422 La Aurora (Alejandro Carreño)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Noia
  • Parroquia: San Martiño de Noia
  • Lugar: Noia
  • Paraxe: Malecón de Gasset
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.782611804388566
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.88963858964155
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 509.152,62 m / Y 4.736.900,81 m
  • Clasificación: Fabricación de conservas de peixe
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Conservas de mariscos e peixes). 10.11 Procesado e conservación de carne. 10.12 Procesa
  • Tipoloxía: Salga, escabeche e conserva hermética en frascos de vidro e envases metálicos
  • Comarca: Noia
  • Marco Xeográfico: A conserveira sitúase na ribeira dereita do esteiro do río Traba, xa na desembocadura deste na ría de Muros e Noia.
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: Dende Santiago de Compostela nos dirixiremos á vila de Noia. Unha vez alí encamiñarémonos pola estrada AC-550 cara a Boiro. No tramo ribeirán coñecido como Malecón de Gasset localízase o edificio que albergou a conserveira de Alejandro Carreño, coñecida por “La Aurora”.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente, aínda que pouco mais hai que o solar.

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A conservación dos alimentos foi una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas) téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nun vello salgadoiro; en Bueu apareceron restos de salgadoiros e ánforas de barro romanas; e en Noville (Mugardos) estudárase unha completa e señorial industria romana de salga.

Na Idade Media están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ó aire con destino aos portos cantábricos, portugueses e andaluces. Tamén se constatan no século XVI os envíos de ostra escabechada á veciña Castela.

Aínda que os diferentes portos galegos xa despachaban a Levante importantes cantidades de sardiña ó longo do século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o comercio con Inglaterra.

Coa falta de abasto nos seus mercados e de mercados foráneos para os seus produtos, os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares, e as primeiras vagas de comerciantes cataláns que recalan nas costas galegas por mor de vender viños, augardentes, aceites e xabóns, e mercan para os retornos sardiña que preparan cos métodos de salgadura desenvolvidos no Mediterráneo, ocorren a partires de 1750, aínda que só permanecen acó entre abril e decembro –a tempada da pesca da sardiña– tornando despois ao Levante ata a seguinte campaña, que chamaban “costeira”.

As primeiras actividades comerciais desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados a carón do mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” aos mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceite, xabón…) e bacallau danés.

A primeira etapa remata trala ocupación francesa, e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade dos salgadoiros, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca.

Tres foron as innovacións introducidas polos fomentadores cataláns: as redes de arrastre (a xávega) máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco (chinchorro, traíña, xareta); as novas técnicas de salgadura (o salpresado fronte ó escochado); e os novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns. As novas e máis produtivas técnicas de pesca foron inicialmente rexeitadas polos gremios galegos, preocupados polo esgotamento dos recursos mariños e partidarios dunha pesca sustentábel.

A esterilización do peixe e o seu posterior envasado en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde, é unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura. O procedemento, que fora descuberto en Francia na década de 1820, adoptárase na Bretaña a altura de 1840, e chegara ao seu cume a finais do século, cando a soldadura manual das tapas por estañado ía sendo substituída polo “sertido” ou peche mecánico por compresión das pestanas que levaban o corpo do envase e a súa tapa, cun ariño de goma para garantir a estanquidade.

A primeira fábrica española de conservas herméticas de pescado foi a que en Oviedo establecera José María Tubiano no ano 1828, á que axiña seguirían outras dúas, tamén en Asturias, e, xa en 1836, a de Francisco Zuloaga na Ponte Gaiteira (Oza, A Coruña). Dende 1850 van establecerse máis conserveiras, pequenos talleres que envasaban manualmente en frascos de vidro sardiña, pescada, ollomol, ostras, caza, verduras e froita, e que chegarían a seren corenta contra 1880, das que trece estaban en Cantabria, dez no País Vasco, nove en Asturias e sete en Galicia.

