178 Estaleiro do Reverbero

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ferrol
  • Parroquia: Santa Rosa de Viterbo
  • Lugar: A Graña
  • Paraxe: O Reverbero
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.476793685317254
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.262319564819336
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 559.751,56 m / Y 4.814.253,65 m
  • Clasificación: Construción naval
  • CNAE: 30.11 Construción de barcos e estruturas flotantes.
  • Tipoloxía: Carpintería de ribeira industrial
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: A Graña, na marxe dereita da ría de Ferrol.
  • Ámbito: Rural e mariñeiro
  • Acceso: As instalacións foron ocupadas para a construción da estación naval da Graña e non queda pegada delas, amais de atoparse a súa localización no interior do recinto militar.

Tipo de propiedade:

Estatal para usos militares no dominio público marítimo-terrestre.

Visitable:

Non

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Nunha rexión como Galicia, con extensa costa, algunhas lagoas e numerosos cursos fluviais, debe sen dúbida ser case tan antiga como a aparición do home a industria de construción e reparación de embarcacións, aínda que ata o momento só poidamos remontarnos no tempo ata o achado dunha embarcación prehistórica —a monóxila— feita do tronco oco dunha árbore e desenterrada dos lodos prehistóricos da lagoa de Antela.

Desde este remotísimo descubrimento, e sen dubidar de que a construción de embarcacións mantívose activa en tantos séculos escuros, a falla de máis datos obríganos a un prodixioso salto na historia, que nos leva aos albores do século XII, cando as correrías dos normandos e os zanfoneos dos árabes fixeron, por fin, pensar en defenderse no mesmo elemento mariño.

Iniciada a actividade naval militar en Cantabria e Cataluña, a mariña castelá tomou en Galicia as súas primeiras naves, e contra 1122 Diego Xelmírez emprendeu a tarefa de crear a primeira escuadra galega: ordenou traer desde Arlés, Pisa e Xénova expertos en construción de barcos e homes entendidos nas prácticas do mar. Coa construción baixo a dirección do Mestre Oggiero de dúas galeras birremes nos afamados estaleiros de Iria Flavia, establécese a primeira base naval da armada galega no mar de Arousa.

O inicio do século XIV trasládanos á desembocadura do río Belelle no mar de Xuvia (ría de Ferrol) para encontrar os arsenais nos que os carpinteiros de Neda construíron as naves que en 1340 ó mando do capitán Alonso Esquío combateron ós berberiscos no sur peninsular, e cuxa destacada intervención moveu á concesión por Alfonso XI de foros e privilexios á Vila de Neda. Pese a que a crecente competencia ferrolá desde mediados do século XVIII e a paulatina redución do calado da ría aceleraron a súa decadencia, estes estaleiros nedenses mantiveron unha notable actividade ata principios do século XX, para ceder finalmente a testemuña ós grandes estaleiros de Maniños, Barallobre e Perlío.

A finais do século XV, cando os Reis Católicos confirmaron á Vila de Foz as súas franquías e inmunidades, os seus estaleiros eran dos principais de Galicia, destacando tamén nesta época os estaleiros de Pontevedra e –xa a principios do XVI– os diversos arsenais da ría ferrolá fundamentalmente ocupados na construción de galeras para a armada real.

Se xa en 1346 se documenta o transporte de vino desde Ribadeo a Brest, non é de estrañar a solvencia dos seus varadoiros, nos que tamén se reparaban as embarcacións que transportaban madeira a Andalucía e retornaban co valioso sal.

Noia é outra poboación costeira que destaca no século XVII, xunto coas xa nomeadas, pola calidade dos seus estaleiros e varadoiros.

Serían sen dúbida numerosos, ademais destes establecementos principais, os pequenos estaleiros e carpinteiros de ribeira diseminados polas praias e enseadas galegas. Recoñécese incluso como frecuente o desprazamento dos mestres y operarios de algún estaleiros para a construción das embarcacións que se demandaban en circunstanciais emprazamentos que se configuraban como varadoiros para a ocasión.

