328 Talleres Breamo (CAMPEVA)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Pontedeume
  • Parroquia: San Pedro de Vilar
  • Lugar: Campolongo
  • Paraxe: Cruce da carreteira a Perbes
  • Dirección: Campolongo, 112 – 15614 Pontedeume (A Coruña)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.39531118635995
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.171736001968384
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 567.206,95 m / Y 4.805.285,17 m
  • Clasificación: Fabricación de maquinaria e taller mecánico
  • CNAE: 28.30 Fabricación de maquinaria agraria e forestal. 45.20 Mantemento e reparación de vehículos de motor.
  • Tipoloxía: Maquinaria agrícola
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Campolongo, na chaira meridional do Monte de Breamo, na ribeira esquerda do esteiro do río Eume
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Sairemos dende Ferrol cara á Coruña pola autoestrada AP-9, que deixaremos pasado o quilómetro 22 para sairmos cara a Pontedeume. Na redonda de Cabanas enfiaremos a estrada nacional N-VI cara á Coruña. Saíndo de Pontedeume e a pouco máis de dous quilómetros e medio, apartaremos á dereita pola carreteira AC-4802 que leva a Perbes. No mesmo cruce atópanse as que foran as instalacións de Talleres Breamo.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Mesmo na irreal proximidade das lembranzas, fican xa moi lonxe aqueles longos días do verán nos que os veciños xuntábanse para a sega, primeiro, e a malla, despois, apañando o trigo, o centeo e a cebada para o abasto doméstico do resto do ano. Tardiñas de po e suor, risas e algunha cantiga vibrante naqueles fundamentais traballos cooperativos da agricultura rural da nosa nenez.

Diante, guiados polo maioral, ían as cuadrillas de destemidos segadores; tralos homes, afanábanse as mulleres recollendo o cereal e facendo os mollos. E máis aló, no fondo do rego, os nenos agardabamos cos porróns de auga para refrescar e alentar aos traballadores.

Viña despois a malla, traballo tamén fatigoso que sempre había que facer nos días máis soleados e calorosos para mellor ser, que o pan non se cortaba ben si húmido. A terra e as lousas ardentes nas airas recibían o grao desprendido da palla cos golpes dos mallos; a calor, o po e as arganas dificultaban a vista e mesmo o respirar…

Un daqueles veráns chegaran os veciños con moito barullo, na compaña dun estrépito novo de golpes de madeiras e ferreganchos: chegaran as máquinas… Asombro un si es non es medoso de nenos e maiores cando un dos homes despois de andar fedellando no aparello arrancoulle como un trono distante e entón aquilo resollou e algunhas pezas comezaran a virar renxendo e facendo tremer a máquina enteira: comezara a mecanización do campo...

A introdución das máquinas no rural non trouxo a destrución do mesmo nin a fin do colectivismo agrario. Ben ao contrario, axudou a liberar a humanos, e mesmo aos animais, da escravitude do traballo directo da terra, reducindo a fame no mundo e descubrindo novas maneiras de traballo colectivo. Despois da ferramenta manual, a maquinaria agrícola pasou a ser elemento decisivo na cadea de produción de alimentos, dando emprego a numerosas persoas en moitos sectores conexos: o deseño, a fabricación, a reparación, o mantemento, a comercialización… Formas novas da cooperación no traballo que foron atopando o seu acougo no agro galego.

