160 Conservas Boyé

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Redondela
  • Parroquia: San Andrés de Cedeira
  • Lugar: Rande
  • Paraxe: A fábrica do alemán
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.285190953321475
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.656175136566162
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 / X 528.348,46 / Y 4.681.498,06
  • Clasificación: Fabricación de conservas
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Conserva de sardiña e outros).
  • Tipoloxía: Secadoiro, salgadoiro e conserveira de peixe
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Ría de Vigo
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:

    Unha vez en Redondela, continuaremos costeando a marxe esquerda da ría de Vigo pola vella estrada nacional N-550. A uns catro quilómetros de Redondela chegaremos ó lugar de Rande, no punto quilométrico 145, e alí tiraremos á dereita pasando por riba da vía do tren, cara ó mar, onde atoparemos case ó pe da ponte da autopista os restos do cargadoiro de mineral das minas de Freixo. Na mesma vila de Rande, a uns trescentos metros do cargadoiro atoparemos os restos da Conserveira Boyé ou “fábrica do alemán”. E se seguimos camiñando pola beiramar de volta a Redondela, atoparemos a uns catrocentos metros da vila de Rande o cargadoiro –máis moderno– da “Minero Siderúrgica de Ponferrada”.

Tipo de propiedade:

Dominio público marítimo terrestre dende o ano 2006

Visitable:

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A conservación dos alimentos foi una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas) téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nunha vella salgadeira, en Bueu apareceron restos de salgadeiras e ánforas de barro romanas, e en Noville (Mugardos) estudárase unha completa e señorial industria romana de salga.

Na Idade Media están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ó aire con destino ós portos cantábricos, portugueses e andaluces. Tamén se constatan no século XVI os envíos de ostra escabechada á veciña Castela.

Aínda que os diferentes portos galegos xa despachaban ó Levante importantes cantidades de sardiña ó longo do século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o comercio con Inglaterra.

Co desabastecemento dos seus mercados os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares, e as primeiras vagas de comerciantes cataláns que recalan nas costas galegas por mor de mercar sardiña e preparala cos métodos de salgadura desenvolvidos no Mediterráneo, ocorren a partires de 1750, aínda que só permanecen acó entre abril e decembro –a tempada da pesca da sardiña– voltando despois ó Levante ata a seguinte campaña, que chamaban “costeira”.

As primeiras actividades comerciais desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados a carón do mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” ós mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceite, xabón…) e bacallau danés.

No escochado a sardiña era aberta e limpada unha a unha, sacándolle cabeza, espiña e tripas, posta a mollo nas tallas e cando se xuntaban as suficientes posteriormente deixadas a salgar nos píos durante un día enteiro. Retirábanse despois da salmoira e íanse metendo en voltas nas barricas, engadíndolle varias presadas de sal cando se completaba unha volta para evita-lo contacto entre as distintas fiadas. Completada a barrica, tapábase para a súa comercialización. Ó non lle extrae-la graxa a oxidación íalle dando á sardiña unha cor amarelenta que empeoraba sensiblemente o seu aspecto.

As cabezas e as tripas prensábanse nas tallas poñendo unha pedra de bo tamaño enriba da tapa da talla, extraéndolle así as graxas ou saín que se venderían para o refinado de coiros (normalmente as de peor calidade, chamadas morcas), para a protección de madeiras, para a fabricación de pinturas, como aceite para alumeado ou lubricación, e mesmo como mercadoría de exportación os portos europeos (Hamburgo, Liverpool, Londres) e americanos (La Habana).

A primeira etapa remata trala ocupación francesa, e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade das salgadeiras, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca. Tres foron as innovacións introducidas polos fomentadores cataláns: as redes de arrastre (a xávega) máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco; as novas técnicas de salgadura (o salpresado fronte ó escochado); e os novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.

O proceso de salpresado comezaba coa descarga do peixe das embarcacións e o traslado ó almacén ou salgadeira. Unha vez lavado, o peixe –mormente sardiña– metíase nos píos da chanca coa salmoira (disolución saturada de sal en auga) onde se deixaba a salgar durante unha ou dúas semanas. Rematada a salga, sacábase o peixe e levábase ó morto, onde colocábase coidadosamente nos cascos, que se tapaban poñéndolles un morto (o peso para prensar o peixe) enriba da tapa, axudando coas prensas para mellor extraerlle a graxa, que escoaba dos cascos e ía por unhas canles ata os pozos do saín. Este novo proceso rendía moito máis que o tradicional, e as sardiñas –o non teren graxas– non amarelaban e tiñan moito mellor aspecto, aínda que ó dicir dos entendidos non eran igual de saborosas que as do tradicional escochado.

A esterilización do peixe e o seu posterior envasado en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde, é unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura. O procedemento, que fora descuberto en Francia na década de 1820, adoptárase na Bretaña a altura de 1840, e chegara ó seu cume a finais do século, cando a soldadura manual das tapas por estañado ía sendo substituída polo “sertido” ou peche mecánico por compresión das pestanas que levaban o corpo do envase e a súa tapa, cun ariño de goma para garantir a estanquidade.

Pódese considerar como a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento en 1879 Juan Goday Gual na Illa, cun edificio construído expresamente para contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do proceso produtivo “ó estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na beiramar da aldea de Rande, na enseada do mesmo nome da ría de Vigo.

Construcción:

As primeiras instalacións serían do primeiro terzo do século XIX e se documentan contra 1836. As instalacións foran ampliadas en 1941 por riba e aproveitando os restos da primitiva industria de salga, construíndo un muro de ribeira, dúas ramplas de atraque e unhas escaleiras á praia de Rande. Tería unha nova ampliación contra 1948, xa como fábrica de conservas de peixe.

