217 Mina de Cobas

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ferrol (Serantes até a súa anexión no 1940)
  • Parroquia: San Martiño de Cobas
  • Lugar: Cobarradeiras
  • Paraxe: O Picheiro
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.545857498734755
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.26819896697998
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 559.235,15 m / Y 4.821.895,45 m (Mina) e X 559.448,79 m / Y 4.822.854,42 m (Lavadoiro)
  • Clasificación: Minería de ouro.
  • CNAE: 07.29 Extracción de outros minerais metálicos non férreos (Ouro, Au).
  • Tipoloxía: Galerías e cámaras.
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Aba occidental dos montes da Lagoa.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso: Dende Ferrol colleremos a estrada CP-3603 que leva a Cobas. Uns nove quilómetros mais adiante, pasado o cruce de Esmelle na Cocheira, apartaremos á dereita no lugar de Cobarradeiras, onde podemos atopar as pegadas das explotacións mineiras, tanto das prerromanas e romanas de ouro como das posteriores francesas. Se baixamos cara a praia de Ponzos, chegaremos ós restos das instalación de lavado e concentración do mineral para o beneficio do ouro.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Si, exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Galicia, carente de vales fértiles e climas favorables, carente igualmente de ocos que puidesen proporcionar refuxio seguro a grupos en evolución, non foi seguramente unha rexión propicia para os asentamentos de núcleos humanos.

Malia iso, a presión doutros grupos, que sempre chegan de oriente, forza o desprazamento cara a poñente das primitivas poboacións e o seu asentamento nas fisterras continentais. A carencia de abrigos naturais polas condicións xeolóxicas adversas destes territorios é en certa forma compensada pola existencia neles de ouro.

O ouro, un metal brando que como tal non pode contribuír directamente a mellorar as condicións de vida humana, contribúe con todo ao establecemento dun comercio primitivo dos pobos occidentais mediante o troque cos pobos máis adiantados, quen desexan o metal amarelo para o reforzamento das diferenzas sociais e das estruturas de poder nas súas colectividades.

Para a obtención do ouro procedíase á apertura dunha gabia e á desintegración da rocha do xacemento filoniano primario, quentando fortemente as paredes mediante a combustión de madeira no seu interior e provocando un brusco arrefriamento posterior vertendo auga nela, conseguindo así o regaño da pedra, que era fendida e esnaquizada despois golpeándoa con grandes mazas pendulares construídas de materiais máis duros (basaltos). Seguidamente os anacos resultantes machucábanse en morteiros de pedra para a continuación separar as partículas de ouro por decantación mediante auga (bateo), como xa se viña facendo para beneficiar o ouro aluvial dos xacementos secundarios localizados en numerosos ríos da rexión.

A descomposición interna do Imperio Romano supón o remate da súa expansión e o comezo da súa decadencia, mentres os pobos bárbaros ocupan os territorios que Roma abandona. As invasións suevas van ocupando o noroeste peninsular até o río Douro, e no inverno do 459 a penetración dos xermanos é total no territorio galaico-romano. A minería galaica sofre un estancamento que continuará baixo os visigodos e os árabes, e que só coñecerá novos pulos cando a necesidade de armas para combater ós invasores normandos ou manter as loitas feudais estimule a minería do ferro e a siderurxia.

Vai ser nos anos finais do século XIX cando a vella mina de Cobas esperte do seu longo sono. O técnico británico Ellys Henry Thomas, coñecido coma don Eliseo “o inglés”, faría numerosas prospeccións dende Cabo Prioiro ata As Pontes de García Rodríguez, rexistrando dereitos mineiros sobre piritas de ferro, de cobre, e arsenicais auríferas.

A proporción de ouro no mispíquel había de ser suficientemente alta e as perspectivas dun posible laboreo de ouro non habían de ser malas, pois no verán de 1911 o enxeñeiro francés Vizconde de Barou compraba os dereitos de explotación da mina de Cobarradeiras ó tempo que baixo a dirección de don Eliseo, o descubridor dos filóns, comezaba a abrirse unha galería na Penarroiba, no Prioiro, aínda que sería prontamente abandonada. A idea da explotación era comunicar as minas da zona de Cobas coa próxima praia de Ponzos, para alí lavar, concentrar e embarcar o mineral. Algún tempo despois vaise constituír a sociedade “Mines de Cuivre du Ferrol”, con sede en París, que farase cargo de explotación da mina de Cobarradeiras, ademais de traballar noutras concesións na Barqueira e en Espiñaredo.

