488 Electra Pardellas (Sestelo y Compañía)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Ponteareas
  • Parroquia: San Xurxo de Ribadetea
  • Lugar: A Freixa
  • Paraxe: Pardellas
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.18573192128625
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.512951833065813
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 540.341,67 m / Y 4.670.723,13 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Turbina hidráulica e dínamo
  • Comarca: O Condado
  • Marco Xeográfico: Ribeira dereita do río Tea, augas arriba da vila de Ponteareas
  • Ámbito: Periurbano
  • Acceso: En Ponteareas cóllese a estrada que leva a Ribadetea, buscando a carreteira que discorre pola marxe dereita do río Tea. A pouco menos dun quilómetro, despois das áreas deportivas, atoparemos a área recreativa de A Freixa, onde están os restos dunha das primeiras centrais hidroeléctricas galegas.

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Si; o entorno está acondicionado como área recreativa.

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

De entre tódalas experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ao redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, como a do británico Joseph Wilson Swan en 1878, o estadounidense Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que, ademais de exhibirse a lámpada incandescente de Thomas Edison, o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública. Dende aquela sería imparable a continua evolución técnica para poñer a electricidade ao dispor dos cidadáns e a industria.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Pearl Street (Manhattan, Nova York) a primeira central termoeléctrica, subministrando cento dez voltios en corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares. Tralo acordo entre Edison e Swan en 1883 e as melloras introducidas por Swan, a lámpada incandescente de filamento de tungsteno, de menor voltaxe, máis luminosidade e maior duración, coñecería dende 1906 a meirande difusión [Bartolomé, 2007: 42].

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1888, cando o enxeñeiro turinés Galileo Ferraris conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna sen conmutador, o motor de indución, que desenvolverían Nikola Tesla (1888) e Mikhail Dolivo-Dobrovsky (1889), de gran eficiencia e competitivo cos de corrente continua, apto para múltiples usos e que fixo da corrente alterna a forma máis popular da electricidade.

En 1893 poríase en servizo en Redlands (California, EE.UU.) a primeira central hidroeléctrica comercial de corrente alterna trifásica [Edison Tech Center, n.d.]. A central hidroeléctrica de Jaruga (Dalmacia, Croacia) sería dende 1895 a primeira que na Europa subministrase comercialmente corrente eléctrica alterna, e a segunda no mundo [Delimar et al., 2007].

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

Nestes anos contrastaba o vizoso avance das centrais termoeléctricas fronte ao lento progreso das hidroeléctricas, que xurdirían contra 1885 en diversos puntos de España asociadas a pequenos muíños ou industrias manufactureiras que producían para o seu propio consumo e que nalgúns casos chegaban a distribuír a electricidade a vivendas da veciñanza [Sintes e Vidal, 1933]. Sería fundamental a aportación do taller mecánico xerundense “Planas, Flaquer y Cía.”, estabelecido en 1858 e especializado na construción de motores hidráulicos tipo Fontaine-Baron (unha evolución rexistrada en 1840 da turbina Fourneyron de 1827) e que xa en 1860 tiña fabricadas dezanove turbinas, algunha de 80 cabalos de vapor (uns 60 kW); dende 1886 a casa “Planas” interviría na adaptación de moitos motores hidráulicos á produción de electricidade e chegaría a ser a primeira empresa española dedicada á fabricación de material eléctrico [Nadal, 1976].

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo Brush para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005].

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (con caldeira de carbón e máquina de vapor, unhas, ou con gasóxeno de carbón e motor de gas, outras) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar con corrente continua. Todas estas primitivas centrais eléctricas eran de pequeno tamaño, normalmente non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Ademais das de iluminación pública, só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central termoeléctrica para o alumeado das súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xubia (Neda) (vid. ficha 452), e “La Primera Coruñesa”.

Coa central hidroeléctrica de Porto de Bois (Viloalle, Mondoñedo), unha das primeiras na Península Ibérica (en 1894 entraría en servizo a de Biel en Vila Real, Portugal [Simões, 1982]), a “Electricista Mindoniense” proveía desde 1893 o alumeado público de Mondoñedo, aproveitando uns 290 litros por segundo nun salto de 14 metros das augas do río Tronceda cunha turbina de 70 cabalos de vapor que arrastraba unha dínamo Oerlikon de 32 quilovatios [Carmona, 2016]. Nos años seguintes subministrarían electricidade de orixe hidráulica “Alumbrado Eléctrico de Lugo” (1894, Acea de Castro Romay, Lugo), “Antonio Sestelo” (1895, Salto de Pardellas, Ponteareas), “Jesús Adrán” (1896, Salto de Vilanova, Monforte) y “José Barro” (1896, Salto de Chavín, Viveiro), en tódolos casos mediante xeradores de corrente continua [Carmona y Nadal, 2005].

