320 Casas da Neve de Cabeza de Meda

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Ourense
  • Concello: Parada do Sil (e Xunqueira de Espadañedo)
  • Parroquia: Santa Cristina de Caxide
  • Lugar: Cabeza de Meda
  • Paraxe: Campo do Eirado
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.35201883583598
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.621110677719116
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 613.684,29 m / Y 4.689.996,07 m
  • Clasificación: Neveiro
  • CNAE: 32.99 Outras industrias manufactureiras (fabricación de xeo).
  • Tipoloxía: Pozo
  • Comarca: Terra de Caldelas
  • Marco Xeográfico: Cabeza de Meda
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Saíremos de Ourense pola estrada C-536, cara a Castro Caldelas e Petín. No quilómetro 23, apartaremos á esquerda por Xunqueira de Espadanedo, e continuaremos cara ao Campo do Eirado e a Cabeza de Meda, pola carreteira que polo Porto dos Carros leva a Parada do Sil. A algo máis de cinco quilómetros de Xunqueira, chegaremos ao Campo do Eirado, na aba de poñente da Cabeza de Meda. Alí camiñaremos polas pistas de servizo dos parques eólicos, e nos arredores atoparemos os tres pozos da neve.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Recentemente, os Concellos de Parada do Sil e de Xunqueira de Espadanedo levaron ao cabo a limpeza dun entorno de catrocentos me

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A actividade dos neveiros artificiais coñécense cos romanos, cara o ano 2.000 a.C., porén o gran desenvolvemento da comercialización do xeo estendeuse do século XVI até finais do século XIX, e mesmo empregárase nalgures até mediado o século XX, cando definitivamente vai desaparecer coa comercialización dos primeiros refrixeradores ou frigoríficos. Até entón, o aproveitamento dos alimentos só era posible coas salmoiras, os adobos, os afumados, os deshidratados por secado, as conservas herméticas e o frío.

O emprego do frío obtido do xeo elaborado nos neveiros deu traballo a moita xente, enchendo os montes de xornaleiros en época de nevadas (documéntase unha en Alcoi, Albacete, os días 5 e 6 de marzo de 1762, que mobilizara a mil persoas e setecentos cabalos), en unha profesión que vai sobrevivir nalgúns lugares até a década de 1930.

Xa na antigüidade clásica prescribían os médicos o emprego do frío con fines medicinais, uso que foi recuperado con pulo no renacemento, coñecéndose varias publicación ao respecto que o recomendan como antitérmico en procesos febrís, calmante en conxestións cerebrais, hemostático en hemorraxias, e anti-inflamatorio en traumatismos, escordaduras ou fracturas. E, ademais das aplicacións médicas e da conservación dos alimentos, non fora pequena a importancia do consumo en ambientes refinados de alimentos e bebidas fríos ou xeados.

No ámbito peninsular, sería o Reino de Valencia un dos principais consumidores de xeo: a finais do século XVIII sábese que chegaban a Valencia uns dous millóns de quilogramos de xeo cada ano, e dende Alacante mandábase xeo a Ibiza e aos portos do norte de África.

A implantación progresiva de fábricas de xeo en varias cidades a partires de 1890 foi o comezo do fin de tan singular industria do xeo natural obtido nos neveiros.
As primeiras noticias documentais do aproveitamento da neve en Galicia datan da Idade Media, coincidentes co levantamento dos grandes mosteiros no século XII, cuxos monxes construíron as primeiras neveiras para a produción e almacenamento de xeo. Cita Fernández Nogueira (1974) as verbas de Rodríguez Fraiz ao falar do mosteiro de Aciveiro: “tódolos grandes mosteiros do Císter en Galicia tiñan neveiras, cando menos para uso propio” Estas neveiras lembraban ás construcións castrexas, circulares ou ovais con diámetros de catro a oito metros, medio soterradas e construídas aproveitando lugares sombrizos ao abeiro das abas setentrionais das montañas e elevacións do terreo, en lugares que de seguro ocuparían nas friaxes os neveiros naturais.

A abundancia da neve naqueles tempos tiña que ser grande, xa que os neveiros adoitan estar en lugares de acceso doado (entre outras, A Paradanta, na Franqueira; Casadenebi, en Celanova; Tourón, na Cañiza; O Faro, en Chantada; O Navego, en Oseira). Da importancia dos neveiros e do negocio dos grandes mosteiros da boa mostra que o xeo chegase á Coruña dende as neveiras de Aciveiro, tras percorrer uns cen quilómetros.

Xa no século XVI, o aprovisionamento do xeo nas vilas acadou tal importancia que o seu comercio foi regulado cara a 1560, no reinado de Felipe II , gravandoo con impuestos.
Os neveiros que de xeito natural formábanse nas zonas sombrizas da Cabeza de Meda foron aproveitados dende tempo inmemorial polos veciños para conservar ou arrefriar os alimentos, e tamén para obter xeo da auga acumulada nos buratos. Con esta experiencia, as Casas da Neve construíronse aproveitando as depresións do terreo e afondando nelas para formar os pozos.

Nos finais do século XVII, posiblemente polo quecemento do clima, o negocio das neveiras vai esmorecendo na Galicia atlántica, aínda que nalgúns casos mantivéranse ata ben entrado o século XIX pequenos neveiros próximos ás vilas para subministrar xeo a clientes particulares e a negocios locais. A industria do xeo dos neveiros desaparecerá totalmente coa construción nalgunhas vilas das primeiras fábricas de xeo a partires dos finais da década de 1890.

Descrición Xeral do Entorno:

Os pozos situábase nas ladeiras boreal e meridional do Monte Meda, a carón do camiño de comunicación entre os vales do río Sil e o val de Maceda. A elevación atópase a uns 1.100 metros por riba do nivel do mar, destaca claramente na planicie da súa contorna e está ben exposta aos ventos dominantes do nordeste, fríos e secos.