Non sei cando chegaría a primeira maquinaria para axudar no traballo nos campos. Porén si sabemos que xa na década de 1920 distintos organismos relacionados coa agricultura no entón chamado Ministerio de Fomento andaban enleados na mecanización e modernización do agro español. E daqueles tempos pódese aínda contemplar algún motor Lister fabricado en Dursley (Inglaterra) contra 1920, de un só cilindro alimentado por gasolina e que virando a 450 rpm daba 5 CV. Chegaran tamén motores De Dion-Bouton (París, Francia), Gudell (Berlín, Alemaña); con eles chegara tamén algún tractor Lanz (Manheim, Alemaña), McCormick (Chicago, Estados Unidos) ou Massey (Wisconsin, Estados Unidos). Destes anos cumpre sinalar a importancia do taller mecánico de Chavín (Viveiro), na que o mindoniense don José Manuel Barro González chegara a ter contra 1926 ata oitenta traballadores e vinte e seis aprendices dedicados á fabricación, montaxe e reparación de todo tipo de pezas e maquinaria mecánica para os sectores naval e automobilístico –e mesmo para un incipiente sector agrícola mecanizado– destacando nomeadamente as destinadas a autobuses, automóbiles e camións De Dion-Bouton, aínda que tiña tamén a representación doutras marcas (Delahaye, Brockway) e carrozaba chasis para todo tipo de marcas (Aclo, Leyland, Saurer, Mercedes, etc.)

Viñera despois o alzamento revolucionario de parte do exército contra da República, a desgraza da Guerra Civil, co seu ronsel de destrución de gran parte do aparato produtivo e a perda de cultivos e infraestruturas, ao que se xuntara unha climatoloxía adversa naqueles anos e que levou á recesión e ao estancamento económico en todo lo país na longa noite de pedra da posguerra, marcada pola política autárquica e intervencionista do novo réxime.

O intervencionismo do Estado no sector agrario consistira fundamentalmente no control da produción, da distribución e mesmo do consumo de produtos agrarios, controlándose os prezos a medio da fixación de copos de entrega obrigatoria aos organismos estatais creados ao efecto. Impuxéranse tamén taxas para a adquisición de medios de produción e materias primas, establecéranse superficies mínimas de cultivo, obriga de cavar novas terras…; en fin, unha política intervencionista e autárquica filla da necesidade, pero tamén da ilusión da autosuficiencia, que afundiu a economía e aínda a sociedade española nunha fonda depresión que deteriorou moitísimo as xa precarias condicións de vida daqueles tempos. Anos de grandes problemas de abasto de alimentos e de materias primas fundamentais, de racionamento do consumo, de estraperlo e de miseria, de illamento internacional e de exaltación nacionalista, de descapitalización do campo e de quebra do proceso de modernización que viña producíndose ata o comezo da guerra civil.

Neste cadro de tristura e miseria, algunhas esforzadas iniciativas miraban por axudar nas duras tarefas do traballo campesiño: amáñanse vellos motores, componse mal que ben a maquinaria enferruxada, e mesmo funcionan algunhas carrocetas OM fabricadas en Italia na década de 1930 e obsequiadas por polo xefe do estado italiano, Benito Mussolini, ao novo xefe do estado español, o ferrolán Francisco Franco. Os talleres de Barro en Chavín, militarizados durante a guerra, continúan na posguerra subministrando pezas de recambio de todo tipo para atender á gran demanda do mercado dos motores e vehículos de toda España, e coñecen nestes anos o seu máximo esplendor, chegando a ter un cadro de persoal de trescentos empregados e mesmo fabricando baixo patente francesa os gasóxenos MM, que producían a partir de madeira gas combustible para suplir a carencia de combustibles líquidos derivados do petróleo para os motores de camións e ómnibus, fundamentalmente.

Na outra estrema galega, Eduardo Barreiros Rodríguez, fillo do propietario da liña de autobuses de Ourense a Os Peares, comezara na metade da década de 1940 transformando os vehículos industriais rusos 3HC que quedaran en España nos anos da guerra civil, e adaptando con éxito os seus motores para traballar con gasóleo, patentando o seu procedemento contra 1951. A partires da primavera de 1954, a empresa familiar Barreiros Diesel “para fabricación de motores, camións e tractores” comezaba a súa andaina co motor EB-6, desenvolvido a partires dun modelo Perkins, que se montaría nas famosas carrocetas IPV (Industrias Puentenuevo Villaodrid) fabricadas nos talleres de A Pontenova (Lugo) por Miranda, Alonso e Fernández (MAFSA) que xa traballaran arreo amañando as vellas carrocetas doadas polo exército italiano … pero esta é outra historia.