As primeiras conserveiras galegas tiñan unha produción diversa (dende sardiñas en aceite a lingua de vaca) e moi pouco especializada, con procesos maioritariamente manuais. Nestes primeiros anos, na elaboración dos produtos empregaban como envase, primeiro, frascos de vidro, e, deseguido, folla de lata de importación, pechándose as latas con soldadura manual. Frascos e latas esterilizábanse despois ao “baño maría” en caldeiras abertas. Estes pioneiros foron Zuloaga (Oza, 1836), Pelletier (Coruña, 1853), Carreño (Noia, 1856), Curbera (Vigo, 1861, vid. ficha 267), ou “La Noyesa”, de Joaquín Caamaño (1874, vid. ficha 368), aos que seguirían moitos outros.

Pódese considerar como a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento en 1879 Juan Goday Gual na Illa de Arousa (vid. ficha 124), cun edificio construído expresamente para contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do proceso produtivo “ao estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

Descrición Xeral do Entorno:

A conserveira sitúase na ribeira dereita do esteiro do río Traba, xa na desembocadura deste na ría de Muros e Noia.

Construcción:

1856.

Abandono:

Sen datos, pero posterior a 1908.

Descrición:

A fábrica de conservas alimenticias “La Aurora” ten a súa orixe no ano 1856, cando Alejandro Carreño establece a razón social “Alejandro Carreño e Hijos”, dedicándose a elaboración de escabeches e salgas.

O secado, a salga, o afumado ou o escabechado dos alimentos eran faenas que se desenvolvían nas propias vivendas. Nos baixos ou semisotos das casas localizábanse os lagares, as pías de salgar, os fumeiros, e alí desenvolvíase todo o proceso de preparación. Como recolle Elisa Ferreira (1988), en Noia estes conxuntos, situados na periferia da vila, chegaban a formar pequenos complexos industriais e recebían a denominación xeral de “casas de salar e arengar sardiña”.

Descoñecemos calquera dato referente a procedencia de Alejandro Carreño e o seu interese nos modernos procedementos de conservar os produtos do mar e da terra. Sabemos que instalara a súa industria na ribeira de poñente da vila, no que coñécese hoxe como Malecón de Gasset. Afastado do centro, edificou as súas instalacións dacabalo dos restos da muralla medieval, seguramente aproveitando pedras da mesma, previo pago do seu importe ao concello, segundo os usos daqueles tempos.

A localización do seu asento ten como referencia a esquina da rúa Lope de Mendoza co dito Malecón de Gasset, e no lateral dos restos aínda existentes figura un escudo dos Fonseca, procedente da porta da muralla que se abría neste lugar. E na outra beira da rúa, fronte do escudo, pódense mirar pola fiestra do baixo do edificio que alí hai, os restos que da referida muralla alí se atoparon durante a excavación para a súa construción.

Aínda que polo de agora carecemos de máis información, é de supor que, andando o tempo, “La Aurora” modernizaría as súas primitivas instalacións seguindo o modelo que establecera Juan Goday en 1879 na súa fábrica da Illa de Arousa (vid. ficha 124), substituíndo o “baño de María” polos autoclaves, abandonando o envasado en frascos de vidro e dedicando unha sección da industria a taller de cuñado da chapa metálica e fabricación dos envases de folla de lata. Tería ademais que instalar o sistema de fabricación do gas pobre necesario para os sopretes de soldadura dos envases.

En calquera caso, a industria debeu prosperar nos anos do cambio de século, pois ademais de recibir mencións e galardóns en diversas exposicións, chegou a contar cunha sucursal en Portosín.

Descoñecemos tamén as razóns e circunstancias que levaron a desaparición da fábrica de conservas “La Aurora”, quizá problemas sucesorios ou de competencia coa outra gran conserveira local, “La Noyesa” (vid. ficha 124). O caso é que de 1908 en adiante non atopamos noticias nin referencias desta pioneira da conserva hermética en Galicia.

Tempo de uso:

Dependendo fundamentalmente das mareas da pesca ou do marisqueo dos produtos elaborados, e da tempada de caza no caso da volataría.

Sistema de produción:

No canto dos produtos con máis peso na produción (as sardiñas), completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para proceder á preparación das conservas.