Abandono:

En 1952 pechaban as instalacións de salga, e contra o ano 1955 pechaba definitivamente a fábrica.

Descrición:

Procedentes de Vilanova i la Geltrú (Barcelona), a familia Carsí estabelecíase en Vigo a comezos do século XIX para dedicarse á salga de peixe, principalmente sardiña.

Xa atopamos documentado que contra 1836 Sebastián Carsí salgaba peixe e carnes en Rande. Posibelmente a partires de 1857 a familia Carsí deixou de traballar en Rande, alugando as instalacións a diferentes empresarios para que eles continuaran cos traballos de salga, como sábese dun tal José Puig contra 1868.

En 1939 a familia Carsí vendía as instalacións a Ramón Cordero Martín, quen en 1941 as ampliaba construíndo un muro de ribeira, dúas ramplas de atraque e unhas escaleiras para baixar á praia de Rande. Comezara tamén un recheo cara ó leste da fábrica para secadoiro de peixe, pero en 1944 vendías as instalacións a Otto Gerdtzen Boyé, cidadán alemán que tiña en Vigo un almacén de maquinaria.

Ademais do secado e a salga de peixe, a partires de 1948 a fábrica “do alemán” comercializaría conservas baixo a marca “Conservas Boyé”.

Durante varios anos as dúas liñas de produción compartiron as instalacións ata que en 1952 o dono pechaba as instalacións de salga, e en 1955 pechaba definitivamente a fábrica, poñendo fin a máis de un século da actividade de transformación de peixe en Rande.

Na súa derradeira configuración a fábrica de salga e conserva de Rande tiña dúas naves, un patio con dúas dependencias e un peirao con dúas ramplas de atraque; ó leste estaba situado un secadoiro de peixe. Nunha das naves aínda pódese identificar un grupo de cinco pías de perpiaño; na outra nave miramos un segundo grupo de dez pías soterradas, feitas aquí de ladrillo e cemento.

No peirao vénse algunhas pedras con canais que puideran ter sido empregadas nos mortos da salga antes de modernizar as instalacións con prensas de fuso na reforma de 1944, e pódese tamén identificar o espazo no que dende 1948 se elaboraban as conservas, cos restos dunha sertidora de latas da marca norueguesa SOMME. Nunha edificación anexa hai os restos de dúas caldeiras para produción de vapor e alimentación do autoclave de esterilización das latas, cuxa pequena capacidade de tan só 1,4 m3 da unha idea da modestia da produción de conserva.

A construción dun colector de aguas residuais e o tendido da tubaría sen enterrar estropeou aínda máis os restos desta industria peixeira que dende a primeira metade do século XIX deixou a súa pegada na ría e que debería ser merecedora de protección como parte da memoria do traballo e do patrimonio histórico industrial de Galicia.

Tempo de uso:

Todo o ano, dependendo da subministración de peixe.

Sistema de produción:

Completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas) advertía ós de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para proceder á preparación das conservas.

Para moitos veciños das conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ó descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das pezas en salmoira ou ben ó vapor. Para o cocido ó vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ó carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ó estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

Actividades laborais:

Mano de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do peixe. Persoal masculino na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Sardiña, principalmente.

Produtos Elaborados:

Salga e conserva de sardiña e outras.

Distribución e comercialización:

Local e na área urbana e zonas periféricas da cidade de Vigo.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L., 1977. Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-243-4.

Asociación Cultural A Cepa, 2009. As mulleres da conserva. Cangas: Asociación Cultural A Cepa. DL S-197-2009. ISBN 978-84-612-8705-5.

Berea Cruz, E. y García Movilla, C., 1993: Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

Carmona Badía, J., 1985. «La industria conservera gallega, 1840-1905», Papeles de Economía Española, Serie Economía de las Comunidades Autónomas, número 16, Galicia. Madrid: Fundación Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros (FUNCAS), p. 177-191. ISSN 1136-4777.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carmona Badía, X., 2006, “José Ramón Curbera Fernández (1870-1937)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 282-301. ISBN 84-96494-83-7.

Fernández Casanova, C., 1998, “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. ISBN 84-8121-719-0.

García Fernández, A., 2006, "Construcións marítimas da nosa primeira industrialización. Da salga á conserva”, Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3, Xuño 2006, Cambados, Pontevedra, p. 35-40. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.

López Capont, F., 1998, El desarrollo industrial pesquero en el siglo XVIII: los salazoneros catalanes llegan a Galicia, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-89748-26-8.

Mariño del Río, M., 1996, A industria derivada da pesca no Concello de Porto do Son. As salgadeiras (1774-1934), Toxosoutos, Muros. ISBN 84-89129-20-7.

Román Losada, A., 2009: Sal, sardiña e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo da Enseada de San Simón, Redondela: Asociación Cultural Alén Nos.

Romaní García, A., 1981: La pesca de bajura en Galicia. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 978-84-7492-087-1

Romaní García, A., 1991: A revolución tecnolóxica na industria salgadeira en Galicia. Vigo: Unipro. ISBN 84-87917-01-1.

Sáñez Reguart, A., 1791-1795: Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca Nacional. Madrid, 1791-1795. Reedición a cargo del Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Madrid, 1988.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-II Redondela // Fuso 29 / X 528.348,46 / Y 4.681.498,06

Data de Actualización:

2 marzo 2011 (rev. 29 mar. 2011)