190 Salto da Ventureira

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: A Capela
  • Parroquia: Santiago da Capela
  • Lugar: A Ventureira
  • Paraxe: Central da Ventureira
  • Dirección:
    Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.406629781376765
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.040854930877686
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 577.794,66 m / Y 4.806.630,08 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Embalse e canle de derivación, cámara de carga e tubaria forzada.
  • Comarca: Eume
  • Marco Xeográfico: Canón e fragas do Eume, augas abaixo do encoro.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:

    Dende Ferrol colleremos a estrada nacional N-VI que leva a Pontedeume e ó chegar á Cabanas apartaremos a esquerda pola estrada AC-564 que leva ata As Pontes pola Capela. No cruce de As Neves (A Capela) colleremos á dereita pola carreteira que leva ó poboado do Eume, e continuaremos por Gunxel baixando cara a ribeira do Eume. Na ponte da Mazoca sobre o río Sinsín seguiremos pola pista da dereita que leva á central do Eume e ó seu remate e antes de cruzar o río Eume atoparemos a vella central da Ventureira ou da Capela.

  • Tipo de propiedade: Privada
  • Visitable: Sí, exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O aproveitamento da enerxía dos cursos de auga agáchase no principio dos tempos históricos. Primeiro como vía de comunicación a favor da corrente, aproveitando o natural discorrer das augas para o traslado e transporte de persoas e mercadorías varias. Xa nunha fase posterior do coñecemento técnico, para facer virar unha roda con fins diversos: elevación de auga para rega e abastecemento (noras); transmisión do xiro para moenda (aceas e rodicios); conversión do xiro en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras).

En moito tempo a enerxía hidráulica foi a única fonte para obtención de enerxía mecánica. Nas ribeiras dos ríos, necesitadas de enerxía para o accionamento das súas primitivas ferramentas, asentáronse as primeiras mostras da industria: muíños de cereal, forxas, teares, serras, muíños papeleiros…. O desenvolvemento da máquina de vapor liberou ás instalacións industriais do condicionamento espacial que supuñan os aproveitamentos hidráulicos, e o carbón, que substituiría á leña como fonte calorífica, tamén desprazou á enerxía hidráulica como fonte principal de recursos enerxéticos mecánicos.

Pero a enerxía hidráulica habería de ter un espléndido rexurdir vinculada a unha forma de enerxía que coñecería a maior difusión: a electricidade. De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ó uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando ao ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1,5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (un 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública.

A adaptación das primitivas dínamos ós aproveitamentos hidráulicos existentes para producir electricidade ía de ser inmediata, malia que naquelas datas as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas. A pesares diso, as modestas centrais hidroeléctricas (moitas veces rudimentarias adaptacións de antigos muíños fariñeiros ou papeleiros) constituíron a base da electrificación daquelas poboacións próximas ó seu emprazamento.

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1887, cando o enxeñeiro serbio-croata Nikola Tesla, descubridor en 1882 do campo magnético rotatorio e emigrado a Estados Unidos en 1884, conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna, o motor de indución. Coa axuda financeira de George Westinghouse faría a primeira demostración das vantaxes da iluminación con corrente alterna na Exposición Universal de Chicago de 1893, e nese mesmo ano construiría nas cataratas do Niágara a primeira central hidroeléctrica da historia. A demostración abriría a porta fronte á corrente continua á moito máis adaptable corrente alterna, e pouco despois chegaría a definitiva consolidación.

Tres anos máis tarde, coa axuda financeira de J.P. Morgan, J.J. Astor e C. Vanderbilt, Tesla instalaría nuns xigantescos condutos subterráneos construídos ó pé das cataratas do Niágara un conxunto de turbinas hidráulicas Fourneyron e alternadores eléctricos que cunha potencia instalada de máis de 100.000 HP (uns 74.600 kW) permitiríanlle a subministración de electricidade á cidade de Buffalo (New York), a trinta e dous quilómetros de distancia. A era da enerxía eléctrica estreaba a súa maioría de idade e en pouco tempo, a corrente alterna desbancaría á corrente continua na maior parte das súas utilizacións como vector enerxético en todo o mundo.

Pode admitirse que cara a 1900 a hidroelectricidade achegaba da orde dun 0,8% a un balance enerxético mundial dominado polo carbón (95,4%) seguido a gran distancia polo petróleo (3,6%) e o gas (0,2%). A partires da década de 1920 o aprecio do consumidor, tanto final como intermedio, por esta forma de enerxía fai que a potencia eléctrica instalada creza continuamente, e que se intensifique fortemente dende 1960, até chegar na década de 1980 a alcanzar unha participación relativa do 5,8% en termos de enerxía substituída e do 2,3% en termos de enerxía comercializada. Explotados os mellores emprazamentos o crecemento dos aproveitamentos hidroeléctricos nos países desenvolvidos medra xa moi paseniño.

