235 Minas de Vilanova

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Ourense
  • Concello: A Veiga
  • Parroquia: San Pedro de Vilanova
  • Lugar: Vilanova de Trevinca
  • Paraxe: As minas alamanas.
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.260191605214274
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -6.866852045059204
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 676.070,08 m / Y 4.681.081,82 m
  • Clasificación: Minas de volframio.
  • CNAE: 07.29 Extracción de outros minerais metálicos non férreos (Scheelita, WO4Ca, con Wolframita, WO4Fe / WO4Mn).
  • Tipoloxía: Pozos e galerías.
  • Comarca: Valdeorras.
  • Marco Xeográfico: Zona montañosa da bacía alta do río Xares, nas abas occidentais da serra de Trevinca.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso: Dende Ourense colleremos a estrada N-120 ata A Rúa de Valdeorras, onde apartaremos á dereita cara a Petín pola estrada C-536. Uns tres quilómetros mais adiante, na Caseta, apartaremos á esquerda, pola C-533, cara a Viana do Bolo. No Alto de Covelo, viraremos á esquerda cara a Pradolongo, buscando A Veiga. Dende A Veiga sairemos pola OR-CV-177 e seguiremos despois a OR-CV-176 polo Espiño e Lamalonga até alcanzar Vilanova, uns trece quilómetros despois. Xa en Vilanova, preguntaremos pola pista das minas dos alemáns, ás que chegaremos tras un percorrido de uns tres quilómetros.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Si, exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Coa chegada do século XX, o volframio, habitualmente asociado ao estaño, anima o panorama mineiro galego cando empeza a ser utilizado na industria: para filamentos das lámpadas de incandescencia, primeiro; na preparación de aliaxes duras para ferramentas de corte, despois; e, finalmente, para ánimas de pezas de artillería e para blindaxes militares.

Os traballos de Lucas Mallada (1908 e 1909) sobre o volframio de Casaio e a crecente demanda deste metal para atender ás necesidades duns exércitos que se preparan para o inminente conflito bélico europeo (a Gran Guerra de 1914 a 1919), ademais de elevar as súas cotizacións a cifras impensables poucos anos antes, abren novas posibilidades á minería galega.

Dende esta Primeira Guerra Mundial, os beneficios do volframio e do estaño discorren parellos, e pese a que aumentan as cantidades extraídas, non se modifican os métodos e técnicas para o seu beneficio, con desordenados e rudimentarios labores feitos por aventureiros en busca de rápidos beneficios, estimulados polos elevados prezos que lles pagan os acopiadores. Esta empobrecedora situación mantense practicamente durante os vinte anos que configuran o período comprendido entre as dúas guerras mundiais (1919 a 1939).

Coa ocupación de gran parte do sueste asiático polos xaponeses e o acaparamento do estaño boliviano polos estadounidenses, durante a Segunda Guerra Mundial (1939 a 1945) ten lugar unha notable elevación das cotizacións, que vivifica as explotacións de estaño e volframio dos xacementos europeos.

En particular, o goberno alemán deu un significativo impulso á explotación de estaño e volframio en Galicia nos primeiros anos corenta, establecendo as bases dunha investigación máis eficaz aínda que cun claro afán espoliador. Finalizada a Segunda Guerra Mundial, a chamada Comisión Aliada de Control faise inicialmente cargo das minas galegas propiedade do goberno alemán, aínda que as vai paulatinamente cedendo ao consideralas de escaso interese, e a inercia e o tedio aprópianse de novo da minería galaica.

Nos últimos días do seco mes de febreiro do ano 2012, os incendios arrasaron os montes de Ponte e de Vilanova, mancando un paraxe de excepción no macizo de Trevinca e arruinando o proxecto de recuperación das vellas construcións das minas que promovía o concello de A Veiga con fins turísticos.

Descrición Xeral do Entorno:

As minas de volframio de Vilanova localízanse nas abas meridionais das estribacións occidentais da serra de Trevinca.

Construcción:

Sen descartar unhas primeiras labores superficiais contra 1909, os labores mineiros modernos, tanto superficiais como subterráneos, comezarían a finais da década de 1910.

Abandono:

A primeira fase da explotación remataría contra 1928. Na segunda fase, os traballos serían abandonados cara a 1944, co comezo da derrota das tropas xermanas na Segunda Guerra Mundial. As minas aínda voltaran a ser explotadas ao abeiro da Guerra de Corea, nos comezos da década de 1950, e de novo finalmente abandonadas.

