226 La Artística

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: San Martiño de Coia
  • Lugar: Vigo
  • Paraxe: Campo de Coia
  • Dirección: Rúa Ramón Soler, 2, 36208 Vigo (Pontevedra)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.224870779040984
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.7381112575531
  • Coordeadas UTM: ED 1950: H 29 // X 521.739,08 m / Y 4.674.984,83 m
  • Clasificación: Industria metalgráfica.
  • CNAE: 25.92 Fabricación de envases e embalaxes metálicos lixeiros.
  • Tipoloxía: Litografado e fabricación de envases de folla de lata.
  • Comarca: Vigo.
  • Marco Xeográfico: Casco urbano da cidade de Vigo.
  • Ámbito: Urbano.
  • Acceso: No casco urbano de Vigo, no barrio de Coia.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Contra 1900, o coruñés José Suárez Pumariega instalaba no Areal vigués un taller de envases para a puxante industria conserveira. Pouco despois, asociábase cun grupo de conserveiros locais e fundaban unha sociedade anónima para o litografado e fabricación de envases metálicos: nacía La Metalúrgica, S.A.

Foron os socios fundadores Juan Antonio Alonso Santodomingo, Salvador Aranda Graña, Marcelino Barreras Casellas, Federico Barreras Massó, José Barreras Massó, Guillermo Curbera Tapias, Manuel Goday Goday, Esperanza Massó Ferrer, Daniel Rodríguez Valdés e José Suárez Pumariega.

Os comezos foron complicados e o mal funcionamento da empresa nos primeiros anos levaría a José Suárez Pumariega a abandonar a empresa, para fundar en 1903 e no Campo de Coia unha nova fábrica de envases metálicos litografados: La Artística.

Coa forte expansión da industria conserveira nestes anos, as industrias metalgráficas non daban abasto, polo que Germán Suárez Pumariega, irmán de José e propietario de La Artística coruñesa, “ante la acumulación de pedidos a los que no puede dar abasto en su taller de La Coruña” decidiu constituír en Vigo, a sociedade regular colectiva “Germán Suárez, Salgado y Fadrique”, tamén dedicada á industria cromolitográfica sobre metal.

As dificultades das conserveiras pola primeira crise sardiñeira galega, que vai estenderse do 1909 ao 1013, leva consigo unha forte caída na demanda de envases, e os irmáns Germán e José Suárez Pumariega deciden crear un novo estabelecemento litográfico na cidade portuguesa de Oporto, ademais de fusionar as súas empresas viguesas, constituíndo a finais do 1910 a sociedade regular colectiva “Hermanos Suárez, Salgado y Fadrique”, que xiraría baixo a razón social de “La Artística. Manufacturas de hoja de lata”. A nova sociedade vai centrarse na litografía e potenciar a fabricación de envases de folla de lata, creando unha nova sección dedicada á produción de aneis másticos, pola crecente importancia dos novos envases de conservas, que empregaban un aro de goma para lograr o hermetismo do cierre.

A coruñesa La Artística de Germán Suárez Pumariega, xunto coas viguesas La Metalúrgica e máis La Artística, van situarse na cabeza do sector en España, cubrindo por máis de medio século unha parte moi importante da demanda de envases de folla de lata na Península Ibérica, e a meirande parte da demanda galega.

As innovacións nos procesos de fabricación e cerre dos envases, co progresivo abandono do soldado das tapas e a súa substitución polo rebordado ou sertido, provocou un aumento na demanda de nova maquinaria. A situación derivada da Primeira Guerra Mundial (1914-1918), co difícil abasto de materias primas e de maquinaria procedentes do estranxeiro, xeraría un intenso proceso de substitución das importacións, coa reinversión dos beneficios acumulados na creación de talleres destinados á produción de maquinaria para a industria conserveira.

No caso das industrias metalgráficas, esta diversificación produtiva dende a litografía e a produción de latas cara as construcións mecánicas, vai sustentarse nas seccións coas que contaban para a reparación da súa propia maquinaria. No ano 1916 La Artística comezaría a fabricación de maquinaria, manual e automática: engomadoras, sertidoras para latas redondas e rectangulares, etc.

A demanda de maquinaria medraría tanto nos seguintes anos que a comezos de 1921 os socios van constituír “Talleres Mecánicos Alonarti, S.A.”, cuxo obxecto social vai ser dedicarse exclusivamente “a la fabricación y la reparación de maquinaria”.

Neste mesmo ano de 1921, o apoderado de La Artística, Estanislao Núñez Barrio, decidiría separarse da sociedade para montar a súa propia empresa metalgráfica.
Nos anos da Guerra Civil (1936-1939) a empresa será nacionalizada para a fabricación de granadas Lafitte.

En 1953 a empresa vai converterse en sociedade anónima.

En 1970 La Artística, S.A. vai transformarse nunha nova empresa Litografía La Artística Carnaud, S.A. (Artiscar), resultado do acordo estratéxico coa empresa francesa Carnaud-Forges de Basse Indre.

A empresa desmembraríase na década de 1990, xurdindo dela unha nova empresa do sector químico.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica construíuse na entón Campo de Coia, hoxe contornos da Praza da Industria, no que era entón un barrio periférico.

Construcción:

1903.

Abandono:

Década de 1990.

