157 Fábrica de gas de Ferrol

Galería de Fotos

VerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ferrol
  • Parroquia: Ferrol (núcleo urbano)
  • Lugar: Barrio de Esteiro
  • Paraxe: Campo de Batallóns
  • Dirección: Avenida de Mac Mahón, s/n
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.48022695503729
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.225970268249512
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 / X 562.613,00 / Y 4.814.424,59
  • Clasificación: Fábrica de gas
  • CNAE: 35.21 Produción de gas, 35.22 Distribución por tubaria de combustibles gasosos, e 35.23 Comercio de gas por tubaria.
  • Tipoloxía: Destilación de aceites minerais, principalmente de xistos bituminosos
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Ría de Ferrol
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso:

    No casco urbano do barrio de Esteiro de Ferrol, case ó final da Avenida de Mac Mahon e mirando o Cuartel de Dolores no Campo de Batallóns, atópanse hoxe en día o Colexio de Ensino Infantil e Primario Isaac Peral e o Instituto de Ensino Secundario Saturnino Montojo, aproximadamente no lugar que ocuparan o matadoiro, o secadoiro de peles e a fábrica de gas.

Tipo de propiedade:

Solar actualmente ocupado por edificacións privadas dedicadas ó ensino

Visitable:

Non procede ó non quedar pegada algunha das instalacións

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

De maneira resumida pódese dicir que a industria do gas para iluminación orixínase nos anos finais do século XVIII, impulsada polos traballos do mecánico escocés William Murdock e do enxeñeiro francés Philippe Lebon e facilitada polos progresos da química, a valorización do coque e o respaldo dos estratos máis avanzados da sociedade.

Aínda que a difusión da industria do gas foi inicialmente moi dificultosa e coñeceu notables fracasos, a partir do outorgamento polo Parlamento británico en 1812 do servizo público de gas combustible para iluminación á empresa “Gas Light and Coke Company” iniciouse a expansión no Reino Unido e en 1820 quince grandes cidades británicas contaban con fábrica de gas.

Durante as primeiras décadas do século XIX a innovación chegara tamén ás principais cidades europeas continentais: Bruxelas (1819), París (1819), Dublín (1822), Berlín (1824), Róterdam (1826), Xenebra (1843), Madrid (1843), Barcelona (1843), Estocolmo (1846), Lisboa (1848), Porto (1849)…

A industria do gas aparece en España en 1842, datas nas que os procesos de acumulación de capital, fundamento de calquera proceso industrializador, a penas se iniciaran (practicamente, non existen bancos e nin sequera cóntase con leis que regulen as sociedades por accións), polo que o aforro carece dos instrumentos financeiros precisos para orientarse cara a calquera industria intensiva en capital, como é a do gas, polo que os investimentos neste contexto realízaos case na súa totalidade capital estranxeiro.

Na seguinte década, cando xorde a gran expansión bancaria española, o sistema financeiro concentra a súa atención na oportunidade investidora dos ferrocarrís, esquecendo ao sector industrial.

Chégase así a finais do século XIX, cunha industria que creceu e desenvolveuse modestamente, moi por baixo do resto da industria europea. No que incumbe á industria do gas, baste sinalar como referencia a título comparativo que mentres en Inglaterra a primeira fábrica de gas pódese datar xa en 1807 e vinte e dous anos máis tarde, en 1829, xa existían máis de duascentas, en España instalábase o primeira trinta e cinco anos despois (1842, Barcelona), e vinte e catro anos máis tarde, en 1866, tan só había vinte e seis fábricas en funcionamento.

A inicios do século XX, o proceso de industrialización español non se asentara, España seguía a ser un país de base eminentemente agraria e na industria do gas xa estaba consolidada a gran diferenza, posto que ó non realizarse os investimentos en infraestruturas, o uso de gas -coa excepción catalá- non se popularizara, mentres que no resto de Europa xa existían numerosas fábricas coas súas correspondentes redes de distribución.

Unha segunda oportunidade de recuperar o atraso da industria do gas -por outra banda, similar ó do conxunto da industria española- xorde nos anos de 1920, coa repatriación dos capitais de Cuba e os efectos fortemente expansivos da primeira guerra mundial. Esta vez, o problema xorde da competencia que representa a aparición da electricidade, primeiro de orixe térmica, e hidráulica despois, que vén substituír á aplicación básica da industria do gas, a iluminación.