Ademais dos Barreiros, no campo galego a mecanización medraba nos decenios de 1950 e 1960, non só coa achega de motores, tractores, camións e maquinaria fabricada noutros lugares como os procedentes de Industrias Fita (Figueres, Girona), Solé (Martorell, Barcelona), Motores Campeón (Montcada i Reixac, Barcelona), Motorrens (Reus, Tarragona), Motores Diesel Matacás (Barcelona), Tractores Españoles TESA (Barcelona), Díaz de Terán DITER (Zafra, Badajoz), Tractores SACA (licenciada en 1960 por la International Harvester Company para fabricar en Sevilla), Lanz Ibérica (de Manheim, Alemaña, pero desde 1960 en Getafe, Madrid), ou os Pegaso da Empresa Nacional de Autocamiones ENASA (La Sagrera, Barcelona), senón tamén da man e do enxeño de hábiles carpinteiros, ferreiros e mecánicos asentados en Galicia, que adaptaban, copiaban ou creaban maquinaria como aquela limpadora de cereal “feita en Lugo” por A. Vila Gandoy contra 1954, segundo reza a inscrición que nela figura.

Foran así mesmo moi destacadas as achegas ao agro galego dos produtos –e sinaladamente a malladora Ajuria– da fábrica alavesa de Araia que iniciara xa a comezos do século XX da man do bilbaíno Serafín Ajuria e o seu socio Segundo Aranzábal, a fabricación de maquinaria agrícola nas instalación que chegaran a ser contra 1954 a meirande fábrica española de maquinaria agrícola, con cerca de mil empregados nos talleres de Araia e Vitoria.

E cómo non lembrármonos daquelas malladoras do “sistema suízo” que nos anos 1960 fabricaban no seu taller de Mondoñedo (Lugo) os irmáns Leivas, ou da malladora “Campeva” que facían na mesma época os Talleres Breamo, en Campolongo (Pontedeume, A Coruña).

En fin, son moitas, moitísimas, as pegadas da mecanización na nosa historia agrícola, gandeira e forestal, sustento das nosas necesidades básicas que esperan da achega de traballos agarimosos para que non se perdan as súas lembranzas. E as ferramentas e as máquinas da labranza son merecentes de que lles conservemos e enxalcemos a memoria do singular papel que fixeron cabo de nós, na nosa vida, na nosa historia, na construción do noso país, facendo máis livián os nosos esforzos para tirar adiante da vida propia e da dos nosos.

No caso que nos atinxe, a historia comeza no ano 1939, cando don Robustiano Varela Allegue vai establecer en Campolongo (Vilar, Pontedeume) un obradoiro de carpintaría e ebanistaría.

Case unha década máis tarde, no ano 1947, vai aprobarse a patente de invención dunha máquina de mallar e limpar cereal. A patente outorgarase a favor de don Robustiano e de don José Juan Pérez Medín. Ámbolos dous inscribirían no Rexistro de Marcas o anagrama CAMPEVA, resultante de CAMpolongo+PErez+VArela, e que sería dende aquela referencia do produto e aínda da empresa mesma.

En 1950 comeza no taller de Campolongo a fabricación da “trilladora-aventadora Campeva”, cunha produción de seis a oito máquinas ao ano, ademáis dos traballos propios de carpintería e de reparación dos diferentes camións que, procedentes dos usos militares na Guerra Civil (1936-1939), viñan sendo dedicados a usos civís.

O 16 de abril de 1956 vai formalizarse a constitución da compañía mercantil “Talleres Breamo, S.L.”, da que serán socios don Robustiano Varela Allegue, don José Juan Pérez Medín, don Antonio Bouza Ameneiro, don Eugenio Coira García e don Jerónimo Barro Lage, quen vai ser o xerente da empresa. Entre os activos da sociedade atopábase unha ferraxería, que vai ser segregada e adxudicada a don Antonio Bouza Ameneiro, á vez que el é substituido na compañía por don Juan Ares Feal, que exercerá de xefe de ventas.