Os traballos desenvolvidos na mina de Cobas (concesión mineira “Marieta”) deron uns resultados variables de entre 2 e 144 g/t, proporcións que a compañía francesa melloraría no taller de concentración de mineral instalado na praia de Ponzos, elevando a lei do mineral ata 220 g/t.

A comezos de 1914, o ferrolán Nicasio Pérez López, na súa calidade de apoderado da citada empresa "Mines de Cuivre du Ferrol", solicitaba autorización para a execución dunhas obras de mellora na explotación mineira: ancheamento do camiño veciñal de Casavella por Cobarredoiras a o Picheiro, até o “socavón” ou cova correspondente á concesión mineira “Marieta”; construción dunha vía de ferrocarril Decauville de un quilómetro e medio que, pasando pola boca da galería de mina “Josefina”, comunicase a dita cova de “Marieta” coas instalacións de beneficio do mineral na praia de Ponzos; construción dunha gran fábrica de beneficio do mineral no sitio chamado Falcoeiro, na praia de Ponzos, con embarcadoiro, toma de auga do mar, canalizacións e tódolos servizos necesarios.

O Ministerio de Guerra autorizaría a comezos do mes de marzo de 1914 a realización das obras solicitadas pola empresa, pero estas nunca chegarían a rematarse, xa que a empresa abandonaría as explotacións antes de que rematara o ano.

Volvería entón a mina ao olvido, até que no ano 1952 anunciáranse novas prospeccións, e mesmo andivera un xeólogo pola zona, sen que chegara a prosperar esta nova iniciativa. Xa en 1991, estimulado polo xeólogo inglés John Maitlan Kienel, o titular dos dereitos da explotación da mina de Cobas nesas datas, Domingo Arzúa Vázquez (propietario da Cerámica Arzúa, en Freixeiro, Narón) procedería a realizar unhas catas asociado coa empresa "Exploraciones mineras del Cantábrico, S.A.", exploración da que se descoñecen os resultados.

De calquera maneira, o interese polo ouro de Cobas continúa vivo, pois os dereitos mineiros existentes serían despois cedidos á empresa “Río Narcea Gold Mines, S.A.", que explota unha mina de ouro en Salas, Asturias, e que está a facer prospeccións nas vellas minas de ouro de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños (A Coruña).

Descrición Xeral do Entorno:

As antigas explotacións romanas de ouro nas minas de mispíquel de Cobas localízanse á dereita do camiño que leva dende o quilómetro 8’5 da estrada de Ferrol a Cabo Prioiro até a praia de Ponzos, nunha zona relativamente ampla de dirección suroeste nordeste ao pe dos montes da Lagoa.

Construcción:

Coa incógnita do comezo das labores superficiais prerromanas e mesmo das romanas, os traballos mineiros modernos, tanto superficiais como subterráneos, comezarían a finais de 1911 ou principios de 1912, e tamén nestes anos construiríanse as instalacións de concentrado de mineral da praia de Ponzos, e posibelmente algún rudimentario embarcadoiro na mesma praia.

Abandono:

Non sabemos cando os romanos abandonarían as explotacións auríferas. Os posteriores traballos dos franceses para obtención de ouro serían abandonados a finais do ano 1914.

Descrición:

A mina de Cobas é parte dunha corrida filoniana de pirita arsenical aurífera localizada nunha zona de cizalla, na que concorren o aliñamento Covas-Corcoesto-Santa Comba-Noia e o chamado aliñamento de Pontedeume. Ámbolos dous comezan en Meirás, e desprázase o primeiro uns 150 km, que pasan por Carballo, Santa Comba e Noia, e o segundo, uns 60 km, que pasan por Monfero, Curtis e Sobrado dos Monxes. Na zona de Cobas, os filóns son cuarzo gneis de seixo aurífero, cunha potencia que chega ata os catro metros con pirita arsenical aurífera, e cun contido en ouro de 66 a 106 g/t.

Posiblemente hai que remontarse a Idade dos Metais para saber das primeiras explotacións do ouro na zona de Cobas, nas abas dos montes da Lagoa, a uns sete quilómetros ao norte da vila de Ferrol.

Na explotación primitiva, anterior á dominación romana, traballárase a parte superficial dun paquete de catro filóns de cuarzo con arsenopirita aurífera, SAsFe, tamén chamada pirita arsenical ou mispíquel. Aínda poden identificarse varias labores superficiais posibelmente romanas.

