487 Plásticos Ferro (Eléctrica Murense)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Muras
  • Parroquia: Santa María do Burgo
  • Lugar: A Volta
  • Paraxe: A Ponte
  • Dirección: Rúa José Ferro Rodeiro, 4 – 27836 Muras (Lugo)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.457453203529646
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.725090490600564
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 603.261,80 m / Y 4.812.655,28 m
  • Clasificación: Fabricación de produtos plásticos
  • CNAE: 22.23 Fabricación de produtos de plástico para a construción.
  • Tipoloxía: Tubarias e accesorios de policloruro de vinilo
  • Comarca: A Terra Cha
  • Marco Xeográfico: Curso alto do río Eume, entre a Serra da Carba e o Monte Bustelo
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Viveiro cóllese a estrada LU-540 cara a Ourol e Cabreiros polo Porto da Gañidoira. Ao chegar a Muras, apartaremos cara A Volta, para tornar na aldea a esquerda pola pista que leva a A Ponte e atopar a pouco menos de trescentos metros as instalacións da fábrica de plásticos e a central hidroeléctrica.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

De maneira xeral, designamos como “plásticas” a unha serie de substancias de estruturas similares que presentan unhas características de elasticidade e flexibilidade que permiten moldealas en un determinado rango de temperaturas. En particular, chamámoslle “plásticos” a uns materiais sintéticos obtidos por polimerización (formación de macromoléculas, unión de centos de milleiros de certas moléculas pequenas, os monómeros) dalgunhas substancias naturais ou de substancias orgánicas derivadas do petróleo.

O primeiro plástico foi obtido polo británico Alexander Parkes en 1862, mesturando nitrato de celulosa e alcanfor. Obtivo unha substancia transparente, dura e flexible, que podía moldearse quentándoa, e que mantiña a forma dada ao arrefriarse. Comercializaría co nome de “Parkesine”. Un produto similar, comercializado como “Xylonite”, empregaríase para facer mangos de coitelos e de brochas, e material illante para a industria eléctrica.

Contra 1866 o estadounidense John Wesley Hyatt descubría unha mestura de algodón, alcohol, nitrato de celulosa e alcanfor que patentaría en 1873 co nome de “Celuloid”, que encontraría unha ampla aplicación na fabricación de pezas imitacións de marfil e de coral, pelotas elásticas e, dende 1887, soportes de película fotográfica, aplicación esta última que daría paso ao cinematógrafo. O seu descubrimento abriría a porta á fabricación dos polímeros sintéticos.

En 1872 o químico alemán Eugen Baumann lograría a polimerización do cloruro de vinilo, obtendo o policloruro de vinilo, o PVC. Porén, até 1912 non se lograría o proceso comercial para sintetizar o versátil PVC, o terceiro plástico máis demandado despois do polietileno (descuberto en 1933) e o polipropileno (1954).

En 1909 o químico belga estadounidense Leo Hendrik Baekeland sintetizou a partir do fenol e o formaldehido un polímero que tería un enorme interese comercial, unha resina que se coñecería como “Baquelita”, un plástico totalmente sintético que sería o primeiro dunha longa serie de resinas sintéticas que ao longo do século XX substituirían a outros materiais nos ámbitos domésticos e industriais pola súa facilidade para o traballo e o moldeo, o baixo custo de produción e a baixa densidade, ademais de moitas outras propiedades dalgúns deles, como a impermeabilidade, o illamento térmico, eléctrico e acústico ou a resistencia á corrosión e a moitos axentes químicos.

Consonte a orixe do monómero que sirve de partida, distínguense os polímeros naturais, procedentes, entre outros, do caucho (a goma, a ebonita), da celulosa (o celuloide, o celofán, o cellón, o rayón) ou da caseína (galalita), e os polímeros sintéticos, procedentes, principalmente, dos derivados do petróleo (o policloruro de vinilo, o polietileno, o polipropileno, o metacrilato).

O neopreno, o polibutadieno, o nylon, a lycra, o teflón, o plexiglás ou a silicona son outros tantos exemplos dos moitos “plásticos” cos que hoxe en día podemos atoparnos en produtos cotiáns.

Descrición Xeral do Entorno:

A central, e as edificacións industriais situáranse nunha zona de encaixe do río Eume ao sur da Gañidoira, entre a Serra da Carba, ao leste, e o Monte Bustelo, ao poñente, na ribeira esquerda do río no lugar de A Ponte da parroquia de Muras.

