150 Conservas Massó en Cangas

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Cangas
  • Parroquia: Santiago de Cangas
  • Lugar: Cangas
  • Paraxe: O Salgueirón
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.254633083275586
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.788209557533264
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 / X 517.587,59 m / Y 4.678.293,92 m
  • Clasificación: Fabricación de conservas
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Conserva de sardiña e outros).
  • Tipoloxía: Conserva hermética de peixe en envase metálico
  • Comarca: O Morrazo
  • Marco Xeográfico: Enseada de Cangas
  • Ámbito: Urbán
  • Acceso:
    Dende Cangas podemos seguir pola estrada C-550 ata Balea e alí tiraremos ó sur cara ó campo de fútbol. Unha vez alí camiñaremos cara a punta Balea uns douscentos metros e atoparemos a vella fábrica de Darío Lameiro Sarachaga e sucesores, ademais da factoría baleeira de Massó e, xa virando cara ó norte e a uns cincocentos metros, o complexo conserveiro de Massó no Salgueirón. Podemos tamén facer o percorrido inverso e dende Cangas bordear ata a conserveira de Massó no Salgueirón, podendo continuar despois cara a factoría baleeira de Massó e a vella conserveira da Congorza.
  • Tipo de propiedade: Privada
  • Visitable: Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A conservación dos alimentos foi una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas) téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nunha vella salgadeira, en Bueu apareceron restos de salgadeiras e ánforas de barro romanas, e en Noville (Mugardos) estudárase unha completa e señorial industria romana de salga.

Na Idade Media están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ó aire con destino ós portos cantábricos, portugueses e andaluces. Tamén se constatan no século XVI os envíos de ostra escabechada á veciña Castela.

Aínda que os diferentes portos galegos xa despachaban ó Levante importantes cantidades de sardiña ó longo do século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o comercio con Inglaterra.

Co desabastecemento dos seus mercados os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares, e as primeiras vagas de comerciantes cataláns que recalan nas costas galegas por mor de mercar sardiña e preparala cos métodos de salgadura desenvolvidos no Mediterráneo, ocorren a partires de 1750, aínda que só permanecen acó entre abril e decembro –a tempada da pesca da sardiña– voltando despois ó Levante ata a seguinte campaña, que chamaban “costeira”.

As primeiras actividades comerciais desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados a carón do mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” ós mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceite, xabón…) e bacallau danés.

A primeira etapa remata trala ocupación francesa, e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade das salgadeiras, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca. Tres foron as innovacións introducidas polos fomentadores cataláns: as redes de arrastre (a xávega) máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco; as novas técnicas de salgadura (o salpresado fronte ó escochado); e os novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.

A esterilización do peixe e o seu posterior envasado en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde, é unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura. O procedemento, que fora descuberto en Francia na década de 1820, adoptárase na Bretaña a altura de 1840, e chegara ó seu cume a finais do século, cando a soldadura manual das tapas por estañado ía sendo substituída polo “sertido” ou peche mecánico por compresión das pestanas que levaban o corpo do envase e a súa tapa, cun ariño de goma para garantir a estanquidade.

Pódese considerar como a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento en 1879 Juan Goday Gual na Illa, cun edificio construído expresamente para contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do proceso produtivo “ó estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

A familia Massó, orixinaria da vila mediterránea de Blanes, establecía contra o ano 1816 unha compañía de salgaduras de peixe na vila mariñeira de Bueu (Pontevedra), compañía mixta que levaba o nome dos catro socios: Massó, Dotras, Ricart y Buch.

Case setenta anos máis tarde, Salvador Massó Palau que mercara a fábrica de salga entón chamada “Almacén do Rei” para cedela á sociedade “Salvador Massó e Hijos”, creada o 14 de xullo de 1880 cos seus fillos, en colaboración con Félix R. Domingo, vascofrancés oriúndo de Bayonne, en Francia, construía una fábrica de conservas que se inauguraba o 14 de xullo de 1883. Animado polos fillos, decidía levar a cabo a transición da salgadura á conserva hermética de peixe, e xunto co empresario francés Pascual Dargenton Lafont, asociado a su vez co dito Domingo en Dargenton & Domingo, fundaba o 24 de xullo de 1883 a sociedade “La Perfección”, co obxectivo da comercialización por xunto de sardiñas en aceite e doutros peixes, ademais da fabricación das latas.

