146 Real Fábrica do Faramello

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Rois
  • Parroquia: Santa María de Ribasar
  • Lugar: O Faramello
  • Paraxe: O Pazo
  • Dirección:
    Pazo do Faramello, s/n, 15980 Rois (A Coruña)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.810583168761454
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.628703951835632
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 530.460,48 m / Y 4.740.073,85 m
  • Clasificación: Fabricación de papel
  • CNAE: 17.12 Fabricación de papel e cartón (Papel de varias calidades).
  • Tipoloxía: Muíño papeleiro de elaboración manual en tinas.
  • Comarca: O Sar
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda das fervenzas do río Tinto (ou rego de Angueira) no seu descorrer polo Faramello, na xunta dos concellos de Ames,
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:
    Dende Santiago de Compostela collemos a estrada nacional N-550 cara a Padrón. A uns nove quilómetros chegaremos ao lugar de Casalonga, no quilómetro 72, e continuaremos un quilómetro máis apartando entón á dereita pola Ponte do Espiño, sobre a vía do ferrocarril, seguindo o tramo que fora estrada nacional e que leva ao Faramello. Apenas un quilómetro máis adiante, xa practicamente onda volven a xuntarse a vella e a nova estrada nacional N-550, un camiño á dereita baixa buscando o río Tinto e o Pazo do Faramello, que antes de ser pazo fora a primeira fábrica de papel que se instalara en Galicia.
  • Tipo de propiedade: Privada
  • Visitable: Si

Xestión de visitas:

VISITAS GUIADAS os sábados, domingos e festivos, ás 12h e ás 17h

É imprescindíbel facer a reserva:  +34 675 041 555 / pazofaramello@pazofaramello.com

O prezo é de 10 € por persoa, e inclue visita guiada e copa de viño degustación D.O. galega. Os nenos ata os 12 anos van de balde.

Hai visitas guiadas individuais entre semana, previa consulta da disponibilidade e a imprescindible reserva.

Orgaizanse visitas especiais para grupos previamente organizados calquera día da semana.

A duración estimada da visita é de 1 hora e 25 minutos.

Máis información en http://www.pazofaramello.com/

Historia:

Alá polo ano 105, Tsai-Lun creaba no corazón de China o primeiro papel fabricado a partir de fibras vexetais extraídas de trapos, redes de pescar, cáñamo e bambú. O seu coñecemento foi estendéndose pola ruta da seda, ata que no ano 751 o papel –ata entón monopolio dos chineses– pasaba a Occidente da man dos árabes, que instalaron muíños papeleiros en toda a Asia Menor e norte de África.

Despois da gran fábrica de papel que se construía en Bagdad no ano 793, a fabricación chegaba á Meca, a Damasco e, vía O Cairo, a Fez (Marrocos). A través de Córdoba e Toledo (España) o papel introduciríase en Europa. A primeira referencia indiscutible dun muíño papeleiro na Península Ibérica é do ano 1056 nas aforas de Xàtiva (Valencia), onde os operarios de Abu-Masayfa fabricaban de liño un papel de gran calidade.

En 1189 introducíase a fabricación de papel en Francia, e en 1230 en Italia (Xénova, Bologna e Fabriano). O ano 1390 funcionaba en Nuremberg o primeiro muíño papeleiro alemán. Cara a 1494 introducíase en Inglaterra, e a finais do século XVI chegaba a Rusia, Estados Unidos e Suecia. Foi lenta a súa introdución en Europa, tanto polo seu prezo (durante moito tempo equiparable ao do pergameo) como polos prexuízos de quen consideraban o seu uso indebido por estar fabricado por xudeus e árabes.

