231 Batáns e muíños do Mosquetín

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Vimianzo
  • Parroquia: Santa María de Salto
  • Lugar: Mosquetín
  • Paraxe: Os batáns
  • Dirección: O Mosquetín, Salto, Vimianzo, A Coruña
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.15399382225717
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.986178040504456
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 501.247,19 m / Y 4.778.128,52 m
  • Clasificación: Batáns e muíños.
  • CNAE: 13.30 Acabado de téxtiles. 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Os batáns, de roda interior de propulsión inferior, con manlles de petada horizontal. Os muíños, os tradicionais de roda horizon
  • Comarca: Terra de Soneira.
  • Marco Xeográfico: Brañas do Mosquetín, entre o rego de Fornelos, o rego de Valdanzón, e o río Grande de Baio, ou río Grande do Porto.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso: Dende Santiago de Compostela, colleremos a estrada C-545 cara a Santa Comba, Zas e Baio. Xa en Baio, continuaremos pola estrada C-552 cara a Vimianzo, e a pouco máis de un quilómetro e medio, nun cruce perfectamente sinalizado, apartaremos á dereita por un camiño estreito uns seiscentos metros ata chegármonos ao Mosquetín, ou ben continuamos pola estrada principal un quilómetro máis ata o cruce de Santa Irena, onde apartaremos á dereita pola ponte cara a Señoráns, e de alí poderemos chegar, despois dun quilómetro e medio por mellor carreteira, até o Mosquetín.

Tipo de propiedade:

Pública. A Deputación da Coruña chegara a acordo cos seus donos e adquirira a propiedade no outono de 1997.

Visitable:

Si, exteriormente (e interiormente, en visita guiada).

Xestión de visitas:

O primeiro día do mes de agosto do ano 2005, a Deputación da Coruña cedería a xestión do conxunto etnográfico do Mosquetín á Asociación Neria. As visitas son diarias, de 11:00 a 14:00 e de 15:30 a 20:00 horas. Atención no teléfono 670 292 720.

Historia:

O aproveitamento da enerxía dos cursos de auga agáchase no principio dos tempos históricos. Primeiro como vía de comunicación a favor da corrente, aproveitando o natural discorrer das augas para o traslado e transporte de persoas e mercadorías varias. Xa nunha fase posterior do coñecemento técnico, para facer virar unha roda con fins diversos: elevación de auga para rega e abastecemento (noras); transmisión do xiro para moenda (aceas e rodicios); conversión do xiro en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras).

En moito tempo a enerxía hidráulica foi a única fonte para obtención de enerxía mecánica. Nas ribeiras dos ríos, necesitadas de enerxía para o accionamento das súas primitivas ferramentas, asentáronse as primeiras mostras da industria: muíños de cereal, batáns, forxas, teares, serras, muíños papeleiros …. O desenvolvemento da máquina de vapor liberou ás instalacións industriais do condicionamento espacial que supuñan os aproveitamentos hidráulicos, e o carbón, que substituiría á leña como fonte calorífica, tamén desprazou á enerxía hidráulica como fonte principal de recursos enerxéticos mecánicos.

Con todo, na derradeira década do século XIX a enerxía hidráulica habería ter un espléndido rexurdir vinculada a unha forma de enerxía que coñecería a maior difusión en todo o mundo: a electricidade.

No caso de Galicia, “o país dos mil ríos”, a enerxía hidráulica vai ser o motor fundamental da primeira industrialización (xa contra 1775 dátanse os primeiros aproveitamentos hidráulicos da Ilustración no río Xuvia, na ría de Ferrol).

Como ocorrería na meirande parte das cuncas fluviais galegas, as bacías dos ríos da Costa da Morte non van ser unha excepción na construción de instalacións para o aproveitamento da enerxía das augas, nomeadamente batáns e muíños fariñeiros.

O notable conxunto que compoñen os tres batáns e os sete muíños que se acubillan nas brañas do Mosquetín, aproveitan as abondosas augas do río Grande de Baio no seu discorrer pola parroquia de Santa María de Salto.

