo, este lento e laborioso proceso tradicional de fabricación manual do papel duraría ata finais do século XVIII. Corría o ano de 1803 cando se puña en marcha en Frogmore (Inglaterra) a primeira máquina de táboa plana para a fabricación de papel continuo. Tratábase dunha evolución do prototipo construído en 1798 polo francés Louis-Nicolas Robert, perfeccionado fundamentalmente polo mecánico inglés Bryan Donkin financiado nos seus traballos polos irmáns Fourdrinier.

O papel non saía seco da máquina, polo que había que cortalo e secalo ó aire, á maneira tradicional. As innovacións continuaron e en 1819 instalábanse en Weida (Turingia) os primeiros cilindros secadores por vapor, e en 1826 Canson introducía en Vidalon (Francia) os cilindros ou prensas aspirantes, mentres que Bergue en 1840 completaba cos areeiros as innovacións no proceso, co que a máquina continua podía considerarse plenamente desenvolta.

O acceso a tecnoloxía estranxeira implicaba a chegada de man de obra cualificada, pois as deficiencias do ensino técnico español obrigaban á presenza de especialistas foráneos para a formación de expertos españois.

A variedade de pedidos de produtos diferenciados –e sempre a escala reducida– determinaban a lentitude da mecanización e a súa baixa especialización, polo que en España se buscaba a versatilidade da pequena fábrica, para poder pasar dun produto a outro con axilidade.

Outra dificultade radicaba na dotación de recursos, tanto materias primas como enerxía. Os contemporáneos queixábanse dos altos prezos dos trapos (35 ó 50% do custo do papel) e produtos químicos, e das dificultades de circulación dun produto de baixo valor e elevado volume (os trapos) pola ineficiente rede de comunicacións españolas. Os trapos importábanse de Italia e o cloruro de cal de Francia, necesitándose ademais cloro, acedos, sosa cáustica, resinas e colorantes, de orixes diversas aínda que tamén maioritariamente importados.

Como referencia da situación, preséntase a continuación unha comparación do ano 1866 entre os custos de fabricación de 700 toneladas de papel continuo en España e no estranxeiro, valorados en reais de vélaro.

 

España

Estranxeiro

Trapo e alpargatas

1.363.600

974.000

Produtos químicos

397.124

216.962

Carbón

269.500

30.800

Man de obra

154.000

134.000

Outros

621.927

356.290

Total

2.806.151

1.712.052


Ante esta insostible situación buscáronse sucedáneos dos trapos, como o esparto, iniciativa que fracasou polos altos custos de transformación en España (necesitábase para iso carbón, cloruro de cal e sosa), mentres que os atochales españois alimentaban as fábricas británicas, con custos de transformación sensiblemente menores pola significativa economía do carbón e dos produtos químicos.

A elaboración de pasta de madeira, iniciada en España cara a 1880, supuxo o principio da fin das vellas papeleiras que empregaban trapos como materia prima, que non puideron resistir o pulo da nova competencia.

Descrición Xeral do Entorno:

As instalacións atópanse nunha lingua de terra rodeada polo río Umia case por completo, configurando un istmo.

Construcción:

1862

Abandono:

Como fábrica de papel continuo deixou de traballar contra 1899.

Descrición:

Dise que no lugar da Baxe, parroquia de San Andrés de Cesar del Ayuntamiento de Caldas de Reis (Pontevedra) había unha torre ruinosa –A torre do río– con cuxos restos a familia Rivero de Aguilar mandara construír o muíño papeleiro que se convertería poucos anos despois na fábrica de papel continuo “La Concepción”, instalacións que foron as primeiras deste tipo en Galicia e que se puxeron en funcionamento en 1862, aproveitando as augas do río Umia para mover dúas turbinas que arrastraban seis cilindros trituradores e elaboraban papel continuo nunha máquina tipo Fourdrinier.