Construcción:

Posiblemente no decenio de 1940.

Abandono:

Trala adopción de medidas de mellora no decenio de 1990, a central hidroeléctrica continúa hoxe en día en explotación, e a fábrica plásticos medrou ata ser unha das primeiras na Europa.

Descrición:

No seu sinuoso discorrer polo termo municipal de Muras localizamos a uns metros augas abaixo da ponte polo que a estrada C-640 Cabreiros-Viveiro salva o curso do río Eume entre Vilavella e A Volta, na parroquia de Santa María do Burgo, a toma e derivación de augas autorizada por concesión administrativa do 28 de novembro de 1932 ao señor Pena Novo. No rexistro figura outra anotación, datada o 12 de febreiro de 1908 a nome de Plásticos Ferro, o que obviamente é un erro, pois tal empresa non existía aínda.

En calquera caso, sabemos que Manuel López Ardao, “Zacoto”, un ferreiro de Santa Olaia de Soaserra (Cabanas) que se fixo electricista e chegou a adaptar unha modesta dínamo no muíño da súa propiedade [Valdivieso, 2008: 9], construiría ao amparo da concesión antes citada unha verdadeira central hidroeléctrica de 88 quilowatts, aproveitando un caudal de ata 1.500 metros cúbicos por segundo nun salto de 15 metros, distribuíndo a electricidade na zona baixo o nome de “Eléctrica Murense”. Para construír o aproveitamento hidroeléctrico captouse e derivouse o caudal autorizado pola marxe esquerda do río Eume, abrindo un túnel duns douscentos metros de lonxitude para levar as augas ata a central eléctrica, salvando a pronunciada curva do río nese lugar para gañar en poucos metros a altura citada.

A finais da década de 1950, o empresario das Pontes de García Rodríguez José Ferro Rodeiro, adquiría a “Eléctrica Murense” para poder dispoñer de electricidade a baixo custo para o seu novo proxecto industrial.

O flan chinés, unha sinxela preparación pasteleira moi popular, sería industrializado por Ferro baixo a marca “Flan Chino Mandarín”, unha masa pulverulenta comercializada en sobres que só necesitaba a adición de auga para a súa preparación caseira. A innovación fora introducida por “Industria Química Drovecol”, propiedade do biólogo cántabro Alfredo Valdés García e dedicada a derivados das algas, coa substitución da fécula polo máis lixeiro agar como gelificante da masa pasteleira [Fernández González, 2008].

Como parte da súa innovadora promoción comercial, o industrial pontés obsequiaba aos compradores do flan en po con culleriñas e pequenas figuras que fabricaba moldeando plásticos na central eléctrica e decoraban despois a man as veciñas de Muras.

A experiencia adquirida por José Ferro e a súa visión comercial orientarían a pequena fábrica asentada as beiras do Eume á fabricación de tubaxes e accesorios plásticos, de gran demanda polo forte crecemento da construción de vivendas e das obras de saneamento na España daqueles anos.

Transformada desde 1980 en “Plásticos Ferro, S.L.”, e baixo a dirección de José Marcial Doctor López de Pablos, sobriño do fundador, converteríase na primeira de España e quinta de Europa no seu sector produtivo, ampliando as instalacións de Muras e xestionado outras fábricas en A Cañiza (Pontevedra), Lantarón (Álava), Atarfe (Granada), Archidona (Málaga) e Casablanca (Marrocos).

