162 Fábrica de Bouteiro

Galería de Fotos

VerVer
  • Provincia: Ourense
  • Concello: O Carballiño
  • Parroquia: San Martiño de Sagra
  • Lugar: Bouteiro
  • Paraxe: Río do Castro ou Os Pasales (entre Pontearriza e a ponte do Castro)
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.413817375755904
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.123284578323364
  • Coordeadas UTM: Fuso 29 / X 572.186,38 / Y 4.696.169,62
  • Clasificación: Fabricación de papel
  • CNAE: 17.12 Fabricación de papel e cartón (papel de varias calidades)
  • Tipoloxía: Muíño papeleiro de tinas
  • Comarca: O Carballiño
  • Marco Xeográfico: Ribeiras do Arenteiro
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Unha vez no Carballiño colleremos a estrada que vai cara ó sur, camiño de Banga e Cabanelas. A uns dous quilómetros apartaremos á dereita, cara Miomás e Bouteiro, e continuaremos cara ó sur pola carreteira que vai a Paradela e Moldes atravesando o Arenteiro pola nova ponte da presa da central de Cabanelas. A uns douscentos metros de Bouteiro e antes de chegar á dita ponte, teremos que apartar polas pistas que baixan ó río ata atopar os restos da fábrica de papel

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público

Visitable:

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Alá polo ano 105, Tsai Tsai-Lun lograba crear en Lei-Lan (Honan, no corazón de China) o primeiro papel fabricado a partir de fibras vexetais extraídas de trapos, redes de pescar, cáñamo e bambú. O seu coñecemento foi estendéndose pola ruta da seda, ata que no ano 751 os musulmáns capturaban preto de Samarcanda (Uzbekistán) a algúns artesáns chineses coñecedores do oficio, que o ensinarían ós seus captores a cambio dun trato privilexiado. Desta forma, o papel –ata entón monopolio dos chineses– pasou a Occidente da man dos árabes, que instalaron muíños papeleiros en toda a Asia Menor e norte de África.

Despois da gran fábrica de papel que se construía en Bagdad (Iraq) no ano 793, a fabricación chegaba á Meca, a Damasco e, vía O Cairo, a Fez (Marrocos), onde no ano 1200 contaban con catrocentas moas de refinamento en funcionamento. A través de Córdoba e Toledo (España) o papel introduciríase en Europa. A primeira referencia indiscutible dun muíño papeleiro na Península Ibérica é do ano 1056 nas aforas de Xàtiva (Valencia), onde Abu-Masafya contaba con vinte operarios que empregaban liño de Valencia como materia prima, fabricando un papel de gran calidade.

En 1189 introducíase a fabricación de papel en Francia, e en 1230 en Italia (Xénova, Bologna e Fabriano). O ano 1390 funcionaba en Nuremberg o primeiro muíño papeleiro alemán. Cara a 1494 introducíase en Inglaterra, e a finais do século XVI chegaba a Rusia, Estados Unidos e Suecia. Foi lenta a súa introdución en Europa, tanto polo seu prezo (durante moito tempo equiparable ó do pergameo) como polos prexuízos de quen consideraban o seu uso indebido por estar fabricado por xudeus e árabes.

O proceso tradicional de fabricación do papel pode describirse diferenciado nas súas cinco etapas fundamentais:

- preparación da materia prima (fundamentalmente trapos): aventado, clasificación, esgazado, abatanado e fermentación en auga con cal;

- preparación da pasta nas pilas desfacendo as fibras cos mazos do muíño: trinchado, afinado e refinado;

- formación das follas de papel na tina, filtrando coidadosamente co molde ou forma a pasta xa refinada;

- prensado das follas para eliminar a auga residual;

- secado das follas.

Os talleres contaban tamén con zonas complementarias, como a de encolado (aplicación a unha ou ás dúas caras da folla dunha fina capa dunha pasta especial –carga– para igualar a superficie, encher os poros e dar un certo grao de impermeabilidade ó papel, facéndoo resistente á auga e ós líquidos) e a de satinado (modificación do acabado do papel xa seco pasándoo mediante golpes de maza, brunido con pedra ou madeira puída, ou prensado con calor) para a preparación final de papel de diferentes calidades: fino ou groso, forte ou brando, absorbente ou repelente, secante, de escritura ou de impresión.

Agás a introdución da pila holandesa ou cilindro refinador (desfibradora inventada en Holanda cara a 1670) como único perfeccionamento significativo, este lento e laborioso proceso tradicional de fabricación manual do papel duraría ata finais do século XVIII. Corría o ano de 1803 cando se puña en marcha en Frogmore (Inglaterra) a primeira máquina de táboa plana para a fabricación de papel continuo. Tratábase dunha evolución do prototipo construído en 1798 polo francés Louis-Nicolas Robert, perfeccionado fundamentalmente polo mecánico inglés Bryan Donkin financiado nos seus traballos polos irmáns Fourdrinier.