Naqueles anos, a promoción de calquera produto que demandase o mercado era ben complicada no medio rural. A estratexia comercial da empresa traballou con dous frentes tácticos: a publicidade directa, co aluguer dun camión para moverse polo país facendo demostracións da “Campeva” no tempo da malla (xullo e agosto); e a publicidade por correo, distribuíndo uns seis mil impresos tamaño cuartilla, pregados e franqueados con selos de dous céntimos de peseta.

Os datos do destinatario, unha vez pregado o panfleto e cerrado co propio selo de correos, escribíase a man, copiandoos do “Anuario Bailly-Baillière”, onde viñan clasificados por provincias, cidades, vilas e aldeas. Os destinatarios preferentes da publicidade eran os párrocos, os taberneiros, os barbeiros, os tendeiros, interlocutores privilexiados no ámbito rural.

Despois de varios anos de probas e perfeccionamento da “Campeva”, a empresa logrou un excelente coñecemento para a adaptación da máquina aos diferentes cultivos de cereais (avea, centeo e trigo) e ás variadas condicións de humidade existentes nos lugares nos que a máquina habería de traballar.
Tralo encargo dos clientes, a dilixencia e a prontitude na toma de decisións para a adaptación do deseño básico ás particularidades de cada caso eran críticas, xa que de non ser quen de dar solución a cada cliente nos corenta e cinco días de duración da colleita, o pedido perderíase ou tería que quedar para a campaña do ano seguinte. As campañas desenvolvíanse principalmente nos meses de xullo e agosto, aínda que houbese comarcas temperás, nas que comezaba en xuño (Valdeorras), e outras, tardías, nas que remataba en outubro (O Cebreiro).

Ante o éxito da “Campeva” e a louzanía do negocio, algúns clientes distantes e listos, convertéranse en vizosos revendedores da malladora eumesa, abrindo novos mercados na súa contorna, como ocorrera após as vendas feitas polo cliente don Manuel García Conde, veciño de Rubián (O Barco de Valdeorras) en Verín, Xinzo de Limia e Pedrafita do Cebreiro.

Acadado en 1958 o coñecemento técnico para resolver coa meirande eficacia a perfección do traballo en todo tipo de cereais e zonas, a demanda da “Campeva” medrou grandemente por toda Galicia adiante. A excelencia do servizo técnico, mobilizábel nas primeiras furgonetas Citroën adquiridas na fábrica de Vigo, e capaz de solucionar practicamente calquera problema en calquera punto da xeografía galega en vintecatro horas, contribuiu sen dúbida ao éxito da empresa.

Os crecente número de pedimentos das “Campeva” empurraron á reorganización das actividades empresariais, das súas estruturas e dos medios de produción, co obxectivo de chegar a fabricar cen unidades ao ano. En 1960 comezou a construción de novas naves industriais, e levouse ao cabo unha fonda reconversión do persoal, que vai evolucionar, baixo a dirección do eficaz Xefe de Taller don Ángel Losada Calvo, de carpinteiros a mecánicos.

En 1964 vai crearse un departamento comercial, consecuencia do contrato de concesión subscrito coa compañía de orixe estadounidense “John Deere Ibérica, S.A.” para a distribución dos seus produtos na provincia da Coruña. Ante o incremento do negocio en concesión, en 1965 fúndase en Santiago de Compostela “Maquinaria Agrícola del Noroeste, S.L.” (MAGRINO), que vai ser declarada en 1966 concesionario oficial de “John Deere” para o suroeste da provincia da Coruña.

As operacións comerciais eran financiadas por medio do “Crédito Agrícola”, e naqueles anos de precarios coñecementos no campo galego de mecánica e mesmo de conducción de vehículos, a empresa vendedora ofrecía aos compradores unha semana de formación nos talleres de Campolongo, actividade que vai desenvolverse intensamente entre os anos 1965 e 1977.

