179 Estaleiro da Graña
- Provincia: A Coruña
- Concello: Ferrol
- Parroquia: Santa Rosa de Viterbo da Graña
- Lugar: A Graña
- Paraxe: Estaleiro da Graña
- Dirección: Non procede
- Coord. Xeográficas - Latitude: 43.47859598161501
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.261096477508545
- Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 559.883,97 m / Y 4.814.441,16 m
- Clasificación: Construción naval
- CNAE: 30.11 Construción de barcos e estruturas flotantes.
- Tipoloxía: Carpintería de ribeira industrial
- Comarca: Ferrol
- Marco Xeográfico: Enseada da Graña, na marxe dereita da ría de Ferrol
- Ámbito: Urbano
- Acceso: Dende Ferrol colleremos a estrada que pola Feira de Mostras leva ata A Cabana e A Graña e continuaremos por ela ata chegar á praza que limita coa base militar, na mesma vila da Graña. Alí mesmo atoparemos a entrada do que fora o estaleiro de Gumersindo Paz, agora “Astillero Blascar- A Graña, S.L.”.
Tipo de propiedade:
Visitable:
Xestión de visitas:
Historia:
Nunha rexión como Galicia, con
extensa costa, algunhas lagoas e numerosos cursos fluviais, debe sen dúbida ser
case tan antiga como a aparición do home a industria de construción e
reparación de embarcacións, aínda que ata o momento só poidamos remontarnos no
tempo ata o achado dunha embarcación prehistórica —a monóxila— feita do tronco
oco dunha árbore e desenterrada dos lodos prehistóricos da lagoa de Antela.
Desde este remotísimo
descubrimento, e sen dubidar de que a construción de embarcacións mantívose
activa en tantos séculos escuros, a falla de máis datos obríganos a un
prodixioso salto na historia, que nos leva aos albores do século XII, cando as
correrías dos normandos e os zanfoneos dos árabes fixeron, por fin, pensar en
defenderse no mesmo elemento mariño.
Iniciada a actividade naval
militar en Cantabria e Cataluña, a mariña castelá tomou en Galicia as súas
primeiras naves, e contra 1122 Diego Xelmírez emprendeu a tarefa de crear a
primeira escuadra galega: ordenou traer desde Arlés, Pisa e Xénova expertos en
construción de barcos e homes entendidos nas prácticas do mar. Coa construción
baixo a dirección do Mestre Oggiero de dúas galeras birremes nos afamados
estaleiros de Iria Flavia, establécese a primeira base naval da armada galega
no mar de Arousa.
O inicio do século XIV trasládanos
á desembocadura do río Belelle no mar de Xuvia (ría de Ferrol) para encontrar
os arsenais nos que os carpinteiros de Neda construíron as naves que en 1340 ó
mando do capitán Alonso Esquío combateron ós berberiscos no sur peninsular, e
cuxa destacada intervención moveu á concesión por Alfonso XI de foros e privilexios
á Vila de Neda. Pese a que a crecente competencia ferrolá desde mediados do
século XVIII e a paulatina redución do calado da ría aceleraron a súa
decadencia, estes estaleiros nedenses mantiveron unha notable actividade ata
principios do século XX, para ceder finalmente a testemuña ós grandes
estaleiros de Maniños, Barallobre e Perlío.
A finais do século XV, cando os
Reis Católicos confirmaron á Vila de Foz as súas franquías e inmunidades, os
seus estaleiros eran dos principais de Galicia, destacando tamén nesta época os
estaleiros de Pontevedra e –xa a principios do XVI– os diversos arsenais da ría
ferrolá fundamentalmente ocupados na construción de galeras para a armada real.
Se xa en 1346 se documenta o
transporte de vino desde Ribadeo a Brest, non é de estrañar a solvencia dos
seus varadoiros, nos que tamén se reparaban as embarcacións que transportaban
madeira a Andalucía e retornaban co valioso sal.
Noia é outra poboación costeira
que destaca no século XVII, xunto coas xa nomeadas, pola calidade dos seus
estaleiros e varadoiros.
Serían sen dúbida numerosos,
ademais destes establecementos principais, os pequenos estaleiros e
carpinteiros de ribeira diseminados polas praias e enseadas galegas. Recoñécese
incluso como frecuente o desprazamento dos mestres y operarios de algún
estaleiros para a construción das embarcacións que se demandaban en
circunstanciais emprazamentos que se configuraban como varadoiros para a
ocasión.
