496 Minas de Varilongo

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Santa Comba de Xallas
  • Parroquia: Santa Sabiña
  • Lugar: Varilongo
  • Paraxe: Monte Cuzo
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.096362427869195
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.819367395660379
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 514.819,45 m / Y 4.771.800,92 m
  • Clasificación: Minas de volframio
  • CNAE: 07.29 07.29 Extracción de outros minerais metálicos non férreos (Casiterita, SnO2, Wolframita, WO4Fe / WO4Mn, Scheelita, WO4Ca).
  • Tipoloxía: Pozos e galerías
  • Comarca: Xallas
  • Marco Xeográfico: Marxe dereita do río Xallas nas brañas da parte alta do seu curso, entre os Montes de Santa Bárbara e os Montes do Castelo.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Santiago de Compostela dirixímonos pola estrada CP-0701 a Santa Comba, onde apartaremos pola estrada CP-2904 cara a Coristanco. A algo menos de dous quilómetros apartaremos a esquerda cara a San Salvador. A uns seis quilómetros atoparemos as minas de Varilongo.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Unha zona con edificacións foi adquirida polo Concello de Santa Comba no ano 2000.

Historia:

Existen indicios suficientes para crer que nos xacementos mineiro de estaño houbo actividade extractiva xa desde a Idade de Bronce, no terceiro e segundo milenio antes da era cristiá. O que si se ten comprobado é a existencia na Idade Media dun pico na explotación do mineral de estaño na zona de Noia, destinado probabelmente aos talleres de ourivería que eran típicos daquel tempo, particularmente os coñecidos fabricantes de picheis –os picheleiros– de Santiago de Compostela.

O enxeñeiro de minas Henry Winter Burbury, de nacionalidade inglesa aínda que asentado en Noia desde 1883, e que xa solicitara no devandito ano no veciño termo municipal de Lousame (provincia da Coruña) as concesións que serán a base do grupo mineiro San Finx, solicitaba entre os anos 1886 e 1888 no termo municipal de Carbia (designado desde 1950 co nome da súa cabeceira, Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra) as concesións mineiras que serán xunto coa mina “Angelita”, xa en Silleda, o inicio do importante grupo mineiro de Fontao. En 1897, probada a viabilidade da ambiciosa explotación créase en Londres a empresa “The San Finx Tin Mines Ltd.” co obxectivo de explotar as minas de Fontao (vid. ficha 106) e de San Finx (vid. ficha 125).

A nova empresa proponse a explotación dos grupos mineiros de San Finx e Fontao ata a obtención do pre concentrado de estaño, que se trasladaría despois ata a planta construída en Carril para o seu concentrado definitivo e o seu envío a Inglaterra desde o próximo porto de Carril.

A planta de concentrados de estaño de Carril, co primeiro proceso de separación magnética mediante bandas cruzadas que se instalou en España (tipo Wetherill-Rowand), inaugurouse en 1897, beneficiándose dun medio industrial propiciado xa desde 1848 coa constitución da “Compañía de Fundición de Hierro en el Carril” (promovida por Luis de la Riva e vinculada ás industrias de Sargadelos, vid. ficha 381) e a instalación no porto de Carril dun alto forno para a obtención de ferro coado ao carbón vexetal.

Serían unha ducia de anos de práctico monopolio da produción de estaño e volframio en Galicia, cunha importante demanda interna de estaño vinculada co proceso de industrialización e máis concretamente coa florecente industria conserveira galega. Outras minas de estaño aproveitarían estas favorables circunstancias para mellorar a súa presenza nos mercados galegos, como ocorreu no caso de Varilongo (Santa Comba, vid. ficha 496).

No transcurso da Gran Guerra (1914-1918) as empresas mineiras radicadas en Galicia, maioritariamente de capital estranxeira, coñecen serios problemas de explotación por diversas razóns, mentres que florecen os mineiros de ocasión, chamados aventureiros ou “rebuscadores” que chegan a gañar ata sete pesetas e media por libra (575 gramos) de mineral lavado. Finalizada a guerra os prezos derrúbanse a uns valores de 1’25 a 1’50 pesetas por libra.

No decenio de 1930 as instalacións de refino do estaño en Carril van languidecer, polo traslado da realización do refinamento dos concentrados ás proximidades das minas.