Na década de 1990, ao abeiro dunha lexislación favorecedora, a vella central da “Eléctrica Murense” vai ser totalmente rehabilitada, ampliando a dotación hidráulica e substituíndose os dous dos vellos grupos de xeración por un novo accionado por unha turbina Kaplan, actualizando o equipo hidráulico e mecánico e automatizando as instalacións.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Na fabricación dos plásticos pódense diferenciar catro etapas: obtención da materia prima; síntese do polímero básico; composición do polímero para a súa utilización industrial; moldeo ou conformación do plástico na súa forma definitiva.
No moldeo o plástico fundido vértese nunha peza oca –o molde- na que vai adquirir a forma desexada. O moldeo pódese facer a alta presión ou a baixa presión.
Para o moldeo a alta presión empréganse máquinas hidráulicas que proporcionan a presión suficiente para o conformado das pezas. Tres son os tipos básicos do moldeo a alta presión: compresión, inxección e extrusión.
Na compresión o plástico en po quéntase e comprímese a alta presión entre as dúas partes dun molde de aceiro, arrefriándose despois. É o proceso normalmente empregado na fabricación de pequenas pezas de baquelita, como os mangos illantes de moito recipientes e utensilios de cociña.
Na inxección o plástico granulado (“granza de plástico”) quéntase no interior dun cilindro e inxéctase a alta presión no interior dun molde de aceiro para o seu conformado. Molde e plástico inxectado arrefríanse despois para extraer a peza. É un proceso rápido e económico para a produción en serie de grandes pezas, cubos, carcasas, compoñentes.
Na extrusión o moldeo faise de maneira continua, empurrando o material plástico fundido a través dunha boquilla que ten a forma convinte para o perfil que desexa obterse. Inxectando aire a presión por un orificio na punta do cabezal confórmase unha tubaria, modificándose o espesor coa regulación da presión do aire.
Para o moldeo a baixa presión pártese dunha lámina de plástico á que se lle da a forma pola aplicación de calor e presión para adaptala a un molde. O moldeo a baixa presión pódese facer por baleirado ou por soprado.
No baleirado a succión do aire entre a lámina e o molde deforma a lámina ata adaptala a forma do molde, quedando a peza conformada. Ademais dos envases de produtos alimenticios, prepáranse así envases que reproducen a forma dos produtos que van conter.
No soprado aplícase aire a presión contra a lámina plástica ata conseguir a súa adaptación ao molde. Prepáranse desta maneira pezas ocas, cúpulas, etc.
Utilízanse tamén outras técnicas de conformación como a coada (vertido do plástico líquido nun molde no que fragua e solidifica, proceso barato e lento, apropiado para pequenas series de pezas), o espumado (introducindo aire ou outro gas na masa plástica para formar burbullas permanentes, fabricándose co material obtido colchóns, esponxas, illantes) ou o calandrado (o material plástico lamínase entre rolos para producir láminas de plástico flexible a partir das que se elaboran prendas impermeables e láminas para diversos usos).

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza.

Non temos datos do persoal empregado da fabricación das pezas de plástico dos primeiros tempos, que moldeábanse na central eléctrica e despois decoraban a man as veciñas de Muras.

Emprego:

En 1980 contaba cuns trinta empregados.

Materias Primas:

Auga, para a central eléctrica, e plásticos en po e granulado (granza) para a fabricación dos produtos plásticos.

Produtos Elaborados:

Pequenas pezas de plástico (culleres, garfos e figuras) nos primeiros tempos. Hoxe en día, tubarias e accesorios de PVC, polietileno e polietileno reticulado en distintos diámetros e espesores.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Anuncios de la radio: Flan chino Mandarín [en liña]. Dispoñible na Internet: http://parecequefueayer.espaciolatino.com/Mandarin [Acceso 10 novembro 2017].

Augas de Galicia (2011). “Ficha de caracterización das demandas de auga en centrais hidroeléctricas”, Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-costa, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández González, Ángel Ignacio (2008). “Cultivar ríos y mares: la acuicultura española en el siglo XX”, Un siglo de pesca en España: nuevas perspectivas, nuevas aportaciones. Areas, Revista internacional de ciencias sociales, núm. 27/2008, p. 81-92. ISSN 0211-6707. [en línea] http://revistas.um.es/areas [Acceso el 3 de octubre del 2017].

Instituto Energético de Galicia (INEGA) (2017). “Listado de centrales minihidráulicas”, Energía en Galicia [en línea] Disponible en Internet http://www.inega.gal/sites/default/descargas/enerxia_galicia/centrales_minihidraulicas_2017_cast.pdf [Acceso 12 de octubre del 2017].

Minicentrales hidroeléctricas (1989). Gestión Energética de Galicia, S.A. (GESTENGA), Santiago de Compostela: Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia.

Valdivieso Mateo, Mario (2008). “A Capela, na procura da luz eléctrica”, O Retorno. Museo Etnográfico de A Capela, número 2, Ano 2008 (p. 3-30), A Capela (A Coruña): Asociación Patronato do Museo Etnográfico da Capela.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 23-I As Pontes de García Rodríguez // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 603.261,80 m / Y 4.812.655,28 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en línea] Disponible en Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

10 novembro 2017