433 Fundiciones Franco

  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Santiago de Compostela
  • Parroquia: San Caetano
  • Lugar: Carme de Abaixo
  • Paraxe: As Arrepentidas
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.880352757699036
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.552777277252176
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 536.620,74 m / Y 4.747.826,77 m
  • Clasificación: Fundición de metais férreos e non férreos
  • CNAE: 24.51 Fundición de ferro. 24.52 Fundición de aceiro. 24.53 Fundición de metais lixeiros. 24.54 Fundición de outros metais non fé
  • Tipoloxía: Artesanal
  • Comarca: Santiago
  • Marco Xeográfico: Aba sur do Monte Pío, na ribeira dereita do río Sarela, onde a cidade e o campo enguedéllanse nos rueiros.
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: En Santiago de Compostela buscaremos o Parque de Galeras, á altura do Campo de Fútbol de Santa Isabel. Camiñando cara a Alameda, ao remate da rúa das Galeras apartaremos pola man dereita, baixando pola rúa do Carme de Abaixo para dirixirnos á rúa das Arrepentidas. Antes do antigo convento das Oblatas, hoxe hotel Palacio del Carmen, atoparemos a corredoira do Gato e a urbanización en cuxa contorna tivo acomodo a fundición.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

A zona foi urbanizada e non queda pegada algunha.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Juan Franco García, natural de Carril, pasaría algún tempo como aprendiz na fundición de Antonio Alemparte (vid. ficha 370) e traballaría despois en Bilbao, na fundición “La Vasco Navarra”. Máis adiante estudiaría náutica na escola de Ferrol e navegaría nos barcos de Wenceslao González Garro, consignatario de Vilagarcía de Arousa.

En 1926 vai mercar unha finca na Calzada do Carme de Abaixo (Santiago de Compostela), na que instalará unha fundición e taller mecánico. Serán 520 m2 edificados, cun cubilote de 102 dm3 e un forno de reverbero para bronce. No taller, un motor de 3 HP accionará un torno, unha trade, unha limadora e unha moa de esmerilar. Fabricará potes e marmitas e traballará todo tipo de fundición de ferro, bronce e aluminio.

Por mor dunha longa folga nas súas instalacións composteláns, Juan Franco alugaría en Carril a “Fundición San Jaime”, á que vai trasladarse no mes de abril de 1934. Rematada a folga, dende o mes de marzo de 1936 Juan Franco volvería a traballar na súa fundición de Santiago, mentres que o seu irmán, Francisco Franco García, continuará traballando na fundición de Carril ata o mes de setembro de 1958, no que veuse abaixo o tellado da vella factoría carrileira (vid. ficha 381).

En 1941 Juan Franco comeza a ampliación e modernización das instalacións do Carme de Abaixo santiagués, que chegarían a ocupar 1.191 m2 en 1943. Coa axuda do seu fillo José, que estudiara metalurxia en Birmingham (Reino Unido), introduce o cubilote de sangrado continuo e coado a moldes. Introducindo modificacións nas tobeiras para o mellor control do aire conseguen ata 1.500 kg/h no cubilote.

En 1952 lévase a termo a definitiva tecnificación da fundición, que vai xirar baixo a razón social de “Juan Franco García y Cía.”, pasando dos trinta e tres empregados dese ano aos noventa e oito de 1970. Nese o seu período de esplendor, traballará elaborando distintas pezas, ferramentas e estruturas para Astano, Ibercisa, Motores Ayón, Alugasa, Genosa, Mensa (cazos de fusión de estaño), Tafisa, Tune Eureka, Fenosa, Minas de Silleda, Finsa e Ferretería Villaverde, entre outros clientes.

Nun intento de expansión, e tendo abandonado dende 1958 a fundición de Carril, a compañía santiaguesa adquiriría en 1969 a fundición de Sanjurjo, que quebrara en Vigo (vid. ficha 245), constituíndo cos seus activos “Fumensa” en A Raposeira (Vigo). Porén, os mellores tempos ían marchando e a empresa compostelá pecharía as súas instalacións do Carme de Abaixo en 1988.

En sesión do 28 de decembro do ano 2000 o Pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobaba definitivamente o plan parcial de solo urbanizable non programado coñecido como SUNP-10 As Arrepentidas-Carme de Abaixo, que transformaría totalmente unha zona absolutamente degradada e empobrecida nunha importante zona residencial.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase no barrio industrial do Carme de Abaixo compostelán, asento de fábricas de curtidos, serradoiros e carpinterías.

Construcción:

1926.

Abandono:

1988.

Descrición:

As instalacións da fundición e o taller mecánico levantaríanse nunhas fincas da Calzada do Carme de Abaixo contiguas ao Convento das Oblatas cun total de 520 m2 edificados. Rematada a Guerra Civil (1936-1939) ampliaríanse as instalacións, que chegarían a ocupar 1.191 m2 en 1943.

