435 Otero, Diz y Otero

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Illa de Arousa
  • Parroquia: San Xulián de Arousa
  • Lugar: A Illa de Arousa
  • Paraxe: O Campo
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.56431282159442
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.873529246651742
  • Coordeadas UTM: Datum Europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 510.504,65 m / Y 4.712.658,19 m
  • Clasificación: Fabricación de conservas de peixe
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Salga e conservas de sardiña e outros peixes).
  • Tipoloxía: Conserva hermética de peixe en envase metálico
  • Comarca: O Salnés
  • Marco Xeográfico: Terzo norte da Illa de Arousa, nunha zona doadamente accesible dende o Molle de Pau, na enseada sur de San Xulián, e non lonxe d
  • Ámbito: Rural e mariñeiro (hoxe urbano)
  • Acceso: Unha vez na Illa de Arousa localizaremos a rúa Palmeira e a recuperada fábrica de Goday. Novas edificacións e, en concreto, a Casa do Concello e o Auditorio Municipal, ocupan as fincas que acolleran a vella fábrica de conservas de Otero, Diz e Otero.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

A zona foi totalmente urbanizada, deixándose a cheminea como recordatorio.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Por noticia de Antonio Meijide Pardo sábese que contra 1810 había na Illa de Arousa dez factorías de salga de outros tanto fomentadores cataláns, os señores Jaime Bargés, Juan Cardona, Juan Castañer, Lucas Colomer, Felipe Font, Manuel Goday, Félix Jover, Carlos Rosell, Salvador Rosell e Francisco Rovira. No dicionario de Pascual Madoz (1845) recóllese a existencia de sete factorías situadas na Illa de Arousa, sobreviventes á crise sardiñeira que comezara no 1815 e, prolongada polas dificultades de abasto do sal, duraría ata 1830.

Descuberto en Francia na década de 1820 e adoptado na Bretaña a altura de 1840, iríase introducindo o envasado e esterilización do peixe en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde, unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura, que chegaría ao seu cume a finais do século co peche mecánico dos envases de folla de lata, o “sertido”.

E sería do vello salgadoiro de “Goday e Hijos” na Illa de Arousa do que en 1879 vai xurdir ao seu carón pola iniciativa de Juan Goday Gual a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia, coa súa cheminea, caldeira e máquina de vapor para aplicar o proceso produtivo “ao estilo de Nantes”, no que a vianda fritíase no torrador antes do seu enlatado e esterilizado no autoclave. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

Polas investigacións de Xan Carmona Badía sabemos da existencia na Illa de Arousa de nove conserveiras, as de Manuel Goday (1879-1961), Dumas et Villaret (1883-?), Benito Guillán de Dios (1901-1935), Luis Zulueta (1904-1922), Hermanos López Valeira (1922-?), Pereira y Bautista (1923-1933), Otero, Diz y Otero (1931-1989), Juan Rial Santiago (1935-1962), e Francisco Otero Mariño (1935-2002).

Xa despois da Guerra Civil (1936-1939) viría a conserveira de Bouzada y Gil (1943), adquirida en 1973 por Antonio Otero Suárez e que traballaría co nome comercial de “Conservas Dardo” ata 1995, cando trasladou a produción a Vilanova.

A fábrica de Hijos de Genaro Guillán traballaría na década de 1950. Pechada algún tempo foi adquirida no decenio de 1970 e traballou baixo a razón social “Komaira, S.L.” ata a década seguinte. Tamén na década de 1950 traballaron as fábricas de Francisco Suárez, de Roberto Crespo e o “fabriquín” de Ramón Nieto. Aínda sen identificar os seus propietarios e o tempo do seu de funcionamento, permanecen en pe as ruínas do almacén de salga Punta Cabalo.

No barrio de O Regueiro, ao sur de O Campo, traballou nos decenios de 1960 e 1970 a fábrica do empresario de Vilaxoán Alipio Santiago Ferro, quen empregou entre 1974 e 1978 a fábrica de Conservas Sueiro en Arcade (vid. ficha 266) como cocedoiro do marisco, enviando as viandas que preparaba á fábrica da Illa.

