120 Salgadeira da illa de Sálvora

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ribeira
  • Parroquia: Nosa Señora do Carmen de Aguiño
  • Lugar: Sálvora
  • Paraxe: O Almacén
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.470672434783445
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -9.0038001537323
  • Coordeadas UTM: Huso 29 // X 499,75 / Y 4.702,24
  • Clasificación: Fábrica de conservas de peixe
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Secado e salga de sardiña).
  • Tipoloxía: Secado e salgado de peixe
  • Comarca: Barbanza
  • Marco Xeográfico: Illa de Sálvora
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende o porto de Ribeira -ou dende o do Grove- embarcaremosnos con destiño á illa de Sálvora. Xa alí, dende o peirao colleremos o camiño da dereita que leva en uns poucos metros ó conxunto da antiga taberna (hoxe capela) e da fábrica de salga convertida en pazo. 

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Xestión de visitas:

Actualmente pódese visitar a illa de Sálvora realizando a "Rota da Auga".

A bordo dun impresionante veleiro antigo recorrense as illas de Ons, Arousa e Sálvora; trátase dunha rota guiada que inclue a proxeción dun vídeo e o percorrido polas tres illas.

No barco pódese gostar de empanada, viño, refrescos...

As reservas deben facerse con tres días de antelación no teléfono 600 472 632 (O Grove).

Os grupos serán dun mínimo de 12 persoas e un máximo de 25.

Saídas do Grove:

• rota de 4 horas

• horarios: de 10 h a 14 h e de 16 h a 20 h

Saídas de Arousa e Pobra do Caramiñal:

• rota de 6 horas

• horarios: de 10:30 h a 16:30 h

Historia:

A cólera da mar destruíu na punta Falcoeiro a restinga derradeira da península do Barbanza; un pouco máis aló, case salseiros na mar sempre alborotada, ficaron ergueitos os máis duros penedos da cordilleira: as Sagres, a Vionta, a Erbosa, o Noro… e Sálvora.

Entre dúas pequenas elevacións, o Milreu, no norte, e As Gralleiras, no sur, un recollido val acouga o vello poboado da illa de Sálvora. Polo poñente, no perfil agreste dunha costa recortada e inaccesible, destaca na estrema sur a punta dos Besugueiros, o faro da illa, e os cantís do cabo Castelo. Na costa do levante agóchase o peirao, e case a carón del, no areal do Almacén, a que fora vella tasca mariñeira e a outrora fachendosa factoría de salga.

A unha milla ó nor-nordeste do peirao albíscase o ominoso illote nomeado Noro, onda –ó dicir dos mariñeiros– a Santa Compaña tiña a súa Estadea, a porta do alén da que xurdía a arrepiante procesión das ánimas á procura dun novo confrade.

As primeiras noticias que temos de Sálvora remontan ó ano 899, cando o rei Afonso II dóaa ó Cabido Catedralicio de Santiago, que a reclamara co gallo de tirar dela recursos para súa mantenza. A real doazón incluía tamén as illas de Arousa, Ons, Cíes, Tambo, e Framio (?), e fora confirmada no ano 911 por Ordoño II ó bispo Sisnando.

Na Baixa Idade Media a illa utilizárase a miúdo como campamento base dos ataques invasores dos homes do norte, os viquingos, e dos homes do sur, os sarracenos, facendo case que imposible unha poboación estable ata que cesaron as incursións inimigas e a tranquilidade acougou na ría de Arousa. Coñécese de certo que no 1120 a illa fora temporal refuxio de naves sarracenas alí agochadas á espera de máis guerreiros que garantiran a invasión das terras do interior. As forzas mandadas enviar dende Iria polo arcebispo de Santiago foron quen de apoderarse das naves invasoras, o que freou por moito tempo as incursións dos sarracenos por estas terras.

