432 Corunna Brewing Company

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Oleiros
  • Parroquia: Santa Leocadia de Perillo
  • Lugar: Perillo
  • Paraxe: O Xabrón
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.33539594355595
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.380177127143838
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 550.367,55 m / Y 4.798.474,11 m
  • Clasificación: Fabricación de bebidas
  • CNAE: 11.05 Fabricación de cerveza.
  • Tipoloxía: Fabricación de cerveza
  • Comarca: A Coruña
  • Marco Xeográfico: Ribeira dereita da ría do Burgo, na desembocadura do río Mero na ría da Coruña
  • Ámbito: Rural e mariñeiro (hoxe urbano)
  • Acceso: Saímos da Coruña pola estrada nacional N-VI e, pasada a Ponte da Pasaxe sobre o río Mero, apartamos a esquerda pola estrada AC-173 cara a Santa Cristina e Mera. Pouco despois, na redonda que atoparemos a uns cento oitenta metros, apartaremos pola esquerda para achegarmonos á beiramar, onde atoparemos o centro municipal que ocupa a vella edificación industrial.

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Consultar no Concello de Oleiros

Historia:

Como unha lóxica consecuencia do forte crecemento da industria da pesca no porto da Coruña, en 1906 constituíase por varios armadores a “Sociedad Cooperativa de Vapores de Pesca de La Coruña”, que xa comezara no ano anterior a construción dun edificio industrial destinado á preparación, transformación e venda dos produtos da pesca, no que tíñase prevista a construción dun secadoiro para peixe.

A construción levantouse nuns terreos da beiramar na zona coñecida como “O Xabrón”, pola abundancia de xabre (arxila areosa utilizada na construción). Empregáranse ladrillos correntes e ladrillos refractarios fabricados na próxima cerámica de Santa Ana de Mera.

Os negocios non se desenvolveron conforme ás expectativas e no mes de abril de 1908 os socios acordaron a liquidación e disolución da cooperativa. A finais dese mesmo ano, o procónsul británico na Coruña, Henry Guyatt Deusto, adquiría a finca, os inmobles, a maquinaria e os útiles que poseía a sociedade en Perillo.

De camiño Guyatt comezou a realizar modificacións para transformar a factoría pesqueira nunha fábrica de cervexa. No mes de xaneiro de 1913 os irmáns Roberto e Enrique Guyatt Deusto constitúen “The Corunna Brewing Company Limited”, cuxo obxecto social foi a fabricación e venda de cervexa e produtos similares.

Roberto Guyatt Deusto estudiara Química Industrial na Inglaterra, especialízándose na elaboración de cervexas e traballando varios anos en “The Hull Brewery Co. Ltd.”, fábrica de cervexas establecida na cidade inglesa de Kingston upon Hull (Yorkshire). El vai ser quen aporte á sociedade as estruturas, técnicas e procedimentos de elaboración das cervexas.

Entre os diferentes tipos de cervexa que producían destacaban as variedades “Pale Ale”, “Double Stout”, “Mild Ale”, “Strong Ale” e “Marisa”. A práctica totalidade da produción subministrábase á colonia inglesa establecida en Ferrol e dedicada ao deseño e construción na “Sociedad Española de Construcción Naval”. Algunhas vendas destinábanse tamén as escuadras e buques de guerra británicos de paso por la zona e ao consumo local.

A sociedade cervexeira liquidaríase no mes de novembro de 1919 e propiedades, maquinaria e mercadorías existentes repartíronse entre ámbolos dous irmáns. Roberto Guyatt aínda tentaría volver a por en marcha a fábrica de cervexa, pero a idea nunca chegou a ser realidade e as instalacións de Perillo serían cedidas en arrendamento a outras entidades.

Despois de algún tempo arrendadas a “Unión de Explosivos”, que empregaba o peirao da fábrica para desembarcar o material que trasladaba despois por terra, as naves da factoría serían alugadas contra 1927 pola empresa asturiana “Pesquera del Norte de España”, que dedicounas á preparación e enlatado de olivas recheas de anchoas. As olivas e o bocarte chegaban en camións desde o porto da Coruña. Limpábase o bocarte, abríase e desespiñábase, introducíndose despois en aceite. As olivas pasaban por unha máquina que lles retiraba a carabuña e deixábanse en salmoira ata o momento de lles introducir manualmente o bocarte anchoado (a anchoa). Despois a olivas recheas introducíanse nos botes que suministraba unha fábrica coruñesa e estes pechábanse na correspondente máquina e metíanse en grandes caixas na zona de expedición.