Descrición:

As primeiras exploracións mineiras en Vilanova chegan o ano 1909 da man dos irmáns Jacobo, Fernando e Antonio Conde, que fan algunhas labraduras no filón de cuarzo das minas "Nanito" e "Elvira", segundo figuran inscritas no Rexistro do Barco de Valdeorras.

A primeira fase da explotación industrial dos xacementos mineiros de Vilanova polo consorcio “Conde y hermanos”, parece establecerse no ano 1918, tralo descubrimento de wolframita nas montañas de Trevinca e o inicio polos belgas en 1914 da súa explotación en Valborraz, nos montes de Casaio. Esta primeira etapa das explotacións do volframio de Trevinca vai rematar contra 1928.

As minas de Vilanova van coñecer unha segunda fase de explotación a partir do ano 1937, chamada "dos alemáns". Aínda que os propietarios seguen sendo a familia Conde, son os alemáns quen xestionan e administran a explotación mineira. Esta segunda fase duraría hasta o ano 1944, próxima a derrota alemá na Segunda Guerra Mundial.

Tralo abandono das minas polos alemáns, van permanecer cerradas ata o ano 1950, cando os irmáns Conde as volven poñer en funcionamento, nunha fase final que so dura até finais do ano 1952.

O núcleo mineiro de Vilanova de Trevinca constaba de sete galerías dispersas nun radio duns cincocentos metros, ocupando terreos comunais do pobo de Ponte. No centro da explotación, catro edificacións grandes e algunha máis pequena, servían de almacén, comedores, economato e sala de máquinas.

Na sala de máquinas, unha caldeira de vapor do tamaño dunha pequena locomotora, xeraba a electricidade suficiente para o servicio de edificios e galerías. Funcionaba con torgos, as raíces da uz, chamada torga e moi abundante en todo o macizo de Trevinca. A caldeira procedía de Houston (Texas, EE.UU.) e instalouse na explotación mineira o dous de setembro do ano 1942.

A mina principal ou máis productiva era a chamada "José Antonio", cuxa entrada estaba enmarcada con grandes bloques de cantería e cun arco en pedra na zona superior, no que figuraba gravado en baixorrelevo o logotipo da explotación mineira. Na primavera do ano 1999 a empresa encargada do tapiado das bocas das minas, dediciu arrasar e taponar a entrada, desaparecendo así unha notable mostra do patrimonio industrial mineiro.

Aínda que danado polo lume, consérvase polo de agora a vivenda dos xefes da explotación, e a nave empregada como almacén e oficinas. A uns douscentos metros, e próximo á bocamina, media ducia de construcións configuran un segundo núcleo, coas instalación de tratamento e o taller mecánico tamén danadas polo incendio.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Na explotación traballárase un paquete de filóns de cuarzo con volframita, un mineral pesado, gris escuro e brillante, composto de volframato de ferro e manganeso. Os filóns atacábanse por fendas e galerías dende as que se atacaban as galerías subterráneas.

Despois de triturado, lavado, secado e totalmente libre de cuarzo, o volframio gardábase en sacos de cincuenta quilos, e quedaban baixo a vixilancia de gardas no almacén.
O transporte dos sacos realizábase en camións dende Vilanova ata A Veiga por pista de terra, e de alí por carreteira chegaban ao Barco de Valdeorras para continuar en ferrocarril ata Vigo, onde embarcábase rumbo ao seu destino final.

Nas minas de Vilanova de Trevinca a extracción no ano 1945 deste mineral foi dunha tonelada ao mes (uns vinte sacos de cincuenta quilos cada un). O mineral era tan denso e de tanta calidade (con leis de 7.000 a 8.000 g/t), que unha pedra do tamaño dunha pelota de golf pesaba máis de medio quilo. Porén, no próximo núcleo mineiro de Valborraz de Casaio, a producción media elevábase até as 10 ou 12 toneladas ao mes.

Actividades laborais:

Os homes eran os encargados das labores de extracción e transporte coas vagonetas do mineral ao exterior das minas. Na primeira fase chamada dos belgas a extracción realizábase de forma manual usando picos. Na fase dos alemáns efectuábase con maquinaria para barrenar ademais dos punteiros e picos para usar manualmente.
As mulleres encargábanse do lavado, criba, e secado do mineral, sempre labores no exterior das minas.