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia [Carmona y Nadal, 2005]; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade (vid. ficha 113) e A Fervenza (vid. ficha 189) a comezos do século XX.

En efecto, finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA ou nalgunha das outras grandes empresas eléctricas, como BEGASA ou IBERDUERO.

Descrición Xeral do Entorno:

A central situárase na ribeira dereita do río Tea, a carón dun muíño existente na Freixa, augas arriba da vila de Ponteareas.

Construcción:

1895.

Abandono:

En 1948, tras queimarse o xerador eléctrico. A empresa mantería a distribución de electricidade mercándoa a “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA).

Descrición:

Dous veciños da vila de Ponteareas, José Gayoso Maquieira e Antonio Sestelo Gayoso, despois de levar adiante varios estudos de viabilidade, van propoñer á corporación municipal a iluminación pública con luz eléctrica.

Para xerar a electricidade constrúen no paraxe de Pardellas, no lugar de A Freixa do río Tea, unha pequena edificación acaroada ao muíño alí existente, na que instalan a turbina e a dínamo. O 13 de xuño de 1895 póñese a funcionar a “Fábrica da Lus” para subministrar electricidade para o alumeado público de Ponteareas.

A irregularidade do curso fluvial e a forte variabilidade ocasionaría importantes baixadas da tensión eléctrica e frecuentes cortes do subministro, coas conseguintes reclamacións dos usuarios. En 1902, tras quedar como único responsable da compañía, Antonio Sestelo vai facer unha serie de modificacións na central, instalando unha turbina de cincuenta quilovatios para mellorar a calidade do subministro [Sánchez Bargiela, 1995].

Mirando pola mellora e a ampliación do negocio eléctrico, Sestelo solicitará unha ampliación e unha nova concesión de augas. Con data 28 de xuño de 1913 publicábase a autorización a Antonio Sestelo Gayoso para o aproveitamento con fins hidroeléctricos de un caudal máximo de 2.000 litros por segundo a derivar do río Tea coa construción dunha presa no Monte dos Penedos, no termo municipal de Covelo, a uns vinte quilómetros da vila de Ponteareas.

No mesmo ano de 1913 comezaba a construción no Coto dos Penedos da que se chamaría central hidroeléctrica de Maceira. Os traballos serían realizados por canteiros de Cotobade, empregando pedra dos próximos montes de Trastea. Rematada a presa da que arrancaría a derivación das augas pola marxe dereita do río Tea, furaron o túnel baixo o Coto, completaron a construción do canal de derivación e prepararon o depósito ou cámara de carga. Os traballos estendéronse ata o ano 1924, no que se rematou o edificio que acollería a maquinaria da central e completouse a montaxe das instalacións e da liña eléctrica dende a central até a vila de Ponteareas, comezando a subministración.

En 1925 a central eléctrica de Pardellas pasa a propiedade de Indalecio Estévez Fernández, quen baixo o nome de “Electra Pardellas” continuará subministrando electricidade á vila de Ponteareas e aldeas dos arredores. Antonio Sestelo Gayoso quedará ao fronte da que se chamará “Central de electricidad de Ponteareas Antonio Sestelo e hijo” e, ademais de á vila de Ponteareas e a súa área de influencia, subministrará electricidade ao Gran Hotel de Mondariz, a Mondariz e ao seu núcleo urbano, e a Covelo.

A central de Pardellas continuaría subministrando electricidade ata 1948, no que queimárase o xerador e deixara de producir electricidade. Porén, a “Electra Pardellas”, que sería adquirida por Antonio Acuña Covelo, continuaría coa distribución de electricidade mercándoa a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA).

O 5 de xaneiro de 1979 tivo lugar a fusión da “Electra Pardellas” coa “Central de Electricidad de Ponteareas Sestelo y Cia.”, nomeándose a nova sociedade “Central Eléctrica Sestelo y Compañía”, presidida por Dorinda Acuña Ucha.

Hoxe en día, consérvanse en pé as paredes da vella central de Pardellas, e, ao seu carón, un monumento conmemorativo que se fixera en 1995 coa antiga turbina co gallo do centenario. O conxunto forma parte dunha área recreativa acondicionada no lugar.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose aos caudais que levara o río.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” en construírse (despois de 1882) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha dínamo de corrente continua na roda hidráulica dun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. No mellor dos casos, o motor hidráulico da instalación sería a roda horizontal creada co nome de turbina por Benoît Fourneyron en 1827, e amplamente utilizada no decenio 1840-1850 polo seu elevado rendemento. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ao seu emprazamento.

