168 Estaleiros Vila

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Mugardos
  • Parroquia: Mugardos (núcleo urbano)
  • Lugar: Mugardos
  • Paraxe: Porto
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.464795172440915
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.256096839904785
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 560.247,21 m / Y 4.812.888,04 m
  • Clasificación: Construción naval
  • CNAE: 30.11 Construción de barcos e estruturas flotantes.
  • Tipoloxía: Carpintería de ribeira
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Enseada de Mugardos, na ría de Ferrol
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso:

    Xa na vila de Mugardos camiñaremos polo paseo marítimo caro o final, xa mirando a Ferrol. O derradeiro edificio da rúa e o que queda do estaleiro de Vila.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Nunha rexión como Galicia, con extensa costa, algunhas lagoas e numerosos cursos fluviais, debe sen dúbida ser case tan antiga como a aparición do home a industria de construción e reparación de embarcacións, aínda que ata o momento só poidamos remontarnos no tempo ata o achado dunha embarcación prehistórica —a monóxila— feita do tronco oco dunha árbore e desenterrada dos lodos prehistóricos da lagoa de Antela.

Desde este remotísimo descubrimento, e sen dubidar de que a construción de embarcacións mantívose activa en tantos séculos escuros, a falla de máis datos obríganos a un prodixioso salto na historia, que nos leva aos albores do século XII, cando as correrías dos normandos e os zanfoneos dos árabes fixeron, por fin, pensar en defenderse no mesmo elemento mariño.

Iniciada a actividade naval militar en Cantabria e Cataluña, a mariña castelá tomou en Galicia as súas primeiras naves, e contra 1122 Diego Xelmírez emprendeu a tarefa de crear a primeira escuadra galega: ordenou traer desde Arlés, Pisa e Xénova expertos en construción de barcos e homes entendidos nas prácticas do mar. Coa construción baixo a dirección do Mestre Oggiero de dúas galeras birremes nos afamados estaleiros de Iria Flavia, establécese a primeira base naval da armada galega no mar de Arousa.

O inicio do século XIV trasládanos á desembocadura do río Belelle no mar de Xuvia (ría de Ferrol) para encontrar os arsenais nos que os carpinteiros de Neda construíron as naves que en 1340 ó mando do capitán Alonso Esquío combateron ós berberiscos no sur peninsular, e cuxa destacada intervención moveu á concesión por Alfonso XI de foros e privilexios á Vila de Neda. Pese a que a crecente competencia ferrolá desde mediados do século XVIII e a paulatina redución do calado da ría aceleraron a súa decadencia, estes estaleiros nedenses mantiveron unha notable actividade ata principios do século XX, para ceder finalmente a testemuña ós grandes estaleiros de Maniños, Barallobre e Perlío.

A finais do século XV, cando os Reis Católicos confirmaron á Vila de Foz as súas franquías e inmunidades, os seus estaleiros eran dos principais de Galicia, destacando tamén nesta época os estaleiros de Pontevedra e –xa a principios do XVI– os diversos arsenais da ría ferrolá fundamentalmente ocupados na construción de galeras para a armada real.

Se xa en 1346 se documenta o transporte de vino desde Ribadeo a Brest, non é de estrañar a solvencia dos seus varadoiros, nos que tamén se reparaban as embarcacións que transportaban madeira a Andalucía e retornaban co valioso sal.

Noia é outra poboación costeira que destaca no século XVII, xunto coas xa nomeadas, pola calidade dos seus estaleiros e varadoiros.

Serían sen dúbida numerosos, ademais destes establecementos principais, os pequenos estaleiros e carpinteiros de ribeira diseminados polas praias e enseadas galegas. Recoñécese incluso como frecuente o desprazamento dos mestres y operarios de algún estaleiros para a construción das embarcacións que se demandaban en circunstanciais emprazamentos que se configuraban como varadoiros para a ocasión.