Os nenos ou pinches traballaban retirando as barrenas moi gastadas para devolvelas afitadas aos barreneiros no interior das galerías. Tamén podían realizar tarefas de lavado de mineral ou axudados cun pequeno martelo separaban o cuarzo do wólfram. As nenas axudaban na cociña e nas tarefas na casa do propietario.

Os salarios variaban moito segundo a importancia dos traballos. No ano 1940 as mulleres podían gañar nun día de 3 a 5 pesetas, e no 1947 de 8 a 12. Os mineiros que extraían o wólfram no interior das galerías alcanzaban cantidades de 20 a 25 pesetas ao día.

Os traballadores das minas, ademais de Vilanova, viñan de Ponte, Xares, Castromao, Lamalonga, Castromarigo, Meda, Prada, Edreira e doutras aldeas de Viana e O Bolo como Mourisca, Tuxe, e A Regueira. As aldeas con máis xente traballando nas minas eran Xares, Lamalonga, Ponte, e Vilanova. Os obreiros dos pobos máis afastados durmían nun barracón próximo as instalacións, outros alugaban algunha casa en Vilanova e os fins de semana regresaban a súa casa.

Os accidentes graves non eran frecuentes, inda que houbo algúns mortais. Os verdadeiros problemas de saúde e mortandade orixináronse polo traballo no interior das minas, xa que se traballaba sen apenas protección nun ambiente cargado de tóxico po de arsénico. O aire contaminado encargouse de encher os camposantos de Vilanova e dos demais pobos de mineiros de tódalas idades.

Emprego:

O número de traballadores oscilaba segundo as necesidades da explotación. Na década de 1940 podían traballar nas minas ao redor de oitenta ou noventa persoas, entre 55 e 65 homes, 20 a 25 mulleres, e uns 5 nenos.

Materias Primas:

Cuarzo con scheelita, WO4Ca, e volframita, WO4Fe / WO4Mn.

Produtos Elaborados:

Concentrados de volframio.

Distribución e comercialización:

Internacional.

Referencias Bibliográficas:

Bauer, G. (Georgius Agricola), 1556. De re metallica. Fasimil del Max-Planck-Institut für Wissenschaftsgeschichte (Instituto Max Planck para la Historia de la Ciencia) [en línea]. Dispoñible na Internet: http://libcoll.mpiwg-berlin.mpd.de [Último acceso 7 de abril del 2011].

Caba Landa, C., 1947. Wolfram, wolfram (La diplomacia en la bocamina), Ediciones Morata, Buenos Aires.

Cueto y Noval, R. del, 1928. La minería de la región gallega, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Fariña Jamardo, J., 1977. La balada del wolfram, Madrid: Editorial Magisterio Español. ISBN 84-265-7198-0.

Fernández Pena, A., 2007. As minas de wolfram de Vilanova (1918-1952). A Veiga: Concello de A Veiga [en línea]. Disponible en Internet: http://www.xares.com.es [Último acceso 2 de decembro do 2012].

Ferrero Arias, A. (a.ferrero@igme.es), 4 de mayo del 2010. IGME-Santiago: Listado de valoración provisional de zonas a considerar con posible interés como patrimonio minero. Correo electrónico para Manuel Lara Coira (mlara@asociacionbuxa.com).

Hofman, H.O., 1925. Tratado de metalurgia general. Trad. por Rafael Hernández del original inglés del Instituto Tecnológico de Massachusetts, Barcelona: Gustavo Gili.
Lara Coira, M., 2010. “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Madel, A., 1942. “Laboreo de minas”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo II, p. 243-314.

Madroñero de la Cal, A., 1994. Una posibilidad de rastreo de los orígenes de la metalurgia del estaño en España, Cadernos do Seminario de Sargadelos, O Castro (Sada, Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-666-1.

La minería de Galicia, 1991. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990. Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Quittkat, G.; Eckardt, H.; Meldau, R., 1942. “Preparación de los minerales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo IV, Sección I, p. 416-472.

Schulz, G., 1835. Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país, Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Sada (Coruña): Ediciós do Castro.

Valenzuela Otero, R. de, 1980. Era tempo de apandar, Madrid: Akal. ISBN 84-733-9490-9, reeditado en 1997, Vigo: A Nosa Terra. ISBN 978-84-891-3885-8.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 228-II Lamalonga // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 676.070,08 m / Y 4.681.081,82 m

Data de Actualización:

24 decembro 2012