A pesca e o comercio marítimo
souberon das gabarras de Viveiro; as bucetas de O Barqueiro; os barlotes de
Bares; os traiñóns de Cariño; os trincados de Maniños e Barallobre; as miñotas
de Miño e as sadiñas de Sada; as lanchas de Fisterra; os galeóns de Arousa; as
batelas e os anguleiros de Tui; os botes, menuetas, chalupas, gamelas, chalanas,
faluchos,pataches… e, por suposto, as dornas: dornas de O Son, de Castiñeiras,
de O Grove…
Estaleiros de Domaio, de Baldráns,
de Cangas, de Coruxo… Afortunadamente podemos recuperar a memoria de moitos
deles nos traballos de Staffan Mörling ou de José María de Juan-García. Non
son, sen embargo, demasiados os que hoxe sobreviven á invasión do ferro e,
sobre todo, dos plásticos. Aínda estamos a tempo de fixar no recordo a pegada
da maioría de eles e aínda quizá de conservar a memoria viva do traballo
amoroso de algún dos que, en verbas de Antón Avilés de Taramancos, “na outra
banda do mar…están a construír a torre de cristal da miña infancia”.
A sublevación a partires de 1567
dos Países Baixos fixo bascular cara ó Atlántico os intereses da Coroa dos Austrias,
e tralo fracaso da Armada Invencible e o ataque de Drake á Coruña en 1588,
Felipe II elixe a ría de Ferrol como porto de invernada e reparación da flota.
En 1589 comézase a construción do castelo de San Felipe para a defensa da ría,
á que seguirían os castelos de San Martín e da Palma. E para o fornecemento de
víveres constrúense a partires do ano 1591 doce fábricas de biscoitos en Neda e
outras seis en Betanzos, pero xa no 1603 a Armada marcharía da ría para
invernar na Coruña, primeiro, e en Lisboa, despois.
Tralo novo equilibrio europeo que
supoñen os tratados de Utrech (1713) e Rastadt (1714), os Borbóns comezan a
reconstrución interior do país e a reorganización da Mariña. Os traballos
encomendados a José Patiño van frutificar na Orde do 5 de decembro de 1726 pola
que Felipe V promove o arsenal da vila da Graña, onde comezará en 1730 a
construción naval.
O Marqués de la Ensenada, sucesor
de Patiño, continuará a súa política, e en 1740 constrúense as primeiras
bancadas dos novos estaleiros na enseada de Esteiro, e xa en 1749 Fernando VI
decreta a construción do Real Estaleiro en Ferrol, extra muros do núcleo
medieval ferrolán, que concentrará dende entón a construción naval militar na
ría de Ferrol e estimulará a construción en distintos puntos da ría de varios
estaleiros de ribeira, industriais e artesanais, de apoio á construción,
reparación e mantemento de embarcacións de variado porte.
Descrición Xeral do Entorno:
Os estaleiros sitúanse a carón do embarcadoiro da vila da
Graña, na marxe dereita da ría de Ferrol.
Construcción:
1862, como almacén e varadoiro.
Abandono:
Descrición:
Ó abeiro da Ley de Desamortización
do 1 de maio de 1855, don Ramón Rodríguez Tubín adquiría do Estado a meirande
parte do chamado Campo de San Andrés, que limitaba a poñente e mediodía cos
primitivos estaleiros e arsenais reais da vila ferrolá da Graña.
O 27 de xuño de 1860 solicitaba do
comandante militar da Mariña autorización para a construción de un almacén co
seu peirao, varadoiro e rampla para a carga e descarga de buques. Posesión,
construcións e concesións eran vendidas en 1883 a don Toribio Gaspar Gil y
Gabilondo, quen entraba en 1885 en sociedade con don José Joaquín Otero, xirando coa firma “Otero, Gil y Cía.”.
O trinta de novembro de 1887
botábase á auga o torpedeiro Ejército,
de sesenta toneladas de desprazamento, e o 20 de agosto de 1888 botábase o
primeiro buque construído en aceiro. En 1888 Otero abandonaba a empresa que, trala incorporación de novos socios e a adquisición de diversos terreos e inmobles para a ampliación do negocio, pasaría a denominarse “Talleres Gil y Compañía”.
A sociedade ampliaría capital en 1893, pasando a ser coñecida como “La Industria Naval Española”, ou máis sinxelamente “Industria Española”. En 1906 construíase o famoso vapor Comercio, que navegaría regularmente entre Coruña y Ferrol. A prensa aínda citaba o estaleiro como “Astilleros de Gil y Compañía”.
A crise do sector naval e as dificultades financeiras obrigarían a dar entrada a novos socios, transformándose en sociedade anónima co nome de “Astillero y Varadero de La Graña”. En 1931 o estaleiro pasaba á propiedade de Gumersindo Paz Abelleira, un dos acredores da sociedade, que fora carpinteiro de ribeira no estaleiro da Cabana. A empresa coñeceríase tamén como “Astilleros Gu-Paz”.