A pesca e o comercio marítimo souberon das gabarras de Viveiro; as bucetas de O Barqueiro; os barlotes de Bares; os traiñóns de Cariño; os trincados de Maniños e Barallobre; as miñotas de Miño e as sadiñas de Sada; as lanchas de Fisterra; os galeóns de Arousa; as batelas e os anguleiros de Tui; os botes, menuetas, chalupas, gamelas, chalanas, faluchos,pataches… e, por suposto, as dornas: dornas de O Son, de Castiñeiras, de O Grove…

Estaleiros de Domaio, de Baldráns, de Cangas, de Coruxo… Afortunadamente podemos recuperar a memoria de moitos deles nos traballos de Staffan Mörling ou de José María de Juan-García. Non son, sen embargo, demasiados os que hoxe sobreviven á invasión do ferro e, sobre todo, dos plásticos. Aínda estamos a tempo de fixar no recordo a pegada da maioría de eles e aínda quizá de conservar a memoria viva do traballo amoroso de algún dos que, en verbas de Antón Avilés de Taramancos, “na outra banda do mar…están a construír a torre de cristal da miña infancia”.

Descrición Xeral do Entorno:

O estaleiro situase no extremo setentrional do porto de Mugardos, na enseada do mesmo nome que localizase na marxe esquerda da ría de Ferrol, a pouca distancia da súa entrada. A rampla de comunicación do estaleiro co mar, hoxe interrompida coa urbanización da zona, orientábase a poñente.

Construcción:

Finais da década de 1930.

Abandono:

1959

Descrición:

Jerónimo Vila Cobas levantara un estaleiro no estremo setentrional do porto de Mugardos, e aínda que perdeu a rampla de comunicación co mar pola que se botaban as embarcacións, permanece en pe o edificio, convertido en vivenda, coa “V” pintada no alto da fachada que mira ó mar.

Jerónimo, amigo do pintor do Seixo Felipe Bello Piñeiro, era práctico no porto de Ferrol e un home inquieto e emprendedor, que tiña a concesión administrativa do servizo de lanchas de pasaxeiros entre Ferrol e Mugardos.

No estaleiro de Vila construíranse lanchas de pasaxe como a Cabo de Leiras, en 1936, a Vila de Mugardos, en 1942, ou a Marina en 1946; pesqueiros como o Rocío, en 1945, de 8 metros de eslora, 2’20 de manga fora de forros e 0’90 de puntal de construción, ou o Amalia, en 1953, con 6, 1’95 e 0’78 metros, respectivamente; barcos de cabotaxe como o María Perfecta, en 1948, un motoveleiro con aparello de balandro, de 16’80 metros de eslora entre perpendiculares, 5’94 de manga fora de forros, 2’26 de puntal de construción e 51’99 toneladas de rexistro bruto, ou o María Vila, en 1952, do mesmo tipo e 19´50, 6’30 e 2´90 metros, respectivamente, e 129’79 TRB.

Coa construción en 1959 do motoveleiro Jesús Pérez, de 19’50 metros de eslora entre perpendiculares, 6’30 de manga fora de forros, 2’90 de puntal de construción e 104’21 toneladas de rexistro bruto, remataban os traballos no estaleiro mugardés.

Segundo recolle José María de Juan-García Aguado, o estaleiro de Vila chegou a empregar a media ducia de carpinteiros de ribeira.

Tempo de uso:

Todo o ano

Sistema de produción:

O proceso de construción que tradicionalmente seguiron os carpinteiros de ribeira é de tipo secuencial.

O barco contrátase sobre a base dunhas dimensións principais (eslora total, manga fora de forros e puntal de construción) e unha sinxela especificación de materiais, cuxa complexidade aumenta co tamaño.

O carpinteiro define a forma do casco coa elaboración da maqueta, un modelo a escala reducida do medio casco en madeira, ou ben, no canto de embarcacións menores, mediante a construción e o montaxe dos elementos principais (roda, codaste, unha ou varias cadernas), que sérvenlle de elementos directores para obter a superficie empregando rixideiras (junquillos).

A elaboración das pezas que van formar a estrutura comeza coa selección da madeira, e continua co trazado e o corte. O proceso construtivo, así sinxelamente descrito, remata co montaxe a bordo e o ensamblaxe dunhas pezas coas outras.

