363 Buque “Bernardo Alfageme”

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: San Martín de Coia
  • Lugar: Coia
  • Paraxe: Avenida Castelao, confluencia coa Rúa do Grove
  • Dirección: Avenida Castelao, confluencia coa Rúa do Grove
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.218364419171905
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.744099483367904
  • Coordeadas UTM: Datum Europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 521.228,50 m / Y 4.674.281,32 m
  • Clasificación: Buque pesqueiro
  • CNAE: 03.11 Pesca mariña (Pesca de altura).
  • Tipoloxía: Arrastreiro para pesca de altura (Fishing Trawler)
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Barrio vigués de Coia
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: En Vigo, localizaremos a Avenida Castelao e camiño da praia de Samil, na rotonda na que conflúe a Rúa do Grove, atópase o barco varado da que fora a primeira conserveira española.

Tipo de propiedade:

Pública (municipal)

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Contra o ano 1910, o empresario conserveiro Hermenegildo Alfageme (vid. ficha 344), con fábrica en Candás (Asturias), instalaba unha pequena fábrica de conservas na Punta de San Gregorio, na praia de Coia (Vigo). No ano 1914, a empresa rexistraba a que sería a súa marca estrela: ¡¡Miau!!

En 1920 a fábrica viguesa de Alfageme trasladabase de maneira provisoria ao barrio do Areal, coa idea de construir en Bouzas, cerca do vello emprazamento de Coia, unha gran fábrica de conservas, que, proxectada polo arquitecto Manuel Gómez Román en 1928, vai converterse no emblema da empresa e nunho dos símbolos da industria local.

Xa nos comezos da década de 1930, a fábrica de conservas de Alfageme era das principais de Vigo, e enlataba sardiña, principalmente, e tamén cefalópodos (lura, pota e xiba) e moluscos (ameixa, mexillón e berberecho).

A traxedia da Guerra Civil, co fusilamento en 1937 en Gijón do seu pai, Bernardo Alfageme, e do seu fillo, Hermengildo Alfageme del Busto, decidiron a Hermenegildo Alfageme Fernández ao abandono da actividade empresarial en Candás, centrándose exclusivamente na factoría de Vigo.

En 1941, a empresa adquiriu dos grandes vapores construídos nos estaleiros Freire en 1929, para a pesca no Gran Sol, aos que se uniría en 1946 un moderno pesqueiro de aceiro con motor Diesel, construído nos estaleiros Barreras e que levará o nome de “Bernardo Alfageme”. Nese ano de 1946, a empresa viguesa convértese en sociedade anónima, figurando Antonio Alfageme del Busto como seu director xeral.

Á morte de “don Hermene”, en 1962, Conservas Alfageme tiña 198 traballadores censados na planta de Vigo, e 119 na que construíra en Algeciras na segunda metade da década de 1950. Os seus fillos, Antonio e Braulio Alfageme del Busto quedan ao cargo dunha empresa que ten unha difícil situación financeira. Dende 1967, o fillo de Braulio, Braulio Alfageme de Riva, será o principal executivo da empresa familiar ata a súa morte en 1991.

Na difícil década de 1970, Braulio Alfageme de Riva vai orientar a empresa ás conservas de cefalópodos e de moluscos, pechando a fábrica de Algeciras, adquirindo novas factorías en Galicia e especializando as producións. En Meloxo (O Grove), envasará mexillón, berberecho e lura baixo a razón social “Mariscos San Cayetano”; en Ponte Castrelo (Cambados), traballará a sardiña; e na fábrica matriz de Bouzas (Vigo), o atún tropical. En 1988, Alfageme era a terceira do sector, tras Garavilla e Calvo.

En 1991 morría Braulio, facéndose cargo o seu irmán Bernardo da dirección xeral, morto en 1999 e a quen sucederá o seu sobriño, Braulio Alfageme Pernas. Malia as boas perspectivas da empresa, a posición de algúns accionistas non executivos, desconformes coa retribución do capital, levará á desaparición de Conservas Alfageme no ano 2006.

O buque “Bernardo Alfageme”, dado de baixa xa en 1988, estivo varios anos en estado de abandono. Polo seu valor patrimonial, foi cedido ao Concello de Vigo no ano 2000.

Despois duns anos de varada para diversas reparacións, o buque tornou á mar, permanecendo amarrado no porto de Bouzas.