Agás a introdución da pila holandesa ou cilindro refinador (desfibradora inventada en Holanda cara a 1670) como único perfeccionamento significativo, este lento e laborioso proceso tradicional de fabricación manual do papel duraría ata finais do século XVIII. Corría o ano de 1803 cando se puña en marcha en Frogmore (Inglaterra) a primeira máquina de táboa plana para a fabricación de papel continuo. Tratábase dunha evolución do prototipo construído en 1798 polo francés Louis-Nicolas Robert, perfeccionado fundamentalmente polo mecánico inglés Bryan Donkin, financiado nos seus traballos polos irmáns Sealy e Henry Fourdrinier.

O papel non saía seco da máquina, polo que había que cortalo e secalo ao aire, á maneira tradicional. As innovacións continuaron e en 1819 instalábanse en Weida (Turingia) os primeiros cilindros secadores por vapor, e en 1826 Canson introducía en Vidalon (Francia) os cilindros ou prensas aspirantes, mentres que Bergue en 1840 completaba cos areeiros as innovacións no proceso, co que a máquina continua podía considerarse plenamente desenvolta.

A variedade de pedidos de produtos diferenciados –e sempre a escala reducida– determinaban a lentitude da mecanización e a súa baixa especialización, polo que en España se buscaba a versatilidade da pequena fábrica, para poder pasar dun produto a outro con axilidade.

A escaseza de enerxía, e os altos prezos dos trapos e produtos químicos, maioritariamente importados, contribuían a facer a produción española moi pouco competitiva. Ante esta insostible situación buscáronse sucedáneos dos trapos, empregándose cordas, esparto ou palla, iniciativa que fracasou polos altos custos de transformación asociados ao emprego do carbón, o cloruro de cal e a sosa.

A elaboración de pasta de madeira, iniciada en España cara a 1880, supuxo o principio da fin das vellas papeleiras que empregaban trapos como materia prima, que non puideron resistir o pulo da nova competencia.

Descrición Xeral do Entorno:

O conxunto das edificación do Pazo do Faramello localízase na marxe esquerda do río Tinto, tamén chamado rego de Angueira, augas abaixo da gorxa e fervenzas que aparecen ao seu paso polo Faramello, ao pe do Castro Lupario, cando o río vai deitarse no val da Amahía para percorrer os seus derradeiros quilómetros antes de desembocar no río Sar.

Construcción:

Contratada o 5 de maio de 1710.

Abandono:

Comezos do século XX, posibelmente cara a 1910. 

Descrición:

Ao pé do que se di fora o Castro Lupario, no lugar de O Faramello, parroquia de Santa María de Ribasar do termo municipal de Rois (A Coruña), localízanse na marxe esquerda do río Tinto, tamén chamado rego de Angueira, os edificios que hoxe configuran un conxunto agrícola e residencial e que en tempos foran a primeira fábrica de papel que se instalara en Galicia, en terreos que ata a reforma administrativa de 1934 foran pertencentes ao Coto de Francos.

Era o 5 de maio do ano 1710 cando don Gregorio López, escribán de Padrón, anotaba o contrato por don Bartolomé Piombino e don Xacobe Gambino, “genoveses de nación”, con Pablos de Allende e outros tres mestres canteiros para construír unha fábrica de papel común “en el lugar y sitio que llaman de Framelle, inmediato al camino real que va de esta villa a la ciudad de Santiago y en territorio que fue de don Francisco Antonio de Míllara Montenegro”, o que ía ser o primeiro muíño papeleiro que funcionara en Galicia.

Corría o ano 1714 cando por Real Cédula de 6 de outubro se concedía a don Bartolomé Piombino e Francineto, natural de Xénova e veciño de Santiago de Compostela, a facultade de poder establecer unha fábrica de papel, prohibindo que en vinte anos ningunha outra persoa puidese introducir papel nin establecer fábrica del no Reino de Galicia, concedéndolle ademais franquía de alcabalas, centos e millóns para el e os seus sucesores, e aos mestres, oficiais e aprendices dela, fabricar augardente e cervexa para o seu consumo, e outras exencións.