A pesca e o comercio marítimo souberon das gabarras de Viveiro; as bucetas de O Barqueiro; os barlotes de Bares; os traiñóns de Cariño; os trincados de Maniños e Barallobre; as miñotas de Miño e as sadiñas de Sada; as lanchas de Fisterra; os galeóns de Arousa; as batelas e os anguleiros de Tui; os botes, menuetas, chalupas, gamelas, chalanas, faluchos,pataches… e, por suposto, as dornas: dornas de O Son, de Castiñeiras, de O Grove…

Estaleiros de Domaio, de Baldráns, de Cangas, de Coruxo… Afortunadamente podemos recuperar a memoria de moitos deles nos traballos de Staffan Mörling ou de José María de Juan-García. Non son, sen embargo, demasiados os que hoxe sobreviven á invasión do ferro e, sobre todo, dos plásticos. Aínda estamos a tempo de fixar no recordo a pegada da maioría de eles e aínda quizá de conservar a memoria viva do traballo amoroso de algún dos que, en verbas de Antón Avilés de Taramancos, “na outra banda do mar…están a construír a torre de cristal da miña infancia”.

A sublevación a partires de 1567 dos Países Baixos fixo bascular cara ó Atlántico os intereses da Coroa dos Austrias, e tralo fracaso da Armada Invencible e o ataque de Drake á Coruña en 1588, Felipe II elixe a ría de Ferrol como porto de invernada e reparación da flota. En 1589 comézase a construción do castelo de San Felipe para a defensa da ría, á que seguirían os castelos de San Martín e da Palma. E para o fornecemento de víveres constrúense a partires do ano 1591 doce fábricas de biscoitos en Neda e outras seis en Betanzos, pero xa no 1603 a Armada marcharía da ría para invernar na Coruña, primeiro, e en Lisboa, despois.

Tralo novo equilibrio europeo que supoñen os tratados de Utrech (1713) e Rastadt (1714), os Borbóns comezan a reconstrución interior do país e a reorganización da Mariña. Os traballos encomendados a José Patiño van frutificar na Orde do 5 de decembro de 1726 pola que Felipe V promove o arsenal da vila da Graña, onde comezará en 1730 a construción naval.

O Marqués de la Ensenada, sucesor de Patiño, continuará a súa política, e en 1740 constrúense as primeiras bancadas dos novos estaleiros na enseada de Esteiro, e xa en 1749 Fernando VI decreta a construción do Real Estaleiro en Ferrol, extra muros do núcleo medieval ferrolán, que concentrará dende entón a construción naval militar na ría de Ferrol e estimulará a construción en distintos puntos da ría de varios estaleiros de ribeira, industriais e artesanais, de apoio á construción, reparación e mantemento de embarcacións de variado porte.

Descrición Xeral do Entorno:

Os estaleiros situáranse nos terreos do primitivo arsenal da Graña, na extrema meridional da actual base militar da Graña.

Construcción:

1845.

Abandono:

Quebrou en 1898 e parte das instalacións foron expropiadas en 1916 para a construción da estación naval militar da Graña. Coa ampliación en 1957 da Base Naval da Graña, o que quedaba das vellas instalacións desapareceu.

Descrición:

No ano 1845 fundábase a sociedade “Abella, Braña e Cía.”, que vai comezar a construción de buques nas instalación que a tal efecto constrúen no lugar do Reverbero, nos terreos que foran do primitivo Arsenal da Graña e que ocupara o forno de reverbero que tiñan na fundición. As novas instalacións contaban cun edificio de almacéns, sala de gálibos, oficinas, catro fraguas, dúas bancadas e un dique de mareas.

Ata o ano 1858 construirían tres fragatas, Braña, Abella, e Villa de Neda; un bergantín, Juanita; catro bergantíns goleta, Joven Matilde, Joven César, Ceres e Eugenio; e unha polacra Paloma de Cantabria.

En 1858 o estaleiro é adquirido por o banqueiro coruñés Augusto José de Vila y Sánchez de León, quen ampliou as instalacións cun taller de fundición, un taller de forxa, dúas bancadas e un varadoiro. Nesta época o estaleiro de Augusto Vila chegou a ser considerado o primeiro estaleiro particular de España e construíra os seguintes buques: catro fragatas de vela, Nueva Ignacia, Fermina de Vila, Francisco de Vila, e Sofía de Vila; catro corvetas, María Blanca, Anastasia, María e Tula; dous balandros, Elisa e Augusto; dous bergantíns, Rosita e Portugalete; e unha lancha de vapor, Nuestra Señora del Carmen.

