326 Caleras del Ulla

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Pontecesures
  • Parroquia: San Xulián de Pontecesures
  • Lugar: Porto de Abaixo
  • Paraxe: A Calera
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.71870504341827
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.660531044006348
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 527.916,29 m / Y 4.729.845,43 m
  • Clasificación: Fabricación de cal
  • CNAE: 23.52 Fabricación de cal e xeso.
  • Tipoloxía: Caleira artesanal
  • Comarca: Caldas
  • Marco Xeográfico: Ribeira esquerda do esteiro do río Ulla no Porto de Pontecesures, no lugar hoxe coñecido como A Calera, no camiño que vai do mon
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Santiago de Compostela enfiaremos a estrada nacional N-550 (ou ben a autoestrada AP-9) cara a Padrón e Pontevedra. Xa en Padrón, continuaremos pola mesma estrada nacional N-550 cara a Pontevedra, e na mesma saída da ponte sobre o río Ulla, apartaremos á dereita pola rúa que discurre pola ribeira da vila de Pontecesures, e continuaremos pola ribeira bordeando a fábrica de Nestlé, até o límite da súa parcela, onde viraremos á esquerda pola rúa da Calera ata atopar os fornos da caleira.

Tipo de propiedade:

Propiedade

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Despois de quizais un millón de anos de asimilación do lume como axente externo e como idea, hai uns trinta mil ou corenta mil anos que os humanos comezaban coa domesticación daquela fonte de luz e calor. E entre a queimadura sufrida polo contacto cunha arbore abatida polo raio e o traslado dun cacho de madeira ardendo ao interior da cova puideran transcorrer cen mil anos.

A calor está presente na base de numerosos procesos de transformación da materia, dende a preparación dos alimentos ata a fabricación dos máis sofisticados materiais cerámicos. Deixou anotado Plinio O Vello na súa Historia Natural: “O lume toma a area e devólvenos xa vidro, xa prata…Polo lume derrétense as pedras e fanse bronce; polo lume faise o ferro… Co lume calcinase esa pedra que forma o cemento que sostén as casas por riba das nosas cabezas… Hai varias cousas ás que é conveniente expor máis dunha vez á acción do lume. O mesmo material orixinal é unha cousa despois da primeira exposición, outra despois da segunda…”

O forno configúrase así como a ferramenta básica que controla o lume e na que se xera a calor necesaria para que teñan lugar as transformacións da materia, e foron multitude os diferentes tipos de fornos que os humanos construíron para darlle resposta ás súas diferentes necesidades de transformación da materia, dende os fornos para coce-lo pan aos fornos de fusión e tratamento de materiais, pasando por suposto polos fornos de calcinación de minerais siderúrxicos e polos fornos de elaboración da cal.

Quentarse, mellorar o confort e espantar aos animais puido ser o primeiro paso na manipulación do lume. Viría despois a preparación dos alimentos, coa necesaria aparición do instrumento ou recipiente que facilita a acción do calor e é contedor moitas veces imprescindíbel. O fogar, un sinxelo círculo protexido por pedras, foi a primeira estrutura elemental na domesticación do lume.

Todo comeza a primeira vez que obsérvase con valor de pregunta o residuo que queda no lume dos seus fogares, fose barro endurecido, po branco ou nódulos metálicos: o humano primitivo comeza aquí unha busca que inda non rematou pero que foi deixando respostas e significados. O barro endurecido pola acción da calor daría paso á cerámica; o po branco levaría á preparación da cal e o xeso; e as brillantes gotas de metal fundido solidificadas en nódulos metálicos serían o comezo da metalurxia.

Téñense recollidas noticias do antiquísimo uso da cal (carbonato de calcio) e do xeso (sulfato de calcio), primeiro para o uso simbólico e decorativo daquel po branco, despois, xa en Babilonia como base para a realización de frescos e revocado de paredes. Fálase tamén do uso polos asirios dun cemento ou aglomerante feito de cal, area e calcaria triturada. Os exipcios empregaron o xeso finamente moído como estuco para decoración e como escaiola para unir bloques na pirámide de Keops. Na Anatolia e na India coñecíase asemade a cal na decoración e na construción. Atopáranse restos dun forno de cal do 2.500 a.C.

A cal –e o xeso– está presente en tódalas culturas dende os tempos máis remotos, e foran os romanos os que difundirían o coñecemento da argamasa, un morteiro elaborado con cal aérea, cal graxa, area e auga coñecido cando menos dende o século IV a.C. (opus caementicium) e amplamente empregado en todo tipo de obras nos dous séculos derradeiros da república o II e o I a.C.