En 1989 pechaba “Otero, Diz y Otero”, en 1995 “Conservas Dardo” trasladaba a produción a terra e pechaba a fábrica da Illa, e no ano 2002 pechaba a fábrica de Francisco Otero Mariño. Da vasta historia conserveira da Illa de Arousa tan só permanece como depuradora e conserveira “Conservas Areoso”, do grupo empresarial Vengarco, que comezara en 1984 como un proxecto familiar de depuración e comercialización de mariscos frescos, ampliando en 1992 a actividade coa produción de mexillón fresco, e dende o ano 2015 tamén elaborando e comercializando conservas de pescados e mariscos.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase no Campo, no terzo norte da Illa de Arousa, nunha zona doadamente accesible dende o Molle de Pau, na enseada sur de San Xulián, e non lonxe do Peirao do Chufre, na enseada norte de San Xulián, un emprazamento relativamente abrigado dos temporais do terceiro cuadrante.

Construcción:

En 1935, aproveitando as instalacións da fábrica que erguera en 1901 Benito Guillán.

Abandono:

1989.

Descrición:

Natural da Illa de Arousa, Rogelio Diz Suárez –O Campaneiro–, emigrante durante varios anos na Arxentina, en Cuba e nos Estados Unidos, vai asociarse en 1931 con Francisco Otero Mariño, nativo do barrio da Torre que comezara na década de 1920 a traballar como mecánico na pioneira fábrica de conservas de Goday (vid. ficha 124), e co tamén illan Gonzalo Otero Gejo, constituíndo a firma comercial “Otero, Diz y Otero” (ODOSA) para a fabricación de conservas de pescado.

Os tres socios estableceron a súa fábrica nun pequeno local propiedade de Francisco Otero Mariño, situado na mesma rúa que a fábrica de Goday e a de Benito Guillán de Dios, unha rúa que remataría por chamarse Palmeira polas exóticas palmeiras que ornaban a fábrica de Goday. Xa en 1932 “Otero, Diz y Otero” era a principal fábrica da Illa, con corenta e catro traballadores e trescentas cincuenta e dúas toneladas de pescado elaboradas.

En 1935 Rogelio Diz Suárez e Gonzalo Otero Gejo van separarse de Francisco Otero Mariño, e mantendo a firma “Otero Diz y Otero”, establécense na fábrica que en 1901 puxera en marcha a carón da de Goday outro illan, Benito Guillán de Dios. A nova industria aínda vai ampliar as antigas instalacións fabrís cara ao leste, nun espazo no que porá unha caldeira coa súa máquina de vapor para proporcionarlle a imprescindible enerxía motriz ao proceso conserveiro.

Morto en 1944 Gonzalo Otero Gejo, incorpórase á empresa o fillo de Rogelio, Manuel Diz Suárez, quen durante corenta e cinco anos vai traballar na fábrica, quedando mais adiante ao fronte dela e levando a xerencia ata o seu peche en 1989. En todo este tempo “Otero, Diz y Otero” continuou sendo a fábrica mais importante da Illa.

As dificultades de ampliar a cota da folla de lata e de aceite fará que os conserveiros se orienten á produción de mariscos ao natural (sen aceite) e de peixe e marisco en escabeche (o vinagre substitúe a unha parte do aceite), ademais de envasar polo San Xoán, cando a sardiña ten máis graxa (reducindo á metade a necesidade de aceite), e apertando ben a vianda nos envases (para que collera menos aceite na lata).

A crise da sardiña nas costas galegas entre 1946 e 1955 levará a enlatar outras especies peláxicas, como o xurelo, a agulla e a xarda, ademais de incorporar o mexillón aos tradicionais moluscos (ostras, ameixas, berberechos). Na sua última etapa, “Otero, Diz y Otero” especialízase na elaboración de conservas de mexillón.