A explotación de estaño e volframio en Galicia manterase durante a Guerra Civil española (1936-39) e finalizada esta, unha sociedade do grupo Banco Pastor chamada “Industrias Gallegas, S.A.” (INGASA) adquiría en 1940 a concesión e as instalacións das antigas minas inglesas de San Finx, mentres que os irmáns alacantinos César e Fernando Cort Botí fanse, tamén en 1940, co control das minas de Fontao e constitúen “Wolfram Hispania, S.A.”, sociedade que desde 1945 pasa a denominarse “Fomento Hispania, S.A.”.

No mesmo ronsel e co atractivo da forte expansión pola demanda internacional de volframio para usos militares, o santiagués José Parga Moure, con intereses na explotación das minas de estaño e volframio de Varilongo, asociábase en 1943 con Ildefonso Fierro Ordóñez para fundar a “Compañía Minera Celta, S.A.”, transformada no decenio de 1970 en “Compañía Minera Santa Comba, S.A.” para o beneficio de ditos xacementos.

En plena guerra mundial, os anos 1942 e 1943 ven subir os prezos do volframio por riba das cen pesetas por quilogramo, pero xa en 1944 vense reducidos á metade e iníciase unha nova caída das cotizacións.

Nestes anos de esplendor da minería do estaño e do volframio implántanse en España as primeiras industrias transformadoras de volframio, como, entre outras, “Fundiciones Bersán” en 1944, en Medina del Campo, ou “Almuso”, en 1945, inscrita na Coruña pero con fábrica en Vilagarcía de Arousa (vid. ficha 466).

Tamén se crean as primeiras fundicións formais de estaño e en 1942 a empresa “Minero-Metalúrgica del Estaño, S.A.E.” (MESAE), fundada en 1940 polo empresario barcelonés Torras e o valenciano Tortajada, monta cadansúa planta para fundición de mineral de estaño (casiterita) e recuperación de recortes de folla de lata e residuos de soldaduras brandas (aliaxes de estaño-chumbo) en Villaverde (Madrid) e en Carril (Pontevedra). Isto permitirá a produción nacional de derivados de volframio e de estaño, favorecendo a explotación destes minerais.

Aproveitando a conxuntura Joaquín Otero Goyanes (Coronel Auditor e Marqués de Revilla) obtería para “Minerales Compostela” un aproveitamento mineiro en Santa Comba e promovería en Vilagarcía de Arousa “Metalúrgica del Noroeste” (MNSA, máis coñecida por “mensa”, vid. ficha 455).

Trala recuperación da actividade económica co final da segunda guerra mundial e unha situación claramente alcista dos prezos acentuados coa guerra de Corea (1950-53), pola retirada da produción coreana dos mercados e o aumento da demanda de volframio para a industria de armamento, as cotizacións volven caer, suspendéndose a produción de moitas minas no decenio de 1960.

A factoría do grupo Almuso-Mequinsa pecharía xa neste decenio de 1960, mentres que a da Metalúrgica del Noroeste continuaría funcionando ata finais da década de 1980.

Descrición Xeral do Entorno:

Marxe dereita do río Xallas nas brañas da parte alta do seu curso, entre os Montes de Santa Bárbara e os Montes do Castelo.

Construcción:

1941.

Abandono:

1963, a primeira vez. 1985, a segunda vez. Hoxe en día a zona acolle explotacións de áridos para a construción.

Descrición:

A finais de 1941 aparecen en Varilongo (Santa Sabiña, Santa Comba) as primeiras pedras de volframio. En pouco tempo, cunha produción de cento vinte toneladas mensuais, vai converterse na mina de volframio máis importante de Galicia (por diante de Fontao, Lousame e Monte Neme) e, xa que logo, de España.

A aparición de volframio na Costa da Campaíña, nos Penedos de Grixoa de Esternande, no Monte Cuzo, e na Braña de Varilongo fixo que os labradores e os caseteiros dos lugares da comarca se botaran ao monte na busca das prezadas pedras negras.

Nos primeiros meses de 1942 instalaríase en Varilongo a “Compañía Minera Celta, S.A.”, promovida polo banqueiro leonés Ildefonso Fierro Ordóñez e ao fronte da que estaba o seu socio José Parga Moure, alias “O Rivas”, un arrieiro e almacenista de viños asentado en Santiago de Compostela.

As actividades comezarían pola construción de pistas polas que puidesen circular os camións da empresa. A primeira foi a que ía de As Travesas até a mina pasando por Busto e Picotos. Faríase despois outra por San Salvador. E, finalmente, a que vai de Agualada a Varilongo. Dende o mes de abril de 1942, a Garda Civil e os carabineiros encargábanse de defender a zona mineira e os intereses dos novos propietarios.

