375 Central de As Pías (Industrias Núñez)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Irixoa
  • Parroquia: San Salvador de Coruxou
  • Lugar: As Pías
  • Paraxe: Portobó
  • Dirección:
    Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.25208048724794
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.115175113555892
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 571.955,36 m / Y 4.789.388,60 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Turbinas hidráulicas
  • Comarca: Betanzos
  • Marco Xeográfico: Ribeira dereita do río Mandeo, augas arriba do coto de Chelo
  • Ámbito: Rural
  • Acceso:
    En Betanzos cóllese a estrada CP-0905 cara a Paderne e Irixoa. A uns catro quilómetros e medio apartaremos á dereita, cara a Vilamourel e Vigo, continuando polo encoro do Zarzo a Coruxou, dende onde poderemos descender ata a Área Recreativa das Pías, onde estivera a central hidroeléctrica.
  • Tipo de propiedade: Pública
  • Visitable: Agora é un área recreativa

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Nova York a primeira central eléctrica, subministrando corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares.

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1887, cando o enxeñeiro serbio-croata Nikola Tesla, descubridor en 1882 do campo magnético rotatorio e emigrado a Estados Unidos en 1884, conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna, o motor de indución. Coa axuda financeira de George Westinghouse faría a primeira demostración das vantaxes da iluminación con corrente alterna na Exposición Universal de Chicago de 1893, e nese mesmo ano construiría nas cataratas do Niágara a primeira central hidroeléctrica da historia. A demostración abriría a porta fronte á corrente continua á moito máis adaptable corrente alterna, e pouco despois chegaría a definitiva consolidación.

A industria eléctrica en España comeza cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narcis Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

En Ferrol a “Sociedad Anglo Española de Electricidad”, fundada en Barcelona en 1882, inauguraría en 1883 a iluminación do Arsenal coa electricidade xerada nunha pequena instalación termoeléctrica, e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo para a subministración do alumeado público, cunha potencia de setenta e cinco cabalos de vapor e duascentas cincuenta lámpadas instaladas pola cidade.

Esta primeira instalación sería seguida por outras iniciativas semellantes na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896).

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas son de pequeno tamaño, non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central eléctrica para alumeado e forza nas súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xuvia (Neda), cunha hidroeléctrica; e “La Primera Coruñesa”, na Coruña, cunha termoeléctrica.

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior ós 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” estruturadas en torno ó Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955.

Finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade e A Fervenza a comezos do século XX.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA.

Descrición Xeral do Entorno:

A central situárase na ribeira dereita do río Mandeo, case no límite do termo municipal de Irixoa co de Paderne que marca o rego das Pías, e co estribo esquerdo da presa no termo municipal de Coirós.

Construcción:

1901.

Abandono:

Trala absorción en 1961 por “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA), a central das Pías deixaría de producir pola baixa rendibilidade e as dificultades de ampliación.

Descrición:

O 14 de xuño de 1894, o enxeñeiro José López-Cortón Viqueira solicitaba do Concello de Betanzos a instalación do alumeado público da cidade por medio da enerxía eléctrica, estabelecendo para elo a sociedade comanditaria “J.L. Cortón y Cía.” (vid. ficha 240 Fábrica da luz de Betanzos).

Para obter a forza motriz necesaria, Cortón falara cos señores de Teijeiro, propietarios dos muíños fariñeiros de Chelo, no río Mandeo. Con todo, decidiría finalmente instalar no edificio que empezara a construír en maio de 1895 na Finca da Pesqueira, a carón dos xuncais da Ponte Nova de Betanzos, un motor de vapor de trinta cabalos “de 740 Watt” (é dicir, de uns 22 kW) alimentado por unha caldeira de carbón. A máquina de vapor arrastraba unha dínamo de Gramme e a corrente continua xerada distribuíase por fíos de cobre.

O contrato do alumeado público da vila de Betanzos lle sería adxudicado o 16 de marzo de 1899, e co aumento da demanda, a produción de electricidade iría medrando dende os 45 kWh diarios de 1897 aos 135 kWh diarios de 1902.

Outro empresario betanceiro, Antonio Núñez Piroto, conseguía o 22 de outubro de 1900 a concesión a perpetuidade "para derivar del río Mandeo en el punto de As Pías o Porto Boo, Ayuntamiento de Irijoa, 1200 litros de agua por segundo de tiempo mediante una presa para producir energía eléctrica transportable y destinada a alumbrado e industrias".

Na primavera de 1901 os adiñeirados irmáns Juan e Jesús García Naveira incorporábanse como socios á compañía “Núñez y Cía.”, promovida pola banca “Hijos de A. Núñez” e que estaba a construír a central hidroeléctrica das Pías, no termo municipal de Irixoa. A central levaba maquinaria procedente de Solingen (Alemaña) e as instalacións incluían unha ponte sobre o río Mandeo para acceder dende o limítrofe termo municipal do veciño Coirós.