O 20 de xaneiro do ano de 1753, reinando Fernando VI, un funcionario real xuntaba en Cambeda aos mordomos ou peritos de cinco freguesías da Terra de Soneira, coa manda de responder xuramentados ás corenta preguntas do Interrogatorio do Marqués de Ensenada. E así rexistrábase para a historia que “en dicho Coto de Señoráns hay dos batanes de batir buriel o lana del país, el uno llamado Mosquetín, sobre el río de este nombre propio de Matheo de Lema, cuya utilidad le regulan en ciento cincuenta reales de vellón, y el otro sobre el mismo río propio de Antonio de Romar, cuya utilidad le regulan en ciento cincuenta reales de vellón”. Recollíase tamén que “hay seis ruedas de molinos harineros, y de piedras negras, y son uno llamado Mosquitín (sic) propio de Matheo de Lema y consortes, cuya utilidad le regulan en trescientos setenta reales de vellón anualmente, por moler solamente seis meses del año, otro propio del expresado Matheo de Lema de dos ruedas sobre el río Mosquitín (sic) con el que muele seis meses al año a la maquila y su utilidad regularon en noventa y seis reales de vellón”.

Ademais destes tres muíños, construídos en dous edificios acaroados na mesma edificación que acolle os tres batáns, atópanse outros catro muíños en outras tres edificacións acaroadas entre sí e construídas augas abaixo da primeira citada para aproveitar as augas sobrantes antes de volvelas ao río.

Uns cincuenta anos despois, o ferrolán José Lucas Labrada Romero documentaba na súa Descrición Económica do Reino de Galicia a existencia de tres batáns na xurisdición de Vimianzo, polo que cabe supor que no entremedio os bataneiros de Salto terían construído o terceiro dos batáns hoxe en día aínda existentes no Mosquetín.
Os batáns, o mesmo que os muíños, eran propiedade dos veciños e acudían a abatanar e a moer neles non só os fregueses das terras de Soneira e Bergantiños, senón tamén os máis distantes do Xallas e aínda da ría de Noia.

No ano 1966, os propietarios dos batáns e dos muíños do Mosquetín cederan os dereitos da auga a unha empresa que ía construír unha piscifactoría augas abaixo da represa existente. Os batáns e muíños deixarían entón de funcionar e comezaría a degradación das edificacións e dos seus arredores.

A finais de 1984, a Xunta de Galicia renova o tellado do edificio norte, o dos tres batáns e os tres muíños. Entre 1985 e 1986 vaise restaurar por un dos propietarios un dos aparellos, o do batán central. No mes de decembro de 1987 as augas do río Grande asolagan as instalacións, provocando graves danos.

Malia a desidia das administracións públicas, os esforzos dos veciños e asociacións culturais soneiráns frutifica no outono de 1997, cando a Deputación da Coruña, por acordo cos seus donos, adquire a propiedade do conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto vai ser restaurado entre novembro de 1997 e setembro do 2002, e en agosto do 2005, a Deputación cede a xestión do conxunto á Asociación Neria.

Descrición Xeral do Entorno:

Unha represa deriva as augas do río Grande de Baio cara unha grande canle ou gabada construída na marxe dereita da que xorden as catro canles que levan as augas aos batáns a aos muíños.

Construcción:

Antes de 1753.

Abandono:

Aínda contra 1966 atendían algún que outro encargo de abatanado. A moenda manteríase até o ano 1974.

Descrición:

O conxunto etnográfico do Mosquetín pódese considerar configurado por dúas edificacións paralelas construídas entre a gabada ou gran canle de derivación e o leito do río Grande.

O edificio máis ao norte está realmente configurado por tres construcións acaroadas. A situada máis ao leste acubilla os tres batáns, e continúase nunha segunda construción que acolle dous muíños negreiros (para o millo), que é a que conta coa única porta de acceso ao interior destes muíños e batáns. Outra pequena construción acaroada á descrita na estrema de poñente, acolle o muíño albeiro de arriba (para o trigo).

Uns metros máis abaixo deste primeiro grupo, levántanse tres edificacións acaroadas que acollen, na situada ao leste, dous muíños negreiros que aproveitan as augas que saen dos muíños negreiros de arriba. Na construción do medio, un muíño que remoía o relón (farelo) que se barutaba (peneiraba) do trigo. E na construción de poñente, o muíño albeiro de abaixo.

As edificacións presentan unha estrutura moi sinxela, e están feitas con muros de cachotes e pezas de pedra, sen ningún tipo de argamasa, empregando como elementos de unión pequenas pedras ou ripios nas zonas nas que as grandes non encaixan ben. Os esquinais e alicerces van reforzados con pezas máis regulares e de meirande tamaño, buscando unha maior solidez. Non sendo as portas de acceso e unhas pequenas bufardas para ventilación, non teñen mías ocos ao exterior. O chan vai formado por un lousado de grandes pedras planas baixo as que descorre a auga. A cuberta vai a dúas augas, cun tramado de madeira que soporta a teitume de tella do país.

