199 Lámparas Iria

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Padrón
  • Parroquia: Santa María de Iria
  • Lugar: Pedreda
  • Paraxe: A fábrica
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.74915123198888
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.653010129928589
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 528.478,73 m / Y 4.733.238,15 m
  • Clasificación: Material eléctrico
  • CNAE: 27.40 Fabricación de lámpadas e aparatos eléctricos de iluminación.
  • Tipoloxía: Lámpadas
  • Comarca: Padrón
  • Marco Xeográfico: Val do río Sar
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Padrón colleremos a estrada nacional N-550 cara a Santiago de Compostela e a uns oitocentos metros apartaremos á dereita pola carreteira que leva á reitoral de Iria e continuaremos, tras pasar baixo a vía do ferrocarril, con rumbo norte ata chegarmos ó lugar de Pedreda. Alí atoparemos o conxunto de edificacións que configuraran a fábrica de lámpadas, da que aínda sobrancea a cheminea do forno de fabricación do vidro para os bulbos das bombillas.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Sí, exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

No ano 1929, por iniciativa do padronés Estanislao "Tanis" Pérez Artime, un grupo de empresarios da Santiago e Padrón establecían unha sociedade anónima para a fabricación de lámpadas de incandescencia. No conxunto dos socios destacaban os irmáns Pérez Artime (Estanislao, Isidoro e José), os irmáns Pérez Rey (José, Manuel e Estanislao, fillos de "Tanis"), a casa bancaria Riestra (representada polos irmáns Ignacio e Francisco Riestra Calderón) e a casa bancaria Juan Sáenz Díez (Banco Simeón). Completaban o accionariado o comerciante santiagués Miguel Martínez de la Escalera e o vilagarcián Santiago Rey Daviña, ademáis do comerciante cesureño Antonio Domínguez Orense (cuñado de “Tanis”) e outras persoas.

As edificacións fabrís levantáranse en Iria, fronte as instalacións da azucreira, ó lado da vía ferroviaria e non lonxe da estación do ferrocarril. Nas primeiras semanas de actividade, no ano 1929 e mesmo antes de constituírse formalmente a empresa, os produtos fabricados non posuían a calidade mínima esixible, co conseguinte descrédito e descapitalización da empresa.

O presidente e principal accionista da compañía, Estanislao Pérez Artime, destitúe entón ó director técnico, Francisco de Salas Rodríguez, substituíndoo polo enxeñeiro alemán Karl Feutcher, ata entón director técnico da fábrica madrileña “Castañeda y Cía.”. Co cambio da dirección técnica a fabricación comeza a producir excelentes produtos o que, xunto coa política de trocar gratuitamente os produtos defectuosos por outros en perfectas condicións de funcionamento, mellora inmediatamente a posición da empresa no mercado español de lámpadas de incandescencia.

A fábrica padronesa atópase entón coa oposición organizada das outras fábricas instaladas en España á utilización por Iria das patentes de fabricación existentes. A dirección de Iria decide entón orientar a fabricación cara a un modelo de lámpada sobre o que a organización de fabricantes non pode obxectar, pero o conxunto empresarial procede a unha importante baixada dos prezos coa intención de expulsar a Iria do mercado.

Pese a tódolos atrancos da competencia, “Lámparas Iria” foi quen de facerse un oco no mercado galego, ó que subministraría lámpadas eléctricas de incandescencia. Co comezo da Guerra Civil (1936-1939) a empresa padronesa melloraría notabelmente a súa cota de mercado, ó quedar os restos dos fabricantes españois de lámpadas (madrileños e cataláns) na zona fiel á República e non poder vender nas zonas baixo control do exército rebelde.

A empresa tivo dende a súa fundación unha grande preocupación pola súa imaxe publicitaria, coa inserción de ilustracións nos principais xornais e, como fixera antes “La Artística”, coa produción en 1930 dunha película publicitaria con imaxes do interior da fábrica e os obreiros traballando.

No marco da guerra civil, “Tanis” pasaría unha tempada no cárcere compostelán, represaliado polos rebeldes franquistas.

