234 La América

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Pontedeume
  • Parroquia: San Miguel de Breamo
  • Lugar: A Ribeira
  • Paraxe: Os Pelamios
  • Dirección:
    Av. do Peirao, s/n, 15600 Pontedeume (A Coruña)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.40909277670903
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.173667192459106
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 566.983,36 m / Y 4.806.776,25 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos.
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional en pías (noques).
  • Comarca: Eume
  • Marco Xeográfico: Ribeira esquerda da desembocadura do río Eume en Pontedeume
  • Ámbito: Urbano.
  • Acceso:
    En Pontedeume, camiñaremos dende o estribo esquerdo da ponte da estrada cara á ponte do ferrocarril, até o Colexio de Ensino Infantil e Primaria Couceiro Freijomil, edificado no solar da fábrica de curtidos.
  • Tipo de propiedade: Privada.
  • Visitable: Non hai pegada algunha.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Non somos hoxe en día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e atalaxes), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), talabarteiros e gornicioneiros (cartucheiras, cintos e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.

Podemos distinguir entre curtidores independentes, que curtirían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, e curtidores rurais, que á vez que traballan os seus propios coiros, preparan a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos pilos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en pilos prestados ou en pilos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense, Noia e Caldas, na de Santiago, Vilalba e Chantada, na de Lugo, e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares.

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento no tránsito do século XVIII ó XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ó mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente aos modernos curtidoiros.

En Pontedeume existía xa no 1714 “el paraje de los Pelambres, extramuros de la Villa”, situado ao carón do mar, na linde divisoria das freguesías de Breamo e Centroña, onde traballaban unha man de curtidores, uns en pías propias e outros en pías arrendadas. No Catastro de Ensenada, aparecen a comezos da década de 1750 algúns mestres que declaran beneficiar anualmente un número de coiros moi superior aos que eles mesmos poderían curtir; polo tanto, trátase de comerciantes en coiros, semellantes aos que no mesmo tempo había en Allariz, que entregaban a materia prima para a súa curtume por curtidores locais, recollendo e comercializando o produto acabado.

Un destes comerciantes-fabricantes, fora o catalán Thadeo Roberes, tamén tratante de sardiña, quen a finais da década de 1760 estabelecía no citado lugar unha pequena fábrica que vai ser ampliada a comezos da década de 1780 polo seu fillo Benito Roberes de la Peña até convertela nunha das grandes fábricas españolas da época, con “98 varas de longitud y 22 de latitud, con 87 noques”, que daba emprego diario a seis ou sete peóns ás ordes dun mestre, e que curtía ao ano uns cinco mil coiros, dos que tres mil eran para sola. A industria eumesa do curtido beneficiábase no só da abundancia de materia curtinte (casca de carballo), auga e coiros, senón tamén da veciñanza do Arsenal de Ferrol, voraz consumidor de curtidos.

Nos anos finais do século XVIII construiríase a carón da fábrica de Roberes o pequeno curtidoiro de Vicente Doce, que pecharía no ano 1820. A finais desta década de 1820 comezaría a traballar en San Calcón, na freguesía de San Pedro do Vilar, a fábrica de curtumes de José Andrés Varela, que causaría baixa na contribución o ano 1867 e sería adquirida por Agustín Tenreiro Fernández ao ano seguinte.

Os irmáns Vicente, Ramón e Agustín Tenreiro Fernández, comerciantes retornados da Habana, xunto co avogado coruñés Rodrigo Pardo González, mercaban as abandonadas fábricas de Roberes e de Doce en 1864, edificando no solar resultante a que vai ser a maior fábrica de coiros da provincia da Coruña, e unha das principais de España, a coñecida como “La América” e que xiraría baixo a razón social “Rodrigo Pardo y Cía.”.

No ano 1888 a capacidade da fábrica consolidaríase nos 500 metros cúbicos, cos que mantiña unha produción anual de 12.000 coiros (unhas 24.000 follas).
A fábrica de curtidos de Rodrigo Pardo e os irmáns Tenreiro comezaría o seu decaemento contra 1880, non acertando a introducir os procesos de curtume rápida que vanse impondo no mundo, aínda que manteríase, coa betanceira de Etcheverría, a compostelán de Harguindey e a padronesa de Novo y Sierra, entre as catro máis importantes de Galicia no primeiro terzo do século XX.

O desgraciado período da Guerra Civil (1936-1939) vai traer un derradeiro pulo aos curtidoiros galegos, que, por ficar a meirande parte das fábricas de calzados e boa parte das de curtidos no territorio controlado pola República, aboiarán uns anos máis, primeiro como subministradoras do exército rebelde e, rematada a guerra, polas dificultades de importar os coiros sudamericáns e os curtintes artificiais que xa precisaban as fábricas máis modernas.

Morto Rodrigo Pardo, en 1941 a familia Tenreiro alugaría “La América” á sociedade catalá “Hijos de Ramón Carnicer, S.A.”, que fixérase tamén cargo da fábrica coruñesa de calzado de Ángel Senra.

Nesta nova xeira, “La América” vai chamarse “La Imperial”, e ademais dos 87 píos de curtume tradicional, con 214 metros cúbicos de capacidade, vai dispor agora dunha capacidade adicional de vinte e cinco metros cúbicos en catro bombos de curtume ao cromo. Tiña unha potencia instalada de dez cabalos de vapor e daba traballo a trinta e cinco operarios. A empresa arrendataria vai incorporar novos e novidosos elementos de fabricación, mantendo o curtume tradicional xunto co curtume rápido.