A industria eléctrica en España comeza cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narcis Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

En Ferrol a “Sociedad Anglo Española de Electricidad”, fundada en Barcelona en 1882, inauguraría en 1883 a iluminación do Arsenal coa electricidade xerada nunha pequena instalación termoeléctrica, e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor para a subministración do alumeado público, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896).

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas son de pequeno tamaño, non superior ós douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ó servizo do alumeado público.

Só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central eléctrica para alumeado e forza nas súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xuvia (Neda), cunha hidroeléctrica; e “La Primera Coruñesa”, na Coruña, cunha termoeléctrica.

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior ós 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” estruturadas en torno ó Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955.

Finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade e A Fervenza a comezos do século XX.

Descrición Xeral do Entorno:

A central sitúase no canón do río Eume, en pleno espazo natural das fragas do Eume, augas abaixo da presa construída en 1960 e case enfronte da central do Eume.

Construcción:

Iniciada no verán de 1901. Inaugurada a central a comezos de 1903.

Abandono:

Deixou de traballar en 1959, obrigada pola construción e posta en marcha da nova central do Eume.

Descrición:

Baixa o río Eume dende as ladeiras de Seixobranco, na aba sur oriental da serra do Xistral, no termo municipal de Abadín, e descende esparexéndose polos concellos de Muras, Vilalba, Xermade, As Pontes, A Capela, Monfero, Vilarmaior, Cabanas e Pontedeume, ata render as augas para formar a ría de Ares.

Alí onde o Eume abandona o Forgoselo e comeza a precipitarse buscando a ría de Ares construíuse na década de 1890, na marxe dereita e no lugar da Ventureira da parroquia de Santiago da Capela unha central hidroeléctrica que chegaría a ser das máis rendibles de Galicia.

Baixo a dirección do enxeñeiro de camiños coruñés don Emilio Pan Español (quen traballaba tamén no proxecto da central da Fervenza, en Neda), os técnicos comezaran contra 1897 os estudos das posibilidades de aproveitamento hidroeléctrico do salto da Ventureira. A opción elixida proxectaba o aproveitamento dun salto de 160 metros cun máximo de 3.000 litros por segundo de caudal aproveitado. Solicitábase o aproveitamento dos caudais do río Eume e do rego de Teixido a medio de dúas canles construídas na ladeira dereita do Eume que confluían no depósito de regulación ou cámara de carga, e prevíase a posterior construción dun embalse de acumulación no río Eume. Dende a cámara de carga as augas levábanse á central por unha tubaria de chapa de aceiro de oitenta centímetro de diámetro e uns 210 metros de lonxitude. A casa de máquinas dispuña do aloxamento das turbinas, xeradores e transformadores precisos, construíndose unha vivenda contigua para o operador.

No ano 1901, promovida polo Banco de Vizcaya, constituíase en Bilbao a compañía “Electra Industrial Coruñesa” e presentábase o proxecto de construción do Salto da Ventureira, que obtería a concesión administrativa no mes de xaneiro de 1902 e iniciaría a partires de 1903 a explotación da tamén coñecida como central da Capela, cando xa outras dezasete “fábricas de luz” (oito delas hidráulicas) estaban a subministrar fluído eléctrico ás vilas galegas.

O proxecto prevía a instalación de seis turbinas Voith tipo Pelton de eixe horizontal, de seiscentos cabalos de vapor cada unha (442 kW, cun total de 2.650 kW), pero as dificultades financeiras levaron á modificación da formulación inicial e finalmente instalábanse en 1902 unicamente dúas turbinas radiais Schwamkrug de admisión parcial interior de cincocentos cabalos de vapor cada unha (aínda identificadas como 2 e 3 cos números 1165 e 1166 de J.M.Voith, Heidenheim Württemberg), o que sumaba unha potencia total de 736 kW (uns 920 kVA).

A central da Ventureira, coñecida tamén como a central da Capela comezara a traballar distribuíndo electricidade pola contorna. Posteriormente a electricidade chegaría até a cidade da Coruña por unha liña de 36.000 voltios.

Os problemas da central da Fervenza, no Belelle, para atender á crecente demanda ferrolá levan a que en 1909 se poña en servizo unha liña de conexión de uns trece quilómetros coa central da Ventureira pola que esta subminístralle enerxía a 15.000 voltios para que aquela poda complementar a súa oferta de electricidade na comarca ferrolá.

