318 Telleira de Juan Noya

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Meaño
  • Parroquia: Santa Olaia de Dena
  • Lugar: Seixiños
  • Paraxe: Praia de Seixiños
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.45625967904099
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.821071982383728
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 514.834,44 m / Y 4.700.665,82 m
  • Clasificación: Industria cerámica
  • CNAE: 23.32 Fabricación de ladrillos, tellas e produtos de terras cocidas para a construción.
  • Tipoloxía: Fabricación de tellas, ladrillos e baldosas
  • Comarca: O Salnés
  • Marco Xeográfico: Beiramar da enseada do Vao ou de Dena, na ribeira sur da ría de Arousa, entre o rego da Chanca e rego Francón.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Santiago de Compostela enfiaremos a autoestrada AP-9 cara a Pontevedra. Pasado o quilómetro 119, apartaremos pola estrada autonómica AG-41 cara a Sanxenxo e O Grove. No quilómetro 7 apartaremos pola G-1401 cara a Cambados, onde enfiaremos a estrada C-550 cara a O Grove. Antes do quilómetro 39, en Ponte Dena, apartaremos á dereita cara a Os Seixiños. Tras uns novecentos metros, apartaremos á esquerda, cara á praia, en cuxa beiramar atópase a telleira.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Despois de quizais un millón de anos de asimilación do lume como axente externo e como idea, hai uns trinta mil ou corenta mil anos que os humanos comezaban coa domesticación daquela fonte de luz e calor. E entre a queimadura sufrida polo contacto cunha arbore abatida polo raio e o traslado dun cacho de madeira ardendo ao interior da cova puideran transcorrer cen mil anos.

A calor está presente na base de numerosos procesos de transformación da materia, dende a preparación dos alimentos ata a fabricación dos máis sofisticados materiais cerámicos. Deixou anotado Plinio O Vello na súa Historia Natural: “O lume toma a area e devólvenos xa vidro, xa prata…Polo lume derrétense as pedras e fanse bronce; polo lume faise o ferro… Co lume calcinase esa pedra que forma o cemento que sostén as casas por riba das nosas cabezas… Hai varias cousas ás que é conveniente expor máis dunha vez á acción do lume. O mesmo material orixinal é unha cousa despois da primeira exposición, outra despois da segunda…”

O forno configúrase así como a ferramenta básica que controla o lume e na que se xera a calor necesaria para que teñan lugar as transformacións da materia, e foron multitude os diferentes tipos de fornos que os humanos construíron para darlle resposta ás súas diferentes necesidades de transformación da materia, dende os fornos para coce-lo pan aos fornos de fusión e tratamento de materiais, pasando por suposto polos fornos de coce-lo barro, de calcinación de minerais siderúrxicos e de elaboración da cal.

Quentarse, mellorar o confort e espantar aos animais puido ser o primeiro paso na manipulación do lume. Viría despois a preparación dos alimentos, coa necesaria aparición do instrumento ou recipiente que facilita a acción do calor e é contedor moitas veces imprescindíbel. O fogar, un sinxelo círculo protexido por pedras, foi a primeira estrutura elemental na domesticación do lume.

Todo comeza a primeira vez que obsérvase con valor de pregunta o residuo que queda no lume dos seus fogares, fose barro endurecido, po branco ou nódulos metálicos: o humano primitivo comeza aquí unha busca que inda non rematou pero que foi deixando respostas e significados. O barro endurecido pola acción da calor daría paso á cerámica; o po branco levaría á preparación da cal e o xeso; e as brillantes gotas de metal fundido solidificadas en nódulos metálicos serían o comezo da metalurxia.

O forno cerámico foi a primeira estrutura específica que permitiu transforma-la maleabilidade da arxila nun sólido ríxido. Os primeiros obxectos de arxila cocida teñen vinte e sete mil anos e as primeiras vasillas feitas no Xapón datan de hai catorce mil anos. Unha vez descuberto o feito do endurecemento do barro pola acción prolongada da calor, os primeiros fornos eran sinxelas acumulacións de materiais combustibles amoreados nun burato canda os obxectos cerámicos, todo elo cuberto dunha capa de barro. O obxectivo de tan sinxela estrutura era triplo: reducir as perdas de calor; aumentar a temperatura do lume; e controlar o aire de combustión para variar o resultado do proceso.
Coa aparición do torno de oleiro e o incremento da produción cerámica chega a necesidade de contar con estruturas estables que faciliten a operación e permitan o control das temperaturas. E aparece o forno cerámico de cúpula e cámara dupla, unha sinxela estrutura abovedada de barro, de planta oval ou redonda, na que se introducían as pezas a cocer e que permitía un certo control da temperatura, do tempo e da atmosfera no seu interior (7.000 a.C.).