O consumo de cal na Idade Media faise abundantísimo, tanto que nalgúns casos mesmo denunciase a contaminación nas vilas. No 1234 os homes libres de Newcastle foron autorizados para sacar “carbón de mar” (carbón mineral, pedra que se queima en razón do seu contido en xofre e materias graxas) que comeza daquela a empregarse nas caleiras en razón da escaseza de leña. No século XV fálase de certa clase de terra que arde como o carbón de leña.

En Galicia os peregrinos transportaban pedra calcaria de Triacastela ata os fornos de Castañeda (Figueiroa, Arzúa, Coruña), onde se fabricaba a cal para a construción da catedral santiaguesa.

Os primeiros fornos de cal serían moi semellantes ás carboeiras, construídos o ar amoreando pedra calcaria e combustible e cubrindo ben o conxunto con arxila para mante-la calor e impedir a entrada de aire.

A técnica da domesticación do lume correría parella coas diferentes tentativas que se foron desenvolvendo na construción de diversos tipos de fornos quer para a elaboración de cerámica, quer para a fabricación de cal ou a metalurxia dos diversos metais, perfeccionando en cada caso os deseños básicos de cada un deles para acadar a optimización dos procesos, tanto no que atinxe á calidade do produto final como no que respecta ao consumo de combustibles.

No canto da cal e das caleiras, os primitivos fornos de calcinación artesanal da pedra calcaria a partires do rudimentario braseiro no chan, foron desenvolvendo grandes estruturas cilíndricas verticais habitualmente escavadas aproveitando a configuración do terreo nas proximidades da canteira de calcaria, estruturas nas que se colocaban coidadosamente as pedras calcarias mesturadas coa leña formando internamente unha cúpula a xeito de falsa bóveda baixo a cal se prendía o lume que ía calcinar as pedras para convertelas en cal.

Estes fornos descontinuos, que pasarían do emprego da cada vez máis escasa leña á utilización do máis eficaz carbón de leña, primeiro, e á do carbón mineral, despois, evolucionarían cara aos fornos continuos, de meirande produtividade e menor consumo enerxético.

Estas caleiras foran estabelecidas en 1923 por Ramón Diéguez Carlés, baixo a razón social “Caleras del Ulla”. Diéguez, dunha familia de pequenos comerciantes, estudiara química e farmacia en Santiago de Compostela, e comezara a traballar en Madrid, no laboratorio dun dos mais importantes farmacéuticos do país, o licenciado santiagués José Casares Gil, precursor do desenvolvemento da química en España.

O 6 de febreiro de 1923, na solicitude da licenza de construción da fábrica, indicábase que o promotor tiña proxectado “construir dos hornos, uno de cocción de baldosa y artículos análogos y otro para calcinación de cuarzo pedernal y carbonato cálcico”. A caleira vai ser así o embrión da futura “Cerámica Celta”.

A materia prima era, posiblemente, de procedencia asturiana e chegaba en naves que descargaban inicialmente no peirao de Cesures, ata que máis adiante se construiu un mais preto da fábrica.

O cal producido utilizábase na construción e para o abono dos campos. Vendíase pola comarca e tamén chegaba ás cidades de Vigo e A Coruña.

Descrición Xeral do Entorno:

As instalacións que configuraran o conxunto da industria de fabricación de cal, acaroadas á que fora Cerámica Celta, localízanse na aba septentrional do chamado Monte do Porto, na ribeira esquerda do río Ulla tras o seu paso pola vila cesureña.

Construcción:

1923.

Abandono:

Década de 1940.

Descrición:

Os fornos, un previsto para a calcinación da pedra calcaria e do seixo pedernal, e para a cocción de baldosas e artigos similares o outro (ainda que os dous limitaríanse á cocción da calcaria), son unhas construcións tronco piramidais executadas con pedra do país labrada en cachotes. O interior dos fornos, coa labra das pedras máis cuidada que no exterior, ten unha sección aproximadamente circular, a xeito de cheminea, cunha capacidade de 50 a 60 metros cúbicos.

As instalacións van completarse con dous galpóns de planta baixa, de trinta metros de largo por dez metros de ancho.

Malia que nos comezos da industria a materia prima vai descargarse no peirao de Cesures, o propietario da caleira construiría un pequeno peirao de pedra a carón do forno, que permitiría desembarcar con comodidade as pedras calcarias e os materiais combustibles precisos para o desenvolvemento do proceso de calcinación. Ademais da venda local a pe do forno, a cal producida tamén sairía polo peirao cara aos destinos máis distantes.

Tempo de uso:

As caleiras primitivas traballaban nos meses de menos chuvias, entre xuño e outubro. O deseño dos fornos continuos, coas bocas de carga protexidas, habían de permitir traballar a meirande parte do ano.