As labores mineiras retomaríanse plenamente entre 1912 e 1914, nesta volta mediante a explotación subterránea promovida pola empresa francesa “Mines de Cuivre de Ferrol”. O mineral extraído era lavado e tratado por tostación e posterior cianuración nunha pequena planta construída na praia de Ponzos, cuxas ruinas son aínda visibles.

Os traballos deron uns resultados variables de 2 a 144 g/t, e no taller de concentración do mineral elevarían a lei a 220 g/t, pero nas frontes de explotación terían sempre problemas pola afluencia de auga e barro.

No paraxe do Picheiro construiríanse as forxas para a ferramenta e se centrarían os traballos mineiros, coa previsión de acometer a explotación en tres fases, chamadas Marieta 1, Marieta 2 e Marieta 3. Con todo, só se traballou na primeira, escavándose tres galerías que xuntábanse na galería principal que saía no Picheiro. Na súa boca amoreábase o mineral para ser trasladado en vagonetas por os carrís que chegaban ata as instalacións da praia de Ponzos, onde se construíra “A Fábrica”.

Na fábrica de Ponzos dispuxérase a maquinaria necesaria para o proceso: unha serra para escachar e esnaquizar o mineral, os muíños nos que despois se trituraba e pulverizaba, un motor de bencina para mover as máquinas e mais unha caldeira.

Xa que o proceso de beneficio do ouro precisa moita auga para o lavado e concentración do mineral, houbo que instalar tamén unha casa de bombas, alimentada por unha traída feita con tubarias de gres inglés.

As instalacións completaríanse cun rudimentario embarcadoiro para o traslado do produto ós buques de transporte.

As galerías e mesmo as instalacións da praia, ainda que recoñecibles, atópanse en moi mal estado de conservación. Consonte a información recebida do Instituto Geológico y Minero de España (IGME), “los restos de la planta de tratamiento de piritas de la playa de Ponzos están en un estado ruinoso desde 1949, fecha en que se incluyó una fotografía en la hoja geológica publicada por el IGME entonces”.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Na explotación primitiva traballárase a parte superficial dun paquete de catro filóns de cuarzo con arsenopirita aurífera, SAsFe, tamén chamada pirita arsenical ou mispíquel.
O proceso da obtención do ouro comezaba coa apertura dunha gabia e á desintegración da rocha do xacemento primario (filón), quentando fortemente as paredes ao queimar madeira no seu interior, provocando despois un brusco arrefriamento vertendo auga nela, e conseguindo así o regaño da pedra.

A pedra xa quebrada era fendida e esnaquizada golpeándoa con grandes mazas pendulares construídas de materiais máis duros (basaltos), e os anacos resultantes machucábanse en morteiros de pedra para a continuación separar as partículas de ouro por decantación mediante auga (bateo), como xa se viña facendo para beneficiar o ouro aluvial dos xacementos secundarios (praceres) localizados en numerosos ríos da rexión.

Na que podemos chamar segunda época da explotación, os labores realizáronse por medio de galerías que seguían a masa de mineral que íase presentando. O mineral arrancado trasladábase para sufrir despois un proceso de trituración e pulverización, e posibelmente concentración, tralo que sería levado os fornos de reverbero para o torrado e desulfuración (torrado redutor).

O produto resultante aglomeraríase nun lodo alcalino, engadíndolle cianuro de potasio por percolación e recollendo o lixiviado de cianuro de ouro nas pozas de curado e repouso do material para a mellor disolución do ouro. Procederíase entón a darlle regos ou lavados para enriquecer a concentración do ouro.

A recuperación do ouro faríase por cementación con lascas de zinc, co que ouro precipitaría en forma de po que fundiríase para elaborar lingotes.

Os problemas da empresa pola auga e as lameiras no interior das galerías da mina, xunto cos problemas financeiros xurdidos coa Primeira Guerra Mundial (1914-1918) levarían ó abandono dos traballos no ano 1914.

Actividades laborais:

O persoal directivo da mina, xunto cos capataces e mestres, agrupados todos eles baixo a común designación de “os enxeñeiros”, aloxaríase nunhas vivendas construídas nesa época fronte o adro da igrexa vella. Os mineiros e resto de persoal vivían en barracóns de madeira preto do Picheiro.