No traballo tradicional non se facían planos, gozando dunha ampla liberdade para definir as formas do casco e os aspectos construtivos da estrutura, respectando as dimensións principais e os escantillóns dos elementos básicos do proxecto.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Sen máis datos que os do emprego de media ducia de carpinteiros de ribeira.

Materias Primas:

Madeira, estopa e brea, cravazón e pernería, e pintura.

Produtos Elaborados:

Embarcacións de variado porte.

Distribución e comercialización:

Local e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Artime González, A., 1994, La construcción de embarcaciones de madera en los astilleros de Luanco, Museo Marítimo de Asturias, Luanco. ISBN 84-86889-28-6.

Ateneo Ferrolán, 2009. A construcción naval na ría de Ferrol. Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.

Blanco García, J., 2008, Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas, Edicións Nigra Trea, Vigo. DL VG-488-2009. ISBN 978-84-95364-87-6.

Carmona Badía, X., 2009. “El patrimonio industrial maritimo en Galicia: la conservación de la pesca y la construcción naval”. Il patrimonio industriale marítimo in Italia e Spagna. Strutture e territorio (Genova, 26-27 ottobre 2007). A cura di A. di Vittorio, C. Barciela López, P. Massa. Societá Italiana degli Storici dell’Economia e Universitá degli Studi di Genova, p. 167-186. Genova: De Ferrari.

Gil de Bernabé López, J.M., 1984, Guía de la Artesanía de Galicia, Servicio de Publicaciones del Ministerio de Industria y Energía, Madrid. DL M-945-1984, ISBN 84-7474-229-3.

Gil de Bernabé López, J.M., 1988, Galicia Artesana, Editorial Everest, León. DL LE-39-1988, ISBN 84-241-4652-2.

Juan-García Aguado, J.M. de, 2001, La carpintería de ribera en Galicia (1940-2000), Servicio de Publicacións da Universidade da Coruña, Monografías nº 95, Coruña. ISBN 84-95322-71-4.

Juan-García Aguado, J.M. de, 2009. “A carpintaría de ribeira na ría de Ferrol”. A construcción naval na ría de Ferrol. Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán, p. 33-40. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.

Juan-García Aguado, J.M. de, y Rey Fraguela, J., 2008, “Los últimos carpinteros de ribera de Neda”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 11, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 76-85. ISSN 1139-1154.

Lara Coira, M., 2009, “Carpintería de ribera”, Gallegos, número 5, I trimestre 2009, Ensenada de Ézaro, Santiago de Compostela, p. 94-97. D.L. VG-549-2008. ISSN 1889-2590.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: Carpinteiros de ribeira”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Editorial Nós, Buenos Aires. Vol. II, p. 486-491. ISBN 84-9745-054-X.

Lorenzo Fernández, X., 1983, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Editorial Galaxia, Vigo. p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.

Máiz Vázquez, B., y Freire Hermida, E., 2009, As embarcacións tradicionais: do Arco Ártabro a Ribadeo, Museo do Pobo Galego e Edicións Embora, Ferrol. ISBN 978-84-92644-01-8.

Massó y García-Figueroa, J.M., 1992, Barcos en Galicia. De la prehistoria hasta hoy y del Miño al Finisterre, (2ª ed.), Diputación Provincial de Pontevedra, Pontevedra. ISBN 84-86845-7629-3.

Mörling, S., 1989, As embarcacións tradicionais de Galicia, Dirección Xeral de Formación e Promoción Social da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-453-0070-9.

Mörling, S., 2005, Lanchas e dornas. A estabilidade cultural e a morfoloxía das embarcacións na costa occidental de Galicia, Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-453-4130-8.

Pazos Pérez, L.J., 2009. Aqueles barcos de madeira. Carpinterías de ribeira. Apuntamentos para una memoria marítima de Galicia. Pontevedra: Damaré Edicións. ISBN 978-84-935835-8-3.

Santalla López, M., 2003, Las Reales Fábricas de Ferrol. Gremios y barcos en el siglo XVIII, Ilustraciones de Xoán Braxe, Edicións Embora, Ferrol. ISBN 84-95460-32-7.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-II Ferrol // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 560.247,21 m / Y 4.812.888,04 m

Data de Actualización:

11 abril 2011