Ante o desinterese do Cabido Compostelán, a illa comeza a seren ambicionada pola nobreza galega e –segundo o que fora cronista oficial da vila de Ribeira, don Carlos García Bayón– a constitución do morgado da casa de Goyanes vincula con eles a illa dende 1552, tempo no que a illa estaba de novo deserta e improdutiva e fora entregada pola Igrexa como coto a Marcos Fandiño Mariño. Despois os veciños de Carreira foran ocupando a illa para aproveitala como terra de cultivo, mesmo chegando máis tarde a asentarse nela de maneira case que permanente. A cobizosa administración en réxime feudal esixía dos poboadores illáns a metade das colleitas e do gando.

Sexa como fora, contra 1770 Sálvora xacía despoboada unha vez máis, e con permiso dos Goyanes, don Jerónimo Hijosa, un comerciante castelán aveciñado na Coruña, exportador e importador de toda clase de xéneros, activo participante no tráfico colonial, armador de buques mercantes e de buques corsarios, prior do Consulado da Coruña e impulsor de algunhas significadas iniciativas a prol do fomento da pesca galega, decide instalar na illa un estabelecemento de secado e salgado de peixe que ven sendo considerado como a primeira industria moderna de salga construída en Galicia. Malia que contra 1773 a industria xa estaba abandonada e a illa servía como coto de caza para uns poucos persoeiros relacionados cos Goyanes, esta primeira iniciativa modernizadora culminaría coa fundación no 1774 no Porto do Son dunha compañía de pesca e salga destinada a quebrar o monopolio do bacallau inglés… mais este é outro conto.

O crecente interese e conseguintes disputas pola illa agroman contra 1789 nos preitos dos veciños de Carreira (a parroquia máis antiga, rica e poboada da comarca), liderados polo seu párroco, don Manuel Acuña Malvar, contra don Vicente Caamaño Valera y Gayoso, cabaleiro da Orde de San Juan de Malta, brigadier da Real Armada, e veciño da vila de Ferrol, quen conseguira unha Real Cédula autorizándoo á instalación na illa dunha peixería de atún (unha almadraba) cunha concesión de catro leguas ó redor dela, iniciativa que de seguir adiante practicamente deixaría ós mariñeiros carreiráns sen posibilidades de faenar nestas augas, levándoos á ruína certa.

No 1820 a herdeira dos Mariño casou con Ruperto Antonio Otero do Porto, e deste xeito a familia dos Otero pasou a ser a nova propietaria da illa de Sálvora, que quedou desde aquela aforada a perpetuidade a favor do devandito Ruperto.

Daquela, e xa desembarcados no peirao do Almacén, camiñando pouco máis dun quilómetro cara o norte, chegaríamos ata o pequeno poboado –de sempre chamado A Aldea– edificado onda dúas pequenas fontes podían cumprir as necesidades dos moradores: unha é a fonte da Aldea; á outra chamárona a fonte da Telleira. No rego da Aldea lavábase a roupa, e as augas do rego da Telleira servían para preparar as pezas de barro que unha vez cocidas no pequeno forno alí construído atenderían as necesidades de tella da pequena comunidade illán.

A aldea de Sálvora, ata 1959 pertencente a parroquia de San Paio de Carreira e dende aquela integrada na nova de Aguiño, tamén no concello de Ribeira, ven conformada por unhas casiñas medianeiras apiñadas ó redor do que pódese considerar unha praciña comunitaria. Non sendo a do amo, as casas tiñan tan so dúas dependencias: a cociña e o dormitorio; unha bufarda sen vidros ventilaba a estancia e unha porta franqueaba o paso á cociña.

A miseria de moitos anos favoreceu dende os comezos do século XIX a ocupación da illa e a explotación agrícola e gandeira que naqueles tempos de fame cumprimentaba a pobre renda de peixe e marisco dos caseiros, por non falar dos adobos de corvo mariño e mesmo das fartadelas de lavanco ou de gaivota. Sete eran as familias que alí moraban a finais do século XIX e daban nome ás vivendas: a de Pedro, a de Prudencia, a de Saturno, a de Cordás, a de Caneda, a da Xorda e a de Benito. Segundo lle contaran a Estanislao Fernández de la Cigoña hai uns vinte anos, entre as sete casas as prolíficas familias xuntaban cincuenta almas.