Trala morte de Salvador Massó en 1886, os seus fillos Gaspar e Salvador Massó Ferrer, disolvían en 1898 a primitiva sociedade e fundaban unha nova conserveira “Massó Hermanos” sobre as bases da anterior, dedicándose á produción de conservas e salgas de peixe, compra e venda de fariñas, redes, e fabricación de toda clase de artefactos de pesca. Daban daquela ocupación a máis de seiscentos traballadores.

Grazas ós beneficios extraordinarios xerados durante a Primeira Guerra Mundial (1914-18) os irmáns Massó Ferrer puideron levar a cabo procesos de integración vertical na súa empresa, construíndo varias embarcacións de vapor con tecnoloxía británica: o Massó 5, en 1916; o Massó 6, en 1918; o Independiente, o Nuevo Silvestre e o Colón, en 1920.

Como era habitual no sector conserveiro, as súas múltiples marcas de diferentes calidades (Massó, Kairel, Gaviota, El Porrón, Massó Brand) se comercializaban tamén nos mercados da exportación, tanto en América (principalmente Estados Unidos, Arxentina e Chile) como en Europa (especialmente Francia).

Nesta década de 1920 incorporábanse á empresa os fillos de Gaspar Massó Ferrer, Gaspar, José María e Antonio Massó García, mentres que a filla, Montserrat, casaba en Barcelona cun parente afastado, Santiago Bolíbar Sequeiros. A nova xeración decidía investir as ganancias na creación contra 1926 dunha nova fábrica de transformación de peixe en Bueu, ademais de un novo taller de manufactura de latas. Na construción desta nova fábrica participara activamente José María, formado como perito industrial en Vigo, en colaboración co arquitecto Jacobo Esténs Romero.

No cambio de década, a empresa adquiría do Banco de Roma a salgadeira do conserveiro xenovés Guido Paganini Picasso, que quebrara, e xunto con ela varios terreos próximos a ela na zona da beiramar de Cangas coñecida como O Salgueirón. Ademais, en 1931 “Massó Hermanos” convertíase en sociedade anónima, con Gaspar Massó Ferrer como presidente, Gaspar Massó García como director xerente, e os seus irmáns José María e Antonio, respectivamente, como vicepresidente e secretario. José María pasaría á presidencia en 1934.

A Guerra Civil española supuxo o esplendor das vendas das conserveiras galegas, xa que se viron favorecidas coa subministración dos seus produtos ás zonas que ía ocupando o exército rebelde. A empresa Massó continuou a súa expansión, e no Salgueirón, onde mercaran a salgadeira de Paganini, deseñaron unha nova fábrica, chamada a ser das primeiras de Europa no seu xénero.

En 1937 comezaban as obras da nova factoría de Cangas, proxectada polo enxeñeiro Tomás Bolíbar Sequeiros e o arquitecto Jacobo Esténs Romero, cunha superficie útil cuberta que acadaría os corenta mil trescentos trinta metros cadrados sobre unha superficie total de cento oitenta mil metros cadrados dispoñible para diferentes usos.

A factoría inaugurábase en 1941, configurando un complexo industrial coa elaboración de conservas de peixe e de mariscos como liña directriz que integraba as diferentes actividades do momento: fábrica de conservas; fábrica de envases; varadoiros de reparación da frota pesqueira, tanto propia como allea; talleres de carpintería de ribeira; talleres de albanelería e pintura; forxa e taller mecánico para a construción de maquinaria de deseño propio; cámaras frigoríficas e fábrica de xeo; instalacións para a elaboración de fariñas e aceites de peixe. Todo un emporio fabril que proporcionaba emprego a máis de mil cincocentas persoas, homes e mulleres.