En Pontecesures, Vilagarcía, Panxón, Bueu, Lugo, Boimorto e As Neves tense localizados fornos redondos de cocción de ladrillo e tella de finais do século III.

A cerámica medieval pasou un primeiro período, do século VIII ao século XII, de técnicas de olería rudimentarias que elaboraban cerámica común segundo os modelos visigóticos e alto medievais. Xa no século XIII a influencia cultural andalusí vai espallar por toda a península as súas técnicas e motivos decorativos, callando na clara influencia mudéxar que caracteriza a cerámica peninsular dos séculos XIV e XV.

A produción oleira e telleira en Galicia ten ata finais do século XVIII características exclusivamente artesanais e rurais con zonas que acadan unha certa especialización como agrupacións de vivendas-taller e actúan como centro de distribución comarcal, como foi o caso de Betanzos, Buño, Mondoñedo, Bonxe, Samos, Gundivós, Lobios, Niñodaguia, Portomourisco, Ramirás, Tioira, Bamio ou Prado, entre outras.

No entanto convén deixar constancia dalgunhas fracasadas iniciativas de industrialización: en 1765 a fábrica de louza ordinaria de don Pedro Costal en Tui; e en 1786 a fábrica de louza basta de don Lorenzo de Riba Otero en San Caetano de Mondoñedo. Por suposto, e xa nos comezos do século XIX, hai que salientar a fábrica de “auténtica louza ao estilo de Bristol” promovida por don Raimundo Ibáñez en Sargadelos e que traballaría entre 1804 e 1875 cunha produción de elevada calidade.

Xa na segunda metade do século XIX van ir aparecendo outros centros de elaboración de cerámica cunha certa organización industrial orientada cara a fabricación de produtos para construción (tella, ladrillos e baldosas), como Ares, Narón, San Clodio, Viveiro, Santa Cruz, As Pontes, Catoira, Lestrove, Sanxenxo, Cesantes, A Guarda, O Rosal, Guillarei, Salvaterra, Maceda, Valdeorras ou Rubiana.

A partir da segunda década do século XX algunhas industrias cerámicas especializadas en materiais de construción emprenderían a definitiva reconversión a instalacións industriais, modificando estruturas, procesos e fornos para adaptarse aos novos criterios da produción capitalista.

Descrición Xeral do Entorno:

A telleira de Juan Noya localízase na marxe dereita da enseada de Dena, no interfluvio do rego da Chanca e o rego Francón.

Construcción:

Posterior a 1850.

Abandono:

Verán de 1989.

Descrición:

Ainda que menciona as salinas de Noalla e Vilalonga, “algunas dellas arruinadas”, o Catastro de Ensenada (1750-1754) non recolle barreira nin telleira algunha no Salnés todo. Tampouco hai mención no Diccionario de Miñano (1826-1829) de telleiras na ría de Arousa. Porén, no Diccionario de Madoz (1845-1850) se recollen cinco olarías en Bamio (Vilagarcía), dúas telleiras en Noalla (Sanxenxo) e unha telleira en Vilalonga (Sanxenxo).

Na baixamar, o barro obtíñase na seca dos fondos mariños da enseada de A Toxa nos lugares de A Revolta, Ardía, A Seca, e Os Tubos, na parroquia de Vilalonga. Baixo poucos centímetros de sedimentos e lodo, en pozos de ata cinco metros de profundidade, obtíñase un barro de grande calidade que se utilizaba para a fabricación de tella. En Dena tamén obtíñase barro en terra firme, nas Pozas de Rouxique, na Arnosa ou na Fianteira, mais feble, de peor calidade que o outro, pero mais fácil de traballar. Os pozos mariños cegábanse coas mareas á volta duns catro meses.