Para moitos veciños das conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado. Nas modernas fábricas, o proceso facíase xa no interior delas.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co fritido en aceite “ao estilo de Nantes” ou o cocido das pezas en salmoira ou ben ao vapor. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos (ou as carnes e a volatería, de se lo caso) xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión (engastado). As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

No caso das primeiras conserveiras galegas, como se ten dito, a produción era tan pouco especializada como diversa (pescados, moluscos, caza, carnes, froitas, verduras), e con procesos maioritariamente manuais. Os produtos envasábase en frascos de vidro (nos primeiros tempos) ou en recipientes de folla de lata que importábanse de Francia ou de Inglaterra, pechándose con soldadura manual. Frascos e latas esterilizábanse despois ao “baño maría” en caldeiras abertas.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación da vianda. Persoal masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Peixes e mariscos, principalmente sardiña, pero tamén mexillón, ostra, ameixa, berberecho, polbo, ollomol.... Tamén caza (perdiz, lebre, pato...) e carnes de polo, tenreira, vaca e porco.

Produtos Elaborados:

Conservas de sardiñas, e tamén de mariscos, peixes de mar e de río, carnes e aves en variadas preparacións. Na oferta comercial recollida na publicación “El Progreso industrial y mercantil” podemos ler “Gran fábrica La Aurora, Noya (Coruña). Es tal la diversidad de clases que esta fábrica prepara de aves, carnes y pescados, que no sería suficiente el espacio de que disponemos para detallarlos todos; así que, rogamos a nuestros favorecedores nos pidan catálogo que muy gustosos mandaremos”.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

ABC, edición Madrid, 1908. “Recompensas obtenidas en la Exposición Hispano-Francesa de Zaragoza. Medallas de oro: Alejandro Carreño e Hijos – Noya y Portosín (La Coruña)”, ABC, 25 noviembre 1908, p. 15

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Casanova, C., 1998. “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Fernández González, A.I., 2011: “Conservas vegetales en Galicia, una breve historia”, Galicia agraria: historias sobre la agricultura gallega del siglo XX. Comentarios, análisis, documentos acerca de la economía agraria y la vida campesina [en línea]. Disponible na Internet: http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2011/05/conservas-vegetales-en-galicia-una.html [Acceso 3 xaneiro 2015].

Ferreira Priegue, E.M., 1988. Galicia en el comercio marítimo medieval. Colección de Documentos Históricos, La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-85728-71-8.

García Vidal, P., 1991. A Noia da Memoria. Pasado e presente dun casco histórico: evolución urbana. Noia: Concello de Noia. DL VG-357-1991. ISBN 84-87879-01-2.

García Vidal, P., 9 de setembro do 2016. Fábricas de curtidos e de conservas en Noia. Comunicación persoal a Manuel Lara Coira; entrevista en Noia.

López Capont, F., 2001, La conserva y salazón de la sardina: su histórica evolución, Vigo: Caixanova. DL PO-597-2001.

Niese, H., 1942. “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 643-647.

El Progreso industrial y mercantil, 1903. “Gran fábrica de conservas alimenticias La Aurora”, El Progreso industrial y mercantil, Año II, número 62, 20 septiembre 1903, p. 413.

El Progreso industrial y mercantil, 1903. “Gran fábrica de conservas alimenticias La Aurora”, El Progreso industrial y mercantil, Año II, número 67, 10 noviembre 1903, p. 493.

Real Sociedad Económica Aragonesa de Amigos del País, 1888. “Medalla de Primera Clase: Alejandro Carreño – Noya (Galicia)”, Exposición de 1885-86. Catálogo de los expositores premiados a propuesta del jurado, p. 9, Zaragoza: Imprenta del Hospicio Provincial.

Real Sociedad Económica Aragonesa de Amigos del País, 1888. “Autorizados al uso del escudo de la Real Sociedad Económica Aragonesa de Amigos del País: Alejandro Carreño – Noya (Coruña)”, Exposición de 1885-86. Catálogo de los expositores premiados a propuesta del jurado, p. 54, Zaragoza: Imprenta del Hospicio Provincial.

Santos Castroviejo, I., 1998. “Os séculos XVIII e XIX (ata 1870): protagonistas e transformacións”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fenández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 87-138. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 30 decembro 2014].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 119-II Noia /// Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 509.152,62 m / Y 4.736.900,81 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1964. De Cabo de la Nave a la Isla Sálvora. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 926, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1427-1972.

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

27 setembro 2016