Augusto Vila morría repentinamente en 1874 sen ter organizada a súa sucesión, polo que os seus negocios sufriron graves perturbacións polas dificultades de xestión. O estaleiro continuaría traballando con dificultades crecentes polo abandono da construción naval en madeira, substituída polas embarcación de ferro.

Trece anos máis tarde, coa promulgación da Ley de Escuadra de 1887, os seus fillos retoman a actividade do estaleiro,realizando diversas obras e adquirindo a maquinaria necesaria para a construción de buques de ferro e aceiro, poñéndoo baixo a dirección técnica do enxeñeiro da Mariña don Avelino Comerma e creando a sociedade “Vila y Cía.”.

A nova etapa comezaría coa construción en 1889 de tres buques canoneiros torpedeiros de casco de aceiro para a mariña española, o Rápido, o Veloz e o Galicia, entregados en 1892. Cada un deles contaba con senllas máquinas de vapor de tripla expansión, alimentadas por unha caldeira de carbón, que proporcionaban un total de 2.600 CV un andar máximo de 18 nos e 12 en cruceiro.

En 1894 o estaleiro comezou a construción de outros tres canoneiros para a Mariña, adxudicados en concurso, o María de Molina, o Álvaro de Bazán e o Marqués de la Victoria. As dificultades nas importacións de material e os conflitos da época (problemas laborais, insurrección de Cuba e guerra contra os Estados Unidos) suporían retrasos na construción, suspendéndose os traballos no mes de agosto de 1898. A factoría foi incautada polo Estado no mes de decembro do mesmo ano 1898 e os barcos en construción trasladados ao arsenal de Ferrol para a súa finalización. Após un longo preito, o estaleiro sería devolto en 1915 aos seus propietarios, recoñecéndolles o dereito de resarcirse dos gastos ocasionados.

No ano 1916 parte das instalacións dos estaleiros Vila foron expropiadas para a construción da Estación Naval da Graña, de utilización militar. Para a ampliación da Base Naval da Graña, en 1924 se autorizaría a adquisición directa dos Estaleiros Vila polo Ministerio de Mariña, e coa ampliación acometida en 1957, desaparecería todo rastro do que fora o Estaleiro do Reverbero ou Estaleiro de Vila.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso de construción que tradicionalmente seguiron os carpinteiros de ribeira artesanais é de tipo secuencial.

O barco contrátase sobre a base dunhas dimensións principais (eslora total, manga fora de forros e puntal de construción) e unha sinxela especificación de materiais, cuxa complexidade aumenta co tamaño.

O carpinteiro define a forma do casco coa elaboración da maqueta ou maqueto, un modelo a escala reducida do medio casco en madeira, ou ben, no canto de embarcacións menores, mediante a construción e o montaxe dos elementos principais (roda, codaste, unha ou varias cadernas), que sérvenlle de elementos directores para obter a superficie empregando rixideiras (junquillos).

A elaboración das pezas que van formar a estrutura comeza coa selección da madeira, e continua co trazado e o corte. O proceso construtivo, así sinxelamente descrito, remata co montaxe a bordo e o ensamblaxe dunhas pezas coas outras.

No traballo tradicional xeralmente non se facían planos, gozando dunha ampla liberdade para definir as formas do casco e os aspectos construtivos da estrutura, respectando as dimensións principais e os escantillóns dos elementos básicos do proxecto. As montaxes mecánicas as realizaba normalmente persoal alleo ó estaleiro.

Ademais da propia dimensión empresarial, a carpintería de ribeira industrial tiña como diferenzas significativas o feito de que traballábase sempre sobre plano e de que dispuñan de un cadro de persoal estable, ademais de que xeralmente levaban a cabo as montaxes mecánicas nos seus propios talleres.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

No decenio de 1890 chegarían a traballar no estaleiro máis de cincocentos operarios.

Materias Primas:

Madeira, estopa e brea, cravazón e pernería, e pintura.

Produtos Elaborados:

Embarcacións de variado porte.

Distribución e comercialización:

Local, rexional e nacional.

Referencias Bibliográficas:

Antón Viscasillas, Jaime; Anca Alamillo, Alejandro (2015): La Graña – La Cabana. Base e industria naval (1726-2015), Ferrol: Autoridad Portuaria y Armada Española.