Así cando contra 1732 don Andrés de Silva pretendera instalar unha fábrica de papel no río da Barreira (Rioboo, A Estrada, Pontevedra), opuxérase a tal petición o propietario da fábrica do Faramello ao non ter aínda expirado o monopolio concedido, pedindo ademais a prórroga das franquías por outros corenta anos máis, alegando tamén a falta de trapo fino suficiente e de coñecementos por parte do seu futuro competidor.

Pola descrición recollida no preito de 1732, sábese que daquela a fábrica do Faramello compúñase de dez casas: unha longa na beira do río era o muíño papeleiro; dúas xunto dela dedicábanse tamén á fabricación; catro eran vivendas dos oficiais; outras dúas servían para almacenar papel, madeiras e outros efectos; e finalmente unha con corredor que era a casa habitación do señor Piombino, “todas ellas fabricadas con gran arte y firmeza”.

As instalacións papeleiras consistían entón en unha sólida presa construída con pedra a chapacuña no leito do río, ao comezo das fervenzas existentes neste tramo. As augas derivadas pola presa levávanse pola marxe esquerda do río por unha canle de un centenar de metros, até o muíño papeleiro propiamente dito. Na parede do muíño dispúñanse cinco grandes rodas, movidas pola auga que caía enriba delas, dirixida por condutos de pedra calar.

No interior do muíño papeleiro, había vinte e unha pías para maceralo trapo, cada unha con tres mazos cos seus dentes e pranchas de ferro. Amais, para a elaboración do papel, contaba con dúas tinas, con cadanseu torno e bastóns, burís, formas e demais equipamento preciso.

Augas abaixo do muíño papeleiro, dous muíños fariñeiros (un deles aínda en condición de uso), completaban as instalacións fabrís.

Ocupábanse dela dez operarios, dos que os mestres papeleiros eran o xenovés Xacobe Gambino e o portugués Fernando Domínguez, sendo os demais galegos; traballaban tamén nove mulleres e fabricábanse vinte resmas (cincocentas follas) de papel cada día. En total producían no dito ano 1732 cincocentas resmas de papel de escribir, de primeira segunda e terceira sorte, e catro mil novecentas resmas de cuarta, que eran como papel de estraza (de tina, sen encolar, áspero e moi basto) e valían unicamente para enlibrar e emboletar tabaco.

A produción de papel para envoltura de tabaco se contratara co Administrador Xeral de Rendas do Tabaco do Reino de Galicia e Principado de Asturias, a razón de once reais de vélaro cada resma de marca maior (64 por 44 centímetros) e a nove a de marca menor (32 por 22 centímetros). O pouco que se vendía para escribir ía a vinte e cinco reais a resma.

En 1763 a fábrica tiña 6 rodas e 22 pías, e fabricaba papel das catro sortes, a razón de once resmas diarias.

O río padecía estiaxes, polo que no tempo do verán unha das rodas non andaba pola falta da auga. O propietario tamén queixábase de que o frecuente tránsito de carros e cabalerías polo vao que existía augas arriba enlamaba as augas e non podía saír perfecto o papel de escribir.

O Pai Frei Martín Sarmiento no diario da súa viaxe a Galicia contra 1755 di que o río Tinto, “en que hay tintoreros”, é o río do muíño de papel existente en Francos, e que nace en Raízes.

Pasado o tempo, ao casar Manuel Riveiro de Aguiar e Soares (natural de Viana do Castelo, no reino de Portugal) con María Clara Piombino y Barbosa (filla de Bartolomé, o fundador da industria), a fábrica de papel pasa a ser propiedade dos Rivero de Aguilar por entronque familiar, e eles modernizan as instalacións e melloran a súa produción con papeis de excelente calidade, no que se imprimiran numerosos libros, folletos e impresos das imprentas de Santiago de Compostela usando como marca a lenda Faramello R.