En resumo, cando se inicia a industria do gas en España non existe o capitalismo financeiro que a difunda rápida e eficazmente; cando, tardío, aparece o capitalismo financeiro en España, a época dourada da iluminación por gas feneceu, e ese capital envórcase con entusiasmo na nova forma de enerxía, a electricidade. Esta situación tradúcese na carencia de infraestruturas, e mesmo, de mercados gasistas desenvolvidos, que son as pautas fundamentais que marcan as diferenzas con respecto a outros países industrializados no que atinxe á industria española do gas.

Os primeiros fitos do desenvolvemento da industria do gas en España márcanos a iluminación co primeiro farol de gas na aula de Debuxo da Casa Lonxa do Mar da Xunta de Comercio do Principado de Cataluña (Barcelona, 1826) e a posta en marcha da rudimentaria fábrica de gas coñecida como “O Laboratorio” no alto da rúa de Carretas de Madrid (1832), coa que se iniciou a iluminación con farois de gas dalgunhas rúas céntricas da capital do reino. O éxito do “Laboratorio” foi tal, que o rei Fernando VII dispuxo outra pequena fábrica no Campo do Mouro, inmediata ó palacio real.

Na o ano 1843, a “Compañía Madrileña de Alumbrado y Calefacción por Gas”, fíxose cargo do servizo, e en 1844, unha compañía inglesa construíu unha fábrica de gas xunto á ponte de Toledo, abastecida con carbóns de Puertollano e Asturias, estendéndose considerablemente a subministración de gas por todo Madrid, de maneira que en 1885 producíronse 13 millóns de metros cúbicos de gas, e en 1890 as canalizacións alcanzaban os 270 km de rede.

En Barcelona, tras unhas primeiras xestións realizadas en 1840 por Charles Lebon, membro dunha familia gasista francesa, no ano 1843, fúndase a “Sociedad Catalana para el Alumbrado de Gas”, substituíndo 815 farois de aceite por farois de gas, cun aforro para o Concello de 18.943 duros e 9 reais ó ano, o que supuña un notabilísimo aforro, da orde do 50% do custo precedente.

A primeira fábrica de gas construíuse na Barceloneta, e en 1854, fundábase “La Propagadora del Gas”, segunda empresa gasista barcelonesa, que instalaba a súa fábrica en Grácia, distribuíndo o gas en San Gervasio, Corts e Sarriá. En 1861, Charles Lebón, fundaba “Gas Municipal”, logrando un contrato de quince anos co concello e instalando unha nova fábrica en El Arenal, estendéndose a distribución polo Poble Nou e San Martín de Provençals.

A partir da década de 1840, o desenvolvemento da industria do gas en España é xa continuado e imparable. Tralas primeiras fábricas de Madrid (1832), Barcelona (1843), Bilbao (1847) e Santander (1852), instálase unha segunda fábrica en Barcelona (1854), ademais das da Coruña (1854), Oviedo e Palma de Mallorca (1859), Tarrasa (1860), Lérida e Valencia (1862), Murcia (1864), Zaragoza (1865), Granada (1866), Almería (1867), Cádiz (1868), Gijón (1870), El Puerto de Santa María (1871), Santiago de Compostela (1872), etc.

Malia o seu retraso, a expansión da industria do gas en España foi notable, chegándose a contabilizar até un total de 57 fábricas de gas, 28 das cales se localizaban en capitais de provincia, e as restantes atopábanse en localidades con certa concentración de poboación. Por outra banda, das 57 fábricas de gas citadas, 26 delas atopábanse en Cataluña, o que pon de manifesto o forte arraigamento da industria gasista naquela rexión.

O desenvolvemento da industria do gas en España viuse entorpecido e atrasado polo lado da demanda polo reducido consumo industrial e privado da época, e polo elevado custo da materia prima –hullas gasificables– e as limitacións financeiras para a construción das redes de subministración, no que incumbe á oferta.

A carencia de carbóns de calidade e a falta de comunicacións terrestres no país limitou inicialmente o desenvolvemento a aquelas zonas costeiras que contaban con infraestruturas portuarias apropiadas para facilitar o aprovisionamento de carbóns ás fábricas de gas a uns prezos competitivos.

