119 Fábrica do Castro ou de Fontán

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Lousame
  • Parroquia: San Xoán de Lousame
  • Lugar: O Castro
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.79266878229961
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.847277164459229
  • Coordeadas UTM: Huso 29 / X 512,48 / Y 4.737,79
  • Clasificación: Fabricación de papel
  • CNAE: 17.12 Fabricación de papel y cartón
  • Tipoloxía: Muíño papeleiro de elaboración discontinua en pías
  • Comarca: Noia
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: No quilómetro 23 da estrada AC-308 (antiga LC-301) de Padrón a Noia, cóllese na man dereita o desvío ó lugar de Castro, e dende alí un camiño de uns catrocentos metros lévanos ata o portal da fábrica.
    Pódese tamén chegar dende a estrada AC-543 de Santiago a Noia. Pasado San Xusto hai que colle-lo desvío cara a Sampaio, e de alí por Baña e Béxeres chegaremos ó Coto do Agro. A mitade de camiño entre o Coto do Agro e Albariza colleremos unha pista a esquerda que baixa cara ó río de Vilacoba. Crúzase a ponte e camíñanse uns cen metros subindo cara o monte do Castro... e alí atoparemos as ruinas da fábrica de Fontán.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A fábrica de papel do Castro aproveitaba as augas do río de Sóñora, tamén chamado do Castro, de Vilacoba, ou de Os Batáns (polo gran número que deles houbo), localizándose na súa marxe esquerda, a uns trescentos metros ao noroeste do lugar de Castro, na parroquia de San Xoán de Lousame, termo municipal de Lousame na provincia da Coruña.

A “Fábrica de Papel del Castro de Lousame” fundábase o 24 de setembro de 1810 por Esteban Campero e Leys, Alberto Antonio Torrado e Domingo Antonio de Castro. Iniciada a súa construción rexístrase en novembro dese mesmo ano un embargo polos seus promotores ante a xustiza da vila de Noia (A Coruña) da saca de pedra que do mesmo monte de O Castro pretendía don Peregrino Riva coa desculpa de necesitar ampliar a súa fábrica de papel no próximo lugar de Brandia, pero coa clara finalidade de dificultar a chegada ó mercado dunha nova industria competidora.

Coa fábrica xa en produción, o 14 de novembro de 1828 un dos seus accionistas, Rosendo Fontán Oliveiras, cede as súas accións ó seu cuñado e cura párroco de Noia, Sebastián Rodríguez Blanco, quen se encargara da educación dos seus dous fillos homes, Andrés e Domingo. O 27 de novembro de 1828, Sebastián Rodríguez Blanco facía doazón das devanditas accións ós seus sobriños, os ditos Andrés e Domingo Fontán Rodríguez, reservándose en usufruto a metade dos seus beneficios.

O 15 de marzo de 1843 morría en Noia seu cura párroco, deixando como únicos herdeiros ós seus sobriños Andrés e Domingo, quen mediante os fondos obtidos coa devandita herdanza terminaron de adquirir case na súa totalidade a parte da fábrica de papel do Castro de Lousame que aínda se encontraba en mans dos demais socios.

No ano 1845 terminábase o gravado da Carta Xeométrica de Galicia, con Domingo Fontán xa establecido en Santiago de Compostela e dedicado co seu irmán Andrés, residente en Noia, ó goberno da Fábrica de Papel do Castro de Lousame, para o que acaparaba partidas de trapo vello na súa casa da rúa Acibecharía e na da rúa do Vilar como materia prima para a fabricación de papel.

En maio de 1857 Domingo Fontán e o seu irmán Andrés facíanse coa totalidade das participacións da Fábrica de Papel do Castro, que tras o falecemento de Andrés en 1861 xa aparece no “Indicador ”de 1864 como propiedade de Domingo Fontán Rodríguez. O 24 de outubro de 1866 don Domingo falecía na vila de Caldas de Cuntis (Pontevedra) a onde acudira a tomar as augas ó sentirse indisposto.

Recolle Gonzalo Gayoso que un incendio destruíu a fábrica a principios de 1857, aínda que foi restaurada e novamente posta en marcha, pero unha recente comunicación de don Miguel Ángel Camargo Sánchez, patrón da Fundación Domingo Fontán (www.fundaciondomingofontan.com), indícanos que “nunca houbo un incendio na fábrica do Castro”.

En calquera caso, a fábrica seguiu traballando e nos anuarios “Bailly-Bailliere” de 1879 a 1888 aparece como propietario Manuel Fontán Riva, e de 1900 a 1912 figura a nome do seu irmán Rosendo, fillos ambos os dous de don Domingo. A fábrica xa non aparece citada nas Estatísticas da Industria do Papel de 1934 nin tampouco nas de 1943.