Nos primeiros tempos o amo dispoñía na aldea da casa principal, que aínda destaca entre o resto polo seu tamaño, calidade e fasquía. Moitos anos despois, aproveitado as ruínas da preterida industria de salga, os novos amos erguerían una nova –e un si é non é fachendosa– vivenda no areal do Almacén, trocando asemade a vella taberna en unha discreta capeliña baixo a advocación da Santa Catarina.

Como xa se sinalou, na escrava economía illán os caseiros viñan obrigados a entregar ó amo a metade das colleitas obtidas, e maila metade do valor das crías do gando –mormente vacún– que empregaban para traballa-las terras. Ademais do cultivo do millo, o centeo e as patacas que cada un traballaba no seu exclusivo anaco de terra marcado polo amo, cada caseiro tiña –o que menos– dúas vacas, algún porco e unhas poucas galiñas.

Namentres nas brancas areas durmiñaban as dornas á espreita do tempo maino que as espallaría por entre os illotes e cons do chamado “paso interior”, na taberna xuntábanse os mariñeiros entre viño e conversa vagarenta. A pesca, abondosa e agradecida tiña a vantaxe de non pagaren “medias” ós amos e os mariñeiros illáns entregábanlle as súas capturas ós mariñeiros de terra para que eles as venderan, axudando así as súas cativas economías.

O 26 de outubro de 1904, o Estado, Ramo da Guerra, expropiaba a illa ós irmáns Xaquín, Afonso, Manuel e Ramona Otero Bárcena. O Exército ocupaba a illa e construía algún pequeno parapeto ou defensa de pedra e cemento. Esta ocupación trouxera unha inesperada beizón os caseiros, que quedaran liberados dos abusivos foros dos Otero e, convertidos en colonos, só tiñan que pagarlle ó Estado as contribucións ordinarias polo arrendamento das terras.

Trala expropiación, o Ministerio de Obras Públicas construíu un pequeno peirao na praia do Almacén, e una pista ata o vello faro levantado entre maio e novembro de 1852 na costa sur da illa para proceder o seu desmontado e á construción no mesmo emprazamento dun novo faro –o actual– aprobado pola Comisión de Faros o 25 de maio do 1904, de maior altura para que, sen reducir o seu ángulo de iluminación na dirección do de Corrubedo, se ampliara canto fose posible cara ó interior da ría “al menos hasta comprender el bajo de los Mexos”.

Con proxecto do enxeñeiro Ramón Martínez Campos e tipoloxía construtiva semellante á de Silleiro, comezaban as obras do novo faro o 8 de abril do 1912 con José González Teijeiro como contratista. Tras numerosas prórrogas e dificultades de todo tipo as obras remataban no 1917, cun resultado pouco satisfactorio o estaren o edificio deficientemente situado, polo que antes de poder inaugurar a nova luz houbo que dinamitar unhas 2.800 toneladas de rochas de dous saíntes que obstruían o feixe luminoso no sector noroeste, inaugurándose finalmente o 5 de decembro de 1921.

Contra 1920 vivían en Sálvora cincuenta e catro persoas, agrupadas nas sete familias das que se falou, que a xeito de colonos explotaban as terras que o Estado lles tiña arrendadas por unhas trescentas pesetas ó ano, grandísima mellora trala explotación “a medias” sufrida baixo a cobiza dos Otero. Ademais dun pombal, había gando de todo tipo –con ata seis vacas nalgunha casa– e os habitantes da illa non pasaban fame, cultivando millo, centeo, fabas, patacas... : os dous hórreos da illa aínda quedaban pequenos nos anos de boas colleitas. Cada familia tiña unha dorna para achegarse a costa e para aproveitar a variada riqueza de peixe e marisco da que dispuñan arredor da illa. O centro da vida social illán era a taberna preto do peirao próximo ó Almacén.