Xa desde principios do século XX, a popularización da iluminación eléctrica supuxo unha difícil situación para o sector gasista, que ante o declive da iluminación pública con gas, tratou de promover novas utilizacións para o gas cidade.

As dificultades de abastecemento de carbón trala guerra civil española (1936-1939), supoñen unha nova dificultade para a industria gasista, que mesmo se ve obrigada nalgúns casos á suspensión da subministración, situación que non puido normalizarse no país até 1951.

Co esgotamento dos carbóns de maior calidade, os prezos da materia prima para a gasificación incrementáronse de maneira significativa, experimentándose con modificacións nos procesos para mellorar os rendementos e permitir a utilización dos carbóns máis baratos.

Aínda que se fixeron con éxito numerosos intentos de gasificar carbóns de baixa calidade, as técnicas desenvolvidas non lograron competir cos novos métodos de obtención de gases combustibles a partir do petróleo, posto que a dispoñibilidade a baixo prezo de derivados do petróleo procedentes de refinaría e o deseño de diversos procedementos de gasificación destes derivados para fabricar gases combustibles cunha ampla gama de poderes caloríficos, incluído o propio gas de refinaría, convertían en antieconómica mesmo a utilización de carbóns de baixo grao. Numerosas fábricas de gas deste tipo entraron en explotación a partires de 1960.

O emprego do petróleo no canto do carbón, presenta indubidables vantaxes na fabricación de gases combustibles. A unha maior facilidade de manipulación das materias primas líquidas e gasosas, con instalacións menos voluminosas e que requiren menores investimentos, únese a posibilidade de fabricar unha gran variedade de gases combustibles, carentes do temido monóxido de carbono, é dicir, practicamente non tóxicos. Á ausencia de subprodutos de fabricación nos novos procesos, engádese, ademais, a posibilidade de producir gas a alta presión, reducindo os custos de transporte e facilitando a súa distribución a maiores distancias.

En definitiva, o proceso de substitución do carbón por derivados do petróleo como materia prima básica para a fabricación de gases combustibles, representou unha auténtica revolución tecnolóxica na industria do gas manufacturado, practicamente estancada durante cento cincuenta anos e que puido así renovarse e salvarse dunha segura desaparición.

En 1956, cos antecedentes do ocorrido noutros países, iníciase a primeira revolución tecnolóxica da industria do gas cidade en España, coa posta en marcha pola empresa “Catalana de Gas y Electricidad, S.A.” da primeira planta española de fraccionamento catalítico de fuel óleo para producir gas, coa secuela da desaparición de fábricas, concentración de empresas, economía de escala e espectaculares aumentos na produtividade, todo iso baseado en importantes investimentos.

Este cambio permitiu a supervivencia da industria do gas cidade, asfixiada polos elevados custos de gasificación do carbón, que facían do gas canalizado un produto non competitivo nin fronte á electricidade, nin fronte ós gases licuados do petróleo, que iniciaran a súa penetración masiva en España en 1958 trala creación da empresa “Butano, S.A.” no verán do ano anterior.

A partir de 1961 abandónanse definitivamente os sistemas clásicos de gasificación da hulla, substituíndoos polos modernos procesos de fraccionamento (cracking) catalítico de naftas lixeiras e así, na década de 1960, a industria española do gas manufacturado sufriu un cambio importante, consecuencia do cambio tecnolóxico que supuxo a introdución do novo proceso de fabricación.

Como se dixo, este cambio tecnolóxico foi absolutamente necesario para a supervivencia da industria do gas cidade, dado que os custos de produción da gasificación do carbón (cunha constante subida de prezo das materias primas), unidos a unha estrutura de prezos de venda políticos (coa consecuente escaseza de marxes de beneficios e por tanto, limitacións no autofinanciamento), levaba inexorablemente a unha fisionomía de empresa caracterizada por instalacións anticuadas, unha baixa taxa de crecemento e unha continuada descapitalización.