Naqueles casos en que a enerxía hidráulica resultaba dificilmente accesible, instaláranse centrais termoeléctricas baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor, alimentadas en ámbolos dous casos por carbón, consumido no gasóxeno, no primeiro caso, e na caldeira, no segundo.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos, axiña predominaran as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Pronto deseñaríanse e construiríanse instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o transporte económico da enerxía até os puntos de consumo.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) que accionaban os alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), as turbinas de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1879) e as xa máis modernas turbinas de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

No caso de Pardellas, descoñecemos as instalacións de 1895, que serían melloradas en 1902 por Antonio Sestelo coa instalación dunha modesta turbina tipo Francis que accionaba directamente as poleas dun xerador de 50 quilovatios. As instalacións quedarían en pouco tempo obsoletas fronte ao crecemento da demanda de electricidade, polo que buscaríase no mesmo río Tea unha nova localización, construíndose xa no período 1913-1924 unha nova e máis capaz central hidroeléctrica uns vinte quilómetros augas arriba. A nova central, coñecida como a de Maceira, cun salto de 48 metros e un aproveitamento de ata 2.000 litros por segundo, contaba cunha turbina Francis de 200 cabalos de vapor que accionaba un alternador de 150 quilovatios. Trala la modernización de 1986, a central de Maceira continúa hoxe en día subministrando eficazmente enerxía eléctrica (vid. ficha 489).

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Alonso de Dios, Alberto (2016). “Muíño de A Freixa“, Galicia Máxica [en liña] Dispoñible na Internet: https://www.galiciamaxica.eu/galicia/pontevedra/centralfreixa [Acceso 24/11/2017].

Augas de Galicia (2011). “Ficha de caracterización das demandas de auga en centrais hidroeléctricas”, Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-costa, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007). “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, Estudios de historia económica, nº 50, Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.

Bolstorff, H. (1926). “Alumbrado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 936-965.

Carmona Badía, Xoán (2016). La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955), Biblioteca de Historia del Gas, Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Delimar; Marko; Moser, Josip; Szabo, Aleksandar (2007). "First AC Power Systems in Croatia", 2007 Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) Conference on the History of Electric Power Schedule/Program [On line] Available at http://www.ieee.org/web/aboutus/history_center/conferences/che2007/prog_comm [Retrieved 10/08/2017].

Edison Tech Center (n.d.). Dolgeville Hydro Power 1879, in The Miracle of Electricity and Engineering, Edison Tech Center, Schenectady, New York, U.S.A. Retrieved August 29, 2001, from http://www.edisontechcenter.org/Dolgeville.html.

García Fontenla, Ramón (ed.), 1990. Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa. D.L. M-45870-1990.

Grupo Sestelo Inversiones (2012). Historia Grupo Sestelo [en línea] Disponible en Internet http://www.sestelo.com/el-grupo/historia/ [Acceso 24/11/2017].

Kesten, P., et al. (1926). “Electrotecnia”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VII, p. 966-1227.

Kyser, Herbert (1930). Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini, Barcelona: Editorial Labor.

Martínez López, Alberte (dir.); Lindoso Tato, Elvira; Mirás Araujo, Jesús (2008). Engasa: un grupo pioneiro no sector enerxético galego, 1982-2007, Grupo de Estudos de Historia da Empresa. Perillo-Coruña: Netbiblo. DL C-4565-2008. ISBN 978-84-9745-276-2.

Neidhöfer, Gerhard (2008). “Michael von Dolivo-Dobrowolsky und der Drehstrom”. Geschichte der Elektrotechnik VDE-Buchreihe, Volume 9, VDE VERLAG, Berlin Offenbach.
Pena Espiña, Xesús (1986). A formación do sector eléctrico en Galiza (1900-1925) e a Sociedad General Gallega de Electricidad. Tese de licenciatura inédita. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

Sánchez Bargiela, R. (1993). “Cen anos de luz eléctrica en Ponteareas”, Pregón, revista da festa do Corpus Christi de Ponteareas, número 3.

Sánchez Bargiela, R. (1995). Cen anos de luz eléctrica en Ponteareas. 1895-1995 Central Eléctrica Sestelo y Cía., Vigo: Central Eléctrica Sestelo y Cía.

Simões, Ilídio Mariz (1982). "As primeiras instalações de produção e distribução de energia eléctrica em Portugal", Revista Electricidade, núm. 285, Fevereiro 1982, e núm. 288, Abril 1992.

Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933). La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico, Barcelona: Montaner y Simón.

United States Department of Energy (USDOE, n.d.). History of Hydropower, Office of Energy Efficiency & Renewable Energy [On line] Available at https://energy.gov/eere/water/history-hydropower [Retrieved 10/08/2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 224-III Ponteareas // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 540.341,67 m / Y 4.670.723,13 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en línea] Disponible en Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

24 novembro 2017