A súa actividade continuou
fundamentalmente na reparación de buques de madeira, cunha mínima actividade na
construción naval, como fora construción en 1953 da embarcación de pasaxe Antinea, de 18 metros de eslora, 4’34 de
manga e 2’10 de puntal.
A finais de 1980 facíase cargo do estaleiro a sociedade “Astilleros y Talleres de Ferrol, S.A.” (ASTAFERSA), creada polo enxeñeiro naval da Mariña Juan Fernández García. A partir de entón o estaleiro acadou un importante nivel na construción de pequenas e medianas embarcacións en aceiro, aluminio e poliéster reforzado con fibra de vidro.
Entre 1981 e 1983 construía dous pesqueiros de aceiro para Senegal. No período de 1982 a 1984, dez embarcacións auxiliares de pesca en aluminio para Portugal. De 1983 a 1986 construíranse oito cerqueiros en aceiro para Angola. Con dificultades crecentes, seguiríase construíndo embarcacións diversas (auxiliares de pesca, arrastreiros, palangreiros…).
Dende o ano 1984 a empresa está acollida ó plan de reconversión naval e forma parte da sociedade “Pequeños y Medianos Astilleros Sociedad de Reconversión, S.A.” (PYMAR). Con todo entre 1999 e o 2003 ASTAFERSA construíu sete pesqueiros de entre 25 e 40 metros de eslora e dúas embarcacións de pasaxe para recorridos turísticos, de 18 metros de eslora cada unha. Cun cadro de persoal de case corenta persoas o estaleiro caeu na bancarrota, sufrindo varios procesos de regulación de emprego e vendéndose a cambio da asunción da débeda.
O 28 de setembro do 2007 o Xulgado do Social de Ferrol adxudicaba os estaleiros da Graña a “Áridos Pantín”, único poxador na poxa. As instalación do estaleiro, cunha grada de oitenta metros, varios talleres de mecanizado, armamento, tres carros de varada e construción de ata mil duascentas toneladas están arrendadas á empresa Freinaval, que repara barcos de pequeno calado e acomete algunha pequena construción.
As instalacións quedaran practicamente en desuso ata que o noiés Manuel Caamaño Abeijón propietario da empresa “Talleres eléctricos Blascar”, especializada en servizos eléctricos no porto coruñés, decidiu diversificar o negocio, facéndose cargo do antigo estaleiro d’A Graña, que dende xuño do 2018 xira como sociedade limitada baixo a razón social “Astillero Blascar-A Graña”. A boa marcha do negocio xa o levara a duplicar a súa capacidade coa adquisición en xaneiro do 2016 do “Estaleiro da Canteira” (vid. ficha 180).
Tempo de uso:
Sistema de produción:
O proceso de construción que
tradicionalmente seguiron os carpinteiros de ribeira artesanais é de tipo
secuencial.
O barco contrátase sobre a base
dunhas dimensións principais (eslora total, manga fora de forros e puntal de
construción) e unha sinxela especificación de materiais, cuxa complexidade
aumenta co tamaño.
O carpinteiro define a forma do
casco coa elaboración da maqueta ou maqueto,
un modelo a escala reducida do medio casco en madeira, ou ben, no canto de
embarcacións menores, mediante a construción e o montaxe dos elementos
principais (roda, codaste, unha ou varias cadernas), que sérvenlle de elementos
directores para obter a superficie empregando rixideiras (junquillos).
A elaboración das pezas que van
formar a estrutura comeza coa selección da madeira, e continua co trazado e o
corte. O proceso construtivo, así sinxelamente descrito, remata co montaxe a
bordo e o ensamblaxe dunhas pezas coas outras.
No traballo tradicional xeralmente
non se facían planos, gozando dunha ampla liberdade para definir as formas do
casco e os aspectos construtivos da estrutura, respectando as dimensións
principais e os escantillóns dos elementos básicos do proxecto. As montaxes
mecánicas as realizaba normalmente persoal alleo ó estaleiro.
Ademais da propia dimensión
empresarial, a carpintería de ribeira industrial tiña como diferenzas
significativas o feito de que traballábase sempre sobre plano e de que dispuñan
de un cadro de persoal estable, ademais de que xeralmente levaban a cabo as
montaxes mecánicas nos seus propios talleres.
Actividades laborais:
Emprego:
Materias Primas:
Produtos Elaborados:
Distribución e comercialización:
Referencias Bibliográficas:
Antón Viscasillas, Jaime; Anca Alamillo, Alejandro (2015): La Graña – La Cabana. Base e industria naval (1726-2015), Ferrol: Autoridad Portuaria y Armada Española. DL C-1849-2015. ISBN 978-84-608-2681-1.