O transporte dende a barreira até a pía da telleira facíase en lanchas ou galeóns, de ser polo mar, e nos carros cando viña dunha barreira en terra. Os lancheiros, que podían levar ata 24 toneladas de barro, zarpaban da beiramar de Castrelo, Dena e Vilalonga, para atender ás telleiras mais próximas e distribuílo tamén polas diversas telleiras da ría chegando, río Ulla arriba, ata Catoira e Cordeiro. Ás veces o levaban aos mercantes que fondeaban na Poza do Beiró, fronte ao hotel da Toxa, que chegaban a levalo ata Bilbao.
O barro descargábase no peirao da telleira (ou no “tanque”, unha pequena canle de atraque escavada na ribeira), próximo á pía de amasado.

As instalacións da telleira van completarse coa eira de secado e co forno, coa leñeira e o pallete (ou cuberto) acaroados. Algo apartada das calores do forno, a caseta para o descanso dos traballadores.

Aínda que na segunda metade do século XIX aparecen centros cunha certa organización industrial, e que dende os comezos do século XX vanse introducir sistemas propiamente industriais nas máis importantes industrias galegas de fabricación de materiais para construción, como As Cachadas, de José Antonio Lomba (A Guarda, 1900), Caleras de Valdeorras (O Barco, 1902), Cucurny y Cía (Burela, 1904), Cerámica de Dena, de Guisasola y Cía (Vilalonga-Sanxenxo, 1909), La Galaica, de Pardo y Cía (Canabal-Sober, 1909), Cerámica Santa Ana (Mera-Oleiros, 1925), Manuel Loureiro (Outeiro de Rei, 1925), Cerámica Rubián, de Ramón Ferreirós (Rubián, 1926), Pérez García Rey (Canabal-Sober, 1926), La Sequiña, de Emilio Viqueira (Sanxenxo, 1929), ou Severino Gómez (Guillarei-Tui), algunhas telleiras tradicionais seguirán a traballar na produción artesanal de tellas, ladrillos e baldosas case ata o derradeiro terzo do século.

Tempo de uso:

As telleiras primitivas traballaban de maneira preferente nos meses de menos chuvias, entre xuño e outubro. As telleiras máis modernas van evitar a estacionalización, traballabando todo o ano, aínda que se intensifique o traballo do barro nos meses de verán.

Sistema de produción:

O proceso de fabricación da cerámica consta de tres fases diferentes, das que dúas, o moldeado da pasta e a cocción, aplícanse a tódolos obxectos cerámicos, namentres que a terceira fase, a aplicación de óxidos metálicos e unha segunda cocción, só aplicábase ás vasillas e azulexos aos que se lles quería dar un revestimento vítreo. O sector cerámico do barro cunha soa cocción (tellas, ladrillos e baldosas) coñécese como sector do biscoito.

O proceso cerámico comeza coa extracción e recollida do barro (a arxila) e a súa preparación engadíndolle fundentes (limo, feldespato, calcaria, se non os leva xa) e desengraxantes (area cuarcífera, a sílice, e mesmo cerámica machucada, a chamota). Ven despois un tempo de maduración na balsa de podrecer para a eliminación dos residuos orgánicos que puidera conter e a obtención dun barro máis puro, de doada hidratación e gran plasticidade.

Tras unha nova depuración por lavado e sedimentación dos materiais pesados, a masa arxilosa amasábase repetidamente para eliminar posibles bolsas de aire, podendo nesta fase mesturar diferentes clases de barro, tralo que a materia prima quedaba preparada para ser traballada.

A etapa seguinte é a do moldeado do barro, coa adición da auga precisa para mellor traballalo. O moldeado das pezas cerámicas de construción facíase inicialmente en molde, introducindo o barro ben preto e estendido na forma, unha estrutura de madeira axeitada para a elaboración de tellas, ladrillos ou azulexos. Na industria moderna as pezas confórmanse por extrusión na galletera, facendo pasar o barro de maneira continua a través dunha matriz que lle vai dar a forma desexada, sexa tella, ladrillo de diversos tamaños e configuracións (macizo ou con buratos) ou azulexo.

Rematado o moldeado, as pezas déixanse secar lentamente, a cuberto da acción directa do sol que podería fender o barro aínda fresco. Nas modernas instalacións o secado é acelerado e controlado colocando as pezas en cámaras de secado nas que se fai chegar aire quente, o que reduce o tempo de secado e melloran a calidade que vai ter o produto antes de metelo no forno para remata-lo secado e proceder á cocción.

