323 Conservas Peña (Cambados)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Cambados
  • Parroquia: Santa Mariña de Cambados
  • Lugar: Santa Mariña
  • Paraxe: O Borrón
  • Dirección: O Borrón, 14 - Cambados
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.51190655825343
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.816658601638778
  • Coordeadas UTM: Datum Europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 515.191,79 m / Y 4.706.847,51 m
  • Clasificación: Fabricación de conservas de peixe
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Conservas de mariscos e peixes).
  • Tipoloxía: Conserva hermética de peixe en envase metálico
  • Comarca: O Salnés
  • Marco Xeográfico: Peirao do vello porto de Cambados, na marxe esquerda da ría de Arousa
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: En Santiago de Compostela enfiaremos a autoestrada AP-9 cara a Pontevedra. Pasado o quilómetro 119, apartaremos pola estrada autonómica AG-41 cara a Sanxenxo e O Grove. No quilómetro 7 apartaremos pola G-1401 cara a Cambados, onde localizaremos no vello porto o Salón de Congresos e Exposicións José Peña, que fora fábrica de conservas.

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Nos finais da década de 1920, un José Peña Oubiña mozo dedicábase á venda de ostras e ameixas, que levaba en carro de cabalos dende os viveiros da súa Cambados natal até as fábricas de Alfageme e Cerqueira en Vigo. Ademais dunha tenda en Santa Cruz de Castrelo (Cambados), rexentaba na vila cambadesa un muíño de fariña de ostra para abono dos cultivos.

Coa axuda dos Alfageme, Peña vai mercar un par de máquinas a panca, unha caldeira de vapor e dous autoclaves, a mínima maquinaria para poder enlatar na traseira da súa vivenda as ameixas que non daba vendido en fresco.

A pouco, o xove Peña asociábase co vilagarcián Agustín Pereira Fernández, e no 1934 constituían a empresa “Pereira y Peña” e comezaban a traballar coa marca “Pype” nunha pequena fábrica en Ponte da Barca (Castrelo, Ribadumia), na marxe esquerda do esteiro do río Umia. A sociedade vai disolverse no verán de 1940, e a fábrica véndese a Manuel Fernández Román, que traballará baixo o nome de “Conservas Perán”.

Dende 1936, Peña volverá a envasar no almacén da súa casa cambadesa do Brexo, á que chama “o fabriquín”. En 1943 solicitará licenza para construír unha fábrica nova a carón do peirao de Cambados. A fábrica, que non vai inaugurarse até 1948 acolle hoxe en día o Museu José Peña.

Namentres, no mes de maio de 1944, vai mercar a Ricardo Costas Moreno a fábrica que este tiña en Arealonga (Chapela, Redondela, que fora construida contra 1930 por José Ramón Curbera), o que lle permite duplicar o cupo de materias primas que establecérase na posguerra. Máis adiante, Peña construiría ao seu carón unha fábrica maior, que destaca aínda entre as construcións da zona, que especializaríase na elaboración de anchoa, amais de envasar marisco no seu tempo. Na década de 1970, a fábrica sería traspasada a Conservas Carballo (vid. ficha 274).

Na primaveira de 1957, Peña adquiría a fábrica de conservas de Ramón Nieto no Xufre (Illa de Arousa), e pouco despois recebía autorización do Ministerio de Industria para trasladala a Portonovo (Adina, Sanxenxo), que non tiña ningunha fábrica de conservas malia contar cunha importante flota sardiñeira. A nova fábrica vai sufrir a explosión dunha caldeira o 17 de novembro de 1962, co resultado de seis mortos e máis de cen feridos, sendo un deles o mesmo dono, José Peña Oubiña. Despois de más de un ano de hospitalización e varias operacións nas pernas para recuperar unha certa movilidade, o patrón ainda vai impulsar decisións estratéxicas, como a creación de Frigoríficos de Arousa ou a apertura dunha liña de conservas de bonito do norte en aceite de oliva, coa que vai ocupar o terceiro posto no mercado, tras Albo e Massó.