Consonte recolle Gayoso Carreira, Alexandre Laborde en 1806 no seu Itineraire descriptif de l’Espagne cita tres fábricas de papel en Galicia “en Francos, en Jubia y en San Julián de Arnois”. A de Francos é a do Faramello e a de Arnois é a da Barreira.

En 1827, Miñano a sitúa en Francos, mentres que en 1849 Madoz xa a localiza en Ribasar, igual que o Indicador de 1864, no que figura como propietario don Nicolás Rivero.

No ano 1877 don Augusto Milón presentara na Exposición Rexional de Lugo mostras de papel da Real Fábrica do Faramello, e nos Bailly-Bailliere de 1883 a 1900 aparece ao nome de Gutiérrez de Milón, que sería o administrador ou o arrendatario, xa que a propiedade dos edificios e terreos seguiu e sigue sendo da familia Rivero de Aguilar.

Polo que se pode apreciar, tralo abandono da fabricación de papel, construiríase augas arriba da fábrica outro muíño fariñeiro, máis grande que os dous citados. As edificacións dedicadas á fabricación de papel, desprovistas das súas cubertas e posiblemente cos muros perimetrais rebaixados en altura, foron enchidas de terra nos comezos do século XX para facer alí uns xardíns aínda existentes.

O Pazo do Faramello coñeceu certa sona pola activa vida social nel desenvolvida a finais do século XIX e por riba de todo ao aparecer nun episodio da famosísima novela de Alexandro Pérez Lugín “La casa de la Troya”, publicada por primeira vez en 1915 con portada do coñecido Afonso Daniel Rodríguez Castelao.

Nos comezos do século XX cesou a actividade papeleira no Faramello, e xa non aparece mencionada nas Estadísticas industriais de 1934 e 1943. Os edificios e as instalacións foron acondicionados para o seu uso agropecuario e residencial pola familia propietaria, e así continúan na actualidade.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose aos caudais que levara o río.

Sistema de produción:

O proceso de fabricación de papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto, como a estraza ou a estracilla.

Acumulada a cantidade de trapos suficiente para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro, engadindo auga e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ó meter a man”. Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos, con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ao muíño de mazos.

Un apresamento construído nunha revolta do río permitía derivar as augas a unha canle construída na súa marxe esquerda, que tras un percorrido de uns cen metros, conducíaas ás instalacións da fábrica de papel, onde vertíanse sobre cinco grandes rodas hidráulicas verticais de máis de dous metros de diámetro.

Estas rodas motrices, do tipo de gravidade de caixóns ou arcaduces, levaban os seus eixes con levas que accionaban os mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se colocaran os trapos cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a estancia no podredoiro.

Descoñécese a configuración precisa e detallada das instalacións, aínda que pola época da súa construción é moi posible que contase xa con tres grupos de mazos diferenciados para os labores específicos de esfiañado (tres pías de esgazado), afinado (dúas pías de moenda) e disolvido (unha pía de homoxeneización da pasta) tras as que se obtiña a polpa ou pasta para a elaboración do papel.

Unha vez obtida a pasta de papel procedíase ao seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a través da malla, pero as fibras nel retidas ao enfurtirse formaban unha folla de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida, rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario.

Retirados os pregos dos moldes púñanse en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os saiales. Despois procedíase ao seu prensado, en prensa ou entre roletes, para escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ao aire.

O papel xa seco, que pola súa gran porosidade resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ao proceso de encolado co zume obtido ao espremer desperdicios xelatinosos de animais moi cocidos. Tras un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado ao aire, o papel “de barba” (polas barbas que quedaban ao sacalo do molde) traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á venda.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do trapo, así como no levado das follas ó secadoiro. Persoal masculino no resto das labores, na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Ademais de nove mulleres, en 1732 traballaban dez operarios baixo as ordes de dous mestres papeleiros.

Materias Primas:

Trapos.

Produtos Elaborados:

Papel de varias calidades.