O proceso de cocción consiste no quecemento das pezas de barro xa secas para transformalas en cerámica (silicato de alumina anhidro), un material duro e poroso que non incha coa absorción de auga. A cocción é un proceso delicado que require outras tres fases: un lento quecemento inicial (lume menor, durante unhas nove horas e ata uns trescentos cincuenta graos) para que as pezas non se deformen ou creben mentres perden o que lles queda de auga; a cocción propiamente dita (lume maior, catro ou cinco horas e ata novecentos ou mil graos), na que o barro vaise transformar en cerámica; e un demorado enfreado que prolongábase tres ou catro días evitando calquera entrada de aire frío que puidera regañar as pezas.

O control do proceso tiña lugar, obviamente, de maneira totalmente empírica, atendendo aos fenómenos observables, como o color dos fumes (brancos na fase inicial de quecemento, negro cando tiña que comezar a cocción) e das pezas (do pardo do barro verde ao roibo das pezas cocidas). Dependendo da calidade do barro, a cocedura podía levar de seis a oito días.

Os fornos clásicos son os de cámara dupla sobreposta, nos que a cámara inferior –a caldeira, que normalmente vai medio escavada no chan– é na que se queima o combustible, e vai cuberta por un teito furado (grellado) para que a calor e os fumes pasen á cámara superior –o forno propiamente dito–, da que é o piso, na que colocábanse as pezas a cocer, cubertas por unha grosa cúpula semiesférica de barro para mantela calor no interior do forno. Para mante-las pezas dentro do forno separadas entre elas mesmas incorpóranse uns soportes cerámicos chamados cacetas, moitas veces simplemente feitos con cachos de pezas rotas. Nos fornos máis sofisticados, construíase baixo a caldeira un cinceiro para recoller as borrallas.

O forno conta con dúas portas, normalmente enfrontadas (aínda que nalgúns están en ángulo). A porta de encanar é a empregada para carga-lo forno e da ao interior do cuberto ou pallete no que se amorean as pezas xa secas e listas para cocer. A outra porta, a de desencanar, está tapada e só se abre para descarga-lo forno. Algúns fornos teñen uns chantos nunha das paredes exteriores para poder acceder á parte superior e controlar a cocción.

A cuberta do forno pode ter variadas conformacións, dende un sinxelo cuberto elevado por riba da parte superior do forno feito de madeira e tella, ata a sofisticada cuberta de botella con ventanucos practicables para vixia-la cocción. Ademais da leñeira, normalmente a carón do pallete, a telleira contaba coa eira, un espazo amplo, co piso duro e liso, no que se realizaban os diferentes traballos e se secaban as pezas, e as pías, escavacións circulares pouco fondas e de tres a seis metros de diámetro nas que amolecíase e traballábase o barro antes de darlle forma ás pezas.

Con poucas modificacións conceptuais ou estruturais, os fornos cerámicos conservaron durante séculos as primitivas estruturas de cocción descontinua, formando en ocasións conxuntos industriais e complexos fabrís con varios fornos que permitían fornadas secuenciais e cíclicas para así poder atender ao incremento da demanda.

Habería que esperar deica a metade do século XIX para que aparecera unha novidade significativa: en 1858 o arquitecto alemán Friederich Hoffmann patentaba un forno de cámaras contiguas en disposición anular que ían sendo quentadas de maneira secuencial introducindo o carbón triturado polo teito das cámaras e avanzando o lume da quente á fría: unha cámara cocendo ía precedida pola que estaba enfreando e seguida pola que comezaba o quentamento; en total tiñan de catorce a vinte cámaras, e un total de sesenta a cen metros de lonxitude.

Con este sistema non é preciso apagar o forno en cada ciclo de cocción, logrando así unha adaptación progresiva da temperatura das cámaras ás distintas fases do ciclo de cocción, unha produción continua por lotes, e un gran aforro de combustible, cun consumo inferior á terceira parte do dos fornos ordinarios.

O primeiro forno Hoffmann construiríase en Prusia contra 1859 e seu éxito no sector do biscoito (barro cunha soa cocción, tellas, ladrillos e baldosas) foi indiscutible, xa que en 1867 xa funcionaban 250 en Alemaña, 50 en Inglaterra e 3 en Francia, continuando a difusión por Italia e España nos anos seguintes.