O couto mineiro de Varilongo tiña rexistradas sete minas, denunciadas por homes de palla pero que acabarían ao nome da “Compañía Minera Celta, S.A.” do grupo Fierro. As minas, controladas por uns trescentos vixiantes e nas que chegarían a traballar uns catro mil obreiros eran:

Mina Santa María (Monte Us, Santa Comba), rexistrada o 23 de febreiro de 1942, aprobada o 28 de abril de 1943.
Mina Carmen (Coristanco e Santa Comba), aprobada o 31 de maio de 1943.
Mina Santa Bárbara (Cuns, Couso e Grixoa, Coristanco e Santa Comba), aprobada o 30 de xuño de 1943.
Mina Carballeira (Varilongo e Carballeira, Santa Sabina, Santa Comba), aprobada o 30 de xuño de 1943.
Mina San Antonio (Ventoso, Couso, Coristanco), rexistrada o 26 de marzo de 1942.
Mina Oportuna (Couso, Coristanco), rexistrada o 24 de febreiro de 1942, aprobada o 6 de setembro de 1943.
Mina Ampliación Oportuna (Cotón de Salgueiras, Monte de Gargante e Brañeira, en Coristanco), rexistrada o 6 de abril de 1946, aprobada o 18 de setembro de 1948.

Ademais, nos arredores había unha morea (máis de trinta) de “tajos” (pequenas explotacións superficiais ou a ceo aberto) nas que traballaban de maneira independente os “destajistas” (cuadrillas que traballaban ao axuste), que vendían despois o mineral obtido á empresa mineira.

A partir de 1945, malia a caída do prezo do volframio, a “Compañía Minera Celta, S.A.” acometería melloras nas instalacións e nas estruturas mineiras, construíndose as primeiras galerías por debaixo dos filóns e instalando vagonetas que circulaban sobre vías de madeira, que axiña serían substituídas por carrís de ferro. Xa contra 1947 a empresa, que carecía de lavadoiros propios e viña usando os construídos pola zona, construiría un de uns 25 metros de ancho e 80 de longo.

Finalizada a Guerra de Corea (1950-1953) o prezo do volframio experimenta unha nova caída, pero na mina os áridos, os estériles da mina, convértense nun novo negocio, aínda que residual.

En 1963 os prezos internacionais atópanse por debaixo dos custos de produción, o que supón a paralización da mina, que contaba daquela con uns 1.500 traballadores. Quedarían seis vixiantes para o mantemento e conservación das instalacións.

A mina abriría de novo en 1970 co nome de “Compañía Minera Santa Comba”, pero tan só con 150 traballadores. En 1980 a titularidade da mina foi traspasada á empresa francesa “Coparex International”, que pecharía as instalacións en 1985. Tres anos despois, Miguel Jiménez Barbero, responsable de relacións exteriores de “Coparex Minera”, mercaría a mina, comezando a súa explotación como canteira.

En 1991, con 17 obreiros, Eliseo Mourelle Rial, que comezara a traballar na mina con dez anos, comprou a concesión mineira, coa intención de continuar a explotación para a produción de áridos co nome de “Canteira da Mina”. Nas proximidades púxose tamén en funcionamento a planta de “Hormigones Santa Comba”.

O Concello de Santa Comba mercaría no ano 2000 a Miguel Jiménez Barbero o edificio principal e os terreos anexos, coa intención de instalar alí servizos municipais. A restauración de parte das instalacións desenvolvéronse a través de Obradoiros de Emprego subvencionados pola Xunta de Galicia.

A parte restaurada quedaría case abandoada ao non dárselle uso ningún. Mentras que a mina permanece pechada, algunhas empresas están a explotar parte das instalacións para a produción de áridos (areas, pedras e gravas) para a construción.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

A explotación primitiva comezaba polo arranque do material para a extracción do mineral. Tralo lavado para a eliminación da terra, os cachos picábanse a man e peneirábanse para separar os estériles. A mestura de minerais de estaño, volframio e arsénico sometíase ao secado (torrado) sobre unha prancha de ferro que facía de forno e levábase á separación magnética, que facíase en diferentes plantas, algunha xa moi próxima a Santiago de Compostela. Xa so quedaba proceder ao refinado e concentración, obténdose separadamente o mineral de volframio (volframita) e o mineral de estaño (casiterita).

A explotación industrial (extracción do mineral) comezou facéndose por sub-niveis, con baixos rendementos, polo que modificouse para utilizarse o método de cámaras-almacén con galería paralela en estéril. Xa nos últimos tempos foron suprimidas as galerías en estéril, adoptándose o sistema de cámaras con recheo trazadas dende planos cunha inclinación de dezaoito graos, o que permitiu levar a cabo un arranque ascendente e selectivo, con pegas diferentes sobre o estéril e sobre o filón.

