244 Salto de Güimil

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Vilarmaior
  • Parroquia: San Cristovo de Güimil
  • Lugar: Güimil
  • Paraxe: A Ribeira de Güimil
  • Dirección:
    Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.31624038869874
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.141577243804932
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: Fuso 29 // X 569.752,28 m / Y 4.796.499,14 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica.
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Turbina Francis de eixo horizontal con alternador síncrono.
  • Comarca: Betanzos.
  • Marco Xeográfico: Ribeira dereita do río Lambre no seu tramo medio.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso:
    Pola autoestrada AP-9 achegarémonos á poboación costeira de Miño, e continuaremos un quilómetro cara o sur pola antiga estrada nacional N VI, apartando á dereita até o lugar chamado Ponte do Porco, para continuármonos pola carreteira CP-4804 que pola beira dereita do río Lambre vai cara a Vilamateo. Pasada a Ponte da Brea, practicamente no quilómetro seis, apartaremos á dereita chegando tras un recorrido de uns trescentos cincuenta metros á central hidroeléctrica de Güimil.
  • Tipo de propiedade: Privada no dominio público hidráulico.
  • Visitable: Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ao redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (un 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Nova York a primeira central eléctrica, subministrando corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares.

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1887, cando o enxeñeiro serbio-croata Nikola Tesla, descubridor en 1882 do campo magnético rotatorio e emigrado a Estados Unidos en 1884, conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna, o motor de indución. Coa axuda financeira de George Westinghouse faría a primeira demostración das vantaxes da iluminación con corrente alterna na Exposición Universal de Chicago de 1893, e nese mesmo ano construiría nas cataratas do Niágara a primeira central hidroeléctrica da historia. A demostración abriría a porta fronte á corrente continua á moito máis adaptable corrente alterna, e pouco despois chegaría a definitiva consolidación.

A industria eléctrica en España comeza cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narcis Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

En Ferrol a “Sociedad Anglo Española de Electricidad”, fundada en Barcelona en 1882, inauguraría en 1883 a iluminación do Arsenal coa electricidade xerada nunha pequena instalación termoeléctrica, e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo para a subministración do alumeado público, cunha potencia de setenta e cinco cabalos de vapor e duascentas cincuenta lámpadas instaladas pola cidade.

Esta primeira instalación sería seguida por outras iniciativas semellantes na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896).

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas son de pequeno tamaño, non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ó servizo do alumeado público.

Só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central eléctrica para alumeado e forza nas súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xuvia (Neda), cunha hidroeléctrica; e “La Primera Coruñesa”, na Coruña, cunha termoeléctrica.

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955.

Finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade e A Fervenza a comezos do século XX.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA.

Descrición Xeral do Entorno:

A central sitúase na marxe dereita do curso medio do río Lambre.

Construcción:

Década de 1930 (comezaría a producir en 1939, sendo inaugurada oficialmente en 1940).

Abandono:

Clausurado en 1972, o Salto de Güimil vai ser rehabilitado a comezos da década de 1980, poñéndose de novo en servizo en 1984.

Descrición:

A Electra Popular Coruñesa, baixo o pulo do seu xerente, José Miñones, vai contratar un técnico do grupo fundado polo enxeñeiro estadounidense Frederick Stark Pearson, a Barcelona Traction, Light and Power Company, Ltd., máis coñecida como “A Canadiense”, empresa que desenvolvera o proceso de electrificación de Cataluña e do baixo Aragón. O técnico contratado sería o enxeñeiro italiano Gaudencio Zopetti, co encargo primeiro de facerse cargo da construción do Salto de Güimil, un aproveitamento hidroeléctrico do río Lambre no termo municipal de Paderne (A Coruña).

O salto de Güimil comeza cunha presa de gravidade, de planta recta, que se localiza nas proximidades da aldea de Lambre, na parroquia de San Tirso de Ambroa do termo municipal de Irixoa. Da obra de toma arranca unha longa canle de algo máis de tres quilómetros de trazado, que remata na cámara de carga construída nos arredores da vila de Vilarciá, na mesma freguesía de Ambroa.

Da cámara partían dúas tubarias de presión de cincocentos metros de lonxitude que no seu tramo final cruzaban o río Lambre para rematar na casa de máquinas. A central hidroeléctrica contaba con dous grupos turbina-alternador configurados por sendas turbinas Francis de eixe horizontal, cunha potencia total instalada de 2.500 kW e una produción esperada no ano medio de nove millóns de quilovatios hora.

A Electra Popular Coruñesa desaparecería nas turbulencias da Guerra Civil (1936-1939) e a propiedade do aproveitamento hidroeléctrico recaería na Sociedade General Gallega de Electricidade. Rematadas as obras, a central de Güimil comezaría a producir electricidade no ano 1939, e tres décadas máis tarde sería retirada do servizo, no ano 1972.

Nos comezos da década de 1980, “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA), a empresa entón titular do aproveitamento hidroeléctrico do río Lambre no Salto de Güimil, acometeu un plan de reconversión de tres das súas centrais hidroeléctricas: A Fervenza, no Belelle; Mezonzo, no Tambre; e Güimil, no Lambre.

Na recuperación e modernización das instalacións, as dúas tubarias orixinais foron substituídas por unha só que vai bifurcarse na entrada da casa de máquinas para a subministración a cadansúa turbina. A central hidroeléctrica de Güimil, modernizada e automatizada, dende 1984 volvía a producir electricidade, aproveitando un caudal de 2.400 m3/s nun salto de 170 m, cunha potencia total instalada de 2.646 kW en dous grupos Francis iguais.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” en construírse (despois de 1873) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha turbina e unha dínamo de corrente continua nun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ó seu emprazamento.

Naqueles casos en que a enerxía hidráulica resultaba dificilmente accesible, instaláranse centrais termoeléctricas baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor, alimentadas en ámbolos dous casos por carbón, consumido no gasóxeno, no primeiro caso, e na caldeira, no segundo.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos axiña predominaran as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior ós douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Pronto deseñaríanse e construiríanse instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o transporte económico da enerxía até os puntos de consumo.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) de accionamento dos alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas tipo Pelton e as turbinas tipo Francis.

No caso de Güimil, as instalacións contan con dúas turbinas iguais tipo Francis de eixe horizontal, que arrastran cadanseu alternador sincrónico trifásico.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ó servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

García Fontenla, R. (ed.), 1990. Cien años de luz eléctrica en Galicia. Introducción de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa. DL M-45870-1990.

García Fontenla, R., 1990. “Güimil: Zoppetti, el ingeniero tenor”, Cien años de luz eléctrica en Galicia, Ramón García Fontenla (ed.), introd. de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa, p. 93-96. DL M-45870-1990.

Kesten, P., et al., 1942. “Electrotecnia”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VII, p. 966-1227.

Kyser, H., 1930. Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini, Barcelona: Editorial Labor.

Pena Espiña, X., 1986. A formación do sector eléctrico en Galiza (1900-1925) e a Sociedad General Gallega de Electricidad. Tese de licenciatura inédita. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 46-I Paderne // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 569.752,28 m / Y 4.796.499,14 m

Data de Actualización:

8 marzo 2013
Xunta de Galicia Ministerio de Industria, Turismo y Comercio Plan Avanza FEDER