426 Muíño do Carballo ou da Fraga

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Neda
  • Parroquia: Santa María de Neda
  • Lugar: As Augas
  • Paraxe: A Fraga
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.50524918681701
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.145639406463602
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 569.196,35 m / Y 4.817.501,88 m
  • Clasificación: Fabricación de fariñas
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Muíño hidráulico de tineta
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Ribeiras do Belelle no seu tramo final
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Entraremos en Neda pola estrada AC-115. No estribo esquerdo da ponte de Santa María sobre o Belelle, apartaremos cara a Balbís e A Buhída. A algo máis duns trescentos metros do cruce, apartaremos pola esquerda cara á Ponte Grande e a Mourela. A uns cincocentos setenta metros, na mesma curva a dereita, unha pequena ponte leva ata o muíño do Carballo, tamén chamado da Fraga, de Luciano, de Balbina ou de Xenaro.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

As referencias máis antigas de muíños fariñeiros movidos por auga remóntanse á primeira metade do século III a.C., no caso dun muíño de roda horizontal en Bizancio (Turquía), e ao ano 240 a.C., no dun muíño de roda vertical en Alexandría (Exipto).

Os muíños de roda vertical aparecen xa ben documentados por Vitrubio cara ao ano 25 a.C., con evidencias arqueolóxicas de principios do século primeiro (da era cristiá) achadas en San Giovanni dei Ruoti (Italia) e do ano 57 d.C. achadas en Avenches (Suíza). Os traballos máis recentes sobre o complexo muiñeiro de Barbegal (Francia) dátano a comezos do século II, mentres que de finais deste s.II é o de Martres-de-Veyre (Francia) e do ano 275 é o muíño escavado en Roma (Italia).

Porén, as evidencias arqueolóxicas dos muíños de roda horizontal máis antigas son, polo de agora, case tres séculos máis novas, de finais do s.III en Chemtou e Testour (Tunes), e do ano 630 en Cork (Irlanda).

De acordo coas ditas evidencias, os muíños de roda vertical (aceas) foron difundidos por todo o Imperio Romano desde o século I despois de Cristo, mentres que os de roda horizontal (rodicios) non se difundiron ata finais do século III.

A pesar da gran difusión da muiñaría hidráulica, é difícil atopar vestixios xa que os muíños construíanse mediante estruturas de madeira e moitas veces sobre barcas ou aproveitando os alicerces das pontes, tamén de madeira. Só cando a construción realízase con sólidas estruturas pétreas, o seu rastro pode permanecer ao longo dos séculos.

No caso de Galicia, “o país dos mil ríos”, os cursos de auga van ser cumpridamente aproveitados ao longo da historia, e aínda que non se dispoña de evidencias arqueolóxicas, malia a case segura existencia de restos de madeira enterrados baixo dos arrastres dos ríos e dos lodos dos esteiros, os muíños do río Belelle aparecen solidamente documentados dende a Idade Media, cando no ano 1111 dona Munia Froilaz de Traba funda o Mosteiro de Pedroso, en recordo dun fillo morto nas augas do río Grande de Xubia.

O establecemento do Estaleiro e do Arsenal en Ferrol tirará dende 1750 dun enorme crecemento demográfico na comarca toda, coa conseguinte necesidade de abastecemento dos novos veciños, das tropas, dos obreiros e dos escravos aconchegados para as magnas obras militares, portuarias, edilicias e civís. A demanda acadaría tal nivel que o Intendente da Mariña ordenara dar noticia pública de que se adiantaría diñeiro a quen construíse muíños co compromiso de moer grans para a Real Armada da Súa Maxestade. Ademais de construírse ex-novo moitos muíños, moitos van ser os muíños medievais que acometerán a súa modernización ou mesmo reconstrución aproveitando tan favorábel oportunidade.

A enerxía hidráulica vai ser tamén o motor fundamental da primeira industrialización. De feito, xa contra 1775 dátanse os primeiros aproveitamentos hidráulicos da Ilustración no río Xubia, na ría de Ferrol, os muíños de Lestache, construídos coa vontade de obter grandes producións de fariña para o abasto comarcal e aínda a exportación.