Os mineiros procedían maioritariamente de provincia de Lugo, e algúns veciños de Cobas traballaron nas labores de transporte dos materiais e construcción de camiños. No tempo de lecer, os traballadores xuntábanse no “Dous de Maio”, en “A Cochera” ou en “A Bailadora”, facendo unha gran festa no día da súa patrona, Santa Bárbara, o catro de decembro.

A explotación da mina levábase consonte os usos da época, con xornadas de non menos de dez horas diarias seis días á semana, cando non os sete. Os accidentes de traballo na mina eran moi frecuentes, téndose rexistrada a morte por derrubes de alomenos tres traballadores.

As duras condicións de traballo e os minguados salarios rematarían cunha folga dos mineiros que comezaría o dous de marzo de 1914, reclamando nove horas de xornada laboral, o aumento do salario dos peóns da escombreira, e a intervención dun Enxeñeiro de Minas do Estado para mellorar as condicións de traballo nas galerías da mina. Trala intervención do Gobernador Civil e a chegada do propietario, o Vizconde de Barou, o 16 de marzo reanúdanse os traballos na mina.

Aínda que as obras de mellora nas instalacións da praia de Ponzos xa estaban prácticamente rematadas naqueles días, a actividade na mina vai decaendo ao longo do ano, e despídese aos traballadores, coa promesa da readmisión cando fosen inauguradas as novas instalacións da fábrica da praia.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Cuarzo con arsenopirita aurífera, SAsFe, tamén chamada pirita arsenical ou mispíquel, da que neste caso se beneficiaba o ouro. Aínda que non é o caso de Cobas, a arsenopirita fora amplamente explotada en Galicia entre 1930 e 1950, para a obtención de óxidos de arsénico empregados fundamentalmente como insecticidas, e tamén coma protectores da madeira. O arsénico e algún dos seus óxidos emprégase asemade nalgunhas aliaxes de cobre e bronce, e coma pigmentos para cerámicas, porcelanas e vidros.

Produtos Elaborados:

Ouro.

Distribución e comercialización:

Internacional.

Referencias Bibliográficas:

Bauer, G. (Georgius Agricola), 1556. De re metallica. Fasimil del Max-Planck-Institut für Wissenschaftsgeschichte (Instituto Max Planck para la Historia de la Ciencia) [en línea]. Dispoñible na Internet: http://libcoll.mpiwg-berlin.mpd.de [Último acceso 7 de abril del 2011].

Cueto y Noval, R. del, 1928. La minería de la región gallega, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Daporta Padín, X.R., et al., 1980. Galicia en mapas, A Coruña: Escola Aberta. DL C-630-1980. ISBN 84-300-3088-3.

Fernández Negral, J., 2009. Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II, Universidade da Coruña.

Ferrero Arias, A. (a.ferrero@igme.es), 4 de mayo del 2010. IGME-Santiago: Listado de valoración provisional de zonas a considerar con posible interés como patrimonio minero. Correo electrónico para Manuel Lara Coira (mlara@asociacionbuxa.com).

Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos, 2000. “Ouro en Cobas (Ferrol). Unha pequena ollada”, Columba Revista Cultural, número 2, Cobas (Ferrol): Asociación Cultural Columba, p. 30-35. DL C-2408-2005.

Hofman, H.O., 1925. Tratado de metalurgia general. Trad. por Rafael Hernández del original inglés del Instituto Tecnológico de Massachusetts, Barcelona: Gustavo Gili.

Lara Coira, M., 2010. “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

López Hermida, J., 2004. “Mina de Cobas”, Columba Revista Cultural, número 2, Cobas (Ferrol): Asociación Cultural Columba, p. 50-55. DL C-2408-2005.

La minería de Galicia, 1991. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990. Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Montero Aróstegui, J., 1858. Historia y descripción de la villa y departamento del Ferrol, reedición de 1972 titulada “Historia de El Ferrol del Caudillo”, Ferrol: Gersán.

Santiago López, T.; González López, D., 2000. “Os segredos da mina”, Columba Revista Cultural, número 2, Cobas (Ferrol): Asociación Cultural Columba, p. 50-55. DL C-2408-2005.

Schulz, G., 1835. Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país, Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Sada (Coruña): Ediciós do Castro.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 6-IV San Salvador de Serantes // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 559.235,15 m / Y 4.821.895,45 m (Mina) e X 559.448,79 m / Y 4.822.854,42 m (Lavadoiro)

Data de Actualización:

20 outubro 2012