Entre 1911 e 1920 vaise completar a instalación xeradora da Ventureira con dúas novas turbinas (identificadas co número 4, Pelton, e o número 1, Francis), ámbalas dúas de eixe horizontal, de dous mil cabalos de vapor cada unha. Conectaránse a cadanseu alternador Siemens-Schuckert de 1.360 e 1.800 kVA, respectivamente. A corrente xerábase a unha tensión de 2.200 voltios, que transformábanse para o transporte a 33.000 e 15.000 voltios. Neste período ampliárase o acordo de subministro existente coa central da Fervenza ata os 700 cabalos de vapor (aproximadamente 644 kVA).

Coa adquisición dos activos na Coruña da lionesa “Compañía de Alumbrado, Fuerza y Calefacción de La Coruña y Vigo” e a participación da “Cooperativa Eléctrica Coruñesa” (fundada en 1901), nacería en 1918 a compañía “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad”. Tanto a Cooperativa como as Fábricas Coruñesas carecían de instalacións hidroeléctricas propias (tiñan tan só pequenas instalacións de reserva) e dependían do fluído eléctrico que subministráballes a Electra Industrial dende a máis que rendible central da Capela. Esta situación remataría coa integración en 1928 da Cooperativa e a Electra na empresa “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad”.

O salto da Ventureira ven recollido na estatística de 1931 do Consello da Enerxía do Ministerio de Fomento co nome de La Capela e cunha potencia instalada de 4.000 kVA.

Ademais da conexión coa central da Fervenza, e xa na década de 1940, conectaríase tamén, cunha liña de menos de un quilómetro a 15.000 voltios, coa aínda máis próxima central do Parrote ou de San Bartolomé.

En 1955 a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA, que continuaría coa explotación da central da Capela ata que no ano 1959 tivera que deixar de traballar pola falta de auga derivada da construción e posta en marcha da nova central do Eume.

En 1982 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) era absorbida pola madrileña “Unión Eléctrica Española” para formar a nova empresa “Unión Eléctrica Fenosa”: No marco da nova política enerxética xurdida das crises petroleiras de 1973 e 1979 empréndese a rehabilitación, modernización e automatización das entón chamadas pequenas centrais hidroeléctricas ou minicentrais, definidas por ter menos de 5.000 kVA de potencia instalada. Mais o antano envexado salto da Capela non podería aspirar máis á rehabilitación o ter as augas levadas pola máis nova central do Eume.

A sa de máquinas aínda que sensiblemente estragado, conserva moito do equipamento. O grupo xerador número 1 fora levado ó museo que tiña Unión Fenosa na Coruña, e tíñase a intención de acomodalo xunto co resto das pezas no Museo de Arte Contemporáneo de Unión Fenosa (MACUF). Non entanto, trala adquisición de Unión Fenosa polo grupo Gas Natural, o material enviouse á central de Velle (Ourense), onde fica á espera do seu destino final.

As dúas turbinas Schwamkrug de admisión parcial radial interior construídas por Voith en 1902 son un verdadeiro anacronismo, xa que pronto deixarían de construírse ó seren totalmente desterradas pola Pelton, tamén turbina de acción ou de libre desviación, pero de admisión tanxencial exterior. Non sabemos de ningunha máis que aínda se conserve, e pola súa singularidade deberían ser merecedoras de especial reverencia.

Tempo de uso:

Todo o ano ¡sempre que houbera auga suficiente!

Sistema de produción:

A enerxía hidráulica é a asociada ós recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de auga pode proporcionar 9.800 joule de enerxía mecánica por cada metro que descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro pode proporcionar 9.800 watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi grande.

O elemento ou conversor enerxético máis antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que transforma a enerxía da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga actúa sobre unhas paletas ou cae nuns cubos situados na periferia da roda e co seu movemento e o seu peso fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía facendo virar ó eixo da roda.

A tipoloxía básica das rodas hidráulicas resúmese na roda hidráulica vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita por Marco Vitruvio Polion, e a roda hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ó non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de conversores hidráulico mecánicos foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, e coñécense habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou nórdico), o de roda horizontal.

Ademais da fundamental moenda de cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (moenda, elevación de auga, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de gran éxito ó asociarse a un xerador eléctrico para converterse en electricidade cun rendemento próximo ao 95%.

A pesares de que as rodas hidráulicas horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ó longo dos séculos, por contra nas primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas) foron moitas as modificacións introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.

A optimización nos deseños básicos logrou instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños de regolfo), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de conversión normalmente superiores ó 60%.

A continua experimentación coas formas e posición de paletas e arcaduces ten a súa culminación na roda deseñada por Jean Victor Poncelet (1820), na que o chorro de auga a presión impulsa unhas paletas curvadas, conseguindo unha gran velocidade de xiro e un rendemento superior ó 70%

Finalmente, outro enxeñeiro francés, Benoît Fourneyron, desenvolvía en 1827 unha roda hidráulica horizontal –á que chamou turbina– que recibía a auga verticalmente ó longo do seu eixo, enviándoa mediante unhas guías curvadas cara a outras guías, tamén curvadas, pero en sentido contrario, situadas de xeito anular nun rodete exterior. A reacción da auga sobre as paletas exteriores ó saír do interior do corpo da máquina cara ó exterior, facía virar o rodete a gran velocidade, cun elevado rendemento de conversión, da orde do 80%.

