444 Conservas Dardo

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Illa de Arousa
  • Parroquia: San Xulián de Arousa
  • Lugar: A Illa de Arousa
  • Paraxe: O Cantiño
  • Dirección: Paseo do Cantiño, s/n - 36626 Illa de Arousa
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.56346610730315
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.870050417205789
  • Coordeadas UTM: Datum Europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 510.780,56 m / Y 4.712.559,45 m
  • Clasificación: Fabricación de conservas de peixe
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Conservas de mariscos, de moluscos e de peixes).
  • Tipoloxía: Conserva hermética de peixe en envase metálico
  • Comarca: O Salnés
  • Marco Xeográfico: Peirao do Chufre na enseada norte de San Xulián da Illa de Arousa, na ría de Arousa
  • Ámbito: Rural e mariñeiro (hoxe urbano)
  • Acceso: Unha vez na Illa de Arousa localizaremos o peirao do Chufre ou Xufre, na beiramar norte. Na metade do paseo do Cantiño atópase a vella conserveira.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Por noticia de Antonio Meijide Pardo sábese que contra 1810 había na Illa de Arousa dez factorías de salga de outros tanto fomentadores cataláns, os señores Jaime Bargés, Juan Cardona, Juan Castañer, Lucas Colomer, Felipe Font, Manuel Goday, Félix Jover, Carlos Rosell, Salvador Rosell e Francisco Rovira. No dicionario de Pascual Madoz (1845) recóllese a existencia de sete factorías situadas na Illa de Arousa, sobreviventes á crise sardiñeira que comezara no 1815 e prolongada polas dificultades de abasto do sal duraría ata 1830.

Descuberto en Francia na década de 1820 e adoptado na Bretaña a altura de 1840, iríase introducindo o envasado e esterilización do peixe en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde, unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura, que chegaría ao seu cume a finais do século co peche mecánico dos envases de folla de lata, o “sertido”.

E sería do vello salgadoiro de “Goday e Hijos” na Illa de Arousa do que en 1879 vai xurdir ao seu carón pola iniciativa de Juan Goday Gual a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia, coa súa cheminea, caldeira e máquina de vapor para aplicar o proceso produtivo “ao estilo de Nantes”, no que a vianda fritíase no torrador antes do seu enlatado e esterilizado no autoclave (vid. ficha 124). O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

Polas investigacións de Xan Carmona Badía sabemos da existencia na Illa de Arousa de nove conserveiras, as de Manuel Goday (1879-1961), Dumas et Villaret (1883-?), Benito Guillán de Dios (1901-1935), Luis Zulueta (1904-1922), Hermanos López Valeira (1922-?), Pereira y Bautista (1923-1933), Otero, Diz y Otero (1931-1989), J. Rial Santiago (1935-1962), e Francisco Otero Mariño (1935-2002).

Xa despois da Guerra Civil (1936-1939) viría a conserveira de Bouzada y Gil (1943), adquirida en 1973 por Antonio Otero Suárez e que traballaría co nome comercial de “Conservas Dardo” ata 1995, cando trasladou a produción a Vilanova.

A fábrica de Hijos de Genaro Guillán traballaría na década de 1950. Pechada algún tempo foi adquirida no decenio de 1970 e traballou baixo a razón social “Komaira, S.L.” ata a década seguinte. Tamén na década de 1950 traballaron as fábricas de Francisco Suárez, de Roberto Crespo e o “fabriquín” de Ramón Nieto. Aínda sen identificar, as ruínas do almacén de salga Punta Cabalo.

No barrio de O Regueiro, ao sur de O Campo, traballou nos decenios de 1960 e 1970 a fábrica do empresario de Vilaxoán Alipio Santiago Ferro, quen empregou entre 1974 e 1978 a fábrica de Conservas Sueiro en Arcade (vid. ficha 266) como cocedoiro do marisco, enviando as viandas que preparaba á fábrica da Illa.

En 1989 pechaba “Otero, Diz y Otero” (vid. ficha 435), en 1995 “Conservas Dardo” trasladaba a produción a terra e pechaba a fábrica da Illa, e no ano 2002 pechaba a fábrica de Francisco Otero Mariño. Da vasta historia conserveira da Illa de Arousa tan só permanece como depuradora e conserveira “Conservas Areoso”, do grupo empresarial Vengarco, que comezara en 1984 como un proxecto familiar de depuración e comercialización de mariscos frescos, ampliando en 1992 a actividade coa produción de mexillón fresco, e dende o ano 2015 tamén elaborando e comercializando conservas de pescados e mariscos.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase no Cantiño, próxima ao Peirao do Chufre, na enseada norte de San Xulián, na Illa de Arousa, un emprazamento relativamente abrigado dos temporais do terceiro cuadrante.

Construcción:

1943.

Abandono:

1995, co traslado da produción a Vilanova de Arousa.

Descrición:

Comezaba o ano 1973 cando o matrimonio composto por Antonio Otero Suárez e Dolores Oubiña Diz adquiren na súa Illa de Arousa natal a conserveira “Bouzada y Gil”, que viña funcionando no Cantiño dende 1943. “Dardo” fora unha das marcas baixo as que se viñan comercializando os seus produtos, e “Conservas Dardo” vai ser o nome da nova conserveira.