O equipo técnico da empresa patentou numerosas innovacións que lle deron á industria galega recoñecemento internacional: máquinas e prensas de fabricación de envases; fornos de cocción continua; canles de eviscerado.

As innovacións tiveron lugar tamén no ámbito administrativo e, por riba de todo, no ámbito social: Massó habilita en Cangas máis de cincuenta vivendas para os traballadores, con auga corrente e horta; dispón de un hotel para os solteiros, con comedor subvencionado; unha gardería infantil atendida por persoal especializado, co seu comedor e coa visita semanal dun pediatra; permisos ás nais para a lactación; aulas escolares; comedor para o persoal que vivía lonxe da fábrica; economato; asistenta social para os dous mil trescentos traballadores repartidos nas catro fábricas. No é de estrañar que no ano 1943 se lle concedera o título de “Empresa Ejemplar”.

A compañía se reestrutura na década de 1960, abandonando a fabricación dos envases, que pasan a ser fabricados pola empresa Carnaud Galicia.

Coa pexa dos problemas laborais e financeiros aparecidos na década precedente, na década de 1980 a empresa “Massó Hermanos, S.A.” comeza a súa decadencia, que vese acelerada a partires de 1991 trala morte de Gaspar Massó ata que chega o peche definitivo contra o ano 1996.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situase na ribeira dereita da enseada de Cangas, na ría de Vigo, na zona de O Salgueirón, preto da vila de Cangas.

Construcción:

1937

Abandono:

1996

Descrición:

Polo xeral as fábricas de conservas de peixe, igual que os almacéns de salga, foran edificadas na mesma liña do mar, próximos á beira, en enseadas ó abeiro e de acceso doado para as pequenas embarcacións que descargaban a sardiña. De non contaren con porto construíanse pequenos peiraos ou unha sinxela rampla de atraque.

A meirande parte das conserveiras consta unicamente dunha planta baixa disposta en forma rectangular, cunhas dimensións variables de ata vinte metros de fachada e corenta metros de fondo, aínda que ás veces, pola fasquía do solar, a fachada era a parte máis longa do edificio. A construción das conserveiras máis antigas facíase con pedra de gra na cantería, vaos de portas e ventás, e mailos esquinais, e cachotería nas paredes, con cuberta a dúas augas con tella do país. Edificacións máis recentes teñen as paredes de ladrillo e as cubertas de chapa ondulada de fibrocemento (“uralita”).

O interior da fábrica tiña normalmente as oficinas separadas do resto da zona de traballo, e nesta distinguíanse cinco partes principais: a zona de limpeza e eviscerado do peixe; a zona de e cocción, en grellas ou enlatadas; a zona de empacado e peche; a zona de esterilizado e limpeza de latas; e a zona de estoxado e empaquetado para expedición.

Algunhas fábricas tiñan tamén unha sección de carpintería para a preparación de caixas de madeira, así como un taller mecánico para a elaboración dos envases metálicos e a reparación da maquinaria.

Nalgúns casos, unha vivenda construída nas proximidades da fábrica se destinaba para vivenda do encargado e a súa familia.

No caso da fábrica de conservas de Massó en Cangas –unha das primeiras grandes construcións en formigón armado–, o conxunto era realmente un completo complexo industrial, como se ten dito: fábrica de conservas; fábrica de envases; varadoiros de reparación da frota pesqueira, tanto propia como allea; talleres de carpintería de ribeira; talleres de albanelería e pintura; forxa e taller mecánico para a construción de maquinaria de deseño propio; cámaras frigoríficas e fábrica de xeo; instalacións para a elaboración de fariñas e aceites de peixe. Todo un emporio fabril que proporcionaba emprego a máis de mil cincocentas persoas, homes e mulleres.

Tempo de uso:

Estacional e intermitente, dependendo das mareas da sardiña e dos outros produtos elaborados.

Sistema de produción:

Completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para proceder á preparación das conservas.