A Concellaría do Patrimonio Histórico do Concello de Vigo acordou a exposición do buque “en el espacio público que se determine, en tierra y próximo al litoral". As dificultades para atopar un emprazamento en terra levaron ao Concello a propor a cesión ao Museo do Mar, que rexeitou a oferta.

Finalmente, o Concello decidiría situar o buque en terra, na rotonda de Coia.

Descrición Xeral do Entorno:

O lugar elixido para emprazar o buque foi a Avenida Castelao na súa confluencia coa Rúa do Grove, en Coia, nun entorno totalmente urbano e alleo as actividades do vello pesqueiro de altura.

Construcción:

1944.

Abandono:

Causo baixa no seu porto base de Marín en 1988.

Descrición:

O “Bernardo Alfageme”, con matrícula VI-5, folio 6587, da lista terceira, é o único barco de arrastre da primeira metade do século XX para a pesca de altura, que aínda se conserva, constituíndo un elemento senlleiro do patrimonio industrial de Galicia.

Foi construído no estaleiro “Hijos de J. Barreras” (vid. ficha 249) en aceiro remachado, cunha eslora total de 32 metros (27’5 m entre perpendiculares), 6 m de manga e 2’47 m de puntal. Cun arqueo de 167 toneladas de rexistro bruto, tiña Marín como porto base, e, con catorce tripulantes, ía ás mareas ao Gran Sol, aínda que nos derradeiros anos de traballo pescou ao arrastre no sur de Portugal.

O seu motor, un Diesel de seis cilindros, con 260 mm de carreira e 330 cabalos de potencia, fora tamén construído nos talleres de “Hijos de J. Barreras”, baixo patente da empresa holandesa Werkspoor. En condicións de traballo, o motor permitíalle ao barco alcanzar unha velocidade de nove nos.

O buque foi dado de baixa en 1988.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose ás mareas de pesca.

Sistema de produción:

A pesca de arrastre baséase no emprego dunha rede a xeito de bolsa moi aberta pola boca que vai estreitando e que remata nun saco (o cope) ao que vai parar o peixe. A rede leva flotadores na parte superior e vai lastrada na inferior, e mantense aberta a unha certa profundidade mentres é remolcada polo buque pesqueiro (ou por dous buques, cando a pesca é “á parella”), barrendo as augas e atrapando todo o que atopa polo camiño. Polo tanto, trátase dun arte activa, que non se basea nos movementos dos peixes para a súa captura, e non selectiva.

Ademais de contar con motores adecuados para a potencia requirida pola velocidade de arrastre, o buque vai dotado con máquinas e equipos para poder izar o cope a bordo.

As redes de arrastre poden calarse polo costado ou pola popa, segundo o tipo e dimensións do buque. Os cables de arrastre da rede pasan polos motóns pendurados dos pescantes do buque (un a proa e outro a popa, nos arrastreiros de costado; ou os dous a popa, nos arrastreiros de popa). A rede leva na boca as portas de arrastre, uns dispositivos que se afastan un do outro ao moverse pola auga, co que manteñen a rede ben aberta mentres o buque navega.

Unha vez está o cope cheo, cóbrase a rede coa pesca e ízase a bordo, baleirando o peixe na bodega. Completadas as capturas, os barcos entregan no porto a súa pesca, ben para fresco, ben para procesado, e retornan ao seu porto base ata unha nova marea.

Actividades laborais:

Man de obra masculina nos traballos de cuberta, na atención da maquinaria e no goberno do buque.

Emprego:

Catorce traballadores.

Materias Primas:

Peixes, principalmente bonito del norte (Thunnus alalunga).

Produtos Elaborados:

Peixe para a industria transformadora (principalmente bonito del norte, Thunnus alalunga).

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Casanova, C., 1998. “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Hein, H., 1942. “Arquitectura naval”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo I: Medios de transporte, sección I, p. 1-87.

Laudahn, W., 1926. “Máquinas marinas”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo II, capítulo IV: Construcción naval, sección II, p. 839-918.

Laudahn, W., 1942. “Máquinas marinas”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo I: Medios de transporte, sección III, p. 106-189.

Meyer, F.V., 1926. “Arquitectura naval”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo II, capítulo IV: Construcción naval, sección I, p. 733-839.

Rodríguez Rodríguez, M.R., 2011. “Los Alfageme: la saga de una gran marca, Conservas Miau”, Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (dir. e coord.). Fundación Cluster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA, Pontevedra: Diputación de Pontevedra, p. 306-331. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo // Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 521.228,50 m / Y 4.674.281,32 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en línea] Disponible en Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1964. De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Data de Actualización:

21 decembro 2014