O ano 1969, coa venda das cen malladoras programadas xa comprometida no mes de abril, supón o cume da actividade de “Talleres Breamo, S.L.” na fabricación das malladoras-limpadoras Campeva. O cadro de persoal vai incrementarse ata os setenta e sete traballadores, que terán que traballar nese ano unha media de tres horas extraordinarias diarias para poder entregar tódolos pedidos. O programa de fabricación, estabelecido en cen unidades, tivera que elevarse até as cento cincuenta unidades; houbo de transformarse o sistema de montaxe en serie (co remate de vinte e unha malladoras cada dez días) ao montaxe en cadea (co remate de catro a oito malladoras diarias, axustado finalmente a cinco unidades diarias).

As malladoras-limpadoras Campeva vendéranse tamén alén de Galicia, dende o próximo Bierzo até as distantes provincias de Albacete, Cuenca e Valencia. Na década de 1970, sendo Director-Xerente da empresa don José Luis Cortizas Freijomil, exportáranse algunhas unidades da Campeva a Marrocos e a México.

A chegada entre 1975 e 1980 das primeiras máquinas colleitadoras (unha soa máquina que sega, malla, e limpa o gran, tirando a palla no chan para a recollida pola empacadora) deixou obsoleta ás malladoras. Porén, en “Talleres Breamo, S.L.” non se abandonou o deseño e construción mecánica, orientándose á fabricación de máquinas colleitadoras de forraxe para as pequenas explotacións agrícolas e gandeiras, e ao montaxe, adaptación, reparación e servizo postvenda da maquinaria consonte co contrato coa “John Deere Ibérica, S.A.”.

Novas máquinas preparadas para o seu acoplo aos tractores agrícolas foron deseñadas en Campolongo naquel novo periodo: o remolque autocargador; a segadora rotativa de dous tambores e acoplo frontal; a segadora rotativa de dous tambores e acoplo traseiro; a colleitadora de forraxe; e a trilladora-empacadora.

Na década de 1980 é tamén de destacar o acordo acadado con “John Deere” para adaptar a empacadora modelo 330 ás condicións viarias e de acceso ás fincas do noroeste español. As máquinas chegaban de Francia vía Irún, e nos talleres de Campolongo reducíase en uns 25 ou 30 cm o seu ancho orixinal, de uns dous metros e medio. As empacadoras así “estreitadas” despachabanse directamente de “Talleres Breamo, S.L.” aos concesionarios de Galicia, Asturias e norte da provincia de León.

Malia o esforzo de adaptación da empresa aos novos tempos, a integración de España na Comunidade Económica Europea e as tensións derivadas das determinacións da política común dos estados membros en materia de agricultura e de gandería, de marcado carácter intervencionista, van a marcar o devir de “Talleres Breamo, S.L.” nos seus derradeiros anos.

A organización común de mercados no sector do leite e dos produtos lácteos (Regulamento CEE/856/1984 do Consello) e a adopción do réxime de cotas lácteas e taxas suplementarias por exceso das producións asignadas (Regulamento CEE/857/1984 do Consello) orixinara tan grandes dificultades que a súa adopción en España non tería efectos prácticos ata o ano 1992, seis anos despois da integración.

As consecuencias da asignación a cada gandeiro dunha “cantidade de referencia individual” ou “cuota láctea” foran arrepiantes para o campo galego, facendo desaparecer entre 1990 e 1993 unhas vinte mil pequenas explotacións agricolas e gandeiras, os clientes principais de “Talleres Breamo, S.L.”.

Malia que algúns dos socios e dos traballadores loitaron polo mantemento da empresa, a manipulación dos sindicatos e o mangoneo da Consellería de Industria da Xunta de Galicia, fixeron imposible negociar un plan de viabilidade aceptable polas entidades financeiras, e a última empresa galega de maquinaria agrícola pechaba as portas definitivamente no mes de setembro de 1996.

