201 La Arzuana

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Vilasantar
  • Parroquia: San Pedro de Présaras
  • Lugar: O Foro
  • Paraxe: A Fábrica
  • Dirección:
    Granja La Vieja Fábrica
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.047957353614024
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.110828399658203
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 572.539,94 m / Y 4.766.746,93 m
  • Clasificación: Fábrica de tecidos téxtiles
  • CNAE: 13.10 Preparación e fiado de fibras téxtiles, e 13.20 Fabricación de tecidos téxtiles.
  • Tipoloxía: Tecidos de algodón, principalmente crú (moreno)
  • Comarca: Betanzos
  • Marco Xeográfico: Cabeceira do río Tambre
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:
    Dende Arzúa colleremos a estrada AC-234 cara a Gándara-Boimorto, continuando á Igrexa de Boimil, e de alí a As Corredoiras, onde viraremos á esquerda pola carreteira C-540 que leva até Vilasantar. No quilómetro 27’500, uns tres quilómetros antes de chegar a Vilasantar, tras pasar a ponte de Présaras apartaremos á esquerda, pola carreteira que por O Foro leva ata A Casilla. No lugar de O Foro apartaremos na man esquerda por un camiño de uns douscentos metros que leva á mesma porta da Granxa da Vella Fábrica, a que fora a fábrica de tecidos “La Arzuana”.
  • Tipo de propiedade: Privada
  • Visitable: Sí, exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

No ano 1882, por acordo entre Casimiro Macía Canal, carpinteiro, Andrés Camprubí Genesca, tecelán, e Manuel Solórzano Ibáñez, fundidor, constituíase a firma industrial "Casimiro Macía Canal y Cía." para a explotación dunha fábrica de tecidos de algodón na marxe dereita do río Tambre no lugar de O Foro, parroquia de Présaras do concello de Vilasantar. O ano seguinte, disolveríase a efémera sociedade, quedando Manuel como único propietario da fábrica.

Manuel Solórzano Ibáñez, xunto cos banqueiros lugueses Ramón e Luciano Soler, formaría en 1884 unha nova sociedade enriba da fábrica, “La Arzuana”.

Morto Manuel en 1895, a súa viúva, Basa Freire Fan, e os seus fillos, José Fernando, Rosa, e Fernando José, constituirían a razón social “Viuda e hijos de Solórzano”, baixo a que explotaríase a fábrica durante cinco anos.

No 1900 a fábrica de tecidos de algodón “La Arzuana” era adquirida polos irmáns Luis, Pilar e Elena Miranda Santos, fillos do empresario habaneiro Luis Miranda Vázquez, quen co seu socio, o banqueiro coruñés José Núñez de la Barca, explotaba dende 1872 a fábrica coruñesa de fiados e tecidos de algodón “Núñez y Miranda”. Os irmáns Miranda farían importantes inversións e ampliacións, e dende 1907 a fábrica de “La Arzuana” xiraría baixo a razón social “Hilados y Tejidos de Vilasantar, S.A.”.

A industria gozaría tempos de esplendor no primeiro terzo do século XX, con alternancias función da situación económica rexional e nacional. Trala Guerra Civil española (1936-1939) sufriría complicacións derivadas da carestía da materia prima, da perda xeneralizada de poder adquisitivo e a preferencia dos mercados polo tecido curado ou blanco, e as dificultades para financiar as compras de algodón e o cobro das vendas.

As complicacións medrarían xuntándose co malestar do persoal, folgas e mesmo problemas coa saída das mercadorías pola estación ferroviaria de Curtis. A partires de 1958 os irmáns Tomás e Enrique Rodríguez-Sabio Sánchez irían asumindo todas as facultades do Consello de Administración da sociedade.

O día 8 de decembro de 1962 un incendio arrasaba as instalacións, que ficarían dende aquela abandonadas tras oitenta anos de labor.

Os actuais propietarios, don Antonio Boado Paz e súa esposa, dona Manuela Fernández Doval foron reconstruíndo as dependencias para dedicalas a granxa agrícola, baixo o nome de “Granja La Vieja Fábrica”.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica localízanse no lugar de O Foro, na marxe dereita do río Tambre e a uns douscentos metros ó sur da carreteira que por O Foro vai até A Casilla.


Construcción:

Cara a 1882

Abandono:

Tralo incendio ocorrido o 8 de decembro de 1962.

Descrición:

A fábrica de tecidos comezaría a súa produción en 1882 nas modestas instalacións construídas por Solórzano e posteriormente ampliadas baixo a razón “La Arzuana”. A compra a comezos do século XX polos irmáns Miranda suporía importantes inversións para a ampliación e modernización das instalacións, fabricando en adiante como “Hilados y Tejidos de Vilasantar”.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O conxunto fabril aproveitaría a enerxía do río Tambre cunha turbina hidráulica de 80 cabalos, e contaría con dous batáns, oito cardas, seis máquinas de fiar, e uns sesenta teares que consumían da orde das mil libras diarias de algodón para producir unhas sesenta pezas de varias dimensións.

Actividades laborais:

Xornadas laborais de catorce horas diarias, con salarios cara a 1900 de 1 a 1’25 pesetas as tecelás, e de 3 a 3’5 pesetas os obreiros (na Coruña calculan 220 mulleres a traballo feito e 30 homes a xornal, sumando 2.500 pesetas semanais).

Emprego:

Consonte Alonso, Lindoso e Vilar (2008), en 1936 a fábrica daba traballo a uns trescentos operarios. Os actuais propietarios comentaran que a empresa tivera ata catrocentos oitenta e dous empregados.

Materias Primas:

Algodón.

Produtos Elaborados:

Tecidos de algodón, cunha certa especialización en lenzos crus ou morenos, de meirande demanda no agro.

Distribución e comercialización:

Rexional e nacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez L, Lindoso Tato E, Vilar Rodríguez M. Construyendo empresas: la trayectoria de los emprendedores coruñeses en perspectiva histórica, 1717-2006. 2 vol., Vigo: Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC), 2008. DL VG-1476-2008.

Carmona Badía J. El atraso industrial de Galicia. Auge y liquidación de las manufacturas textiles (1750-1900). Barcelona: Ariel, 1990. ISBN 84-344-6566-3.

Carmona Badía J, Nadal Oller J. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2005. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Manual del Ingeniero. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, Barcelona: Gustavo Gili, 1942.

Mirás Araujo J. Continuidad y cambio en la España urbana en el periodo de entreguerras. Análisis de una ciudad española. Oleiros (Coruña): Netbiblo, 2011. DL C-988-2007. ISBN 978-84-9745-007-2.

Nadal Oller J, Carmona Badía X. Galicia industrial (c. 1750-2005). Catálogo de la exposición: Vigo, 28 oct. 2005-22 ene. 2006; A Coruña, 2 mar. 2006-4 jun. 2006. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2005. DL C-2469-2005. ISBN 84-95892-18-9.





Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: 

Folla 71-III Sobrado // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 572.539,94 m / Y 4.766.746,93 m

Data de Actualización:

5 xullo 2012
Xunta de Galicia Ministerio de Industria, Turismo y Comercio Plan Avanza FEDER