Ademais dos caseiros, daquela vivían en Sálvora cinco persoas máis, os torreiros e as súas familias, encargados de velar polo mantemento do vello faro e mais de atender á execución das obras que se estaban a facer para a construción do novo faro, que como se ten dito non se terían definitivamente rematadas deica o mes de decembro do 1921. Naqueles días os torreiros representaban a intelectualidade da illa, e mesmo polas noites se ofrecían para poñer escola á rapazada da aldea, faltos de calquera outra posibilidade de instrución.

O 5 de decembro de 1921, case que un ano despois do tráxico amencer do 2 de xaneiro, cando o vapor Santa Isabel embarrancara no baixo de Pegar a unhas escasas oitenta brazas (150 metros) do vello faro deixando douscentos trece falecidos e cincuenta e tres rescatados, inaugurábase o novo faro da illa de Sálvora, e cerca del unha placa deixaba lembranza daquel nefasto suceso.

En febreiro de 1958, o ilustrísimo señor don Xaquín Otero Goyanes, Marqués de Revilla, Auditor do Exército, casado con dona Soledad Zulueta Reales y Carbajal, Marquesa de Revilla, mercándoos o Exército, recuperaba para a familia a propiedade da illa de Sálvora e dos illotes Vionta e Noro. E coa recuperación da illa polos amos, os pobres colonos do Estado perderían a súa condición e a aldea volvería a ser ocupada por caseiros, sometidos de novo os vellos foros feudais dos Otero. Desde entón, para calquera visitante, o acceso a illa quedaba prohibido, de non contar co oportuno permiso do marqués ou do seu administrador en Ribeira, o señor don Ramiro Carregal Rey, quen outorgaría o salvoconduto para non seren expulsados polo garda que vivía na soidade illán.

Os caseiros de Sálvora non lle tiñan apego ningún a illa, e marchaban tan de camiño como atopaban mellores expectativas en terra, sendo ocupada a súa casa e as correspondentes leiras por un novo colono. A melloría económica e a bonanza acaída a partires de 1960 chamou firme desde terra, e foron cada vez máis os que marcharon para sempre, sen que o seu posto fora xa cuberto.

Os míseros e asoballados habitantes da illa irían marchando nun continuo goteo de volta a terra, moitas veces reclamados para traballar nas industrias que a familia Otero ía establecendo pola costa, pero en calquera caso mellorando as súas penosas condicións vitais. Escapaban tamén das crecentes dificultades da supervivencia na illa, cos cultivos arrasados a miúdo polos animais que o dono ía introducindo na illa para facela máis rendible organizando cacerías de cervos, faisáns, perdices e coellos, que chegaran a converterse nunha verdadeira praga.

O iren marchando os illáns, os terreos quedaran abandonados e a aldea deserta, e a vella tasca foi perdendo a súa función socializadora, esmorecendo un pouco máis con cada dorna que ía cara a terra para non volver, e mesmo pechou silandeira cando, falta de mariñeiros, a súa mantenza se fixo inviable. No ano 1972 o derradeiro illán abandonaba a aldea de Sálvora para establecerse en terra.

Aló polo mesmo ano de 1960, xa iniciada a marcha dos caseiros a terra, o señor marqués emprendía obras e mandaba reconverter a taberna agora silandeira nunha capela consagrada a Santa Catarina, honrando a protectora e patroa da illa. Cos restos pétreos do antigo faro da illa ampliaríase O Almacén, o que fora factoría de secado e salga de peixe, engadíndolle dúas torres co gallo de darlle fasquía de pazo; como remate, fronte do “pazo”, ergueita nunha pena e mirando á ría atópase a escultura de pedra coñecida en todo lo mar de Arousa como “A serea de Sálvora”, feita no 1968 para dar noticia da lenda da orixe da familia dos Mariño.