Descrición:

A fachada é do estilo eclecticista, realizada en pedra (opus quadratum) e dividida en tres alturas, con outros tantos corpos verticais.

Os corpos verticais presentan un corpo central furado con cinco ocos de grande tamaño por planta, gorecidos baixo un arco escarzano, coa excepción do ático, que dispón de xanelas pareadas de menor tamaño separadas por un piar acaroado de planta rectangular que proxéctase ata o chan.

En ámbolos dous lados do corpo central, van dous corpos nos que sitúanse as únicas portas de acceso. Enriba das portas hai dúas ventás rectangulares pareadas, anticipando en altura a un frontón cego que iguala en altura ao ático central.

As nervaduras que organizan a sección intermedia dos corpos laterais lembran no seu deseño á obra de José Franco Montes, a quen podería atribuírselle a súa autoría.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

A elaboración dos envases de folla de lata litografados pode describirse diferenciado nas súas etapas fundamentais:
- abastecemento de folla de lata, estaño, chumbo, vernices;

- preparación da folla de lata para a impresión;
- litografado;
- construción dos envases;
- expedición e venda.

A organización interna do traballo viña estruturada en dúas seccións ben diferenciadas, a litografía, e a construción dos envases.

Na primeira sección decorábase a folla de lata, trasladando os modelos proporcionados polos conserveiros o elaborados pola propia empresa ás matrices litográficas. Trala descomposición nas tintas requiridas para conseguir os colores desexados, preparábase unha nova matriz para levar a cabo o proceso de impresión.

A impresión facíase nos primeiros tempos con pedras litográficas e pranchas de aluminio nas máquinas de estampar planas. Posteriormente, faríase en rotativas, de moito maior rendemento (até dúas mil follas á hora, fronte as cincocentas da máquina plana). Tamén introduciríanse procedementos fotomecánicos.

A sección de fabricación dos envases na metalgráfica iría asociada ao proceso de cambio técnico que a partires de 1900 vai substituír a destreza dos soldadores da folla de lata (verdadeira aristocracia obreira, con elevados xornais e gran poder de negociación colectiva) pola mecanización dos talleres coa introdución de prensas, embutidoras, sertidoras, soldadoras, cerradoras e outras innovacións técnicas que permitían o seu manexo por mulleres, adolescentes e nenos, forza de traballo máis barata, menos conflitiva e non sindicada.

A xeneralización dun novo tipo de envase ou lata de conservas, na que a soldadura de estaño e chumbo que ás veces contaminaba o produto envasado vai ser substituída pola presión dunhas pestanas practicadas na base e no corpo do envase sobre un ariño de goma que garantía o hermetismo do peche.

Nos envases de dúas pezas, o corpo fabricábase por embutido, dándolle forma á folla de lata nunha matriz. Nos envases de tres pezas, o corpo soldábase mecanicamente, xuntándose co fondo empregando os ariños de goma na rebordeadora ou sertidora. En calquera caso, o cliente recibía o envase coa súa tapa, xa fora para soldar ou para sertir.

Actividades laborais:

Man de obra moi cualificada (debuxantes, litógrafos, impresores) no litografado; tamén nos primeiros tempos da fabricación (soldadores), aínda que vai ser substituída coa mecanización do proceso. Empregarán entón maioritariamente mulleres, porque supoñían man de obra dócil e barata, rebaixando os custos de produción.

Emprego:

Na década 1910-20, 37 homes e 45 mulleres; na década 1920-30, 100 homes e 272 mulleres.

Materias Primas:

Folla de lata, estaño, chumbo, vernices.

Produtos Elaborados:

Envases litografados para conservas.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional (Portugal).

Referencias Bibliográficas:

Berea Cruz, E.; García Movilla, C., 1993: Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

Carmona Badía, X., 2006, “José Barreras Massó (1867-1950)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 258-281. ISBN 84-96494-83-7.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Consultora Galega, S.L., 1993-2008. Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo. Catálogo de Bens Culturais, Vigo.

Cunqueiro Mora, A.; Álvarez Blázquez, J.M., 1980. Vigo en su historia. Vigo: Caja de Ahorros Municipal de Vigo.

Entremos na Panificadora, 2009. La Artística [en línea]. Disponible en Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 4 de novembro do 2012].

Giráldez Rivero, X., 2009, “Eugenio Fadrique González (1879-1971)”, Empresarios de Galicia, vol. 2, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) e Fundación Caixa Galicia, Coruña, p. 334-361. ISBN 978-84-96982-37-6.

Giráldez Rivero, J., 2010. “Las empresas metalgráficas en Galicia (1890-1936)”, Investigaciones de Historia Económica, vol. 6, núm. 17, junio 2010, p. 119-148.

Muñoz Abeledo, L., 2002. Los mercados de trabajo en las industrias marítimas de Galicia. Una perspectiva histórica, 1870-1936, Tesis doctoral, Dept. de Economía e Historia Económica, Universidad Autónoma de Barcelona, Barcelona.

Muñoz Abeledo, L., 2004. El mercado de trabajo en empresas marítimas: Massó y La Artística, Departamento de Historia e Instituciones Económicas, Universidad de Santiago de Compostela.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo // ED 1950: H 29 // X 521.739,08 m / Y 4.674.984,83 m

Data de Actualización:

14 nov. 2012