Artime González, A., 1994, La construcción de embarcaciones de madera en los astilleros de Luanco, Museo Marítimo de Asturias, Luanco. ISBN 84-86889-28-6.

Ateneo Ferrolán, 2009. A construcción naval na ría de Ferrol. Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.

Blanco García, J., 2008, Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas, Edicións Nigra Trea, Vigo. DL VG-488-2009. ISBN 978-84-95364-87-6.

Carmona Badía, X., 2009. “El patrimonio industrial maritimo en Galicia: la conservación de la pesca y la construcción naval”. Il patrimonio industriale marítimo in Italia e Spagna. Strutture e territorio (Genova, 26-27 ottobre 2007). A cura di A. di Vittorio, C. Barciela López, P. Massa. Societá Italiana degli Storici dell’Economia e Universitá degli Studi di Genova, p. 167-186. Genova: De Ferrari.

Echenique Gordillo, I., 2000: Madeira de mar. Apuntes sobre a gamela. Vigo: Galaxia. DL VG-440-2000. ISBN 84-8288-378-X.

Gil de Bernabé López, J.M., 1984, Guía de la Artesanía de Galicia, Servicio de Publicaciones del Ministerio de Industria y Energía, Madrid. DL M-945-1984, ISBN 84-7474-229-3.

Gil de Bernabé López, J.M., 1988, Galicia Artesana, Editorial Everest, León. DL LE-39-1988, ISBN 84-241-4652-2.

Juan-García Aguado, J.M. de, 2001, La carpintería de ribera en Galicia (1940-2000), Servicio de Publicacións da Universidade da Coruña, Monografías nº 95, Coruña. ISBN 84-95322-71-4.

Juan-García Aguado, J.M. de, 2009. “A carpintaría de ribeira na ría de Ferrol”. A construcción naval na ría de Ferrol. Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán, p. 33-40. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.

Juan-García Aguado, J.M. de, y Rey Fraguela, J., 2008, “Los últimos carpinteros de ribera de Neda”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 11, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 76-85. ISSN 1139-1154.

Lara Coira, M., 2009, “Carpintería de ribera”, Gallegos, número 5, I trimestre 2009, Ensenada de Ézaro, Santiago de Compostela, p. 94-97. D.L. VG-549-2008. ISSN 1889-2590.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: Carpinteiros de ribeira”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Editorial Nós, Buenos Aires. Vol. II, p. 486-491. ISBN 84-9745-054-X.

Lorenzo Fernández, X., 1983, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Editorial Galaxia, Vigo. p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.

Máiz Vázquez, B., y Freire Hermida, E., 2009, As embarcacións tradicionais: do Arco Ártabro a Ribadeo, Museo do Pobo Galego e Edicións Embora, Ferrol. ISBN 978-84-92644-01-8.

Massó y García-Figueroa, J.M., 1992, Barcos en Galicia. De la prehistoria hasta hoy y del Miño al Finisterre, (2ª ed.), Diputación Provincial de Pontevedra, Pontevedra. ISBN 84-86845-7629-3.

Mörling, S., 1989, As embarcacións tradicionais de Galicia, Dirección Xeral de Formación e Promoción Social da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-453-0070-9.

Mörling, S., 2005, Lanchas e dornas. A estabilidade cultural e a morfoloxía das embarcacións na costa occidental de Galicia, Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-453-4130-8.

Pazos Pérez, L.J., 2009. Aqueles barcos de madeira. Carpinterías de ribeira. Apuntamentos para una memoria marítima de Galicia. Pontevedra: Damaré Edicións. ISBN 978-84-935835-8-3.

Santalla López, M., 2003, Las Reales Fábricas de Ferrol. Gremios y barcos en el siglo XVIII, Ilustraciones de Xoán Braxe, Edicións Embora, Ferrol. ISBN 84-95460-32-7.

Santalla López, M., 2006: Ferrol. Historia social (1726-1858). Vigo: Edicións A Nosa Terra. DL 243462-2006. ISBN 978-84-8341-057-8.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-II Ferrol // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X Fuso 29 // X 559.751,56 m / Y 4.814.253,65 m

Data de Actualización:

17 abril 2011 / 4 xaneiro 2020