Os batáns son do tipo que ten a roda motriz situada no interior do edificio, coa auga actuando sobre as penas (ou penlas) pola parte inferior da roda, e as manlles (ou mazos) batendo o pano en dirección horizontal. Cada un dos aparellos dispón de dúas manlles.

A tipoloxía hidráulica é a tradicional de muíños de canle, e a configuración dos muíños é da coñecida como muíño grego (ou nórdico), cunha roda horizontal –o rodicio– con penlas nas que bate a auga facéndoa xirar e arrastrando ao eixo que suxeita a moa voadora –a capa– por riba da moa fixa –o pe– triturando o gran entre ámbalas dúas pedras, converténdoo en fariña. A maquinaria repártese en dúas plantas: a inferior, o inferno, onde vai o rodicio; e a superior, o tremiñado, onde están as moas de moer o gran.

Tempo de uso:

No Mosquetín abatanábase de outubro a maio, preferíndose os traballos na primavera, xa que no inverno caíalle moito pelo ás mantas. No verán a auga reservábase para os muíños, que traballaban todo o ano.

Sistema de produción:

A enerxía hidráulica é a asociada ós recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de auga pode proporcionar 9.800 Joule de enerxía mecánica por cada metro que descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro pode proporcionar 9.800 Watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi grande.
O elemento ou conversor enerxético máis antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que transforma a enerxía cinética e potencial da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga actúa sobre unhas penlas ou paletas, ou cae nuns cubos situados na periferia da roda e co seu movemento e o seu peso fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía facendo virar ó eixo da roda.

A tipoloxía básica das rodas hidráulicas resúmese na roda hidráulica vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita por Marco Vitruvio Polion, e a roda hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ó non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de conversores hidráulico mecánicos foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, triturando o gran entre unha pedra fixa –o pe do muíño– e unha pedra xiratoria, –a capa do muíño–, e coñécense habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou nórdico), o de roda horizontal.

Ademais da fundamental moenda de cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (moenda, elevación de auga, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de gran éxito ó asociarse a un xerador eléctrico para converterse en electricidade.

A pesares de que as rodas hidráulicas horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ó longo dos séculos, por contra nas primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas) foron moitas as modificacións introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.

A optimización nos deseños básicos logrou instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños de dorna ou caldeira), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de conversión normalmente superiores ó 60%.

O amazocado e desengraxado dos panos xa o facían gregos e romanos, batendo e pisando os tecidos postos a macerar en grandes cubas nunha mestura de arxila, potasa e ouriños humanos. Os operarios deste “pisado a sangue” calzaban unhas zocas axeitadas coas que calcaban nos panos o tempo preciso para obte-lo acabado desexado polos seus amos. Vai ser na Idade Media cando aparecen os batáns mecánicos, documentados con certeza en Francia e Alemaña entre os séculos XI e XII. Do ano 1185 é a primeira referencia documental achada na Inglaterra. No século XVI o enxeño de abatanar estaba xeneralizado na Europa. A industrialización do téxtil faría que dende mediado o século XX o abatanado caera nunha irreversible decadencia.

Os batáns do Mosquetín (chamados tamén folóns ou pisóns) levan unha roda vertical con doce penas cóncavas na súa periferia. A auga que chega pola canle bate contra as penas na parte inferior da roda, facéndoa virar xunto co eixe no que están as levadoras, dous espigóns que petan en cadanseu extremo inferior dunha especie de péndulo (almanca) que suxeita un pesado mazo (manlle), o desprazan e levantan para deixalo caer contra a pía na que está o tecido a bater. As levadoras están desprazadas no eixe unha respecto da outra, de maneira que erguen e soltan cadanseu manlle alternativamente, batendo ritmicamente no tecido colocado na pía da mesa do batán. Durante o proceso, os tecidos tiñan que mollarse continuamente, mesmo con auga quente, para favorecer o desengraxado.

No canto dos muíños fariñeiros, os do Mosquetín son do tipo chamado muíño grego (ou nórdico) de canle, no que a auga derivada do río condúcese por unha canle aberta dende a que é enviada por unha canle aberta máis pequena (canela) que se vai estreitando até saír polo remate impulsada contra as penlas dunha roda horizontal (rodicio) que por medio dun eixe vertical arrastra a moa do muíño.