O tratamento metalúrxico (“mineralúrgico”) facíase cunha planta mixta de gravimetría e flotación. O “todo-un” obtido na mina cargábase en vagóns que ían verter aos coadoiros e o mineral pasaba por un primeiro triturador (machacadora de mandíbulas) que o escachaba, ao que seguían as trituradoras xiratorias para facer cachos máis pequenos.

Os cachos obtidos pasaban pola criba e as mesas de sacudida (mesa Wilfley) para unha primeira separación de estériles e a pre-concentración de líquidos densos. Os finos e os mixtos tratábanse da maneira máis axeitada para o seu reciclaxe e enriquecemento.

Os pre-concentrados levábanse a un muíño de barras (para esnaquizar máis o mineral), que precedía ao tratamento gravimétrico dos mesmos no espesador e nas mesas de granulometría (de artesa, tipo espiral Humpreys e de quenlla, tipo cono Reitchert). Tras unha nova clasificación, os pre-concentrados pasaban as celas e mesas de flotación de sulfuros, separándose os estériles e obténdose os concentrados.

Despois do torrado e arrefriamento dos concentrados, procedíase a separación magnética (mediante bandas cruzadas, do tipo coñecido como Wetherill-Rowand) do concentrado de volframita, cunha riqueza do 65% en trióxido de volframio (WO3), levándose o preconcentrado de casiterita á separación electrostática, na que se obtiñan os concentrados de casiterita, cunha riqueza do 68% en estaño (Sn), apartándose os mixtos de scheelita.

Actividades laborais:

Nas minas traballaban homes e mulleres.

Emprego:

No decenio de 1940 chegarían a traballar unhas catro mil persoas. En 1963 eran mil cincocentos os empregados. No decenio de 1970 tan só había cento cincuenta operarios.

Materias Primas:

Filóns de cuarzo e casiterita con volframita, ademais de pequenas cantidades de scheelita, pirita, arsenopirita, calcopirita e turmalina.

Produtos Elaborados:

Concentrados de volframio (Wolframita WO4Fe e WO4Mn e Scheelita WO4Ca) e de estaño (Casiterita SnO2).

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Blanco Ramos, Carmen (2016). O volframio en Varilongo, Santa Comba de Xallas (1941-1963), Prólogo de Xesús Alonso Montero, Colección Crónica. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. DL VG-91-2016. ISBN 978-84-9914-991-2.

Caba Landa, Carlos (1947). Wolfram, wolfram (La diplomacia en la bocamina), Buenos Aires: Ediciones Morata.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008). “Industrias del tejido y del cuero”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU), p. 225-233. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fariña Jamardo, José (1977). La balada del wolfram, Madrid: Editorial Magisterio Español. ISBN 84-265-7198-0.

Ferrero Arias, Ángel. (a.ferrero@igme.es), 4 de mayo del 2010. IGME-Santiago: Listado de valoración provisional de zonas a considerar con posible interés como patrimonio minero. Correo electrónico para Manuel Lara Coira (mlara@asociacionbuxa.com).

Gross, K. (1942). “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 1017-1076.

Hofman, H.O. (1925). Tratado de metalurgia general. Trad. por Rafael Hernández del original inglés del Instituto Tecnológico de Massachusetts, Barcelona: Gustavo Gili.

Lara Coira, Manuel (2010). “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

La minería de Galicia (1991). Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. DL C-1341-1991.

Madel, A. (1942). “Laboreo de minas”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo II, p. 243-314.

Mirre, Juan Carlos (1990). Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Quittkat, G.; Eckardt, H.; Meldau, R. (1942). “Preparación de los minerales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo IV, Sección I, p. 416-472.

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Valenzuela Otero, Ramón de (1980). Era tempo de apandar, Madrid: Akal. ISBN 84-733-9490-9, reeditado en 1997, Vigo: A Nosa Terra. ISBN 978-84-891-3885-8.

Varela Martínez, José Luis (2013) Santa Comba na memoria: historia fotográfica de Santa Comba [en liña]. Dispoñible na Internet: http://www.santacombanamemoria.es/a-mina/ [Acceso 14 decembro 2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 69-I Agualada // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 514.819,45 m / Y 4.771.800,92 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 14 decembro 2017].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 14 decembro 2017].

Data de Actualización:

14 decembro 2017