129 Papeleira de Brandia

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Lousame
  • Parroquia: San Xoán de Lousame
  • Lugar: Brandia
  • Paraxe: Brandia
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.78814557365153
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.86015980945512
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 511.433,36 m / Y 4.737.296,29 m
  • Clasificación: Fabricación de papel
  • CNAE: 17.12 Fabricación de papel y cartón (Papel de varias calidades)
  • Tipoloxía: Muíño papeleiro de elaboración manual en tinas
  • Comarca: Noia
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda do río Sóñora ou de San Xusto no seu curso baixo, a un par de quilómetros augas arriba da súa desembocadura na rí
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Saíndo de Noia cara a Santiago de Compostela pola Fialla, apartamos á man dereita cara a Portobravo, continuando pola estrada AC-308 cara a Padrón. Aproximadamente no quilómetro 14, cóllese á esquerda un desvío de uns cento cincuenta metros que nos deixa na porta do que fora a papeleira de Brandia.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público hidráulico

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Alá polo ano 105, Tsai Tsai-Lun creaba no corazón de China o primeiro papel fabricado a partires de fibras vexetais extraídas de trapos, redes de pescar, cáñamo e bambú. O seu coñecemento foi estendéndose pola ruta da seda, ata que no ano 751 o papel –ata entón monopolio dos chineses– pasaba a Occidente da man dos árabes, que instalaron muíños papeleiros en toda a Asia Menor e norte de África.

Despois da gran fábrica de papel que se construía en Bagdad no ano 793, a fabricación chegaba á Meca, a Damasco e, vía O Cairo, a Fez (Marrocos). A través de Córdoba e Toledo (España) o papel introduciríase en Europa. A primeira referencia indiscutible dun muíño papeleiro na Península Ibérica é do ano 1056 nas aforas de Xàtiva (Valencia), onde os operarios de Abu-Masayfa fabricaban de liño un papel de gran calidade.

En 1189 introducíase a fabricación de papel en Francia, e en 1230 en Italia (Xénova, Bologna e Fabriano). O ano 1390 funcionaba en Nuremberg o primeiro muíño papeleiro alemán. Cara a 1494 introducíase en Inglaterra, e a finais do século XVI chegaba a Rusia, Estados Unidos e Suecia. Foi lenta a súa introdución en Europa, tanto polo seu prezo (durante moito tempo equiparable ao do pergameo) como polos prexuízos de quen consideraban o seu uso indebido por estar fabricado por xudeus e árabes.

Agás a introdución da pila holandesa ou cilindro refinador (desfibradora inventada en Holanda cara a 1670) como único perfeccionamento significativo, este lento e laborioso proceso tradicional de fabricación manual do papel duraría ata finais do século XVIII. Corría o ano de 1803 cando se puña en marcha en Frogmore (Inglaterra) a primeira máquina de táboa plana para a fabricación de papel continuo. Tratábase dunha evolución do prototipo construído en 1798 polo francés Louis-Nicolas Robert, perfeccionado fundamentalmente polo mecánico inglés Bryan Donkin, financiado nos seus traballos polos irmáns Sealy e Henry Fourdrinier.

O papel non saía seco da máquina, polo que había que cortalo e secalo ao aire, á maneira tradicional. As innovacións continuaron e en 1819 instalábanse en Weida (Turingia) os primeiros cilindros secadores por vapor, e en 1826 Canson introducía en Vidalon (Francia) os cilindros ou prensas aspirantes, mentres que Bergue en 1840 completaba cos areeiros as innovacións no proceso, co que a máquina continua podía considerarse plenamente desenvolta. En España, a primeira máquina plana continua instalouna en 1840 Tomás Jordán en Manzanares el Real (Madrid).

A variedade de pedidos de produtos diferenciados –e sempre a escala reducida– determinaban a lentitude da mecanización e a súa baixa especialización, polo que en España se buscaba a versatilidade da pequena fábrica, para poder pasar dun produto a outro con axilidade.

A escaseza de enerxía, e os altos prezos dos trapos e produtos químicos, maioritariamente importados, contribuían a facer a produción española moi pouco competitiva. Ante esta insostible situación buscáronse sucedáneos dos trapos, empregándose cordas, esparto ou palla, iniciativa que fracasou polos altos custos de transformación asociados ao emprego do carbón, o cloruro de cal e a sosa.

Na Primeira Exposición da Industria Papeleira (Madrid, 1827), Santiago Grimaud, quen viña experimentando con palla, esparto, xunco, olmo, moreira, e outros vexetais na súa fábrica de Gárgoles de Arriba (Guadalajara) dende 1800, presentou papel de esparto, de xunco e de cánabo de boa calidade. En 1858 Francisco Iglesias, da fábrica de Soutorredondo (Coruña), presentou papel de pita na Exposición de Santiago de Compostela.