Construcción:

Aínda que os veciños xa aproveitaban os neveiros que espontáneos aparecían nos montes, os neveiros chamados Casas da Neve de Cabeza de Meda foran construídos na Baixa Idade Media, no século XII.

Abandono:

Metade do século XX.

Descrición:

O neveiro, neveira ou pozo da neve, construción coñecida en toda a Península Ibérica e nas Illas Baleares, e chamada cos nomes de pozo de nieve, cava de neu, pou de neu, pou de gel, pou de glaç, elurzulo, cases de neu, nevero, nevera e ventisquero, según a comarca de asento, é un pozo máis ou menos fondo escavado na terra e consolidado con robustos muros de contención que sobresaen uns palmos por riba do nivel do terreo no que se furou. Pode ir cuberto e ter teitume, deixándolle unhas aberturas para botar a neve dentro, baixar a preparala e sacar o xeo no seu tempo.

As Casas da Neve de Cabeza de Meda era tamén unhas construcións circulares, uns pozos de pedra de uns seis metros de diámetro, forrados de perpiaño e cachotes de granito. Para mellor protexer o interior do pozo e o seu contido, tiñan cubertas de tella sobre madeira. Unhas escaleiras feitas en beiril na mesma estrutura interior permitían baixar até o fondo, onde unha rede de drenaxe aliviaba a auga do xeo que ía derretíndose.

Ao carón dos pozos, unhas pequenas casetas, tamén de pedra, empregábanse para gardar a ferramenta e para resgardarse das duras inclemencias do tempo.

Tempo de uso:

Dependendo das oscilacións climáticas, cun período de acumulación da neve de setembro a maio, que podía garantir a extracción de xeo até o final do verán.

Sistema de produción:

Os traballos nos neveiros adoitaban comezar na primaveira, despois das derradeiras nevadas do inverno. A neve, arrastrada ladeira abaixo ou transportada en cestos, introducíase no pozo e amoreábase en capas de vinte a cincuenta centímetros de groso. Entón nivelabase e pisabase para compactala, reducindo o volumen ocupado e transformándose en xeo, que consérvase ben máis de tempo ca neve. Completada unha capa, cobríase con terra, palla, follas e pequenas ramiñas, fentos e piornos, e procedíase a botar por riba outra capa de neve coa súa cobertera, formando capas homoxéneas ata chegar á superficie do pozo.

Chegadas as calores, na noite ou nas proximidade do mencer cortábanse bloques de xeo que, antes que chegara a calor do día, transportabanse no lombo das bestas ou en carretas ata os mosteiros, e tamén aos puntos de demanda das vilas para a súa venda.

Os primeiros arrefriadores eran uns armarios ou despensas nos que, coas barras de xeo, gardábanse os alimentos a enfriar. A aparición dos sistemas de frío industrial para a fabricación de xeo (contra 1890) sería o comezo da desaparición da industria do xeo natural dos neveiros, industria que sería totalmente relegada coa comercialización dos frigoríficos domésticos dende finais da década de 1920.

Actividades laborais:

Os obreiros da neve, tamén chamados neveiros e paleiros, xa fosen apañadores, pisadores, ou cortadores, traballaban en condicións certamente penosas, polo frío do seu entorno cotián de traballo e a carencia da vestimenta apropiada.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga na forma de neve.

Produtos Elaborados:

Auga na forma de xeo.

Distribución e comercialización:

Comarcal e, ás veces, rexional.

Referencias Bibliográficas:

Barceló Pons, B., 1959. El comercio de la nieve en Mallorca. Boletín de la Cámara Oficial de Comercio, Industria y Navegación, nº 623, Palma de Mallorca.

Calvo Barco, A.M., 1997. “Los neveros, una actividad desaparecida en nuestras montañas”. Zainak, nº 14 (1997), p. 203-213. ISSN: 1137-439X

Cruz, J.; Segura, J.M., 1996. El comercio de la nieve: la red de pozos de nieve en las tierras valencianas. Valencia: Conselleria d’Educació i Cultura de la Generalitat.

Fernández Nogueira, F.J., 1974. “Neveira”, Gran enciclopedia gallega, 30 vol., Otero Pedrayo, R. (dir.), Silverio Cañada Editor, Gijón, vol. 22, p. 167. DL VI-415-1974. ISBN 84-7286-029-9 (general). ISBN 84-7286-193-7 (tomo XXII).

Gavilanes Blanco, J.A., 2013. “Industria en Parada de Sil. Casas de Neve Parada do Sil”, Patrimonio Galego [en línea]. Disponible na Internet: http://patrimoniogalego.net/index.php/49769/2013/09/casas-da-neve-parada-do-sil/ [Acceso 13 maio 2014].

Llano Cabado, P. de, 1983. Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construccións adxetivas. Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. DL VG-375-1983. ISBN 84-85665-08-2.

Mallol, J., 1991. Alicante y el comercio de la nieve en la edad moderna. Valencia: Ajuntament de València.

Neveras de Bizkaia, 1994. Bilbao: Diputación Foral de Bizkaia.

Planhol, X.de, 1995. L’eau de neige. Le tiède et le frais. París: Fayard.

Simón, D., 2013. “Casas da neve /pozos de nieve: Desde la Ribeira Sacra a la Pequeña Edad de Hielo”, Diario de un médico de guardia [en línea]. Disponible na Internet: http://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com.es/2013/11/casas-da-neve-pozos-de-nieve-desde-la.html [Acceso 13 maio 2014].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 188-IV Parada do Sil // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 613.684,29 m / Y 4.689.996,07 m

Data de Actualización:

26 xuño 2014