O coñecido como Muíño do Carballo (tamén chamado “da Fraga”, “de Luciano”, “de Balbina” ou “de Xenaro”) aproveita as augas derivadas do río Belelle case na mesma Ponte Grande, entre o muíño do Carrizo (vid. ficha 221) e o muíño da Roda (vid. ficha 405). Localízase no sitio de A Fraga, lugar de As Augas, na freguesía de Santa María de Neda (Neda, A Coruña), e ten seguramente orixe medieval, como tamén ocorre con outros da zona. O nome do Carballo déuselle pola árbore que está na finca; o da Fraga, polo nome do sitio no que ten asento; o de Luciano, porque fora por un tempo o seu muiñeiro; o de Balbina, porque ela quedara de muiñeira cando enviuvara de Luciano; e o de Xenaro, por selo nome do último muiñeiro e actual propietario, casado con Teresita, a filla de Luciano e Balbina.

Dos trece muíños que recolle na parroquia de Santa María de Neda o Interrogatorio do Catastro do Marqués de Ensenada, feito en 1752, figura como situado en Pename un muíño con catro moas (catro pares de moas), propiedade de Juan Antonio del Villar, que parece tratarse do que aquí ocúpanos. Na investigación realizada por Mario Valdivieso co pseudónimo de Ambrosio Cerúleo indícase que Juan Antonio del Villar había máis de quince anos que tiña aforada (arrendada) a casa dos catro muíños cando as inundacións do Corpus de 1752, polo que terían que ser construídos antes de 1537.
No rexistro da Contribución Industrial dos anos 1880 a 1904 non nos atrevemos a identificar algún que pareza relacionado co que estúdase aquí, nin por localización nin polo nome do propietario.

Porén, no rexistro da Contribución Industrial de 1925 atopamos un muíño de dúas moas de trigo e unha moa de millo, que moe nove meses ao ano, e que ven sendo o que aquí se estudia. Inda que se di que está situado en Os Pazos, é de supor que este é o domicilio do propietario, José Dobarro López, e non da situación da casa dos muíños, pois realmente atópase en As Augas.

Nos rexistros da Contribución Industrial de 1932, 1937 e 1938 mantéñense os mesmos datos de 1925, mentres que nos do período 1940-1945 figura cos mesmos datos pero localizado en A Mourela e con só seis meses de moenda anual. En 1942 o muíño fora adquirido por Antonio Vázquez Prieto, que o vendería en 1945 a Luciano Piñeiro Folgar. No rexistro de 1950 non atopamos muíño algún que podamos identificar co estudado.

Na estatística do Servizo Nacional do Trigo de 1956, 1964 e 1971, localizamos no lugar de As Augas e a nome de Luciano Piñeiro Folgar un muíño para trigo e uso público con unha moa de 1.300 milímetros de diámetro, para o trigo, e dúas moas de 1.200 milímetros de diámetro para penso e uso público. O muíño figura entre os rexistrados na Contribución Industrial do ano 1976 como “muíño cereal acea” a nome de Balbina Picos García, a viuva de Luciano.

A indicación da enerxía motriz hidroeléctrica, coa que figuran os vinte e catro muíños rexistrados en 1956 (e tamén os dos anos seguintes), debe ser un erro por hidráulica (ningún deles tiña produción propia de electricidade para accionar os muíños) ou quere indicar que algún dos muíños eran mixtos, é dicir, que tamén podían ser accionados pola enerxía eléctrica da rede pública cando escaseaba a auga.

As diferentes designacións para unha mesma localización (Pename, Os Pazos, As Augas,...), xa fora por cambiala ou por anotar non a dirección do muíño, senón a do propietario, complican a identificación dos muíños ao longo dos anos, complicación acentuada moitas veces polo cambio no propietario ou arrendatario na data do rexistro.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño sitúase na ribeira dereita do río Belelle, entre este e o rego do Basteiro, augas abaixo da ponte de Pename, modernamente substituída pola nova ponte coñecida como Ponte Grande.

Construcción:

Aínda que posiblemente a súa orixe tivera lugar con bastante anterioridade, posiblemente no século XVI, do chamado “Preito dos muíños empiegados” dedúcese que xa traballaba antes de 1737. Posteriormente sería obxecto de varias reformas.