A fábrica tamén é coñecida como “A fábrica de Fontán”, por ser o ilustre matemático e xeógrafo Domingo Fontán Rodríguez un dos seus propietarios, sen dúbida o máis importante, como parece corroborar unha filigrana de 1841 na lese “Castro de Noya Fontán e CA” que reproduce o historiador Gonzalo Gayoso no seu magnífico traballo.

As ruínas desta fermosa construción parecen pedir unha intervención que devolva ás súas instalacións algún tipo de utilidade para recreo da cidadanía.

Construcción:

1810

Abandono:

Cara a 1920

Descrición:

O proceso de fabricación de papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto, como a estraza ou a estracilla.

Acumulada a cantidade de trapos suficiente para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro, engadindo auga e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ó meter a man”. Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos, con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ó muíño de mazos.

Un apresamento construído nunha revolta do río de Vilacoba permitía derivar as augas a unha canle construída na súa marxe esquerda, que tras un percorrido duns seiscentos metros rodeando o monte do castro, conducíaas ás instalacións da fábrica de papel, onde vertíanse sobre unha xigantesca roda hidráulica vertical de máis de tres metros de diámetro.

Esta roda motriz, do tipo gravitatorio de caixóns ou arcaduces, levaba o seu eixe erizado de levas que accionaban os mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se colocaran os trapos cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a estancia no podredoiro.

Descoñécese a configuración precisa e detallada das instalacións, aínda que pola época da súa construción é moi posible que contase xa con tres grupos de mazos diferenciados para os labores específicos de esfiañado (tres pías de esgazado), afinado (dúas pías de moenda) e desleído (unha pía de homoxeneización da pasta) tras as que se obtiña a polpa ou pasta para a elaboración do papel.

Unha vez obtida a pasta de papel procedíase ó seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a través do mallazo, pero as fibras nel retidas ó enfurtirse formaban unha folla de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida, rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario.

Retirados os pregos dos moldes poñíanse en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os saiales. Despois procedíase ó seu prensado, en prensa ou entre roletes, para escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ó aire.

O papel xa seco, que pola súa gran porosidade resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ó proceso de encolado co zume obtido ó espremer desperdicios xelatinosos de animais moi cocidos. Tras un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado ó aire, o papel “de barba” (polas barbas que quedaban ó sacalo do molde) traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á venda.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Discontinuo, con elaboración manual en pías.

Materias Primas:

Trapos

Produtos Elaborados:

Papel de diversas calidades

Distribución e comercialización:

Distribución comarcal e rexional centralizada en Noia, e posiblemente partidas despachadas ós países americanos.

Referencias Bibliográficas:

Asunción Pastor, J., 2002, El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración, Parramón, Barcelona. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Bailly-Bailliere, 1879. Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal, publicación anual desde 1879, Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Basanta Campos, J.L., 1966, “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. D.L. M-13650-1964.

Basanta Campos, J.L., 1999, “La fábrica de papel de Soutorredondo, en Noia, provincia de A Coruña”, Actas del III Congreso Nacional de Historia del Papel en España, Banyeres de Mariola, Alicante, 1 al 4 de septiembre de 1999, Asociación Histórica de Historiadores del Papel, Consell de Cultura, Educació i Ciéncia de la Generalitat Valenciana, p. 357-394. D.L. CU-316-1999. ISBN 84-482-2243-1.

Camargo Sánchez, M.A. (fdfr1866@gmail.com), 7 de octubre del 2010. Fábrica del Castro. Correo electrónico para Manuel Lara (mlara@asociacionbuxa.com).

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-95892-38-3.

Fundación Domingo Fontán, 2009. “Resumen biográfico de Domingo Fontán”, Fundación Domingo Fontán [en línea]. Disponible en Internet: http://www.fundaciondomingofontan.com [Último acceso 16 de octubre del 2010].

Gayoso Carreira, G., 1965, “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. D.L. M-13650-1964.

Gayoso Carreira, G., 1994, Historia del papel en España, 3 vol., 2ª ed. 2006, Lugo: Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, p. 195. D.L. S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

González Tascón, I., 1987, Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros, Madrid. ISBN 84-7790-147-3.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Ministerio de Industria y Comercio, 1934. Estadísticas de la industria del papel y cartón, publicadas de 1934 a 1943, Madrid.

Miñano y Bedoya, S. de, 1826-1828, Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, 11 vol., Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.

Servicio Sindical de Estadística, 1966. Catálogo de empresas y productos industriales, Madrid.

Viñas y Campi, 1866, El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas, Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Hoja 120-I Lousame // Huso 29 / X 512,48 / Y 4.737,79

Data de Actualización:

16 outubro 2010