Despois da Guerra Civil (1936-1939) as instalacións serían arrendadas a diferentes empresas e, finalmente, acollería aos estaleiros de José Valiña Lavandeira.

En 1994 o concello de Oleiros faise coa propiedade mediante un convenio urbanístico coa filla de Roberto e entón propietaria, Dorotea Guyatt Collingwood. As edificacións e dependencias foron adaptadas para servicios culturais e deportivos do concello, inaugurándase as novas instalacións no ano 1999.

Descrición Xeral do Entorno:

A cooperativa elixiría un asentamento propicio, fácilmente accesible por mar e por terra. Localizado na ribeira dereita da ría do Burgo, na desembocadura do río Mero na ría da Coruña, contaba cunha pequena rampla e un peirao accesible a embarcacións de certo calado (hoxe en día o calado e moi inferior, polos sedimentos e arrastres acumulados no fondo). A poucos metros da Ponte da Pasaxe, o acceso terrestre era igualmente doado dende a estrada nacional N-VI.

Construcción:

1905.

Abandono:

Como fábrica de cervexas, contra 1920; coñecería despois diversas ocupacións industriais ata a súa adquisición polo concello en 1994.

Descrición:

A parcela orixinal ocupaba uns sete mil cento catro metros cadrados, dos que uns trescentos metros cadrados os ocupaban edificacións cubertas, ademais doutra superficie equivalente ocupada por almacéns e cubertos construidos nas diferentes ampliacións que se foron desenvolvendo para a adaptación das construcións orixinarias.

As instalacións da cervexeira contaban con oito depósitos de fermentación da cebada, unha xeladeira, co seu compresor e condensador, caldeira de cobre para cocción das maltas, unidad de produción de ácido carbónico, lavadora de pasta, filtro para a cervexa, caldeira e dúas máquinas de vapor, dúas máquinas para o recheo das botellas, dúas lavadoras de botellas, unidad para gasosas e sifóns, etc.

Tras asinar o convenio urbanístico, a superficie ocupada polo concello quedou en catro mil oitocentos cincuenta metros cadrados, dos que dous mil douscentos cincuenta destiñáranse a edificación.

A casa vivenda, situada fronte ao peirao e comunicada coa fábrica por un pequeno xardín, mantívose habitada en usufruto ata a morte da propietaria, e sería rehabilitada polo concello no ano 2005, cen anos despois da súa construción.

Tempo de uso:

Todo o ano como fábrica de cervexa. De maneira intermitente durante a elaboración das olivas recheas de anchos, e de maneira esporádica nos usos posteriores.

Sistema de produción:

O proceso comeza coa limpeza e clasificación da cebada. Desposi do remollo da cebada seleccionada, déixase a xermolar nun ambiente húmido e cálido para obter o malte verde. A xermolación pódese facer en eira (local ventilado e semioscuro), en caixa (con ventilación mecánica) ou en tambor xiratorio (tamén con ventilación mecánica).

O malte verde (a cebada xermolada) sométese a desecación e torrado no proceso coñecido como malteado, obténdose un produto homoxéneo e estable, o malte.

O malte seco e torrado tritúrase en muíños de cilindros para que se lle desprenda a cuberta, levándose á cuba primeira. Desta pasa á caldeira onde cócese a mezcla do malte moído e auga, que vai levarse despois á cuba filtrante (na que se separa o bagaño), da que xa pasa á caldeira de mosto, na que ten lugar a cocción co lúpulo ata conseguir a concentración desexada.

O mosto de cervexa obtido refrixérase antes de pasar ás cubas de fermentación primaria, nas que se engaden os lévedos, manténdose arrefriadas. A cerveza xove obtida pasa despois á bodega de maduración ou fermentación secundaria, da que xa vai levarse ao envasado, en barrís ou en botellas, quedando preparada a expedición.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente masculina na fábrica de cervexa, feminina na das olivas recheas.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Cebada (orxo), auga, lúpulo e lévedos.

Produtos Elaborados:

Cervexas de diferentes cualidades.

Distribución e comercialización:

Local (case a totalidade da produción enviábase a Ferrol).

Referencias Bibliográficas:

Figueira Tenreiro, S., 2006. A fábrica de Perillo 1905-2005, Cadernos de Estudios Oleirenses, VII, Iñás-Oleiros: Editorial Trifolium. DL C-1964-2002. ISBN 84-932716-7-5.

Gerbracht, H.; Gesell, H., 1942. “Industrias de la alimentación y afines. Fabricación de la cerveza”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo V, sección I, p. 540-554.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-III A Coruña // Datum europeo 1950 (ED50): Fuso 29 // X 550.367,55 m / Y 4.798.474,11 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1960. De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

22 novembro 2016