Tralo acordo de 1948 entre Franco e Perón, recupérase a importación de coiros arxentinos, e coa liberalización do comercio interior de coiros e curtidos, as condicións de competencia no sector volven a ser como as de antes da guerra, polo que o rexurdir do curtume galego, coa volta á plena actividade das fábricas catalás e a irrupción do piso de caucho na zapatería, convértese contra 1956 no devalo definitivo de “La América”.

A chatarra da fábrica venderíase en 1957, e despois de anos de abandono, os restos da fábrica foron demolidos e construído no solar o Colexio Couceiro Freijomil. Os almacéns da fábrica, chamados “Lonxas de Raxoi” foran expropiados polo concello por unha cantidade ridícula, e o asunto está aínda nos tribunais.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situábase no peirao de Pontedeume, na marxe esquerda do río Eume nas proximidades da ponte do ferrocarril.

Construcción:

1864.

Abandono:

1956.

Descrición:

A fábrica de curtidos “La América” fora importante polo seu tamaño e por incorporar maquinaria moderna, accionada mecanicamente. Unha caldeira e unha máquina de vapor proporcionaban dende 1864 a enerxía para o movemento de dous muíños de casca, un torno para as reparacións da fábrica e varios martelos para o batido da sola.

No tempo do arrendamento a “Hijos de Ramón Carnicer, S.A.”, a industria vai incorporar novos elementos de fabricación, como dous bombos de ribeira, dous bombos de curtume ao tanino, dous bombos de curtir ao cromo, unha máquina de descarnar, unha máquina de estirar sola, unha máquina de dividir pel, e outra maquinaria para o curtume rápido e o pintado das peles.

Ademais das edificacións propias da fábrica, contábase cunha casa habitación na que residía o xerente e uns almacéns, aínda en pe, coñecidos como “Lonxas de Raxoi”.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelicos para hidratar e abrandala pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ó efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou alpages, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se encetara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel ós pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura de canina, gallinácea, palomina e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón ós pozos de curtir propiamente ditos, chamados noques, pilos ou asentos, nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos noques, limpábanse e cepillábanse e voltaban a se mergullar noutros noques –“de segundo asiento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos ós outros nun proceso lento e laborioso, sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.
No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun murete circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

Unha vez o coiro curtido procedíase ó seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida. Levantada a pel dos noques procedíase o seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o luneteado, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel).

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ó cromo suplantaría totalmente ó curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta.
O curtido ó alume ou curtido en branco segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas.

Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algunhas tenerías empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: solas (vacún), becerros (tenreiro), cordobáns (cabra), badanas (carneiro ou ovella) e baquetas.

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

Contaba na década de 1940 con trinta e cinco operarios.

Materias Primas:

Coiros, peles e pelicos.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas.

Distribución e comercialización:

Local, rexional e nacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L.; Lindoso Tato, E.; Vilar Rodríguez, M., 2008. “La América de R. Pardo y Cía (Pontedeume), 1864-1970”, Construyendo empresas: la trayectoria de los emprendedores coruñeses en perspectiva histórica, 1717-2006, 2 vol., Vigo: Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC), vol. 1, p. 247-266. D.L. VG-1476-2008.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Coruña. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, R., 2008. “Industrias del tejido y del cuero”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 225-233. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Labrada Romero, J.L., 1804. Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol, edición facsimilar de 1971 de Francisco Javier Río Barja, Vigo: Galaxia.

Larruga Boneta, E., 1784-1800. Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusión de los reales decretos, órdenes, cédulas, aranceles y ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento, tres series previstas, primera serie de 45 tomos en cuarto, sólo cuatro publicados (Castilla la Vieja, Castilla la Nueva, Extremadura y Galicia), imprenta de Benito Cano, 1787-1800, Madrid.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 550-558.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Curtidores ou coireiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 123-133. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Meijide Pardo, A., 1986. “Las primeras industrias del curtido en Betanzos”, Untia. Boletín do Seminario de Estudios Mariñáns, núm. 2, p. 27-43, Betanzos. DL C-528-1984. ISBN 398-7401-4. [en línea]. Disponible en Internet: http://hemeroteca.betanzos.net [Último acceso 20 de octubre del 2012].

Meijide Pardo, A., 1991. “Aspectos de la vida económica de Betanzos en el siglo XVIII”, Anuario Brigantino, nº 14, p. 51-70, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Meijide Pardo, A., 2000. “Aportación a la historia económica y social de Pontedeume en la primera mitad del siglo XIX”, Anuario Brigantino, nº 23, p. 239-254, Betanzos. ISSN 1130-7625.

Núñez Barros, R., 1994. "A industria do curtido en Pontedeume”, Cátedra. Revista eumesa de estudios, núm. 1, Pontedeume, Coruña, p. 7-18. ISSN 1133-9608.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, 1750-1754. 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en línea]. Disponible en Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Último acceso 3 de agosto de 2009].

Wagner, A., 1942. “Curtido y elaboración de pieles”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 703-744.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-III Pontedeume // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 566.983,36 m / Y 4.806.776,25 m

Data de Actualización:

24 dec. 2012
Xunta de Galicia Ministerio de Industria, Turismo y Comercio Plan Avanza FEDER