As instalacións ocuparían dúas naves paralelas acaroadas e unidas lonxitudinalmente, de doce metros de ancho cada unha e de longo corenta e oito metros, a do lado do paseo do Cantiño, e cincuenta metros a outra. Cubertas a dúas augas con fibrocemento (uralita) sobre armadura de madeira. No testeiro de poñente, a sala da caldeira e a cheminea de ladrillo.

A máquina de vapor vai proporcionarlle a imprescindible enerxía calorífica e motriz á fábrica, que ademais contaría dende 1946 coa subministración eléctrica proporcionada pola “Compañía de Electrificación, S.L.” da familia Goday Varela.

Antonio Otero, mariñeiro dende os doce anos e patrón de pesca aos dezasete, fora propietario das primeiras bateas de mexillón que houbera na ría de Arousa e na súa vida profesional chegara de Patrón Maior da Illa de Arousa a presidente da Confederación de Confrarías de España e vogal do Consello Ordenador da Mariña Mercante.

A boa marcha do negocio, e xa con dous dos seus fillos ao fronte da industria, decidirán ao matrimonio a mercar en 1989 unha nova fábrica en Vilanova de Arousa, localizada na praia de Esteiro, na desembocadura do río Curras. En 1995 toda a produción vai trasladarse á nova fábrica de Vilanova, pechándose definitivamente a primitiva factoría da Illa.

No mes de novembro de 1996 un incendio destrúe as novas instalacións e a familia Otero Oubiña está a piques de renunciar á reconstrución. Porén co apoio de traballadores, comerciais e clientes, unha nova e moderna factoría conserveira érguese dende o 25 de febreiro de 1998 na mesma enseada de Esteiro. Cunha capacidade de douscentos operarios e o procesado de máis de cincuenta toneladas diarias nas propias instalacións, “Conservas Dardo” non perde a súa identidade artesanal das súas orixes na Illa de Arousa.

Tempo de uso:

Dependendo fundamentalmente das mareas da pesca ou do marisqueo dos produtos elaborados.

Sistema de produción:

Completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para proceder á preparación das conservas.

Para moitos veciños das conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado. Nas modernas fábricas, o proceso facíase xa no interior delas.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das pezas en salmoira ou ben ao vapor. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoirado, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

No ano 1960 xa se empacaban os túnidos mecanicamente, e en 1962 introducíase na liña da sardiña o novo sistema de recepción e tratado do peixe, pasando primeiro aos tanques de salmoira refrixerada e de alí ao corte e eviscerado mecánico, para continuar en bandexas plásticas aos fornos de cocción e seguidamente ás mesas de empacar, todo elo sen intervención de man de obra.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza, preparación e empacado da vianda. Persoal masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos.

Emprego:

Sen datos. Non figura no rexistro da Cámara de Comercio do mes de decembro do ano 1969, polo lo que debía declarar menos de vinte e cinco “produtores”.

Materias Primas:

Mexillón, principalmente, aínda que procesaran sardiña e outros peixes (agulla e xarda) e outros moluscos (berberecho, ameixa, navalla).

Produtos Elaborados:

Conservas de mexillón en diferentes preparacións (escabeche, salsa de vieira, natural...), de peixe miúdo (sardiña, agulla e xarda) torrado ao estilo tradicional e empacado manualmente, de bonito do norte e de atún branco seleccionados de pezas de menos de dez quilogramos (para evitar acumulación de metais pesados), cocido ao vapor e tallado a man.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Casanova, C., 1998. “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Fernández González, A.I., 2011. “Los Otero de a Illa: Conservas Friscos, un punto de confluencia de varias familias del sector”, Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (dir. e coord.). Fundación Cluster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA, Pontevedra: Diputación de Pontevedra, p. 474-489. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Meijide Pardo, A., 1973. Negociantes catalanes y sus fábricas de salazón en la ría de Arosa (1780-1830), Comunicación presentada al Primer Coloquio de Historia Económica, celebrado en Barcelona en mayo de 1972, La Coruña: Imprenta Moret. DL C-28-1973.

Niese, H., 1942. “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 643-647.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Teófilo Piñeiro, J.L. (ed.), 2010. A Illa de Arousa: un percorrido no tempo. Pontevedra: Deputación Provincial. DL PO-649-2010. ISBN 978-84-8457-359-3.

Vázquez Saavedra, D., 2007. “La organización del trabajo en la Galicia costero-conservera: el impacto de la industrialización en Illa de Arousa, 1889-1935”, Documentos de Traballo do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), Ano 2007, núm. 17. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. DL 1689-2003. ISSN 1138-2694.

Vila Fariña, X.L.; Dopico Orjales, X., 2007. Historia de A Illa de Arousa. DL PO-324-2007.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 16 agosto 2016].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 151-IV Santa Uxía de Ribeira // Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 510.780,56 m / Y 4.712.559,45 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1964. De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

28 xaneiro 2017