Actividades laborais:

Cando os tecidos eran elaborados en teares artesanais, os panos –nomeadamente os de lá– tiñan unha contextura frouxa, pouco densa e apenas firme, co que esfiábase doadamente. Dábaselle entón un acabado, o abatanado, apertando o tramado dos fíos e amalgamando as súa fibras, obtendo un tecido máis acaído para soportaren a chuvia e o frío, particularmente nas mantas. As mantas de boa lá, de ovellas meiriñas, precisaban vinte e oito horas de abatanado, mentres que as de lá de ovellas rastreiras tiñan que estar na pía até corenta e oito horas. Durante o proceso, as mantas tíñanse que manter continuamente molladas, virándoas na pía cada cinco horas para que non se pegasen unha contra a outra. Rematado o proceso, lavábanse ben na pía, só con auga, enrolábanse e escorríanse enriba dunha lousa, e deixábanse colgadas dun día para outro para rematar o escorrido. Estendíanse despois nas toxeiras, para secar e branquear ao sol.

Emprego:

Para sacar adiante o traballo, normalmente é bastante un só bataneiro no folón, e un só muiñeiro no muíño.

Materias Primas:

Nos batáns, panos de lá e, ocasionalmente, de liño / Nos muíños, trigo, centeo e maínzo.

Produtos Elaborados:

Nos batáns, panos e mantas abatanados / Nos muíños, fariñas de centeo, de trigo e de millo (maínzo).

Distribución e comercialización:

Local e comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Batanes de Mosquetín, 1999. La Coruña: Diputación Provincial. D.L. C-1002-1999.

Caamaño Suárez, M. 2003. As construcións da arquitectura popular: patrimonio etnográfico de Galicia. Santiago de Compostela: Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos. ISBN 978-84-607-7768-7.

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Madrid: Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). ISBN 84-86850-64-9.

Carré Aldao, E., 1928. “Provincia de La Coruña”, Geografía General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980, Ediciones Gallegas, La Coruña.

Euromills, 2000. Transnational Cooperation Project for the study, safeguard and valorization of the European Mills [en línea]. Disponible en Internet: http://www.euromills.net [Último acceso 19 de abril del 2008].

Fernández Lavandera, E.; Fernández Rodríguez, C.M., 1998. Los molinos: patrimonio industrial y cultural. Granada: Grupo Editorial Universitario. ISBN 84-89908-29-X.

González Tascón, I., 1987. Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Madrid: Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros. ISBN 84-7790-147-3.

González Tascón, I., 2008. “La difusión medieval del molino hidráulico”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 99-117. ISBN 978-84-7790-470-0.

Labrada Romero, J.L., 1804, Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol, edición facsimilar de 1971 de Francisco Javier Río Barja, Vigo: Galaxia.

Lara Coira, M., 1990, Las energías renovables y Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. ISBN 84-404-8124-1. Existe una edición de 1991 en gallego, titulada As enerxías renovables e Galicia, Santiago de Compostela: Gestión Energética de Galicia. ISBN 84-604-0101-4.

Lema Suárez, X.M.; Mouzo Lavandeira, R., 2008, Batáns e muíños do Mosquetín (Vimianzo). Guía breve. Vimianzo: Seminario de Estudos Comarcais. DL C-3102-2008. ISBN 978-84-612-6177-2.

Llano Cabado, P. de, 1983. Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas. Introdución xeográfica de Augusto Pérez Alberti, Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. ISBN 84-85665-08-2.

López García, R., 2006. Molinos hidráulicos. Apuntes de historia y tecnología. Alcalá la Real (Jaén): Alcalá Grupo Editorial. ISBN 978-84-85539-86-4.

Lorenzo Fernández, X., 1983. Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Lucas, A.R., 2006. Wind, Water, Work. Ancient and Medieval Milling Technology, Brill, Leiden, The Nederlands. ISBN 987-90-04-14649-5.

Morís Menéndez-Valdés, G., 2008. Ingenios hidráulicos históricos: molinos, batanes y ferrerías, Gijón: Universidad de Oviedo. ISBN 978-84-606-3057-9.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, 1750-1754, 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en línea]. Disponible en Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Último acceso 3 de agosto de 2009].

Vitrubio (Marco Lucio Vitrubio Polion), 1970. Los diez libros de arquitectura, trad. del latín, prólogo y notas de Agustín Blánquez, Barcelona: Iberia.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 68-II Zas // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 501.247,19 m / Y 4.778.128,52 m

Data de Actualización:

23 dec. 2012