Abandono:

 Aínda que iría deixando de traballar de maneira continuada nos primeiros anos do decenio de 1980, Xenaro, o derradeiro muiñeiro, continuaría moendo ocasionalmente en demostracións didácticas ata a primeira década do ano 2000.

Descrición:

A presa érguese nunha revolta do río Belelle, derivando as augas pola marxe dereita por unha gabia ou cano duns setenta metros de lonxitude e ancho variable de ata dous metros. Tras pasar polos muíños, as augas volven ao leito do Belelle por un cano duns vinte e cinco metros.

De aceptar que este fora o arrendado por Juan Antonio del Villar contra 1737, a casa muíño orixinal tería oito pedras, é dicir, a construción acollería catro muíños, cada un deles coa súa parella de moas, a do pé e a da capa. Loxicamente, en tanto tempo de funcionamento sería obxecto de modificacións. O conto é que no documento de compravenda de 1942 recóllese a compra dun muíño fariñeiro composto de tres edificios, dos que entón só existían dous por ter sido derrubado o terceiro; un dos edificios ten dous corpos (baixo e un andar) e está destinado a vivenda; o outro é de planta baixa e un só corpo con tres rodas coas súas pedras para moenda de grans. Nos últimos anos só traballaban dúas rodas por terse avariado a terceira.

Os rodicios van metidos nas “tinetas”, na configuración coñecida tamén como muíño de dorna ou de caldeira (“molino de regolfo”), aproveitándose o peso da columna de auga xunto coa súa velocidade de paso, obtendo así un maior rendemento no traballo.

Unha pequena ponte franquea o acceso á propiedade, e outra permite o paso por riba do canle de desaugue. Ata a construción da ponte nova, a chamada Ponte Grande, os donos deixaban que os veciños cruzasen pola súa propiedade atallando entre Os Pazos e A Mourela por aforrarlles o gran rodeo que tiñan que facer pola ponte de Santa María e Os Castros.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose aos caudais que levara o río.

Sistema de produción:

A enerxía hidráulica é a asociada aos recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de auga pode proporcionar 9.800 Joule de enerxía mecánica por cada metro que descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro pode proporcionar 9.800 Watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi grande.

O elemento ou convertedor enerxético máis antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que transforma a enerxía da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga actúa sobre unhas paletas ou cae nuns cubos situados na periferia da roda e co seu movemento e o seu peso fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía facendo virar o eixo da roda.

A tipoloxía básica das rodas hidráulicas resúmese na roda hidráulica vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita por Marco Vitruvio Polion, e a roda hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ao non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de convertedores hidráulico mecánicos foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, e coñécense habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou nórdico), o de roda horizontal.

Ademais da fundamental moenda de cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (moenda, elevación de auga, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de gran éxito ao asociarse a un xerador eléctrico para converterse en electricidade.

A pesares de que as rodas hidráulicas horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ao longo dos séculos, por contra nas primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas) foron moitas as modificacións introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.

A optimización nos deseños básicos logrou instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños de dorna ou caldeira), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de conversión normalmente superiores ao 60%.

A construción chamada “Muíño do Carballo” tiña tres muíños con cadanseu rodicio (roda hidráulica horizontal), cada un deles solidario cun eixo vertical que arrastra a moa xiratoria (capa) sobre a moa fixa (pé) de cada muíño. Cada muíño son realmente un par de moas e, para evitar confusións e non dicir “un muíño de tres muíños”, xa que chamámoslle tamén muíño ao edificio que acolle un ou máis muíños, adoitase dicir “un muíño de tres pedras” ou “un muíño de tres moas”, ou as que sexan, entendendo por moa o par de pedras ou moas que conforman un muíño.

A auga derivada do río remansa na entrada e sae pola billa da canela ou cubeta na caldeira ou “tineta” do inferno do muíño, accionando as dezaoito pas ou penlas do rodicio e facéndoo virar. O eixo inferior do rodicio apoia co grilo (tamén ovo ou aguillón) na ra (tamén pía ou porca) que vai encaixada na mesa, madeiro que pode subirse e baixarse (darlle o tempero) dende o tremiñado do muíño para axustar a finura da moenda. O eixo superior, a vara, é de madeira, vai encaixado no rodicio e remata na parte de enriba nun eixo de ferro que pasa polo burato que ten o pe do muíño (a moa inferior) axustado na buxa ou chumaceira na que xira. Unha peza de ferro con forma de aspa, a segorella, situada na parte superior do eixe do rodicio, entra a modo de chavella no centro da capa (a moa que xira) e lle transmite o movemento.