O Marqués de Revilla mandara tamén reconstruír a vella Fonte da Telleira aproveitando os banzos da que fora a escaleira de caracol do faro, fonte que nesta nova xeira pasaría a chamarse “Fuente de Santa Catalina” e que pódese atopar na metade do camiño do peirao á aldea e ó seu carón, nomeada así seica por daren saúde e forza nas súas augas. Levantada con grandes pedras na década de 1960, nela aínda pódese deletrear a inscrición ANNO MDCXII LAUS DEO. Sen dúbida a fame do canteiro papou algunha letra xa que polas datas da construción semella máis acaído ler MCMLXII, non sendo que a inscrición xa estivera na vella pedra aproveitada das escaleiras do faro antigo –construído no MDCCCLII– e mesmo procedera dalgunha edificación anterior da que non temos memoria. Moi cerquiña da fonte mírase a furna que ó dicir da parroquia é a boca do túnel polo que viñera de terra Santa Catarina fuxindo do acoso dos seus inimigos. Entre os canos da fonte outra inscrición anunciaba AGUA VIRTUOSA DA SALUD Y FUERZA.

Levantárase asemade un lavadoiro e trouxérase un tractor agrícola e un xerador eléctrico, aproveitando para todo elo fondos do Servizo de Extensión Agraria, consumando así a privatización e “modernización” da illa.

A illa de Sálvora está desde o ano 2002 integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e no mes de marzo do 2007 os herdeiros do marqués a venderan a Caixa Galicia por 8,5 millóns de euros, pero o Ministerio de Medio Ambiente fixo uso do seu dereito de tanteo e adquiriu Sálvora, Vionta e Noro pola mesma cantidade ofrecida, figurando a Xunta de Galicia como titular do paraxe dende o 1 de xullo do 2008 e iniciándose os traballos para a rehabilitación do enclave, dirixida polo arquitecto pontevedrés César Portela Jardón e na que a vella fábrica de salga será sen dúbida merecente dun tratamento singular.

Construcción:

1770

Abandono:

1773

Emprego:

Sen datos

Materias Primas:

Sardiña, fundamentalmente.

Produtos Elaborados:

Sardiña salgada.

Distribución e comercialización:

Comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Alonso Álvarez, L., 1986. Comercio colonial y crisis del Antiguo Régimen en Galicia (1778-1818). La Coruña: Xunta de Galicia. ISBN 84-505-2914-X.

España, 2002. Ley 15/2002, de 1 de julio, por la que se declara el Parque Nacional marítimo-terrestre de las Islas Atlánticas de Galicia (B.O.E. nº 157 del 02-07-02).

Fernández de la Cigoña Núñez, E., 1989. Illas de Ons e Sálvora. Historia natural e humana. E outros traballos. Vigo: Asociación Gallega para la Cultura y la Ecología. DL VG-37-1989. ISBN 84-404-3855-9.

Fernández de la Cigoña Núñez, E., 1991. Illas de Galicia: Cíes, Ons, Sálvora, Tambo, San Simón e Cortegada. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. DL M-31.071-1991. ISBN 84-7507-582-7.

Fernández Díaz, R., y Martínez Shaw, C., 1991: “La pesca de altura en la América española del setecientos. La fundación de la Real Compañía Marítima”. Andalucía, América y el mar, Actas de las Novenas Jornadas de Andalucía y América. Bibiano Torres Ramírez (ed.), Sevilla: Consejería de Agricultura y Pesca de la Junta de Andalucía, p. 73-91.

Fernández Pazos, X.M., 1998. Sálvora: memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel. Vigo: Coordenadas. ISBN 978-84-87222-29-0.

Meijide Pardo, A., 1967. “Hombres de negocios en La Coruña dieciochesca: Jerónimo Hijosa”, Revista del Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses, año III, nº 3 (1967), p. 85-148, 21 láms., separata. La Coruña: Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses.

Sánchez Terry, M.A., 1987. Faros españoles del océano. Madrid: Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo. DL M-39064-1987. ISBN 84-7433-514-0.

Teira Paleón, L., 2007. “Sálvora: illa das mulleres salvadoras”. Ardentía, revista galega de cultura marítima e fluvial, nº 4, xuño 2007, Cambados, Pontevedra, p. 39-42. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 184-II O Grove // Fuso 29 // X 499,75 / Y 4.702,24

Data de Actualización:

17 outubro 2010