A seguinte innovación no sector cerámico foi a introdución do forno de pasaxe ou forno túnel de cocción continua (desde 1930 no levante peninsular). Neste tipo de fornos, a diferenza dos fornos Hoffmann, o lume é fixo e o que se vai trasladando son as cargas a cocer que móvense sobre vagonetas atravesando moi lentamente o longo túnel do forno que dispón na súa metade da zona de lume.

Como novidade no deseño do forno de pasaxe, en Fazouro (Lugo) a empresa “Industrias Pardiñas” desenvolvera na década de 1980 un forno continuo no que a cámara é unha coroa circular case completa (como un “C” moi pechado) e o piso unha gran plataforma xiratoria na que se desprazan os paquetes de ladrillos a cocer.

Actividades laborais:

A actividade dos telleiros tradicionais (chamados tamén telleireiros ou cabaqueiros) era moitas veces itinerante, desprazándose en cuadrillas nos meses do verán (en realidade, de abril ou maio a setembro ou outubro, dependendo do tempo) ás zonas de existencia de fornos cerámicos, que arrendaban temporalmente para a elaboración e fabricación dos produtos. Nos sistemas de produción modernos, as instalación miraban de traballar de maneira permanente e contaban para elo con persoal fixo asignado ás diferentes fases do proceso cerámico.

Emprego:

A cuadrilla contaba cun mínimo de cinco persoas: oficial, quen elaboraba o material; cocedor, vixiante da cocedura no forno; pieiro, amasador do barro na pía; tendedor, poñia as pezas a secar na eira; carretilleiro, quen transportaba o barro da pía ao oficial, e as pezas da eira ao pallete. O equipo podía completarse cos servicieiros ou asentadores, que axudaban aos demais carrexando materiais (leña, barro, etc.), encañando e desencañando o forno, etc. Nunha xornada, un oficial experto podía facer de duas mil quinientas a tres mil pezas, fosen tellas ou ladrillos.

Materias Primas:

Barro (arxila).

Produtos Elaborados:

Tellas e ladrillos.

Distribución e comercialización:

Local e comarcal, con producións de trinta mil tellas e dez mil ladrillos nunha fornada, e de catro a nove fornadas por telleira nunha tempada de traballo (de abril ou maio a setembro ou outubro).

Referencias Bibliográficas:

Córdoba de la Llave, R., 2008. “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fernández Negral, J., 2009. Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II, Universidade da Coruña.

Fernández Palicio, A., 2010. As telleiras de Valga e comarca e as fábricas de cerámica (1850-1965), XV Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo (Valga, Pontevedra), Baixo licencia Creative Commons [en línea]. Disponible na Internet: http://www.tecnoloxiasapropiadas.wordpress.com/2012/10/09/hello-world/ [Acceso 13 abril 2014].

García Alén, L., 1983. La alfarería de Galicia, colaboración de Alfredo García Alén y Xosé M. Gómez Vilasó, edición facsimilar del 2008, Catalogación Arqueológica y Artística de Galicia del Museo de Pontevedra, La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-3508-2008. ISBN 978-84-95892-75-1.

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo X: Hornos industriales, p. 1017-1076.

Ladra Fernández, X.L., 2006, "As telleiras tradicionais. O exemplo aresán”, Cátedra. Revista eumesa de estudios, nº 14, Pontedeume, Coruña, p. 343-376. ISSN 1133-9608.

Leiro Lois, A.; Daporta Padín, X.R.; Otero Otero, S., 1993. As telleiras (cabaqueiros). Colección Raigame. Vigo: Ir Indo Edicións. DL VG-542-1993. ISBN 84-7680-155-6.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: Oleiros e telleiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 516-530.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Oleiros e telleiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 80-94. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Schünhoff, F., 1942. “Tejería”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo VIII: Cerámica y vidrio, sección I, p. 882-897.

Urbschat, E., 1942. “Alfarería y cerámica fina”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo VIII: Cerámica y vidrio, sección II, p. 897-920.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 185-I Meaño // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 514.834,44 m / Y 4.700.665,82 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000), Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en línea] Disponible en Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Data de Actualización:

24 maio 2014