O gran bótase na moega (pode ter unha capacidade de até uns noventa quilogramos) e pola quenlla ou calexa, sacudida polo tarabelo, cae no ollo ou foxo e métese entre as dúas moas, que ao xirar o van desfacendo e desprazando cara a periferia das pedras, converténdoo na fariña que ao fin cae na caixa.

Actividades laborais:

O muiñeiro, e ás veces un axudante eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento do muíño.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Traballábase fundamentalmente con trigo, en menor medida con millo (maínzo), e raramente con centeo e orxo (cebada). Na antigüidade, antes da chegada do maínzo, moíase o millo miúdo ou paínzo, hoxe desaparecido.

Produtos Elaborados:

Fariñas de trigo, de millo (maínzo), e de mestura.

Distribución e comercialización:

Local e comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Cal Pardo, E., 1984. El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierra de Trasancos. La Coruña: Diputación de La Coruña. ISBN 84-505-0120-2.

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid: Tabapress. DL M-41843-1995. ISBN 84-86850-64-9.

Cerúleo, A., 2001. “O preito dos rodicios empiegados”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda. nº 4, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 113-120. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Colectivo Libunca, 2008. “A terra patrimonial: o muíño das moas na ínsula de Balvís, unha enxeñaría medieval”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda. nº 11, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 61-63. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Fernández Couto, A. (coord.), 2009. Muíños de Neda. Fotografías de José López Dopico “Casoco”, Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Colexio de Educación Infantil e Primaria de Maciñeira, Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Neda: Concello de Neda. DL C-1640-2009.

Fernández Lavandera, E.; Fernández Rodríguez, C.M., 1998. Los molinos: patrimonio industrial y cultural. Granada: Grupo Editorial Universitario. ISBN 84-89908-29-X.

García-Diego Ortiz, J.A.; García Tapia, N., 1987. Vida y técnica en el Renacimiento. Manuscrito de Francisco Lobato, vecino de Medina del Campo. Valladolid: Universidad de Valladolid. ISBN 84-7762-104-7.

González Tascón, I., 1987. Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Madrid: Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros. ISBN 84-7790-147-3.

Granados Loureda, J. A., 1999. "Ferrol na Idade Moderna", Historia de Ferrol, VV.AA., A Coruña: Vía Láctea, p. 214. ISBN 978-84-89444-43-0.

Granados Loureda, J.A., 2011. “Un arsenal para el Rey: Ferrol en el Antiguo Régimen (SS. XVI-XVIII)”, Nalgures, tomo VII, año 2011, p. 55-171.

Heldel, 2006. “Muíño do Carballo”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 9, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 176-179. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 671-681.

Lorenzo Fernández, X., 1983. Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Lucas, A.R., 2006. Wind, Water, Work. Ancient and Medieval Milling Technology. Leiden (The Nederlands): Brill. ISBN 978-90-04-14649-5.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Pérez Villar, G., 2006. “Unha ruta turística polos muíños do río Belelle”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 9, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 158-175. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, 1750-1754, 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en liña]. Dispoñible na Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Acceso 3 agosto 2009].

Reyes Mesa, J.M., 2001. Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Fundación Juanelo Turriano, Granada: J.M. Reyes. DL GR-506-2001. ISBN 84-89685-46-0.

Rodriguez-Villasante Prieto, J. A., 1996. La Intendencia en la Armada: historia de la gestión económica, financiera y de material. Madrid: Empresa Nacional Bazán de Construcciones Navales Militares S.A., p. 84-85. DL B-39206-1996.

Sanmartín Corral, S., 2005. “Los molinos del Belelle: posible proyecto de rehabilitación”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 8, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 36-46. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Santalla López, M., 2011. Muíños, fornos e pan de Neda. Biblioteca de Ferrolterra, Ferrol: Edicións Embora. DL C-2554-2011. ISBN 978-84-92644-36-0.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 7-III Neda // ED 1950: H 29 // X 569.196,35 m / Y 4.817.501,88 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

1 novembro 2016