Con anterioridade parece que xa se comercializaba papel elaborado seguindo o método descontinuo tradicional, pois a fábrica cítase por Madoz en 1847 e aparece no mapa de Coello de 1857. Xa no Indicador de 1867 aparece como tal fábrica de papel continuo, propiedade de don Nicolás Rivero de Aguilar e situada “a unha hora do porto de Carril”.

Don Carlos Javier Iglesias Castelao fíxonos chegar no verán do 2011 a seguinte noticia, transcrita do artigo publicado no Diario de Santiago do 1 de agosto do 1876:

"Los señores D. José Varela López de Limia, D. Francisco Javier Alsina Román, D. Tomás González y D. Olimpio Pérez Rodríguez han formado Sociedad regular colectiva bajo la razón social Varela, Alsina, González, Pérez, con domicilio en Santiago para explotar la fabricación de papel continuo, habiendo adquirido para ello la fábrica La Minerva que perteneció al Sr. Rivero de Aguilar, sita en San Andrés de César á las inmediaciones de Caldas de Reyes y que á lo sucesivo se denominará La Concepción [...]. El Diario de Santiago empezará muy en breve á hacer uso del papel de dicha fábrica".

En 1877 a fábrica aparece citada como propiedade dos señores Alsina, González e Pérez, e con eles continuou a elaboración dos seus variados produtos (papel de escribir, satinado, recortado e de barba; de cores; de imprimir; de fumar; de envolver; de estraza) ata desaparecer cara a 1899, non aparecendo xa citada no anuario Bailly-Bailliere de 1900.

Segundo noticia de cara a 1904, a vella fábrica de papel fora adquirida para a súa transformación en fábrica de fiados e tecidos de algodón, sen que dispoñamos de maior información polo momento.

Cara a 1950 funcionaba nela un serradoiro de madeira con tres serras accionadas por unha pequena turbina hidráulica, ademais duns muíños fariñeiros con catro pedras.

As instalacións foron rehabilitadas para a súa utilización como aloxamento hoteleiro, iniciando o seu funcionamento no ano 2009.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo dos caudais do río.

Sistema de produción:

Fabricación de papel continuo nunha máquina tipo Fourdrinier

Actividades laborais:

Emprego principalmente feminino na limpeza e selección dos trapos. Man de obra maioritariamente masculina no resto das tarefas e no mantemento da maquinaria.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Trapos.

Produtos Elaborados:

Papel de escribir, satinado, recortado e de barba; de cores; de imprimir; de fumar; de envolver; de estraza.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Asunción Pastor, J., 2002, El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración, Parramón, Barcelona. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Basanta Campos, J.L., 1966, “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. D.L. M-13650-1964.

Bailly-Bailliere e hijos, 1895 a 1937. Almanaque Bailly-Bailliere. Pequeña enciclopedia popular de la vida práctica. Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Gayoso Carreira, G., 1965, “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. D.L. M-13650-1964.

Gayoso Carreira, G., 1994, Historia del papel en España, 3 vol., 2ª ed. 2006, Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, Lugo. DL S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

Gutiérrez i Poch, M., 1999. «L’Espagne est encore dans l’enfance. Máquinas francesas y fracaso español. La mecanización de la industria papelera española (1836-1880)», Doctor Jordi Nadal. La industrialització i el desenvolupament econòmic d’Espanya. 2 vols. Carreras, Pascual, Reher y Sudriá (eds.). Barcelona: Universitat de Barcelona, p. 1.258 y sigs. DL B-19.849-99. ISBN 84-475-2146-X.

Iglesias Castelao, C.J. (cicastelao@yahoo.es), 16 de julio del 2011. Nuevo registro en Buxa. Correo electrónico para M. Lara Coira (mlara@asociacionbuxa.com).

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Viñas y Campi, 1866, El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas, Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Hoja 152-II Caldas de Reis // Huso 29 / X 531,10 / Y 4.717,80

Data de Actualización:

16 xullo 2011