O papel non saía seco da máquina, polo que había que cortalo e secalo ó aire, á maneira tradicional. As innovacións continuaron e en 1819 instalábanse en Weida (Turingia) os primeiros cilindros secadores por vapor, e en 1826 Canson introducía en Vidalon (Francia) os cilindros ou prensas aspirantes, mentres que Bergue en 1840 completaba cos areeiros as innovacións no proceso, co que a máquina continua podía considerarse plenamente desenvolta.

O acceso a tecnoloxía estranxeira implicaba a chegada de man de obra cualificada, pois as deficiencias do ensino técnico español obrigaban á presenza de especialistas foráneos para a formación de expertos españois.

A variedade de pedidos de produtos diferenciados –e sempre a escala reducida– determinaban a lentitude da mecanización e a súa baixa especialización, polo que en España se buscaba a versatilidade da pequena fábrica, para poder pasar dun produto a outro con axilidade.

Outra dificultade radicaba na dotación de recursos, tanto materias primas como enerxía. Os contemporáneos queixábanse dos altos prezos dos trapos (35 ó 50% do custo do papel) e produtos químicos, e das dificultades de circulación dun produto de baixo valor e elevado volume (os trapos) pola ineficiente rede de comunicacións españolas. Os trapos importábanse de Italia e o cloruro de cal de Francia, necesitándose ademais cloro, acedos, sosa cáustica, resinas e colorantes, de orixes diversas aínda que tamén maioritariamente importados.

Como referencia da situación, preséntase a continuación unha comparación do ano 1866 entre os custos de fabricación de 700 toneladas de papel continuo en España e no estranxeiro, valorados en reais de vélaro.

 

España

Estranxeiro

Trapo e alpargatas

1.363.600

974.000

Produtos químicos

397.124

216.962

Carbón

269.500

30.800

Man de obra

154.000

134.000

Outros

621.927

356.290

Total

2.806.151

1.712.052

 

Ante esta insostible situación buscáronse sucedáneos dos trapos, como o esparto, iniciativa que fracasou polos altos custos de transformación en España (necesitábase para iso carbón, cloruro de cal e sosa), mentres que os atochales españois alimentaban as fábricas británicas, con custos de transformación sensiblemente menores pola significativa economía do carbón e dos produtos químicos.

A elaboración de pasta de madeira, iniciada en España cara a 1880, supuxo o principio da fin das vellas papeleiras que empregaban trapos como materia prima, que non puideron resistir o pulo da nova competencia.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na ribeira esquerda do río Arenteiro no lugar dos Pasales ou do río do Castro, preto da aldea de Bouteiro.

Construcción:

Comezada en 1842 non se remataría ata 1843.

Abandono:

Posiblemente nos primeiros anos da década de 1910.

Descrición:

O 2 de xaneiro de 1842 xuntábanse na parroquia de Amarante don Juan Bernardo Fernández Fernández, de Maside, e don Luis Andrés Tizón, veciño de Eiras, alcaldía de Salamonde. O propósito da xuntanza era o de ceder unha casa de muíños para construír unha fábrica de papel no paraxe dos Pasales, onda o río Arenteiro e coñecido coma “río do Castro”, parroquia de San Martiño de Sagra do termo municipal do Carballiño.

A captación das augas e a condución por unha canle de catrocentos cincuenta e cinco metros permite obter un salto de oito metros de desnivel no lugar de instalación das rodas de accionamento dos mazos.

O estabelecemento industrial tiña a fasquía común nas grandes fábricas da comarca, é dicir, catro ou cinco edificios diferenciados para as distintas fases produtivas: casa dos muíños, sala das tinas e preparación do papel, sequeiro, edificio das colas, almacén…

Aparece citada no Indicador de 1867, como propia de don Dionisio Fernández. Presentaron papel de catro clases na Exposición Rexional de Lugo de 1877, levando unha medalla de bronce. Aparece tamén citada nos Bailly-Bailliere de 1883 a 1900, propiedade de Dionisio e Sinforiano Fernández. Na Xeografía de Ourense de Vicente Risco, escrita entre 1822 e 1930, figura mencionada como unha antiga fábrica de papel que xa non producía, polo que é de supor que deixara de traballar nos primeiros anos do século XX.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose ós caudais que levara o río.

Sistema de produción:

O proceso de fabricación de papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto, como a estraza ou a estracilla.

Acumulada a cantidade de trapos suficiente para iniciar o proceso, botábanse nun pío chamado podredoiro, engadindo auga e deixando levedar durante un período de tempo de cinco ou seis semanas, ata que a calor da fermentación no podredoiro “queime ó meter a man”. Finalizada esta operación, os trapos reducíanse manualmente a anacos pequenos, con axuda dunha gadaña ou cortador, levándoos a continuación ó muíño de mazos.

Un apresamento construído nunha revolta do río permitía derivar as augas a unha canle construída na súa marxe esquerda, que tras un percorrido superior ós catrocentos metros, conducíaas ás instalacións da fábrica de papel, onde vertíanse sobre unha ou varias grandes rodas hidráulicas verticais de máis de dous metros de diámetro.