Con máis de cincuenta anos ao lombo, a compañía “Otero, Diz y Otero, S.A.” (ODOSA) fracasaría no seu intento de adaptarse a nova situación creada dende 1986 coa incorporación de España a Comunidade Económica Europea, e a vella ODOSA remataría por pechar en 1989.

Tempo de uso:

Dependendo fundamentalmente das mareas da pesca ou do marisqueo dos produtos elaborados.

Sistema de produción:

Completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para proceder á preparación das conservas.

Para moitos veciños das conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado. Nas modernas fábricas, o proceso facíase xa no interior delas.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das pezas en salmoira ou ben ao vapor. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoirado, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

No ano 1960 xa se empacaban os túnidos mecanicamente, e en 1962 introducíase na liña da sardiña o novo sistema de recepción e tratado do peixe, pasando primeiro aos tanques de salmoira refrixerada e de alí ao corte e eviscerado mecánico, para continuar en bandexas plásticas aos fornos de cocción e seguidamente ás mesas de empacar, todo elo sen intervención de man de obra.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza, preparación e empacado da vianda. Persoal masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos.

Emprego:

En 1932 declaraban corenta e catro traballadores.

Materias Primas:

Sardiña, principalmente, aínda que procesaran en pequenas cantidades outros peixes (xurelo e xarda) e moluscos (berberecho, ameixa, mexillóns).

Produtos Elaborados:

Conservas de peixes, mormente sardiña en aceite, aínda que envasaran tamén pequenas cantidades de xurel e xarda, e, nos últimos anos, importantes cantidades de ameixas, navallas, mexillóns e berberechos.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, X., 1983. Produción téxtil rural e actividades marítimo pesqueiras na Galiza, Tese Doutoral, Departamento de Historia e Institucións Económicas, Universidade de Santiago de Compostela.

Carmona Badía, X., 1983. “La industria conservera gallega, 1840-1905”, Papeles de Economía Española, Vol. 3, Madrid: Fundación Fondo para la Investigación Económica y Social de la Confederación Española de Cajas de Ahorros (FUNCAS), p. 177-189. ISSN 1136-4777.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Diz Castro, Carmen (carmen.diz@cgpj.es), 1 de marzo do 2017. Fábricas de conservas na Illa de Arousa. Comunicación persoal a Manuel Lara Coira (mlara@asociacionbuxa.com).

Dopico Orjales, X., 2003. “Os cataláns: a salga e a conserva; a industria en A Illa de Arousa”, Actas do VI Encontro de Embarcacións tradicionais de Galicia, Illa de Arousa, 3, 4, 5 e 6 de xullo do 2003. Revista de Cultura Marítima, Cambados: Federación Galega pola Cultura Marítima, p. 9-14. DL PO-288-2003.

Fernández Casanova, C., 1998. “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Fernández González, A.I., 2011. “Los Otero de a Illa: Conservas Friscos, un punto de confluencia de varias familias del sector”, Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (dir. e coord.). Fundación Cluster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA, Pontevedra: Diputación de Pontevedra, p. 474-489. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Meijide Pardo, A., 1973. Negociantes catalanes y sus fábricas de salazón en la ría de Arosa (1780-1830), Comunicación presentada al Primer Coloquio de Historia Económica, celebrado en Barcelona en mayo de 1972, La Coruña: Imprenta Moret. DL C-28-1973.

Niese, H., 1942. “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 643-647.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Teófilo Piñeiro, J.L. (ed.), 2010. A Illa de Arousa: un percorrido no tempo. Pontevedra: Deputación Provincial. DL PO-649-2010. ISBN 978-84-8457-359-3.

Vázquez Saavedra, D., 2004. La organización del trabajo en la Galicia costero-conservera: el impacto de la industrialización en Illa de Arousa, 1889-1935. Comunicación sin más referencias (vid. Buxa-Documentación).

Vila Fariña, X.L.; Dopico Orjales, X., 2007. Historia de A Illa de Arousa. DL PO-324-2007.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 16 agosto 2016].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 151-IV Santa Uxía de Ribeira // Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 510.504,65 m / Y 4.712.658,19 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1964. De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

31 decembro 2016