Descrición Xeral do Entorno:

O taller edificouse no alto de Campolongo, na chaira meridional do Monte de Breamo, nos altos da ribeira esquerda do esteiro do río Eume.

Construcción:

Contra 1939 o primeiro taller.

Abandono:

No mes de setembro de 1996, polo cierre da empresa.

Descrición:

As primitivas instalacións ocuparan unha nave modesta a carón da carreteira de Campolongo a Perbes, e contaban coas ferramentas e maquinaria propias dun obradoiro de carpintería e ebanistería: serra de cinta, torno, cepilladora de grosos (regrosadora), molduradora (tupí), berbequí, trades, cepillos, martelos, formóns, gubias.

Unha pequena sección na mesma nave acollía a ferramenta requirida para as primeiras reparacións mecánicas. A sección de metal e mecánica vai ir medrando até arrombar case totalmente á primitiva carpintaría.

A transición da carpintería á mecánica obrigou á ampliación das instalacións con novas naves para almacéns e talleres, e á adquisición de nova maquinaria para os procesos de fabricación. A estrutura de nova fábrica vai ir medrando até contar con talleres de forxa e caldeiraría, xunto cos espazos para maquinaria, montaxe, axuste, soldadura e pintura.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso comeza polo deseño e o debuxo de detalle do produto a fabricar, construír ou reparar. Sigue entón a selección dos materiais precisos e a preparación das pezas a ensamblar. Remata o proceso produtivo co montaxe e axuste final.

Os traballos de fundición se contrataban a don Luis Redondo Morales en Villanueva del Campo (Zamora). No taller de Campolongo tallabanse despois os engrenaxes cónicos na fresa, e finalmente levabanse para os tratamentos térmicos ás instalacións de Ignacio de la Iglesia na Coruña (Metalúrgica Gallega).

O proceso de forxa supón o quecemento do material na fragua para o seu posterior traballo ou conformado por golpeo, temperado ou calquera dos diversos procedementos mecánicos existentes.

Os traballos de caldeiraría e chapa revisten menor complexidade, podendo resumirse no debuxo e marcado, corte, pregado, montaxe, axuste e acabado.
O roblonado, primeiro, e a soldadura, despois, completan, coa preparación de superficies e o pintado, o abano das principais tarefas desenvolvidas en Talleres Breamo.

A Campeva incorporou nunha soa máquina as funcións de malla do cereal e de limpeza do gran, que facíanse inicialmente separadamente e a man. A limpadora mecánica accionada manualmente foi un primer adianto; a malladora accionada por un motor separado foi o segundo; a integración motorizada de ámbalas dúas tarefas suporía o avance definitivo.

As malladoras para debullar o cereal da espiga levaban un cilindro metálico de uns dous metros de lonxitude, cunhas pezas estriadas dispostas lonxitudinalmente na súa superficie. O rápido xiro do cilindro sobre o corpo da máquina separaba o gran, que caía por una fenda ao nivel inferior. O movemento do cilindro produciao unha polea arrastrada por unha correa de coiro accionada por un motor de combustión interna dos chamados “estáticos”, situado a uns tres metros da malladora e independente dela.

Ademais da polea de arrastre do cilindro mallador, outra polea accionaba o espallador, un caixón cun mecanismo que levaba a palla fora da máquina despois de abaneala para que esparexara o gran que poidera levar.

O gran soltado polo espallador, xunto co que cae da malladora, mesturado con triscos de espiga e cachos de palla, vai caendo nas peneiras da limpadora, axitadas polo mecanismo que move unha terceira polea e sometidas a unha forte corrente de aire que impulsan unhas aspas colocadas nun tambor. As impurezas saen voando da máquina e o gran limpo “de po e palla” vai parar a un saco.

A Campeva levaban tres peneiras, dúas comúns e unha específica para adaptar o traballo a distintos grans e condicións de humidade, e podía traballar con avea, con centeo ou con trigo instalando a peneira máis axeitada ao cereal traballado.