O proceso de modernización das fábricas de gas españolas supuxo, por unha banda, a concentración de empresas de distribución de gas, que pasaron das 31 existentes en 1960 ás 17 en funcionamento en 1979. Por outra banda, dita reconversión comportou unha profunda modificación na relación entre capital e traballo, e así no período de 1960 a 1969, mentres as vendas de gas case se duplicaron, pasando de 318 a 605 millóns de metros cúbicos, o persoal empregado reduciuse nun 33%, pasando de 5.426 a 3.723 persoas.

A penetración do gas natural en España a partir de 1969, coa construción da planta de regasificación de Barcelona, supuxo a modificación definitiva da industria do gas canalizado, coa paulatina substitución do gas manufacturado polo devandito gas natural. Esta substitución acelerouse notablemente cara a 1980, o gas natural introduciuse con firmeza nos mercados e o gas manufacturado continuou o seu rápido retroceso, representando na década do ano 2000 apenas un 0,3% do total de gas consumido en usos finais.

Tralo peche das fábricas de San Sebastián (1998) e Murcia (1999), e a reconversión da fábrica de Palma de Mallorca (2001), a familia dos gases combustibles manufacturados queda representada en España unicamente polas mesturas gasosas de aire metanado e aire propanado, que se manterán en tanto e en canto non se atope dispoñible a subministración de gas natural nas súas actuais zonas de utilización.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase nun terreo baldío do Campo de Batallones, entre o Cuartel de Dolores e as murallas do Arsenal, afastada pero non lonxe dos previsibles centros de consumo e próxima o embarcadoiro do peirao de San Fernando.

Construcción:

En 1883 pola compañía barcelonesa “Sociedad General de Alumbrado de España y Portugal”. Traspasada xa o 14 de xaneiro de 1884 á empresa “Sociedad Catalana para el Alumbrado de Gas”, tamén barcelonesa.

Abandono:

30 de abril do ano 1898.

Descrición:

A evolución demográfica e socioeconómica de Ferrol dende os primeiros anos do século XVIII (en 1726 se emprende a construción do arsenal da Graña) ven fortemente condicionada polo monocultivo industrial que supón a industria naval. O desenvolvemento dos estaleiros e as actividades conexas vai supor a creación de novos grupos profesionais de mariños, enxeñeiros, técnicos e oficios diversos, moitos deles procedentes doutras rexións españolas e mesmo do estranxeiro.

Neste contexto, fortemente dependente de conxunturas e decisións esóxenas, temos que enmarcar a experiencia da implantación e fracaso da industria do gas en Ferrol.

As propostas para instalar unha fábrica de gas en Ferrol e substituír a iluminación con farois de petróleo remontan ó ano 1861 pero habería que esperar ata o ano 1864 para a adxudicación do encargo á empresa londiniense “William Knight & Co.”, designándose o Campo de Batallones, no barrio de Esteiro, para a situación da fábrica. Aínda que en novembro de 1865 se comezara a escavación para a instalación do gasómetro, as obras pronto quedaran suspendidas, e tras meses de dilacións e aprazamentos por parte da empresa, o concello finalmente rescindía o contrato no mes de setembro de 1866.

Pasadas as convulsións e a inestabilidade política do chamado Sexenio Revolucionario (1868-1874), o alcalde Demetrio Plá y Frige subscribía o 23 de decembro de 1878 contrato de alumeado por gas con a empresa de William Scott Smith e James Bolland, cedendo de maneira gratuíta o terreo contiguo ó matadoiro público que se coñecía xa como “Campo del Gasómetro”, entre a muralla do Arsenal e o Cuartel de Batallones. Pero aínda que o contrato elevábase a público a mediados de abril de 1879 co novo alcalde Antonio Togores Corbián, tampouco nesta volta a concesión rematou na implantación do servizo do gas en Ferrol.

Finalmente, o 10 de xaneiro de 1882, o alcalde asinaba un novo contrato coa compañía barcelonesa “Sociedad General de Alumbrado de España y Portugal”. Esta empresa ofertaba a substitución do gas de hulla polo chamado “gas rico”, obtido por destilación dos aceites de xistos bituminosos procedentes de Escocia (aceites minerais coñecidos como “Parafina de Escocia”), procedemento daquela máis barato e que producía un gas de elevado poder calorífico aínda que de peor calidade luminosa.