Artime
González, A., 1994, La construcción de
embarcaciones de madera en los astilleros de Luanco, Museo Marítimo de
Asturias, Luanco. ISBN 84-86889-28-6.
Ateneo Ferrolán, 2009. A construcción naval na
ría de Ferrol. Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano
XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.
Blanco
García, J., 2008, Guía de las
embarcaciones tradicionales gallegas, Edicións Nigra Trea, Vigo. DL
VG-488-2009. ISBN 978-84-95364-87-6.
Carmona
Badía, X., 2009. “El patrimonio industrial maritimo en Galicia: la conservación
de la pesca y la construcción naval”. Il patrimonio industriale marítimo in Italia e Spagna.
Strutture e territorio (Genova, 26-27 ottobre 2007). A cura di A. di Vittorio, C. Barciela López, P. Massa. Societá Italiana
degli Storici dell’Economia e Universitá degli Studi di Genova, p. 167-186. Genova: De Ferrari.
Echenique
Gordillo, I., 2000: Madeira de mar. Apuntes sobre a
gamela. Vigo: Galaxia. DL VG-440-2000. ISBN 84-8288-378-X.
Gil
de Bernabé López, J.M., 1984, Guía de la
Artesanía de Galicia, Servicio de Publicaciones del Ministerio de Industria
y Energía, Madrid. DL M-945-1984, ISBN 84-7474-229-3.
Gil
de Bernabé López, J.M., 1988, Galicia
Artesana, Editorial Everest, León. DL LE-39-1988, ISBN 84-241-4652-2.
Juan-García
Aguado, J.M. de, 2001, La carpintería de ribera en Galicia (1940-2000),
Servicio de Publicacións da Universidade da Coruña, Monografías nº 95, Coruña.
ISBN 84-95322-71-4.
Juan-García Aguado, J.M. de, 2009. “A carpintaría de
ribeira na ría de Ferrol”. A construcción naval na ría de Ferrol.
Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán, p. 33-40. DL C-994-2009.
ISBN 84-933518-1-4.
Juan-García Aguado, J.M. de, y Rey Fraguela, J.,
2008, “Los últimos carpinteros de ribera de Neda”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 11, dir.
Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 76-85. ISSN 1139-1154.
Lara Coira, M., 2009, “Carpintería de ribera”, Gallegos, número 5, I trimestre 2009,
Ensenada de Ézaro, Santiago de Compostela, p. 94-97. D.L. VG-549-2008. ISSN 1889-2590.
Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: Carpinteiros de
ribeira”, Historia de Galiza, Ramón
Otero Pedrayo (dir.), Editorial Nós, Buenos Aires. Vol. II, p. 486-491. ISBN
84-9745-054-X.
Lorenzo Fernández, X., 1983, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Editorial Galaxia,
Vigo. p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.
Máiz Vázquez, B., y Freire Hermida, E., 2009, As embarcacións tradicionais: do Arco
Ártabro a Ribadeo, Museo do Pobo Galego e Edicións Embora, Ferrol. ISBN
978-84-92644-01-8.
Massó y García-Figueroa, J.M., 1992, Barcos en Galicia. De la prehistoria hasta
hoy y del Miño al Finisterre, (2ª ed.), Diputación Provincial de
Pontevedra, Pontevedra. ISBN
84-86845-7629-3.
Mörling,
S., 1989, As embarcacións tradicionais de
Galicia, Dirección Xeral de Formación e Promoción Social da Xunta de
Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-453-0070-9.
Mörling, S., 2005, Lanchas
e dornas. A estabilidade cultural e a morfoloxía das embarcacións na costa
occidental de Galicia, Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de
Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-453-4130-8.
Pazos Pérez, L.J., 2009. Aqueles barcos de madeira.
Carpinterías de ribeira. Apuntamentos para una memoria marítima de Galicia.
Pontevedra: Damaré Edicións. ISBN 978-84-935835-8-3.
Santalla
López, M., 2003, Las Reales Fábricas de
Ferrol. Gremios y barcos en el siglo XVIII, Ilustraciones de Xoán Braxe,
Edicións Embora, Ferrol. ISBN 84-95460-32-7.
Santalla
López, M., 2006: Ferrol. Historia social
(1726-1858). Vigo: Edicións A Nosa Terra. DL 243462-2006. ISBN
978-84-8341-057-8.
Índice de mapas e planos:
Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-II Ferrol
// Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X Fuso 29 // X 559.883,97 m / Y 4.814.441,16 m