Para moitos veciños das conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das pezas en salmoira ou ben ó vapor. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estuchado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoirado, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

No ano 1960 xa se empacaban os túnidos mecanicamente, e en 1962 introducíase na liña da sardiña o novo sistema de recepción e tratado do peixe, pasando primeiro aos tanques de salmoira refrixerada e de alí ao corte e eviscerado mecánico, para continuar en bandexas plásticas aos fornos de cocción e seguidamente ás mesas de empacar, todo elo sen intervención de man de obra. A mecanización permitía que a fábrica de Cangas producira máis de corenta millóns de latas anuais.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do peixe. Persoal masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos. Persoal de ámbolos dous sexos nas oficinas.

Emprego:

Chegaran ter máis de mil cincocentos empregados. Trala modernización emprendida na década de 1960 contabilizaba 778 traballadores en Cangas, 640 en Bueu e 105 en Avilés (Asturias) no ano 1962.

Materias Primas:

Peixe, principalmente sardiñas.

Produtos Elaborados:

Conservas de sardiña e outros.

Distribución e comercialización:

Na década de 1930 os mercados principais de Massó eran Arxentina e Cuba, antes do repregamento que seguiu coa gran depresión mundial de 1929. A partires de 1950 os destiños principais eran Norteamérica e Europa, con Estados Unidos, Francia, Alemaña e Suíza como destinos principais. Xa nas décadas de 1970 e 1980 o oitenta por cento da produción vendíase no mercado nacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Asociación Cultural A Cepa, 2009. As mulleres da conserva. Fernando Cuñarro Pintos (dir.), Cangas: Asociación Cultural A Cepa. DL S-197-2009. ISBN 978-84-612-8705-5.

Berea Cruz, E.; García Movilla, C., 1993. Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

Carmona Badía, J., 1985. «La industria conservera gallega, 1840-1905», Papeles de Economía Española, Serie Economía de las Comunidades Autónomas, número 16, Galicia. Madrid: Fundación Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros (FUNCAS), p. 177-191. ISSN 1136-4777.

Carmona Badía, X., 2006. “José Barreras Massó (1867-1950)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 258-281. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Consultora Galega, S.L., 1993-2008. Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo. Catálogo de Bens Culturais, Vigo.

Cuñarro Pintos, F. (dir.), 2009. As mulleres da conserva. Cangas: Asociación Cultural A Cepa. DL S-197-2009. ISBN 978-84-612-8705-5.

Entremos na Panificadora. “Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. Fichas” Inventario Histórico do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo (IHPIRV) [en línea]. Disponible na Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 19 de marzo do 2013].

Fernández Casanova, C., 1998. “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

García Fernández, A., 2006. "Construcións marítimas da nosa primeira industrialización. Da salga á conserva”, Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3, Xuño 2006, Cambados, Pontevedra, p. 35-40. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.

López Capont, F., 1998. El desarrollo industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a Galicia, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-769-1998. ISBN 84-89748-26-8.

Mariño del Río, M., 1996. A industria derivada da pesca no Concello de Porto do Son. As salgadeiras (1774-1934), Muros: Toxosoutos. DL C-1001-1996. ISBN 84-89129-20-7.

Muñoz Abeledo, L., 2006. “Gaspar Massó García (1892-1991)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 412-431. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Romaní García, A., 1981: La pesca de bajura en Galicia. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 978-84-7492-087-1

Romaní García, A., 1991: A revolución tecnolóxica na industria salgadeira en Galicia. Vigo: Unipro. ISBN 84-87917-01-1.

Sánchez Cidrás, A. (coord.), 1997. “A salazón en Bueu”. O candil: revista do Colexio Público de Bueu, nº 14, xuño 1997. Bueu: Colexio Público de Bueu. DL PO-2-1996. ISSN 1137-1994.

Sáñez Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-I Cangas // Fuso 29 / X 517.587,59 m / Y 4.678.293,92 m

Data de Actualización:

19 novembro 2010 / 28 marzo 2013
Xunta de Galicia Ministerio de Industria, Turismo y Comercio Plan Avanza FEDER