A fábrica inaugurábase o 7 de marzo de 1883, no solar de “cento seis metros pola parte anterior, cento dous pola posterior, cincuenta e catro polo costado dereito e cincuenta e dous polo esquerdo” cedido polo concello no devandito barrio de Esteiro, limitando polo norte coa Alameda de Batallones, polo este co Cuartel de Batallones de Marina, polo sur co camiño de circunvalación da zona militar e polo oeste co camiño “que baixa ó peirao de San Fernando”. As instalacións iniciais ocupaban so un cadro de uns corenta e cinco metros por cincuenta e contaban con catro fornos, dúas columnas de coque para o quecemento dos fornos, os lavadoiros hidráulicos e o secador, ademais do contador de fabricación, o regulador de presión e un gasómetro de 150 m3 de capacidade.

O aumento do consumo e a previsión de subministración ós Arsenais obrigaba á ampliación das limitadas instalacións iniciais. A compañía houbo de recorrer ó financiamento alleo, traspasando finalmente a concesión, a fábrica e as conducións o 14 de xaneiro de 1884 á empresa “Sociedad Catalana para el Alumbrado de Gas”, que fundara en Barcelona contra 1843 o empresario francés Charles Lebon. Dende o 14 de maio de 1884 facíase cargo da fábrica o barcelonés Pelegrín Fuster quen sería representante da “Catalana” e director da fábrica ferrolá ata o seu peche en 1898.

As deficiencias no servizo levaron á revisión do contrato co concello, obrigándose a empresa á transformación das instalacións para elaborar gas de hulla no canto do gas de xistos. Pretendíase tamén o traslado da fábrica, propóndose o solar coñecido como “Huertas de Baterías”, cos inconvenientes dunha meirande distancia para o aprovisionamento de materia prima e unha maior cota por riba das zonas de subministración. Pola súa banda, a empresa prefería construír a nova fábrica na mesma zona do Matadoiro, nos arredores da vella e preto do peirao de San Fernando.

As discusións co concello continuaron sen acordo, e en tanto o prezo do aceite de xisto comezaba contra 1887 unha subida que afectaría gravemente á economía da empresa, malia que esta miraría –con pouco éxito– de mellorar o rendemento do seu proceso produtivo introducindo nel diversas modificación.

En 1893 o concello comezaba a instrución dun expediente para a rescisión do contrato do alumeado público da cidade de Ferrol por falta de cumprimento do mesmo pola subministradora.

Por outra banda, a proposta de don Antonio Togores Corbián para o estabelecemento en Ferrol dun servizo de alumeado eléctrico para a subministración a particulares recibía licenza municipal o 2 de febreiro de 1894. O 13 de xullo do mesmo ano, o señor Togores, xa presidente da recentemente constituída “Eléctrica Popular Ferrolana”, recibía permiso para edificar unha fábrica xeradora de fluído eléctrico na horta situada na esquina da rúa do Sol coa rúa da Muralla, entre a Porta Nova e a Porta de Canido.

O proxecto de construción da fábrica de electricidade foi realizado polo enxeñeiro catalán Luis Muntadas e a dirección da obra foi encomendada a Francisco Gómez, maquinista da Armada, e a Andrés Avelino Comerma y Batalla, enxeñeiro naval orixinario de Reus. A fábrica, con catro dínamos de 33 quilovatios para producir corrente continua a 170 voltios, inaugurábase o 12 de maio de 1895 e o servizo un ano despois.

Aínda que o concello e a “Catalana” aproximaron as súas posicións procurando a celebración dun novo contrato para garantir a iluminación pública con gas, a fábrica finalizaba a súa actividade o 30 de abril de 1898 e o 1 de maio de 1898 acordábase o cese definitivo do servizo e da subministración do gas para alumeado, ó mesmo tempo que autorizábase a celebración dun contrato coa “Eléctrica Popular Ferrolana” para o subministro do alumeado público.

A fábrica de gas encravada no entón xa coñecido como “Campo del Gasómetro” era pouco tempo despois demolida e o 12 de abril de 1899 formalizábase un convenio entre o concello e a “Eléctrica Popular Ferrolana” para o alumeado provisorio con enerxía eléctrica. Polas mesmas datas o enxeñeiro francés Ernesto Presser Dauphine solicitaba a concesión do tendido de cables pola cidade para a subministración de fluído eléctrico dende o salto da Fervenza, que aproveitaría as augas do río Belelle no veciño concello de Neda, a uns doce quilómetros da cidade de Ferrol. O Concello de Ferrol aceptaba o 30 de xuño de 1899 a proposta de “Presser y Compañía” para o alumeado público.