Dos posibles substitutos do trapo ensaiados como materia prima, resultou a madeira a máis apta, especialmente de árbores de rápido crecemento, como o piñeiro e o eucalipto, seguida polo esparto e a palla.

A elaboración de pasta de madeira, iniciada en España cara a 1880, supuxo o principio da fin das vellas papeleiras que empregaban trapos como materia prima, que non puideron resistir o pulo da nova competencia. Coa evolución técnica e en función da calidade requirida para a súa utilización, fabricaríanse diferentes clases de pastas papeleiras: mecánica basta (para papel prensa), mecánica morena (para cartones, embalajes, sacos), química o celulósica (para papel de buena calidad) e de palla (para papel de carnicería e recheo do cartón ondulado).

A coñecida como pasta de recortes desenvolveuse para abaratar os custos de fabricación das pastas papeleiras, aproveitándose os recortes (de bobina e de guillotina, para papeis de certa calidade) e os restos de papel (domésticos e de impresos, para papeis reciclados e cartón gris) mesturándoos coas pastas de madeira no proceso industrial.

A nova industria papeleira española vai asentarse nos anos finais do século XIX en lugares con fácil acceso a materias primas de importación (madeira dos países escandinavos e do Canadá) e auga e recursos enerxéticos abundantes (carbón e electricidade). O País Vasco (ata entón sen historia papeleira) e máis adiante, Navarra, Cantabria, Asturias, Pontevedra e Huelva, van liderar a produción española de pasta de madeira e, xa que logo, de papel e de cartón.

Descrición Xeral do Entorno:

O desvío das augas para o servizo dos muíños papeleiros fixérase pola marxe esquerda do río Sóñora ou de San Xusto no seu curso baixo, a un par de quilómetros augas arriba da súa desembocadura na ría de Muros e Noia.

Construcción:

Anterior ao ano 1810.

Abandono:

1968, ano no que trasládase a máquina a unha nova fábrica estabelecida no lugar de Vidán, parroquia de San Martiño de Laraño do concello de Santiago de Compostela.

Descrición:

A fábrica de papel de Brandia aproveitaba as augas do río de Sóñora, tamén chamado do Castro, de Vilacova, ou de Os Batáns (polo gran número que deles houbo), xa aumentadas trala incorporación das augas do río de San Xusto en Alvariza, localizándose na súa marxe esquerda, a uns seiscentos metros ó nordeste do lugar de Portobravo, na parroquia de San Xoán de Lousame, termo municipal de Lousame na provincia da Coruña.

A captación das augas tiña lugar case no punto de unión do río de San Xusto co río de Vilacova, augas abaixo do muíño papeleiro de Alvariza. Lamentabelmente as obras de construción do abastecemento de augas nese lugar derrubaron a fermosa presa construída para o funcionamento do muíño papeleiro de Brandia.

A industria fora establecida con anterioridade a 1810 por don Peregrino Riba “del comercio de Villajuan”, quen tratara no devandito ano de incoar preito por mor de dificultar e aínda impedir a construción da fábrica do Castro.

O mesmo que a meirande parte dos muíños papeleiros galegos, a produción estivo bastante diversificada e xunto con papeis de calidade inferior elaborábase tamén papel florete (de primeira clase, moi branco e brillante) e de naipes.

A crise do comercio colonial das dúas primeiras décadas do século XIX afectaría dobremente a estes muíños papeleiros: por unha banda xa que América era o destino do segmento superior das súas producións, e pola outra porque o peche do mercado americano levou á papelería catalá a volver cara ó mercado interior, facendo presión e desprazando a outros produtores.

Porén, malia a crise do comercio colonial, a partires da década de 1820 atopamos unha expansión relativamente forte do sector na área noiesa, que contaba en 1846 con sete fábricas e convertíase no principal núcleo papeleiro galego. Consonte Alonso (1986 e 2001), este crecemento relacionase coa a expansión a partir de 1817 da fábrica de tabacos da Coruña, que consumía cantidades notables de papel de estraza (moi basto, áspero, sen cola e sen branquear) para ó envasado das súas producións, e coa vantaxe da área noiesa para o transporte marítimo ata a Coruña.

Aínda que a meirande parte das fábricas de papel establecidas en Galicia destinaban a produción ó mercado galego, as da área de Noia tamén remitían unha parte importante cara a Cádiz e Málaga, e outras localidades do sur español, precisamente aquelas zonas que eran tamén consumidoras de coiros noieses, aproveitando os mesmos canais de comercialización e completando así a simbiose produtiva de ambas industrias.