Tras toda esta bagaxe hidráulica aparecerían os modernos deseños básicos que con moi poucos cambios chegaron até hoxe: a turbina de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), a turbina de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1889) e a turbina de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento moi inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

As máquinas hidráulicas conectadas a xeradores eléctricos transforman cun elevado rendemento a enerxía da auga en electricidade, e configuran as chamadas centrais hidroeléctricas. As primeiras en construírse (despois de 1873) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha turbina e unha dínamo de corrente continua nun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ó seu emprazamento.

Pronto deseñaríanse e construiríanse instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o transporte da enerxía até os puntos de consumo.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ó servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza.

Emprego:

Recolle Mario Valdivieso (2000) que dende o inicio da explotación o encargado ou maquinista da próxima Central da Fervenza fora don Pascual Barragán Jiménez, orixinario de Puertollano (Ciudad Real), que chegara con 23 anos e alí estivera até a súa xubilación en 1946. Un dos seus fillos, Pascual Barragán Ruiz, traballara de encargado na Central da Ventureira ata que contra 1937 embarcara como Maquinista da Armada no Baleares, morrendo no seu afundimento.

Materias Primas:

Auga

Produtos Elaborados:

Electricidade

Distribución e comercialización:

Local e comarcal

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Caro Baroja, J., 1995, Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias, Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid. ISBN 84-86850-64-9.

Cuesta Diego, L., y Vallarino Cánovas del Castillo, E., 2000, Aprovechamientos hidroeléctricos, 2 vol., Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos, Madrid, ISBN 84-380-0169-6.

García Fontenla, R. (ed.), 1990, Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell, Unión Fenosa, Madrid. D.L. M-45870-1990.

González Tascón, I., 1987, Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros, Madrid. ISBN 84-7790-147-3.

Holl, P.; Treiber, E., 1929: Turbinas hidráulicas. Trad. por Isabelino Lana Sarrate de la 2ª ed. alemana, Manuales técnicos Labor, Barcelona: Editorial Labor.

Kyser, H., 1930: Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini, Barcelona: Editorial Labor.

Lara Coira, M., 1990, Las energías renovables y Galicia, Gestión Energética de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-404-8124-1. Existe una edición de 1991 en gallego, titulada As enerxías renovables e Galicia, Gestión Energética de Galicia, Santiago de Compostela. ISBN 84-604-0101-4.

Lara Coira, M., 1997, Planificación energética, apuntes de la asignatura, Ferrol: Escuela Politécnica Superior de la Universidad de A Coruña.

Minicentrales hidroeléctricas, 1989, Gestión Energética de Galicia, S.A. (GESTENGA), Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia, Santiago de Compostela.

Ministerio de Fomento, 1931: Centrales eléctricas de más de 500 kVA a fines de 1930 (anejo y mapa de la publicación de 1931), Madrid: Consejo de la Energía del Ministerio de Fomento.

Nadal Oller, J., y Carmona Badía, X., 2005. Galicia industrial (c. 1750-2005). Catálogo de la exposición: Vigo, 28 oct. 2005-22 ene. 2006; A Coruña, 2 mar. 2006-4 jun. 2006. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2469-2005. ISBN 84-95892-18-9.

Pena Espiña, X., 1986. A Formación do sector eléctrico en Galiza (1900-1925) e a Sociedad General Gallega de Electricidad. Tese de licenciatura inédita. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

Río Barja, F.J.; Rodríguez Lestegás, F., 1992: Os ríos galegos, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. DL C-1426-1992. ISBN 84-87172-76-8.

Torres Luna, M.P. de, Pazo Labrador, A.J., y Santos Solla, J.M., 1990, Los embalses de FENOSA y la geografía de Galicia en el centenario de Don Pedro Barrié de la Maza 1888-1988, Fundación Pedro Barrié de la Maza, La Coruña. D.L. C-1.453-1988. ISBN 84-85728-77-7.

Valdivieso Mateo, M., 2000: “A fábrica de luz de A Fervenza”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 3, dir. Manuel Pérez Grueiro, Neda (Coruña): Concello de Neda, p. 129-152. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-III Pontedeume // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 577.794,66 m / Y 4.806.630,08 m

Data de Actualización:

2 xuño 2011
Xunta de Galicia Ministerio de Industria, Turismo y Comercio Plan Avanza FEDER