Trala morte do fundador en 1945, o seu fillo, Estanislao Pérez Rey, director técnico e propietario da fábrica de casquetes para as lámpadas, faríase cargo da presidencia da empresa. Co comezo da década de 1950, e aínda que a empresa introduciría novos produtos no mercado e mesmo chegaría contra 1953 a fabricar tubos fluorescentes que comercializaría co nome de Veralux, a fábrica padronesa sufriría continuos problemas económicos que finalmente a levarían ó peche na metade do decenio de 1970.

Descrición Xeral do Entorno:

A fabricación de bombillas ou lámpadas eléctricas de incandescencia da empresa Iria localízanse nunha ampla zona do val do río Sar nas proximidades de Padrón.

Construcción:

Cara a 1929

Abandono:

Metade da década de 1970

Descrición:

A industria padronesa de lámpadas eléctricas comezaría a súa produción en 1929 (Seijas Llerena, 2011) e consonte Freire Esparís (2007) no momento da posta en funcionamento “Iria, S.A.” contaba cunha fábrica de gas e outra de bombillas que complementábase coa fábrica de casquetes para lámpadas eléctricas da que figuraba como propietario e director técnico Estanislao Pérez Rey e co forno de vidros planos e ocos con catro crisois que figuraba no libro de matrícula industrial ó nome de Ángel Valverde Prado.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O conxunto fabril para a fabricación de bombillas ou lámpadas pode considerarse o resultado do traballo conxunto e coordinado de outras pequenas industrias.

Cabe considerar primeiro a fabricación de gas pobre para a alimentación do forno de elaboración do vidro. O gas obteríase por destilación seca a alta temperatura de hulla, co carbón de coque como subproduto.

Viría despois a fusión no forno de crisois dunha mestura de sílice, cal (ou óxido de chumbo ou litarxirio) e sosa ou potasa (hidróxido sódico ou potásico) para obter unha masa pastosa de vidro (mestura de silicatos de calcio e sodio ou potasio) da que por soprado vanse obter as bombillas, nas que xa recocidas se rematará coa introdución do filamento de carbono (posteriormente, de tungsteno) e os condutores eléctricos, o baleirado do aire do interior, o peche do globo, e o recubrimento co casquete de latón, roscado ou de baioneta.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Consonte Seijas Llerena (2011), en 1948 a fábrica contaba con noventa e dous empregados.

Materias Primas:

Carbón (hulla) para gasificar; sílice, cal, litarxirio, sosa e potasa para a fabricación do vidro; filamentos de carbono e de tungsteno (volframio), condutores eléctricos e latón para os casquetes.

Produtos Elaborados:

Lámpadas (bombillas) eléctricas de incandescencia.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Freire Esparís, M.P., 2005. La formación del tejido manufacturero en una comarca litoral de la provincia de A Coruña: Padrón, 1850-1950. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

Freire Esparís, M.P., 2007, “Una aproximación a los procesos de cambio en la Galicia rural a través del análisis de los municipios de Brión y Padrón (1850-1970)”, Revista Galega de Economía, vol. 16, núm. extraord. (2007). ISSN 1132-2799.

Manual del Ingeniero, 1942, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, Barcelona: Gustavo Gili.

Nadal Oller, J.; Carmona Badía, X., 2005. Galicia industrial (c. 1750-2005). Catálogo de la exposición: Vigo, 28 oct. 2005-22 ene. 2006; A Coruña, 2 mar. 2006-4 jun. 2006. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2469-2005. ISBN 84-95892-18-9.

Seijas Llerena, D., 2011. “Historia da fábrica de lámpadas de Padrón”. El Correo Gallego, 17 de abril. DL C-7/1958. ISSN 1579-1564.

Seijas Llerena, D. (serviciosludicos@yahoo.es), 10 de septiembre del 2011. Iria-Padrón. Correo electrónico para M. Lara Coira (mlara@asociacionbuxa.com).

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 120-IV Padrón // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 528.478,73 m / Y 4.733.238,15 m

Data de Actualización:

10 setembro 2011