Coa expansión do papel mecánico ou continuo nos anos sesenta e setenta do século XIX comeza o declive do papel manual, que o sufre principalmente nas calidades inferiores, o papel de estraza, refuxiándose nun maior peso relativo do papel de escribir e de imprimir, de maior calidade e aínda competitivo.

A papeleira de Brandia aparece citada por Miñano en 1826 e figura citada no Indicador de 1864 como propiedade de Martín Riva, mentres que nos Bailly-Bailliere de 1879 a 1884 figura como propietario José Riva Amad.

Aínda que non aparece citada nas Estadísticas de 1934, nin na de 1943, sábese que nos primeiros anos da década de 1950 funcionaba cunha máquina plana continua de noventa centímetros de ancho que elaboraba estraza a partir de recortes e de papel vello, e figura como propiedade de “Papelera de Brandia, S.A.”.

A finais da década de 1960 clausuraríase o estabelecemento de Brandia e a máquina trasladaríase en 1968 a unha nova fábrica estabelecida no lugar de Vidán, parroquia de San Martiño de Laraño do concello de Santiago de Compostela. No novo emprazamento fabricaban entón o popular papel hixiénico marca Elefante e tan só cinco anos despois, en 1973, Víctor Pita Orduña e a súa dona, Celia María Riva, mercaban a totalidade do capital da compañía, ata entón disperso entre os familiares e algunhas papeleiras catalás, modernizaban as instalacións e reorientaban o proceso fabril para a produción de papel de embalaxe.

A empresa continuaría cunha política de mellora continua, e en 1999, coa chegada do gas natural canalizado, substituiría as caldeiras de vapor da fábrica de Vidán por un moderno sistema de xeración combinada de calor e enerxía eléctrica (coxeración), que xiraría de maneira diferenciada baixo a razón comercial “Lousame Cogeneración”.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose aos caudais que levara o río e con algunha interrupción nas estiaxes ou nos anos de fortes secas.

Sistema de produción:

O proceso tradicional de fabricación do papel pode describirse diferenciado nas súas cinco etapas fundamentais: 1) preparación da materia prima (fundamentalmente trapos), aventado, clasificación, esgazado, abatanado e fermentación en auga con cal; 2) preparación da pasta nas pías, desfacendo as fibras cos mazos do muíño (trinchado, afinado e refinado) ou elaborándoa nos cilindros refinadores; 3) formación das follas de papel na tina ou na máquina continua, filtrando coidadosamente co molde ou forma a pasta xa refinada; 4) prensado das follas de papel para eliminar a auga residual; e 5) secado das follas de papel.

O proceso de fabricación de papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto, como a estraza ou a estracilla.

Acumulada a cantidade de trapos suficiente para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro, engadindo auga e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ó meter a man”. Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos, con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ó muíño de mazos.

Para o accionar hidráulico, un apresamento construído nunha revolta do río permitía derivar as augas a unha canle construída nunha das marxes, que tras un percorrido máis ou menos longo, conducíaas ás instalacións da fábrica de papel, onde vertíanse sobre unha ou varias rodas hidráulicas verticais de un bo diámetro (de dous  a cinco metros de diámetro, nalgúns casos).

Esta roda motriz, do tipo gravitatorio de caixóns ou arcaduces, levaba o seu eixe erizado de levas que accionaban os mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se colocaran os trapos cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a estancia no podredoiro.

Descoñécese a configuración precisa e detallada das instalacións, aínda que pola época da súa construción é moi posible que contase xa con tres grupos de mazos diferenciados para os labores específicos de esfiañado (tres pías de esgazado), afinado (dúas pías de moenda) e desleído (unha pía de homoxeneización da pasta) tras as que se obtiña a polpa ou pasta para a elaboración do papel.

Unha vez obtida a pasta de papel procedíase ó seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a través do mallazo, pero as fibras nel retidas ó enfurtirse formaban unha folla de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida, rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario. Similar proceso tiña lugar na máquina continua de Foudrinier, aínda que con máis rendemento.

Retirados os pregos dos moldes poñíanse en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os saiales. Despois procedíase ó seu prensado, en prensa ou entre roletes, para escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ó aire.

O papel xa seco, que pola súa gran porosidade resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ó proceso de encolado co zume obtido ó espremer desperdicios xelatinosos de animais moi cocidos. Tras un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado ó aire, o papel “de barba” (polas barbas que quedaban ó sacalo do molde) traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á venda.

A chegada da electricidade supuxo en moitos casos a modernización das instalacións, substituíndo as rodas motrices por unha turbina hidráulica que arrastraba un xerador eléctrico, sendo entón a electricidade a que movía a maquinaria fabril.