O 21 de abril de 1900, por iniciativa de Ernesto Presser, constituíase en Madrid a "Sociedad General Gallega de Electricidad" (SGGE), co obxecto da “explotación do salto de auga e central eléctrica de Segade (Caldas de Reis) no río Umia e do salto da Fervenza (Neda) no río Belelle, así como a creación ou adquisición doutras fábricas de electricidade movidas por forza hidráulica ou de vapor e a súa explotación” feito que acabaría tendo unha enorme transcendencia para o sector eléctrico en Galicia. Contra 1901 a “Sociedad General Gallega de Electricidad” (SGGE) absorbeu á “Eléctrica Popular Ferrolana”, permitindo a chegada da enerxía eléctrica a toda a contorna da ría de Ferrol…, mais esta vai ser outra historia.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo da subministración de carbón para os fornos e de aceites de xisto para o proceso de gasificación.

Sistema de produción:

A destilación de aceite de xistos bituminosos (aceite mineral coñecido como parafina de Escocia) co procedemento de Rieber e Grübner de Basilea permitía obter “gas rico”, de elevado poder calorífico pero de baixo poder luminoso, aínda que utilizábel como gas de alumeado, con coque e alcatrán como subprodutos. Pola baratura do petróleo fronte o carbón naqueles anos, este procedemento permitía obter un gas de alumeado máis barato que o gas de hulla, aínda que de peor calidade.

A destilación dos aceites bituminosos provoca unha descomposición que da lugar a produtos sólidos (coque), líquidos (alcatrán e auga) e volátiles (gases e vapores combustibles), nun proceso moi semellante ó da destilación dos carbóns. O proceso ten tamén tres fases diferenciadas:

Unha desgasificación inicial, na que co quecemento do aceite comeza a desprenderse anhídrido carbónico, monóxido de carbono e hidrocarburos da serie do metano.

Continúa o proceso coa desgasificación principal, liberándose gran cantidade de gas e deixando unha masa pastosa e esponxosa residual, que aglomera finalmente nun produto poroso que solidifica para formar o coque.

Por último ten lugar a desgasificación final, proseguindo o desprendemento de gases (principalmente hidróxeno) do coque en cantidades considerables.

Os fornos tiñan que ser previamente quentados queimando carbón, leña e coque, ata acadar a temperatura de inicio do proceso, que podía ter un rendemento de 50 ou 51 metros cúbicos de gas producidos por cada cen quilogramos de aceite destilado.

O gas obtido tiña que someterse seguidamente a unha serie de procesos de depuración. O primeiro era o arrefriamento do gas ata uns 100 ºC e unha primeira separación de alcatrán no barrilete por medio do lavado con auga amoniacal. Despois o gas arrefriábase de novo nos condensadores ata uns 10 ou 20 ºC, separándose máis alcatrán, amoníaco e benzol. Tralos condensadores dispúñanse os exhaustores, uns ventiladores para impulsar o gas coa presión suficiente ata o gasómetro.

Viñan despois os separadores de alcatrán, para reter os residuos que aínda puidera conter o gas, e os lavadores de cianógeno, para extraer o ácido cianhídrico. E aínda tiña que separarse a naftalina, lavando o gas con aceite destilado de alcatrán de lignito; recuperarse o amoníaco mediante lavado con auga; extraer o benzol por lavado do gas con aceite destilado de alcatrán de hulla; e finalmente, depurar o xofre por absorción con hidróxido férrico antes de enviar o gas ó gasómetro.

O gasómetro consistía nunha cuba cilíndrica para conter o gas cuberta cunha campá tamén cilíndrica que podía deslizarse verticalmente dentro da cuba en función da cantidade de gas almacenado nesta, mantendo así constante a presión do gas. A estanquidade entre ambos recipientes viña garantida por un anel de peche hidráulico a base da auga ou de aceite de alcatrán. Consonte a carga encol da campá a presión do gas nela contido podía variar entre 80 e 220 milímetros de columna de auga, presión coa que o gas enviábase polas redes de distribución ata os diferentes puntos de consumo na cidade.