No mes de xullo de 1901, os donos do salto de As Pías, adquirían a Cortón a fábrica de electricidade e a serraría electromecánica anexa, e o 26 de agosto facíanse cargo do contrato de subministro que tiña co municipio. En adiante, “Núñez y Cía.” vai subministrar a electricidade dende a súa central hidroeléctrica de Irixoa, substituíndo a forza motriz da central termoeléctrica de vapor da Ponte Nova, á que o consumo diario de oitocentos quilogramos de carbón convertera en excesivamente gravosa e pouco competitiva no crecente mercado eléctrico. A nova empresa eléctrica, rexistrada dende 1930 como “Industrias Núñez, S.L.”, mantería a vella fábrica da luz como centro de distribución eléctrica e, ata a súa absorción por Fenosa en 1961, sería a produtora e distribuidora de electricidade en Betanzos e redonda, abarcando moitas aldeas dos termos municipais de Irixoa, Aranga e Coirós.

A central comezou coa concesión dos 1.200 litros por segundo aproveitados nun salto de 15 metros, cunha potencia de 144 quilovatios. As modificacións no deseño permitiríanlle acadar en 1923 unha potencia de 328 quilovatios.

O 8 de agosto de 1961, “Industrias Núñez, S.A.”, titular da central hidroeléctrica das Pías, cedeuna a “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA), nunha operación máis do proceso de absorción das empresas eléctricas da rexión que estaba a levar a cabo a empresa de Barrié dende o remate da Guerra Civil española (1936-1939). O novo titular da central das Pías non tardaría en deixala fora de servizo pola baixa rendibilidade derivada da súa modesta potencia e das dificultades dunha ampliación.

Coa ampliación da central hidroeléctrica do Zarzo, a central das Pías foi desmantelada para instalar no seu emprazamento un área recreativa de propiedade municipal, á que só é posíbel acceder a pe ou en bicicleta. Mantívose como pegada da vella central a tubaria de presión que levaba a auga ás máquinas e os muros de contención e protección da támara ou noiro.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” en construírse (despois de 1873) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha turbina e unha dínamo de corrente continua nun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ao seu emprazamento.

Naqueles casos en que a enerxía hidráulica resultaba dificilmente accesible, instaláranse centrais termoeléctricas baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor, alimentadas en ámbolos dous casos por carbón, consumido no gasóxeno, no primeiro caso, e na caldeira, no segundo.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos, axiña predominaran as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Pronto deseñaríanse e construiríanse instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o transporte económico da enerxía até os puntos de consumo.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) de accionamento dos alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas tipo Pelton e as turbinas tipo Francis.

No caso de As Pías, as instalacións, deseñadas cun salto de 15 metros para un caudal de mil douscentos litros por segundo, contaban con dúas turbinas iguais tipo Francis de eixe horizontal, que arrastran cadanseu alternador sincrónico trifásico.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, L.; Lindoso Tato, E.; Vilar Rodríguez, M., 2008. Construyendo empresas: la trayectoria de los emprendedores coruñeses en perspectiva histórica, 1717-2006, 2 vol., A Coruña: Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC). D.L. VG-1476-2008.

Alonso Álvarez, L.; Lindoso Tato, E.; Vilar Rodríguez, M., 2008. “El holding Núñez de Betanzos, 1840-1975”, Construyendo empresas: la trayectoria de los emprendedores coruñeses en perspectiva histórica, 1717-2006, 2 vol., A Coruña: Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC), vol. 1, p. 161-185. D.L. VG-1476-2008.

Bolstorff, H., 1942. “Alumbrado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 936-965.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

García Fontenla, R. (ed.), 1990. Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell, Unión Fenosa, Madrid. D.L. M-45870-1990.

Kesten, P., et al., 1942. “Electrotecnia”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VII, p. 966-1227.

Kyser, H., 1930. Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini, Barcelona: Editorial Labor.

Ministerio de Fomento, 1931. Centrales eléctricas de más de 500 kVA a fines de 1930 (anejo y mapa de la publicación de 1931), Madrid: Consejo de la Energía del Ministerio de Fomento.

Pena Espiña, X., 1986. A formación do sector eléctrico en Galiza (1900-1925) e a Sociedad General Gallega de Electricidad. Tese de licenciatura inédita. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

Torres Regueiro, X., 1997. “A chegada da luz eléctrica a Betanzos”, Anuario Brigantino, nº 19 (1996), p. 185-194, Betanzos. ISSN 1130-7625. [en línea]. Disponible en Internet: http://anuariobrigantino.betanzos.net [Último acceso 31 de diciembre del 2012].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 46-I Paderne // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 571.955,36 m / Y 4.789.388,60 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en línea] Disponible en Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Data de Actualización:

24 xullo 2015
Xunta de Galicia Ministerio de Industria, Turismo y Comercio Plan Avanza FEDER