Estas rodas motrices, do tipo gravitatorio de caixóns ou arcaduces, levaban os seus eixes erizados de levas que accionaban os mazos, erguéndoos para bater nas pías ou tinas en que se colocaran os trapos cortados unha vez finalizada a súa fermentación tras a estancia no podredoiro.

Descoñécese a configuración precisa e detallada das instalacións, aínda que pola época da súa construción é moi posible que contase xa con tres grupos de mazos diferenciados para os labores específicos de esfiañado (tres pías de esgazado), afinado (dúas pías de moenda) e desleído (unha pía de homoxeneización da pasta) tras as que se obtiña a polpa ou pasta para a elaboración do papel.

Unha vez obtida a pasta de papel procedíase ó seu callado vertendo unha pequena cantidade de polpa nun molde rectangular co fondo formado por unha fina malla de arames; a auga escoaba a través do mallazo, pero as fibras nel retidas ó enfurtirse formaban unha folla de papel sobre os arames. Esta operación manual era relativamente rápida, rendendo uns oito pregos por minuto cun só operario.

Retirados os pregos dos moldes púñanse en pía intercalando entre cada un uns panos de la branca sen costuras, os saiales. Despois procedíase ó seu prensado, en prensa ou entre roletes, para escoar a auga sobrante e finalmente deixábanse secar ó aire.

O papel xa seco, que pola súa gran porosidade resulta moi absorbente (papel secante), sometíase entón ó proceso de encolado co zume obtido ó espremer desperdicios xelatinosos de animais moi cocidos. Tras un novo prensado para eliminar o exceso de cola e un novo secado ó aire, o papel “de barba” (polas barbas que quedaban ó sacalo do molde) traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á venda.

A chegada da electricidade supuxo a modernización das instalacións, substituíndo as rodas motrices por unha turbina hidráulica que arrastraba un xerador eléctrico, sendo entón a electricidade a que movía a maquinaria fabril.

No propio proceso de elaboración da pasta, a refinadora holandesa substituía ás vellas pías de esfiañado, afinado e desleído. Nalgúns casos, a máquina semicontinua, tamén chamada redonda, de bombo o picardo, substituía o traballo do alabrén (o operario que fai a folla de papel na tina coa axuda do molde) e do poñedor (o que toma a forma do alabrén e pon a folla sobre o sayal para levala á prensa) e con ela se elaboraba o equivalente a catro ou cinco tinas.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación do trapo, así como no levado ó secadoiro. Persoal masculino na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

Sen datos

Materias Primas:

Trapos

Produtos Elaborados:

Papel de varias calidades

Distribución e comercialización:

Local e rexional

Referencias Bibliográficas:

Asunción Pastor, J., 2002, El papel. Técnicas y métodos tradicionales de elaboración, Parramón, Barcelona. DL NA-2161-2001. ISBN 978-84-34224-10-0.

Bailly-Bailliere, 1879. Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración o Directorio de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal, publicación anual desde 1879, Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Bailly-Bailliere e hijos, 1895 a 1937. Almanaque Bailly-Bailliere. Pequeña enciclopedia popular de la vida práctica. Madrid: Bailly-Bailliere e hijos.

Basanta Campos, J.L., 1966, “Algunas adiciones a la historia de la fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 7, enero 1966, p. 23-41. D.L. M-13650-1964.

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005, El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Fumega Piñeiro, F.X.; Sobrado Pérez, X.L., 2010: As fábricas de papel na comarca do Carballiño. O Carballiño (Ourense): Centro de Estudios Chamoso Lamas. DL OU-177-2010. ISBN 978-84-614-4756-5.

Gayoso Carreira, G., 1965, “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, núm. 4, abril 1965, p. 193-223. D.L. M-13650-1964.

Gayoso Carreira, G., 1994, Historia del papel en España, 3 vol., 2ª ed. 2006, Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, Lugo. DL S-1455-2006. ISBN 84-8192-003-7.

Gutiérrez i Poch, M., 1999. «L’Espagne est encore dans l’enfance. Máquinas francesas y fracaso español. La mecanización de la industria papelera española (1836-1880)», Doctor Jordi Nadal. La industrialització i el desenvolupament econòmic d’Espanya. 2 vols. Carreras, Pascual, Reher y Sudriá (eds.). Barcelona: Universitat de Barcelona, p. 1.258 y sigs. DL B-19.849-99. ISBN 84-475-2146-X.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Martínez Risco, V, 1928. “Provincia de Orense”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Ministerio de Industria y Comercio, 1934. Estadísticas de la industria del papel y cartón, publicadas de 1934 a 1943, Madrid.

Miñano y Bedoya, S. de, 1826-1828, Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, 11 vol., Madrid: Imprenta de Pierart-Peralta.

Servicio Sindical de Estadística, 1966. Catálogo de empresas y productos industriales, Madrid.

Verea y Aguiar, J., 1803, Proyecto económico para promover el establecimiento de fábricas de papel en el Reyno de Galicia, Santiago de Compostela.

Viñas y Campi, 1866, El indicador de España y de sus posesiones ultramarinas, Barcelona.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 187-III Maside // Fuso 29 // X 572.186,38 / Y 4.696.169,62

Data de Actualización:

24 marzo 2011