No propio proceso de elaboración da pasta, a refinadora holandesa substituía ás vellas pías de esfiañado, afinado e disolvido. Nalgúns casos, a máquina semicontinua, tamén chamada redonda, de bombo o picardo, substituía o traballo do alabrén (o operario que fai a folla de papel na tina coa axuda do molde) e do poñedor (o que toma a forma do alabrén e pon a folla sobre o sayal para levala á prensa) e con ela se elaboraba o equivalente a catro ou cinco tinas.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do trapo, así como no levado das follas ao secadoiro. Persoal masculino no resto das labores, na atención da maquinaria e nas oficinas. Co traslado e modernización da empresa, forte redución da man de obra e emprego de persoal masculino e feminino.

Emprego:

A finais do ano 1969 a empresa declaraba corenta “produtores”. No ano 2022 eran setenta e unha as persoas empregadas.

Materias Primas:

Trapos, na súa primeira época en Brandia. Na década de 1950 producía papel de estraza a partires de recortes de papel e de papel vello.

Produtos Elaborados:

Papel branco de varias calidades. Despois, papel de calidade para embalaxe.

Distribución e comercialización:

Amais do mercado galego, despachábase dende o porto de Noia cara a outros portos galegos amais de Xixón, Cádiz e Málaga. A fábrica actual, en Vidán, exporta internacionalmente gran parte da súa produción.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, Luis (1986): Comercio colonial y crisis del Antiguo Régimen en Galicia (1778-1818). La Coruña: Xunta de Galicia. ISBN 84-505-2914-X.

Alonso Álvarez, Luis (2001): Las tejedoras del humo. Historia de la fábrica de tabacos de A Coruña, 1804-2000. Fundación Altadis. Vigo: A Nosa Terra. DL VG-870-2001. ISBN 84-95350-32-7.

Asunción Pastor, Josep (2002): El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración. Barcelona: Parramón. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Bailly-Bailliere (1879): Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal. Publicación anual desde 1879. Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Bailly-Bailliere e hijos (1895 a 1937): Almanaque Bailly-Bailliere. Pequeña enciclopedia popular de la vida práctica. Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Basanta Campos, José Luis (1966): “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, en Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. DL M-13650-1964.

Beramendi Álvarez, Mario (2022): “La industria más antigua de toda Galicia”, en La Voz de Galicia, 10/04/2022.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Drechsel, W. (1942): “Tecnología textil y fabricación del papel. Fabricación de la pasta de madera, de la celulosa y del papel”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo VII, p. 746-777. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili.

Gayoso Carreira, Gonzalo (1965): “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, en Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. DL M-13650-1964.

Gayoso Carreira, Gonzalo (1994): Historia del papel en España. 3 vol., 2ª ed. 2006, Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, Lugo. DL S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

González Tascón, Ignacio (1987): Fábricas hidráulicas españolas (2ª ed. 1992). Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU). Madrid: Turner Libros. ISBN 84-7790-147-3.

Larruga Boneta, Eugenio (1784-1800): Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusión de los reales decretos, órdenes, cédulas, aranceles y ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento, tres series previstas, primera serie de 45 tomos en cuarto, sólo cuatro publicados (Castilla la Vieja, Castilla la Nueva, Extremadura y Galicia), imprenta de Benito Cano, 1787-1800, Madrid.

Madoz Ibáñez, Pascual (1846-1850): Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Ministerio de Industria y Comercio (1934): Estadísticas de la industria del papel y cartón. Publicadas de 1934 a 1943. Madrid.

Miñano y Bedoya, Sebastián de (1826-1828): Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, 11 vol. Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.

Servicio Sindical de Estadística (1966): Catálogo de empresas y productos industriales. Madrid.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Verea y Aguiar, José (1803): Proyecto económico para promover el establecimiento de fábricas de papel en el Reyno de Galicia. Santiago de Compostela.

Viñas y Campi (1865): El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas, o sea Inscripción general de todas las clases comprendidas en el Subsidio Industrial y de Comercio, las de la Magistratura y Administración y las casas extranjeras que faciliten antecedentes al efecto: almanaque de más de 300.000 direcciones: año económico de 1864 a 1865, primero de su publicación. Barcelona: Imprenta de Narciso Ramírez.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 119-II Noia /// Datum ETRS89: H 29 // X 511.433,36 m / Y 4.737.296,29 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital. Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 28 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 abril 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): “Mapa Topográfico Nacional 1:25.000”, en Mapas de España. Instituto Geográfico Nacional, Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/buscarArtsMenu?categoria=MTN25-Mapa-Topográfico-Nacional-1:25.000 [Acceso 18 enero 2021].

Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación del Gobierno de España (s/d): Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Visor SigPac V 4.8 [en línea] Disponible en Internet: https://sigpac.mapama.gob.es/fega/visor/ [Acceso 4 abril 2022].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 abril 2020].

Data de Actualización:

30 outubro 2010 / 10 abril 2022