Ademais dun cubilote e un forno de reverbero, disporá de tornos, trades, limadoras e máquinas de esmerilar co resto do equipamento propio dun taller mecánico.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso tradicional de fundición comeza pola fusión dun metal, tipicamente aliaxes de ferro (aceiros) e aliaxes de cobre (bronces), nun crisol para vertelo (coalo) nunha cavidade (molde) onde vai solidificarse adquirindo a forma que derámoslle ao molde.

Unha vez solidificado e frío o metal, rómpese o molde para extraer a peza fundida, procedendo a traballala, eliminando rebabas e limando asperezas, ata darlle o acabado final.

O molde prepárase mesturando area, arxila e auga (tipicamente 90-7-3 por cento), obtendo unha masa pastosa, refractaria da calor e permeable aos gases, que vai moldearse coa forma que desexemos darlle á peza a fabricar.

Faise primeiro un modelo a tamaño natural de madeira (ou de metal ou plástico) que vai definir a forma externa de peza que queremos reproducir.

Despois vaise compactar a area (a masa de area e arxila) arredor do modelo, xa introducido na caixa de moldeo. En función da forma da peza a fabricar, o modelo poderá estar configurado por dúas partes, simétricas ou non, que teñen que permitir xuntar e axustar perfectamente as dúas pezas fabricadas para obte-la peza final.

Se a peza a fabricar vai ser oca, haberá que tapar os buratos do molde cos machos para que o metal fundido non penetre nos ocos.
Faise seguidamente a “colada”, vertendo o material fundido na cavidade do molde e deixándoo arrefriar lentamente para que non aparezan regañas na peza. Rómpese entón o molde para sacar a peza, aproveitando a area para fabricar novos moldes.

Xa só queda o desbarbado, eliminando os condutos de alimentación, as mazarotas (excesos de material nos puntos de rechupe) e as rebarbas xeradas nas xuntas das dúas caras do molde. Nalgúns casos, a peza pode requirir un mecanizado co arranque de labras ou un tratamento térmico (templado, recocido, revenido) para mellorar as súas propiedades mecánicas.

Actividades laborais:

Man de obra masculina en tódalas etapas do proceso. Persoal tamén masculino na atención da maquinaria e nas oficinas.

Emprego:

De dous fundidores, un poteiro, dous axudantes, un cubiloteiro, un rebarbador, un carpinteiro e dous aprendices de taller, chegaría a contar con vinte e tres operarios en 1935, reducidos a oito en 1936. Trala recuperación na posguerra serían 25 empregados en 1947, 33 en 1952, 98 en 1970, 85 en 1974 e 52 en 1988, no momento do cese da actividade.

Materias Primas:

Ferro en lingote, chatarra de aceiro, bronce e aluminio. Area para moldes. Carbón de leña, carbón de pedra, coque de fragua e coque metalúrxico.

Produtos Elaborados:

Pezas de fundición (ferro coado): ferramentas agrícolas, potes, potas, olas, marmitas, balcóns, reixas, columnas, tapas de rexistro de sumidoiros e todo tipo de pezas de fundición de ferro, bronce e aluminio para a industria rexional.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, R., 2008, “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

González Pérez, C., 1994, A producción tradicional do ferro en Galicia: as grandes ferrerías da provincia de Lugo, Debuxos de José Pena, Lugo: Servicio de Publicacións da Deputación Provincial. DL LU-41-1994. ISBN 84-86824-49-4.

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 1017-1076.

Hofman, H.O., 1925: Tratado de metalurgia general. Trad. por Rafael Hernández del original inglés del Instituto Tecnológico de Massachusetts, Barcelona: Gustavo Gili.

Nadal Oller, J., 1992. Moler, tejer y fundir: estudios de historia industrial. Barcelona: Ariel. ISBN 84-344-6570-1.

Vázquez Vaamonde, M.C., 1994. Sargadelos-Carril-Santiago. Cadernos do Seminario de Sargadelos. Sada-Coruña: Ediciós do Castro. DL C-524-1994. ISBN 84-7492-701-3.

Vázquez Vaamonde, M.C., 1995. La metalurgia en Galicia de los siglos XVIII al XX: ferrerías, fundiciones y forjas. Departamento de Historia II, Área de Historia Contemporánea, Tesis Doctoral dirixida por Ramón Villares Paz, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago.

Villaronga García, M., 2013. La ciudad de Arousa: Vilagarcía, Carril, Vilaxoán, Cortegada, Vilanova. Mil años buscando un lugar en el mapa. Pontevedra: Diputación de Pontevedra. DL PO-653-2013. ISBN 978-84-8457-410-1.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 94-IV Santiago de Compostela // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 536.620,74 m / Y 4.747.826,77 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en línea] Disponible en Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

2 decembro 2016