O 18 de xuño de 1966, á volta dunha longa viaxe para mercar bonito en Guetaria (Guipúzcoa), e despois de visitar as súas tres fábricas de Chapela, Portonovo e Cambados, José Peña Oubiña morre dun síndrome coronario agudo. O seu fillo, José Peña Domínguez, e Isidoro Pintos, o seu home de confianza, continuarán ao fronte da empresa familiar ata a conversión en 1972 en sociedade anónima, cando será o seu medio irmán, Ramón Peña González, quen asuma a dirección da empresa familiar.

A fábrica de Ponte Castrelo, na ribeira esquerda do Umia, pero no termo municipal de Ribadumia, que fora de José Peña, despois de Manuel Fernández, e agora rexentada polo empresario asturiano José Ernesto García Busto como “Conservas Perán”, é mercada en 1971 por Alfageme para especializala en sardiña, deixando a planta de Vigo para o atún tropical, e a de Meloxo (O Grove) para o mexilón.

En 1972 a empresa se transforma en “Conservas Peña, S.A.”, e en 1975 vende a fábrica de Chapela a “Conservas Carballo” e merca á banca a fábrica que fora de Joaquín Meléndez Bouzas, en O Preguntoiro (Vilaxoán, Vilagarcía), que vai inaugurarse en 1981 como a de meirande capacidade de toda a empresa.

En 1984 Conservas Peña presenta suspensión de pagos, que levantaría dous anos despois, malia o cal en 1993 comeza o abandono da fábrica de Cambados, que pecharía en 1996, concentrando a actividade na de Vilaxoán. Fernando Fernández Tapias (curiosamente, un dos fillos de Manuel Fernández Román) adquiriría a empresa cambadesa, vendéndoa no ano 2005 a “Inversiones Louredo”, un grupo inmobiliario de empresariado galego.

Actualmente a fábrica de conservas cambadesa está rehabilitada como Salón de Congresos e Exposicións, inaugurado o 25 de marzo do 2011, e conta cun pequeno museu no que pódese mirar o antigo despacho de José Peña Oubiña, e máis a maquinaria empregada para enlatar os produtos que alí elaboraban. Dispón tamén de paneis informativos sobre a historia da antiga fábrica e do sector da conserva en Cambados.

Descrición Xeral do Entorno:

A conserveira asentouse no porto de Cambados, nun entorno hoxe en día alterado polas modificacións portuarias e a urbanización da contorna.

Construcción:

1948.

Abandono:

1996.

Descrición:

A nova fábrica acomodouse a carón da mar, no peirao do porto de Cambados. De planta rectangular de 40 x 24 m, con alineación suroeste-nordeste e o cerramento posterior, fronte ao mar, no mesmo borde do peirao.

A nave foi construída en perpiaño e coa estutura interior metálica, a xeito de dúas naves xémeas acaroadas de 40 x 12 m. Na fachada posterior abríanse catro grandes ocos, divididos por cadanseu mainel en oito ventás abertas o mar; o paramento remataba na parte superior con dous frontóns curvados nos que líase “Conservas Peña”.

Na parte esquerda da fachada frontal levantabase unha segunda planta cadrada de uns 12 x 12 m de lado, con cuberta de tella a catro augas, que acollía as oficinas da empresa.

As instalacións foron totalmente desmanteladas e a fábrica reconstruida e acondicionada para o seu uso público como museu, congresos e exposicións.

Tempo de uso:

Dependendo fundamentalmente das mareas da pesca ou marisqueo dos produtos elaborados.

Sistema de produción:

Completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para proceder á preparación das conservas.

Para moitos veciños das conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das pezas en salmoira ou ben ao vapor. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoirado, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación da vianda. Persoal masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos.

Emprego:

Consonte datos de finais de 1969, a fábrica de conservas “José Peña Oubiña” contaba con setenta e seis traballadores.

Materias Primas:

Marisco e peixe, principalmente mexillón, ameixas e sardiñas.

Produtos Elaborados:

Conservas de mariscos e peixes.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Casanova, C., 1998. “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

López Rodríguez, M., 2011. “Los Peña de Cambados: y avanza y levanta, una y otra vez como la espuma del mar”, Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (dir. e coord.). Fundación Cluster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA, Pontevedra: Diputación de Pontevedra, p. 490-509. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Niese, H., 1942. “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 643-647.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 152-III Cambados // Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 515.191,79 m / Y 4.706.847,51 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].