Axiña a Campeva incorporaría un motor na propia malladora-limpadora. O motor elexido foi o Solé Diesel, fabricado en Martorell (Barcelona). Este robusto motor non levaba cable algún, pois os quentadores do combustible eran dous parafusos con mechas nas cabezas que introducianse directamente na cámara de compresión. O arranque facíase cunha manivela e o motor alimentabase automáticamente do depósito de combustible. O motor puña en movemento varias poleas e correas, que facían funcionar a malladora, o espallador e a limpadora.

A derradeira mellora na Campeva foi prescindir do motor na máquina, que agora podía conectarse directamente na toma de forza da que dispuñan os tractores agrícolas.

Actividades laborais:

Man de obra masculina en tódalas etapas do proceso. Persoal tamén masculino na atención da maquinaria e equipos, e nas oficinas da empresa. Man de obra cualificada (delineantes, mecánicos, montadores, axustadores, soldadores, pintores).

Emprego:

Na punta de traballo do ano 1969 acadaran a cota de setenta e sete traballadores (“produtores” chamábaselle daquela); a 31 de decembro do mesmo ano, contabilizabanse oficialmente cincuenta e catro operarios.

Materias Primas:

Madeira para serra. Colas, vernices e pinturas. Bruto de fundición para mecanizado. Chapas, perfís, tubos e eixes de aceiro, ademais de materiais para soldadura, pintura, etc. Maquinaria, pezas de maquinaria.

Produtos Elaborados:

Maquinaria agrícola, coa malladora-limpadora Campeva como produto máis destacado, xunto co remolque autocargador, a segadora rotativa de dous tambores, a colleitadora de forraxe, e a trilladora-empacadora.

Distribución e comercialización:

Rexional, nacional (Albacete, Cuenca, Valencia) e internacional (Marrocos, México).

Referencias Bibliográficas:

Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica [en línea]. Disponible na Internet: http://www.agamac.org [Acceso 1 agosto 2014].

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Casa Tendeiro [en línea]. Disponible na Internet: http://www.casatendeiro.com [Acceso 1 agosto 2014].

Córdoba de la Llave, R., 2008, “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fischer, G., 1942. “Maquinaria agrícola”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo III: Tecnología agrícola, sección II, p. 338-379.

Fraga Martínez, M., 14 de noviembre del 2008. Maquinaria Agrícola del Noroeste, S.L. (MAGRINO). Comunicación personal a Manuel Lara Coira; entrevista en Santiago de Compostela.

Fraga Piñeiro, C., 28 de julio del 2014. Talleres Breamo. Comunicación personal a Manuel Lara Coira; entrevista en Pontedeume.

Lara Coira M. “A maquinaria agrícola”. Vázquez Marey M (ed.) Historia Viva: Asociación de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (AGAMAC). Lugo: Asociación de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica, 2011. p.123-126. ISBN 978-84-695-1383-5.

Museo Etnográfico “Casa do Patrón” [en línea]. Disponible na Internet: http://museoetnografico.net [Acceso 4 agosto 2014].

Sernández López, A., El Varal: Museo etnográfico agrícola en Carracedo del Monasterio (León) [en línea]. Disponible na Internet: http://museoelvaral.blogspot.com.es [Acceso 4 agosto 2014].

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Traseira Rois, J.M., Motores, Tractores y Maquinaria Agrícola de Época [en línea]. Disponible na Internet: http://www.bosende.com [Acceso 1 agosto 2014].

Vázquez Vaamonde, M.C., 1995. La metalurgia en Galicia de los siglos XVIII al XX: ferrerías, fundiciones y forjas. Departamento de Historia II, Área de Historia Contemporánea, Tesis Doctoral dirixida por Ramón Villares Paz, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 20 abril 2014].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-III Pontedeume // Datum europeo 1950 (ED50) Fuso 29 // X 567.206,95 m / Y 4.805.285,17 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1960. De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Data de Actualización:

4 agosto 2014