Sistema de produción:

Na primitiva explotación a pedra calcaria (calcita, carbonato cálcico, CO3Ca) arrancábase na canteira e levábase a cocer en braseiros elementais preparados no chan ou nos fornos (as caleiras) dispostos con tal propósito a carón das canteiras.

A caleira, unha estrutura cilíndrica normalmente de uns catro ou cinco metros de altura e uns tres metros de diámetro interior no pe, era escavada na terra aproveitando a configuración do terreo nas proximidades da canteira de calcaria. Na base, no seu fronte tiña unha abertura ou porta, a boqueira, franqueada por uns saíntes de pedra a xeito de contrafortes a cadanseu lado, os brazos, e no interior un zócalo, a zapata, todo en derredor da parede interior e cun metro de altura sobre o chan.

As calcarias ou pedras de cal íanse pondo en fiadas encol da zapata e, ao chegar a certo alto, as fiadas ían estreitándose formando unha falsa bóveda que enchíase de calcaria por riba ata chegar á mesma cheminea do forno. Baixo a bóveda metíase despois a leña de toxo que se tiña preparada e púñaselle lume que cumpría manter prendido cerca de tres días, ata calcinar as pedras para convertelas en cal. Segundo Xaquín Lorenzo cada fornada viña consumindo uns cincuenta carros de toxo.

Se co forno ardendo ameazase chuvia tiñan que tapalo ben con xestas por riba, pois de chegar a auga ao cal que se ía formando no interior poderíase fende-lo forno e quedar inutilizado pola forte dilatación que sofre a cal viva (óxido de calcio, CaO) ao reaccionar coa achega e incorporación da auga para dar cal apagada ou cal morta (hidróxido de calcio, Ca(OH)2). Con posterioridade, a cal apagada vai reaccionando co anhídrido carbónico do aire (CO2) para cristalizar a xeito de carbonato cálcico (CO3Ca).

Rematado o proceso deixábase enfréa-lo forno e tirábase o cal con pás botándoa en cestos para vendela aos que alí ían a procurala ou para levala á venda ao seu destino final. O forno podía ser propio, mailo corrente, como se facía cos de cerámica, é que se alugase para preparar a fornada.

Ainda que supónse que procedía de Asturias, non sabemos o lugar certo de aprovisionamento da caleira de Diéguez, pero en calquera caso, a materia prima, a pedra de cal, tiña que chegar de canteiras posiblemente distantes xa que esta non é unha zona calcaria, o que sen dúbida tería unha importante repercusión no custo final do produto.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

En 1924 a fábrica empregaba a sete traballadores fixos, seis homes e unha muller.

Materias Primas:

Pedra calcaria, “mármol” (calcita, carbonato cálcico, CO3Ca).

Produtos Elaborados:

Cal viva (óxido de calcio, CaO).

Distribución e comercialización:

Local, comarcal e rexional. O cal producido utilizábase na construción e para o abono dos campos. Vendíase principalmente pola comarca, pero tamén chegaba ás cidades de Vigo e A Coruña.

Referencias Bibliográficas:

Bauer, G. (Georgius Agricola), 1556. De re metallica. Fasimil del Max-Planck-Institut für Wissenschaftsgeschichte (Instituto Max Planck para la Historia de la Ciencia) [en línea]. Dispoñible na Internet: http://libcoll.mpiwg-berlin.mpd.de [Último acceso 7 de abril del 2011].

Córdoba de la Llave, R., 2008. “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fernández Negral, J., 2009. Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II, Universidade da Coruña.

Fernández Palicio, A., 2010. As telleiras de Valga e comarca e as fábricas de cerámica (1850-1965), XV Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo (Valga, Pontevedra), Baixo licencia Creative Commons [en línea]. Disponible na Internet: http://www.tecnoloxiasapropiadas.wordpress.com/2012/10/09/hello-world/ [Acceso 13 abril 2014].

García Domínguez, R. (Borobó), 2003. O Cesures de Don Victor. Pontecesures: Concello de Pontecesures.

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo X: Hornos industriales, p. 1017-1076.

Lara Coira, M., 2010: “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os oficios: Caleiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 530-531.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Caleiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 95-97. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Meijide Pardo, A., 1996, “Descubrimiento y explotación de las calizas de Moeche por el mineralogista alemán J.A. Pensel (1806-1818)”, Anuario Brigantino, nº 19, p. 171-184, Betanzos. ISSN 1130-7625.

La minería de Galicia, 1991, Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. D.L. VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Schulz, G., 1835, Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país, Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Sada (Coruña): Ediciós do Castro.

Seijas Llerena, D., 2006. Feiras, industria, comercio e transportes no concello de Valga (1850-1930), Tesis doctoral inédita. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 120-IV Padrón // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 527.916,29 m / Y 4.729.845,43 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Data de Actualización:

27 xullo 2014