Distribución e comercialización:

Rexional, centrada en Santiago de Compostela

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L., 1986. Comercio colonial y crisis del Antiguo Régimen en Galicia (1778-1818). La Coruña: Xunta de Galicia. ISBN 84-505-2914-X.

Asunción Pastor, J., 2002. El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración, Parramón, Barcelona. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Bailly-Bailliere, 1879. Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal, publicación anual desde 1879, Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Basanta Campos, J.L., 1966. “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. DL M-13650-1964.

Basanta Campos, J.L., 1999. “La fábrica de papel de Soutorredondo, en Noia, provincia de A Coruña”, Actas del III Congreso Nacional de Historia del Papel en España, Banyeres de Mariola, Alicante, 1 al 4 de septiembre de 1999, Asociación Histórica de Historiadores del Papel, Consell de Cultura, Educació i Ciéncia de la Generalitat Valenciana, p. 357-394. DL CU-316-1999. ISBN 84-482-2243-1.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carré Aldao, E., 1928. “Provincia de La Coruña”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Fumega Piñeiro, F.X.; Sobrado Pérez, X.L., 2010. As fábricas de papel na comarca do Carballiño. O Carballiño (Ourense): Centro de Estudios Chamoso Lamas. DL OU-177-2010. ISBN 978-84-614-4756-5.

Gayoso Carreira, G., 1965. “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. DL M-13650-1964.

Gayoso Carreira, G., 1994. Historia del papel en España, 3 vol., 2ª ed. 2006, Lugo: Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, p. 195. DL S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

González Tascón, I., 1987. Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU). Madrid: Turner Libros. DL M-4.836-1992. ISBN 84-7790-147-3.

Gutiérrez i Poch, M., 1999. «L’Espagne est encore dans l’enfance. Máquinas francesas y fracaso español. La mecanización de la industria papelera española (1836-1880)», Doctor Jordi Nadal. La industrialització i el desenvolupament econòmic d’Espanya. 2 vols. Carreras, Pascual, Reher y Sudriá (eds.). Barcelona: Universitat de Barcelona, p. 1.258 y sigs. DL B-19.849-99. ISBN 84-475-2146-X.

Laborde, A., 1809. Itinerario descriptivo de las provincias de España, y de sus islas y posesiones en el Mediterráneo, con una sucinta idea de su situación geográfica, población, historia civil y natural. Traducción libre de Mariano de Cabrerizo y Báscuas publicada en 1816, Valencia: Librería de Cabrerizo, Imprenta de Ildefonso Mompié.

Larruga Boneta, E., 1784-1800. Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusión de los reales decretos, órdenes, cédulas, aranceles y ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento, tres series previstas, primera serie de 45 tomos en cuarto, sólo cuatro publicados (Castilla la Vieja, Castilla la Nueva, Extremadura y Galicia), Madrid: imprenta de Benito Cano, 1787-1800.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Madrid: Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, a cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). [en línea] Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Ministerio de Industria y Comercio, 1934. Estadísticas de la industria del papel y cartón, publicadas de 1934 a 1943, Madrid.

Miñano y Bedoya, S. de, 1826-1828. Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, 11 vol., Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.

Pazo do Faramello [en línea] http://www.pazofaramello.com [Acceso 14 noviembre 2013].

Servicio Sindical de Estadística, 1966. Catálogo de empresas y productos industriales, Madrid.

Verea y Aguiar, J., 1803. Proyecto económico para promover el establecimiento de fábricas de papel en el Reyno de Galicia, Santiago de Compostela.

Viñas y Campi, 1866. El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas, Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 120-II Extramundi de Abaixo // Fuso 29 // X 530.460,48 m / Y 4.740.073,85 m

Data de Actualización:

17 nov. 2010 / 10 sep. 2012 / 14 nov. 2012
Xunta de Galicia Ministerio de Industria, Turismo y Comercio Plan Avanza FEDER