O alcatrán obtido sometíase a destilación fraccionada para obter aceite lixeiro (ata 170 ºC), aceite intermedio (170 a 230 ºC), aceite pesado (230 a 270 ºC), antraceno e pez (máis de 270 ºC), produtos de gran valor industrial.

Actividades laborais:

Nos primeiros anos da súa implantación as fábricas de gas dependían maioritariamente de persoal estranxeiro, pola necesidade de unha certa competencia ou especialización nos oficios propios da industria. Máis adiante a mellora na formación dos traballadores locais permitiría a substitución do persoal estranxeiro.

Emprego:

Pola pequena dimensión da planta ferrolá, o número de empregados, todos homes, non pasou de dez nos mellores tempos.

Materias Primas:

Aceites bituminosos adquiridos á empresa francesa “Societé Lyonnaise de Schistes Bitumineuses”. Consumo anual de 120 toneladas cara a 1889. Para o quecemento dos fornos importábase tamén carbón, xuntándose ás veces con carbón asturiano.

Produtos Elaborados:

Gas de alumeado e alcatrán (respectivamente 58.000 m3 e 13 t no ano 1889).

Distribución e comercialización:

Na área urbana da cidade de Ferrol.

Referencias Bibliográficas:

Arroyo Huguet, M., 2006, El gas en Ferrol (1883-1898). Condiciones técnicas, iniciativas económicas e intereses sociales, Universidad de Barcelona, Barcelona. ISBN 84-689-6500-6.

Barreiro Fernández, X.R., 1990, “Saunier y la fábrica de gas”, Cien años de luz eléctrica en Galicia, Ramón García Fontenla (ed.), introd. de Domingo García Sabell, Unión Fenosa, Madrid, p. 37-40. DL M-45870-1990.

Cardesín Díaz, J.M., 2004, “A tale of two cities: the memory of Ferrol, between the Navy and the working class”, Urban History, vol. 31, nº 3, p. 329-356. ISSN 0963-9268. Published online by Cambridge University Press. EISSN 1469-8706.

Carmona Badía, X., 1990, “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación), Ariel, Barcelona, p. 23-48. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carré Aldao, E., 1928. “Provincia de La Coruña”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Carreras Candi, F. (dir.), 1928, Geografía General del Reino de Galicia, trece volúmenes, Editorial Alberto Martín, Barcelona, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Lara Coira, M., 1997, Ingeniería del Gas, apuntes de la asignatura de quinto curso de Ingeniería Industrial, Ferrol: Escuela Politécnica Superior de la Universidad de A Coruña.

Lindoso Tato, E., 2006, “A la sombra del Arsenal: la oferta empresarial ferrolana en siglo XIX”, Cuadernos de Estudios Gallegos, LIII, nº 119, enero-diciembre 2006, p. 271-304. ISSN 0210-847 X.

Lindoso Tato, E., 2006, Los pioneros gallegos. Bases del desarrollo empresarial (1820-1913), LID Editorial Empresarial, Madrid. ISBN 84-88717-94-6.

Llorca Freire, G., 1998, “Ferrol contemporáneo”, Historia de Ferrol, Ramil González, E., et al., Oleiros (Coruña): Vía Láctea Editorial. ISBN 84-921363-5-9.

Manual del Ingeniero, 1942, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, Barcelona: Gustavo Gili.

Martínez López, A. (coord.), Mirás Araujo, J., e Lindoso Tato, E., 2009. La industria del gas en Galicia: del alumbrado por gas al siglo XXI, 1850-2005. Grupo de Estudios de Historia de la Empresa. Barcelona: Fundación Gas Natural. DL M-53214-2009. ISBN 978-84-613-5597-6.

Meijide Pardo, A., 1974-75. “La primera industria coruñesa del vidrio (1827-1850)”. Revista del Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses, número 10-11, p. 143-201. La Coruña: Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses.

Rodríguez Ojea, F. (coord.), 2000, Grandes empresas, grandes historias de Galicia, La Voz de Galicia, Coruña. D.L. C-1698-2000.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-II Ferrol // Fuso 29 / X 562.613,00 / Y 4.814.424,59

Data de Actualización:

22 feb. 2011